DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2024 Páx. 3629

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento PR858A).

O artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que a lingua propia de Galicia é o galego e que os poderes públicos potenciarán o seu uso en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece o apoio económico e material para os medios de comunicación que, sen seren de titularidade pública nin sometidos á xestión ou competencia de institucións da Comunidade Autónoma, empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo.

O Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004, establece como obxectivos centrais da área de medios de comunicación a necesidade de incrementar anualmente e de maneira constante o uso do galego nos medios públicos e privados, que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural; lograr unha ampla oferta informativa lúdica e cultural, cunha temática variada e de calidade; pór ao alcance dos profesionais do sector os medios formativos, didácticos e técnicos suficientes que lles aseguren unha completa capacitación lingüística e un emprego doado do galego no seu traballo profesional; e incrementar a presenza do galego na publicidade.

En consonancia cos textos referidos e en cumprimento do disposto no Decreto 103/1994, do 21 de abril, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro, no que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións escritas integramente en galego, e en uso das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego (código de procedemento PR858A), establecidas no anexo I, e efectuar a convocatoria para o ano 2024.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Financiamento

Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

De acordo co artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma vixentes no ano 2024, por importe de 40.000,00 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra esta resolución poderá interpor con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Alternativamente, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Silvia Valdés Díaz de Freijo
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativo e da cultura nas tarefas de información xornalística, de acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Actividades e gastos subvencionables

1. Poderán ser subvencionables aquelas publicacións que no ano anterior ao da correspondente convocatoria reúnan as seguintes condicións:

a) Que estean escritas integramente en galego conforme a normativa oficial vixente.

b) Que teñan un mínimo de 16 páxinas en formato DIN A-3 ou de 26 páxinas en formato DIN A-4 (ou o equivalente noutros formatos).

c) Que publicasen un mínimo de doce números correlativos no ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, cunha tiraxe mínima anual de 10.000 exemplares e mensual de 800 exemplares.

Os números dobres ou calquera outra agrupación numérica nun único exemplar serán considerados un único número para os efectos da subvención.

d) Que se publiquen periodicamente.

e) Que inclúan o pé de imprenta con todos os datos que estableza a lexislación vixente.

2. Serán subvencionables aqueles números da publicación que, descontando as páxinas de publicidade, teñan un mínimo de 12 páxinas en formato DIN A-3 ou de 20 páxinas en formato DIN A-4.

O cómputo das páxinas de publicidade de cada número publicado realizarase tendo en conta o seguinte criterio:

– Consideraranse páxinas completas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen máis dun 75 % da páxina.

– Consideraranse medias páxinas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen un mínimo dun 40 % e un máximo dun 75 % da páxina.

– Non se considerarán páxinas de publicidade aquelas en que os contidos publicitarios ocupen menos dun 40 % da páxina.

3. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables os gastos de produción e/ou distribución das publicacións que reúnan as condicións establecidas no punto 1 e que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

Non teñen a consideración de gasto subvencionable os gastos de amortización de bens inventariables.

Os custos indirectos que sexan gasto subvencionable formarán parte da xustificación da subvención e deberán ser imputados pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

4. Estes gastos deberán estar pagados antes do 31 de maio do ano da convocatoria.

Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa –persoa física ou xurídica que actúe no exercicio de súa actividade independente económica ou profesional–, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido pagados nos prazos previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

Os gastos que non cumpran co establecido neste punto non terán a consideración de gastos subvencionables.

5. As persoas beneficiarias non poderán concertar a execución total ou parcial da actividade subvencionada con persoas ou entidades vinculadas con elas.

6. En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos destas bases e de acordo co establecido no artigo 3 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, entenderanse por publicacións periódicas as que teñan un contido informativo ou de opinión que se impriman baixo un mesmo título en serie continua, con numeración correlativa e data de publicación, que aparezan con periodicidade fixa e con propósito de permanencia indefinida no tempo.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas, inscritas no Rexistro Mercantil, que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento, encarte ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativo.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.

Artigo 5. Uso da lingua galega

As publicacións deberán cumprir co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega; na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e nas normas aprobadas pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12.7.2003.

As publicidades incluídas nas publicacións deben cumprir co disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

Artigo 6. Competencia

A competencia para resolver o procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Medios, de acordo co establecido na disposición adicional primeira, 1.c), do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude presentada non reúne algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

5. A solicitude de axuda (anexo II) inclúe unha declaración responsable das dimensións dos exemplares impresos da publicación.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación fidedigna acreditativa da representación.

b) Certificación da inscrición no Rexistro Mercantil actualizada ao ano da convocatoria.

c) Memoria descritiva de actividades en que se fagan constar os números publicados, a tiraxe e o número de exemplares difundidos da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. Recollerá un resumo da actividade da publicación, dos resultados obtidos e do cumprimento dos requisitos lingüísticos establecidos nestas bases reguladoras (anexo III).

d) Certificado emitido polo Depósito Legal que acredite que o/a solicitante depositou os números da publicación para a cal solicita a axuda ou calquera outra documentación acreditativa dos números publicados.

