DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2024 Páx. 3659

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento PR858A).

BDNS (Identif.): 739182.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias destas axudas serán as empresas xornalísticas inscritas no Rexistro Mercantil que realizasen publicacións periódicas escritas integramente en galego durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

2. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns de información interior ou de institucións.

b) As publicacións de organizacións políticas, empresariais, profesionais, sindicais ou de entidades públicas.

c) As publicacións que se distribúan como suplemento, encarte ou de forma conxunta con outra publicación.

d) As publicacións que, estando sometidas ao control da Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), non presenten o certificado acreditativo da difusión expedido polo dito organismo.

e) As publicacións que durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria non se publicasen en galego normativo.

f) Aquelas publicacións que non se editasen durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria ou non manteñan a súa actividade no momento da concesión da subvención.

Segundo. Obxecto

1. De acordo co artigo 2 do Decreto 103/1994, do 21 de abril, polo que se establecen as axudas dirixidas ás publicacións periódicas escritas integramente en galego normativo, estas axudas económicas teñen por obxecto a expansión e difusión do galego normativo e da cultura nas tarefas de información xornalística.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Resolución do 28 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento PR858A).

Cuarto. Importe

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma vixentes no ano 2023, por importe de 40.000 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Silvia Valdés Díaz de Freijo
Secretaria xeral de Medios