A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, integra nun único sistema a formación profesional do sistema educativo, cos seus correspondentes ciclos formativos, e a formación profesional para o emprego, a través dos certificados profesionais. O capítulo II do seu título II regula a tipoloxía de ofertas e graos de formación e, concretamente, o artigo 37 establece a estrutura, duración e acceso de cada oferta formativa de grao C, e no seu parágrafo 4 dispón que as administracións competentes realizarán probas de acceso individuais para aquelas persoas que non reúnan os requisitos de acceso a formacións de grao C e que permitan comprobar que se dispón das competencias básicas necesarias para o aproveitamento da formación.
O Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do sistema de formación profesional, dispón na súa disposición adicional quinta que ademais das titulacións requiridas para o acceso ao grao C recollidas no artigo 75 se considerará equivalente para o dito acceso o cumprimento, entre outros, do requisito de ter acreditado as competencias clave necesarias de acordo co recollido no anexo IV do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, para cursar con aproveitamento a formación correspondente ao certificado de profesionalidade. Este real decreto derroga o Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, coa excepción do anexo IV: competencias clave relacionadas co acceso aos certificados de profesionalidade de niveis 2 e 3 de cualificación profesional, que mantén a súa vixencia.
A disposición transitoria primeira do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, sobre a vixencia da ordenación dos certificados de profesionalidade, establece que en tanto non se proceda regulamentariamente á súa modificación, permanecerá vixente a ordenación dos certificados de profesionalidade recollida en cada un dos reais decretos polos que se establecen e a súa oferta quedará integrada nos graos C do sistema de formación profesional coa denominación de certificados profesionais.
A Orde da Consellería de Traballo e Benestar, do 7 de xaneiro de 2014, establece os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).
A través das competencias clave vense facendo posible que as persoas que carecen das titulacións académicas requiridas poidan acceder á formación dos certificados profesionais de nivel 2 e 3, que lles permitirá progresar no mercado laboral.
Segundo os artigos 5 e 6 da dita orde, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación convocará probas de avaliación polo menos unha vez ao ano, mediante a publicación dunha resolución onde se concretarán todos os aspectos do procedemento e o Instituto Galego das Cualificacións terá as funcións de coordinación, xestión e desenvolvemento das probas na nosa comunidade autónoma.
No Decreto 79/2023, do 22 de xuño, fíxase a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 9 establece os órganos superiores e de dirección da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
A Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación, segundo dispón o Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ten atribuídas, entre outras, as funcións que lle correspondan á consellería en materia de expedición de certificados de profesionalidade ou da acreditación parcial acumulable correspondente.
De acordo co exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos, consultado o Consello Galego de Formación Profesional, e no uso das atribucións conferidas
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta resolución é convocar probas de avaliación en competencias clave para o acceso ás accións formativas dos certificados profesionais de niveis 2 e 3 de cualificación profesional da formación profesional para o emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR306A) para o ano 2024.
Así mesmo, cómpre establecer as posibles exencións ás probas e validacións das distintas competencias clave, así como consideracións sobre a expedición de certificados profesionais.
Artigo 2. Competencias clave que se convocan
1. Convócanse probas nos niveis de cualificación profesional 2 e 3, nas seguintes competencias clave:
• Comunicación en lingua galega.
• Comunicación en lingua castelá.
• Comunicación en lingua estranxeira (inglés).
• Competencia matemática.
2. De conformidade coa disposición adicional quinta do Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, a superación das probas de competencias clave permitirá o acceso á formación dos certificados profesionais do nivel correspondente.
3. As competencias clave requiridas para todos os certificados profesionais das 26 familias profesionais do Repertorio nacional de certificados profesionais para os niveis de cualificación 2 e 3 son: competencia matemática, comunicación en lingua castelá e comunicación en lingua galega.
A competencia de comunicación en lingua estranxeira soamente se require nos certificados profesionais que teñen un módulo profesional de lingua estranxeira.