e) Un exemplar de cada número das publicacións para as cales se solicita a axuda en arquivos informáticos en formato pdf.

f) Documentación acreditativa da tiraxe e difusión da publicación durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poden consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante. DNI ou NIE se o/a solicitante é persoa física.

b) De ser o caso, DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas tributarias co Estado, emitido pola Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado acreditativo de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificado acreditativo de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, emitido pola Axencia Tributaria de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

g) Concesións de subvencións e axudas, emitido pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e a través do Sistema de notificación electrónica Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa competente para instruír este procedemento de concesión das subvencións é a Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirírselle ao solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poidan resultar necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

3. O órgano instrutor solicitaralle informe á Secretaría Xeral de Política Lingüística sobre o uso do galego normativo nas publicacións, de acordo co establecido no artigo 5 destas bases.

Este informe incorporarase á acta da Comisión de Valoración.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, de ser o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria seranlle remitidos á Comisión de Valoración regulada no artigo seguinte.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe en que se especificarán as solicitudes admitidas, a avaliación que lles corresponde, e o importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:

Presidente/a: a persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de medios de comunicación.

Vicepresidente/a: a persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de política lingüística.

Vogais:

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación que ocupe unha praza de categoría non inferior a xefatura de servizo.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de política lingüística designada por este que ocupe unha praza de categoría non inferior a xefatura de servizo.

– Unha persoa funcionaria ou laboral do órgano competente en materia de política lingüística designada por este.

Secretario/a: unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación.

Artigo 14. Criterios de cuantificación das axudas

1. A valoración das solicitudes presentadas basearase e distribuirase de forma proporcional aos seguintes criterios:

a) Criterio referido a números editados.

Distribuirase segundo este criterio o 80 % do crédito total. Distribuirase proporcionalmente en función dos números editados.

b) Criterio referido á tiraxe e difusión de exemplares.

Distribuirase segundo este criterio o 20 % do crédito total en proporción directa á tiraxe e difusión.

Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de exemplares tirados e difundidos por cada unha das persoas beneficiarias en relación co número total de exemplares tirados e difundidos por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. O importe máximo de axuda por publicación será de 30.000,00 euros.

Se como consecuencia do establecemento deste importe máximo de axuda por publicación existise remanente no crédito, repartirase entre as axudas que non acaden o importe máximo. Este crédito distribuirase de xeito proporcional aos importes resultantes da aplicación dos criterios establecidos no punto anterior.

Artigo 15. Resolución

1. O órgano instrutor remitiralle o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, o cal ditará a correspondente resolución.

A resolución motivarase de conformidade co establecido nestas bases reguladoras, coa concesión ou denegación da axuda, e expresará, polo menos, a súa contía, e de ser o caso, a causa da denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese este prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios de comunicación porán fin á vía administrativa, polo que, contra elas, poderán os interesados interpor os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, o recurso poderase interpor en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación nos termos que se establezan na resolución de concesión, nun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da súa notificación. Este prazo de xustificación non poderá en ningún caso exceder o 30 de novembro do ano da convocatoria.

Utilizaranse os modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta resolución, que incluirán en todo caso:

a) Unha relación clasificada dos gastos subvencionables da actividade, con identificación do acredor ou provedor, concepto, importe, data de emisión da factura ou documento probatorio e data de pagamento (anexo IV).

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e acreditación do pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios. Indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a) (anexo IV).

d) No caso de empresas que editan varias publicacións ou que realicen as actividades de edición e impresión, deberán indicar os criterios de repartición dos custos en que incorran, baseados nos gastos soportados segundo a letra a), de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidas (anexo IV).

e) Certificado emitido polo Depósito Legal que acredite que a publicación para a cal se solicita a axuda seguiu depositándose, ou outra documentación acreditativa dos números publicados, ata a data de concesión da axuda.

No caso de que unha persoa beneficiaria fusione varias publicacións nunha única, deberá presentar a documentación que así o acredite.

f) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que o solicitante se opuxese á consulta ou denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Tesourería Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

g) Declaración responsable, debidamente actualizada, de non estar incursa en ningunha das circunstancias ou prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo V).

h) Declaración responsable comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas das distintas administracións públicas para esta mesma finalidade (anexo V).

i) Escrito de aceptación expresa da axuda. Se non se produce manifestación expresa no prazo establecido na resolución de concesión, entenderase tacitamente aceptada (anexo V).

j) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como os xuros derivados destes.

k) Calquera outra documentación que estableza a normativa reguladora.

Artigo 18. Obrigas das empresas beneficiarias

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios de comunicación, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que puideren derivar da execución no ano da convocatoria das actividades subvencionadas.

d) A acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das circunstancias ou prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria das axudas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de comunicación, no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 19. Compatibilidade

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 20. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 21. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde o reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda ou da obriga de xustificación dará lugar á perda ao dereito ao cobramento ou, de ser o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, de ser o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Infraccións e sancións

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non regulado nas presentes bases observarase o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen axudas dirixidas a publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, modificado polo Decreto 237/2008, do 16 de outubro.

5. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file