DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 12 de xaneiro de 2024 Páx. 2706

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2024 pola que se convoca un curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos de Policía Local de Galicia, correspondente á décimo sexta promoción.

Dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de policía dos corpos da Policía Local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e nos artigos 51 e seguintes do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos da Policía Local, facilitándolles a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Persoas destinatarias:

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos da Policía Local dos diferentes concellos de Galicia, e para a súa realización son nomeadas funcionarias en prácticas deses concellos.

Solicitudes:

1. Os concellos deberán remitirlle un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron o proceso selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica do corpo da Policia Local de cada concello.

2. Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos á convocatoria unificada.

Contido e duración do curso:

O curso desenvolverase, en réxime de internado, na sede da Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde de luns a sábado, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

– Xurídico.

– Policía de tráfico.

– Operativo.

– Asistencial

– Técnico.

– Policía administrativa.

– Social-humanístico.

– Policía xudicial e de investigación.

– Formación física.

O curso terá unha duración de 1.400 horas lectivas, 900 horas de formación teórico-práctica na Agasp en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso:

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nela, rexerase polo regulamento de réxime interior desta, publicado pola Orde do 4 de febreiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, DOG núm. 30, do 12 de febreiro.

De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e no artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Academia, mediante orde da Xefatura de Ensino, podaranse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de maneira aleatoria ou especifica entre o alumnado para verificar esas situacións.

Datas:

Este curso desenvolverase entre o día 1 de febreiro de 2024 ata o día 11 de outubro de 2024.

– Na Academia, en dous períodos:

1. Do 1 de febreiro ao 28 de xuño de 2024.

2. Do 30 de setembro ao 11 de outubro de 2024.

– Nos concellos de procedencia realizando o período de prácticas:

1. Do 29 de xuño de 2024 ao 29 de setembro de 2024.

Informe final:

De acordo co previsto no artigo 55 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso selectivo, a persoa titular da dirección da Agasp certificaralle a dita circunstancia ao concello, de maneira que poida realizarse o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Os concellos de procedencia do alumnado deberán remitirlle á Agasp ao rematar o período de prácticas un informe individual por cada alumno/a elaborado polo/a xefe/a de policía en que reflicta se o dito alumnado superou o período de prácticas. Así mesmo, ese informe deberá presentarse xunto co escrito, ao cal lle serve de base, asinado pola persoa titular da alcaldía ou a concellaría respectiva, no suposto de ter delegada a dita competencia, no cal o concello dá conta á Agasp do resultado da avaliación das prácticas.

Tendo en conta que este informe vincula directamente o concello de orixe ao decidir sobre a superación ou non do período de prácticas do alumnado e, polo tanto, da súa futura toma de posesión como funcionario/a de carreira dese concello, ao resolver, polo tanto, un procedemento para o nomeamento de persoal municipal, o informe que anteriormente se indica deberá asinalo, tal e como indica o artigo 54 do Decreto 15/2023, ou a persoa titular da alcaldía ou a persoa titular da concellaría con competencias directas en materia de nomeamento de persoal e/ou seguridade pública.

Este informe debe remitírselle á Agasp entre o 30 de setembro e o 4 de outubro de 2024.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 4 de xaneiro de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega
de Seguridade Pública