4. Co obxecto de facilitar a preparación desta proba a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación pon á disposición da cidadanía, a través do Campus Virtual de Emprego, contidos formativos, probas e un servizo de titoría. As persoas interesadas poden acceder a eles, de forma gratuíta, na seguinte ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave/autoformacion-campus-virtual
Artigo 3. Requisitos de participación
1. Poderanse presentar ás probas para a obtención do certificado de superación das competencias clave necesarias para o acceso á formación dos módulos profesionais dos certificados profesionais tanto do nivel 2 como do nivel 3 as persoas que cumpran os dous seguintes requisitos:
a) Maiores de 16 anos ou que os teñan feitos a 31 de decembro do ano natural en que se realizan as probas.
b) Non estar en posesión de ningún dos requisitos de acceso á formación dos certificados profesionais establecidos no artigo 2 da Orde do 7 de xaneiro de 2014, pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia núm. 9, do 15 de xaneiro).
2. No anexo III desta resolución infórmase das titulacións, certificacións ou acreditacións oficiais que reúnen os requisitos formativos de acceso aos certificados profesionais de nivel 2 e 3 de cualificación profesional a que se refire o punto anterior.
Artigo 4. Exencións e validacións ás probas de avaliación
1. Estarán exentas de presentarse á proba da competencia de comunicación en lingua galega aquelas persoas que cumpran algún dos requisitos establecidos no anexo IV desta resolución.
2. No anexo V desta resolución establécense as validacións por teren superado estudos regrados e probas do sistema educativo para as competencias clave que se convocan.
Artigo 5. Presentación de solicitudes e prazo
1. Para participar nestas probas deberá presentarse unha solicitude segundo o modelo do anexo I desta resolución.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A solicitude tamén estará dispoñible no portal web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave
3. As persoas interesadas con discapacidade recoñecida cun grao igual ou superior ao 33 %, no caso de solicitaren adaptacións, teñen que indicalo na solicitude de inscrición nos recadros do bloque de persoas con algunha discapacidade.
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 7. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) No caso de identificación co pasaporte en vigor, hai que achegar a súa copia.
b) No caso de teren recoñecida a discapacidade por outra comunidade autónoma, cun grao igual ou superior ao 33 %, e que soliciten algún tipo de adaptación das especificadas na solicitude, deberán achegar o certificado de grao de discapacidade e o informe da procedencia das adaptacións, agás que solicitasen o traslado do seu expediente a esta comunidade autónoma.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña a súa consulta:
– DNI ou NIE da persoa solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
– Certificado de grao de discapacidade expedido pola Administración autonómica.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 9. Relación provisional e definitiva de persoas inscritas admitidas e excluídas
1. A relación provisional das persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, será publicada polo Instituto Galego das Cualificacións na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.
2. As persoas interesadas poderán reclamar contra a relación provisional de persoas admitidas e excluídas mediante un escrito dirixido ao Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 en Santiago de Compostela), que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das ditas relacións provisionais na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
3. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas publicarase na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, segundo o establecido no calendario previsto que figura no anexo II desta resolución.
4. A publicación tanto da relación provisional como da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas no proceso terá os efectos de comunicación ás persoas solicitantes e reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
5. Contra a relación definitiva de persoas solicitantes admitidas e excluídas poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Artigo 10. Realización das probas de avaliación en competencias clave
1. O lugar e o horario de realización das probas de avaliación en competencias clave publicaranse na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. O calendario da convocatoria inclúese no anexo II desta resolución.
2. A persoa candidata realizará unha proba por cada unha das competencias clave convocadas nas cales se inscribise. A duración da proba en cada competencia clave é dunha hora.
3. Todas as persoas candidatas se deberán presentar no lugar e horario publicados para seren chamadas por orde alfabética en chamamento único. Para realizar as probas de avaliación nas distintas competencias clave poderanse ditar instrucións específicas na orde de chamada das persoas admitidas. Estas instrucións serán publicadas na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade como mínimo tres días antes da data de inicio de realización das probas.
4. Para a realización das probas, as persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade, do número de identificación de estranxeiros ou do pasaporte. Tamén deberán levar bolígrafo de tinta de cor azul ou negra.
Nas probas de competencia matemática poderase acudir con calculadora.
5. O exame das competencias clave en matemáticas estará redactado en galego e castelán; os exames de comunicación en lingua galega, comunicación en lingua castelá e de comunicación en lingua inglesa estarán redactados na lingua obxecto da proba.
6. Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realicen as probas con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.
7. Non se permitirá o acceso ao interior do lugar do exame con alimentos, excepto causa médica xustificada que deberá acreditarse con informe médico e comunicada con carácter previo ao exame.
8. Non se habilitará ningún servizo de consigna.
9. So se poderá acceder cun bolso ou mochila de pequeno tamaño que a persoa aspirante terá sempre consigo, colocado no chan.
10. As persoas participantes nas probas terán cuberto o risco de accidente derivado da asistencia a estas.
Artigo 11. Comisións de avaliación
1. Segundo o establecido no artigo 8 da Orde do 7 de xaneiro de 2014, a persoa titular da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación nomeará unha Comisión de Avaliación para as probas de competencias clave de nivel 2 e unha Comisión de Avaliación para as probas de competencias clave de nivel 3, que terán como sede o Instituto Galego das Cualificacións.
2. Á vista do número de persoas inscritas nas probas poderase ampliar o número de comisións de avaliación. Así mesmo, poderase incorporar ás comisións de avaliación o número de vixilantes e persoas avaliadoras auxiliares que se considere necesario.
3. No caso de nomear persoas avaliadoras auxiliares, estas formarán parte das comisións de avaliación para a realización das probas.
Artigo 12. Resultados da avaliación das probas
1. Os resultados provisionais de avaliación das probas publicaranse na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade segundo o calendario previsto que figura no anexo II desta resolución. Estes resultados provisionais terán efectos de comunicación para todas as persoas participantes.
2. O resultado de apto suporá a superación da proba na correspondente competencia clave e o dereito da persoa interesada a que se lle expida un documento acreditativo, que certificará o resultado obtido segundo establece o artigo 9 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
Artigo 13. Reclamación contra as cualificacións
1. As persoas interesadas poderán reclamar contra as cualificacións provisionais mediante un escrito dirixido ao presidente ou presidenta da Comisión de Avaliación, cuxa sede estará no Instituto Galego das Cualificacións (Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 en Santiago de Compostela), que presentarán por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de catro días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación das cualificacións na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
2. A publicación das listas definitivas de cualificacións terá efectos de comunicación ás persoas reclamantes, de conformidade co disposto no artigo 10 da Orde do 7 de xaneiro de 2014.
3. Contra a cualificación definitiva poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación das listas definitivas, ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou postal) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación postal efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas entenderanse efectuadas mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Proba adicional para as persoas aspirantes con todas ou algunha competencia clave pendente de superar
1. Para todas as persoas participantes, inscritas e presentadas ás probas de competencias clave obxecto da presente convocatoria, ás cales logo da finalización destas lles quedase pendente de superar todas ou algunha das competencias clave, a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación levará a cabo unha proba adicional que lles permitirá superar as competencias clave pendentes.
2. Todas as persoas interesadas en concorrer a esta proba adicional deberán manifestalo unha vez publicadas as cualificacións definitivas e, en todo caso, antes do 15 de setembro a través dun correo electrónico dirixido a acreditacionsprofesionais.emprego@xunta.gal, onde indicarán o seu nome e apelidos e o seu documento identificativo de identidade.
3. A esta proba adicional seralle de aplicación o establecido nesta norma que sexa procedente.
Artigo 16. Recursos
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, e de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cabe interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Autorízase a directora do Instituto Galego das Cualificacións para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta resolución.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2023
Zeltia Lado Lago
Directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación