DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2024 Páx. 3690

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI431A).

A trata de seres humanos é, sen dúbida, a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.

Este atentado contra os dereitos das persoas adquiriu enormes dimensións, sendo a trata con fins de explotación sexual unha das súas expresións máis crueis e denigrantes, e a forma de trata de maior magnitude no noso país. A este respecto, a Organización Internacional do Traballo (OIT) estima, no seu informe Traballo forzoso, tráfico humano e escravitude do ano 2014, que o número total de persoas nesta situación de escravitude moderna, entre as que están incluídas as vítimas da explotación sexual, ascende a preto de 21 millóns de persoas en todo o mundo, das cales o 80 % son mulleres e nenas.

As vítimas da trata son captadas, transportadas ou aloxadas mediante engano, aproveitando a súa situación de vulnerabilidade ou utilizando a forza, co propósito de obter un beneficio da súa explotación.

O concepto de «trata de seres humanos» é moi amplo e fai referencia aos diferentes propósitos de explotación das súas vítimas. Así, a trata de seres humanos pode estar referida á extracción e comercio de órganos, á utilización de persoas con fins de explotación laboral, ou á explotación para realizar actividades delitivas ou á explotación sexual.

Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (OIT, Oficina contra a Droga e o Delito de NNUU, Unión Europea, etc.) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible: a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero: a trata de seres humanos afecta as mulleres de xeito desproporcionado, non só por rexistrar a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación a que son sometidas soen ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual, e todo isto motivado pola súa maior vulnerabilidade, que vén determinada, entre outros, polos seguintes factores: un sistema de organización social que perpetúa os modelos de desigualdade por razón de xénero e permite a devaluación de mulleres e nenas con carácter xeral e, en particular, en situacións de conflitos armados, os desprazamentos de poboacións, a pertenza a minorías étnicas, a feminización da pobreza, a desigualdade na educación e no ámbito laboral, así como a explotación do desexo de emigrar para mellorar as súas condiciones de vida e as do seu contorno.

Todos os datos apuntan, ademais, a que a trata, a prostitución e a explotación sexual, en calquera das súas manifestacións, atópanse fortemente interrelacionadas entre si. Son moitos os instrumentos internacionais que inciden nesta dobre cuestión. Por iso, dentro da violencia de xénero e da desigualdade en xeral entre homes e mulleres, a trata con fins de explotación sexual, a prostitución e outras formas de explotación sexual, teñen unha especial gravidade, pois supoñen a redución máxima dunha persoa a un mero obxecto, e a persoa reducida a esta condición está exposta a un trato vexatorio e incluso violento.

En xeral, a prostitución non é unha expresión de liberdade sexual das mulleres senón que ten que ver coa violencia, a marxinación, as dificultades económicas e, sobre todo, cunha cultura sexista e patriarcal. Como tal, a prostitución non é ilegal no noso ordenamento, aínda que si o é o lucro ou explotación da prostitución allea, así como a prostitución de menores. En calquera caso, si resultan punibles numerosas situacións vexatorias e violentas que sofren as vítimas: agresións físicas, violacións, ameazas ou insultos.

O Plan operativo para a protección dos dereitos humanos de mulleres e nenas vítimas de trata, explotación sexual e mulleres en contextos de prostitución (2022-2026) «Plan Camino», aprobado polo Consello de Ministros o 20 de setembro de 2022, ten como obxectivo xeral previr e detectar a trata con fins de explotación sexual e a explotación sexual, reforzando a asistencia integral, a protección e reparación das mulleres e nenas vítimas de trata con fins de explotación sexual, explotación sexual e de mulleres en contextos de prostitución, a través da consolidación de medidas e accións institucionais que faciliten a garantía efectiva dos dereitos humanos.

En Galicia a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, recolle no seu artigo 3 a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e a explotación sexual como formas de violencia de xénero. Ademais, Galicia é pioneira na implicación da Administración autonómica na loita contra esta lacra, coa sinatura en xaneiro de 2010, e actualizada en 2012, do protocolo entre a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia sobre a adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual.

O 4 de agosto de 2022 o Consello da Xunta da Galicia aprobou o primeiro Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024, co fin de articular políticas que dean unha resposta integral e coordinada ás situacións de trata con fins de explotación sexual e contribuír á súa erradicación. O plan, integrado por cinco áreas estratéxicas, once obxectivos operativos e cincuenta e nove medidas, dedícalle a súa área estratéxica 3 ao fortalecemento dos recursos de atención integral e, dentro desta, recóllese como un dos obxectivos operativos o de consolidar e mellorar os recursos especializados para a atención integral ás vítimas. Para acadalo, a medida 3.1.2 prevé o fortalecemento dos recursos de acompañamento, apoio terapéutico, socioeducativo e sociolaboral, para garantir a protección e atención integral ás vítimas de trata, en especial ás de maior vulnerabilidade (menores de idade, vítimas con discapacidade, con fillas e fillos menores de idade, etc.).

Deste xeito, tanto os avances lexislativos como os instrumentos programáticos aprobados a nivel estatal e autonómico, veñen de configurar un impulso vital na persecución da trata con fins de explotación sexual e no apoio e protección das súas vítimas. Nesa liña enmárcase tamén a presente resolución.

A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, e convócanse para o ano 2024.

Esta convocatoria será cofinanciada pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, Obxectivo político 4: «Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo dos dereitos sociais»; Prioridade 2: «Inclusión social e loita contra a pobreza»; Obxectivo específico ESO4.8: «Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos»; Medida 2.H.02: «Axudas para atención integral da explotación sexual e trata».

Neste senso, é de aplicación e dáse debido cumprimento ao previsto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados, no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e demais normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.

As bases reguladoras e a convocatoria destas axudas axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro), e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

A Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante, Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente no presuposto crédito axeitado e suficiente. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Consecuentemente con todo o anterior, logo dos informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do informe de impacto de xénero, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

4. O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI431A.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de catrocentos cincuenta mil euros (450.000 €), e que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.20.313D.481.1 (código de proxecto 2023 00098).

2. Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea nunha porcentaxe do 60 % no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, Obxectivo político 4:«Unha Europa máis social e inclusiva mediante a aplicación do piar europeo dos dereitos sociais»; Prioridade 2: «Inclusión social e loita contra a pobreza»; Obxectivo específico ES04.8.: «Fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os grupos desfavorecidos»; Medida 2.H.02: «Axudas para atención integral da explotación sexual e trata».

O método de xustificación empregado será o de custos simplificados consonte o disposto nos artigos 53.1.b), 55.2.a), 53.3.e), e 56.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos). A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 3. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación de gasto.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución e normativa xeral de subvencións, e de xeito particular deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

b) Carecer de ánimo de lucro.

c) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

e) Cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

Artigo 5. Actuacións subvencionables e contía da axuda

1. Será subvencionable o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral, e que deberán incluír, polo menos, dous tipos de actuacións dos sinalados nas seguintes alíneas:

a) Atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral en asistencia social, legal ou psicolóxica.

b) Asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades, organismos e servizos para a realización de trámites administrativos de diversa índole: sociais, sanitarios, policiais, xudiciais, laborais, de formación, etc., e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; e acompañamento, apoio e seguimento no proxecto persoal de cada persoa usuaria.

c) Atención psicolóxica, para abordar posibles trastornos emocionais e/ou condutuais e na procura da súa recuperación persoal. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en psicoloxía.

d) Asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, así como para a tramitación de procedementos administrativos de diversa índole: autorizacións de residencia e traballo, revogacións de ordes de expulsión, reagrupamento familiar, retorno ao pais de orixe, cuestións laborais e civís, procesos de denuncia, xestións policiais, procesos penais, etc. Esta actuación só poderá ser realizada por profesionais con titulación en dereito, ciencias xurídicas ou equivalente.

e) Orientación e asesoramento laboral, incluídas as actividades formativas: como formación básica (habilidades sociais, alfabetización, economía doméstica, etc.) e formación prelaboral e laboral, coa finalidade de facilitar e mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral.

f) Atención e asesoramento en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento a aqueles lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, para establecer encontros iniciais, achegándolles información sobre os recursos existentes e/ou información hixiénico-sanitaria, xurídica, social, etc., de xeito que se permita o seu acceso ás actuacións normalizadas previstas neste artigo.

A atención personalizada a través dos servizos sinalados nas alíneas anteriores comprenderá tanto as actuacións presenciais coa persoa participante, de forma individual ou grupal, coma aqueloutras actuacións que non requiran a presenza da persoa e que se consideren necesarias para o cumprimento do obxectivo de mellorar a súa situación persoal e apoiar a súa recuperación e integración social e laboral.

2. Serán gastos subvencionables os derivados da realización do programa obxecto de subvención, referidos a custos directos de persoal, outros custos directos e custos indirectos relacionados no artigo 6 desta resolución, e segundo os termos establecidos en dito artigo.

Para a determinación do gasto subvencionable e do importe da subvención establécese o sistema de custo simplificado segundo custo unitario por hora efectivamente traballada por cada un/unha dos/das profesionais que leven a cabo actuacións de atención ás persoas usuarias. Segundo a actividade profesional que se vai desenvolver, o custo unitario por hora efectivamente traballada será de:

a) 20,50 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con formación universitaria, titulación superior de FP complementada con experiencia profesional e/ou formación especializada ou, na súa falta, con coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión, complementados con formación específica no posto de traballo que sexa equivalente á formación referida. En todo caso, respectaranse as exixencias de titulación específica para o desempeño da súa profesión, en todos os postos en que así estea establecido pola normativa legal.

b) 18,01 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con formación profesional superior ou de grado medio, ou formación académica equivalente, complementada con coñecementos adquiridos por demostrada experiencia no seu posto de traballo e complementado con formación específica necesaria para desenvolver a función.

c) 15,72 €/hora de traballo efectivo, máis o 20 % en concepto doutros custos directos e indirectos, realizado por profesionais con competencia derivada da formación académica e/ou profesional de grado medio, ou equivalente, complementado cunha experiencia ou titulación profesional necesaria para o desenvolvemento da súa función.

O correspondente custo unitario por hora efectivamente traballada aplicarase ata un máximo de 1.720 horas por profesional, correspondente a unha dedicación dunha ou dun profesional a xornada completa durante un período de doce meses, de acordo co previsto no artigo 55.2.a) do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. Neste suposto será necesario acreditar un número mínimo de 40 persoas atendidas, das cales o 60 % (24) deberán ter realizadas, polo menos, seis intervencións presenciais das recollidas no punto 1 deste artigo. O número de persoas atendidas incrementarase ou minorarase proporcionalmente en función do número de horas totais declaradas pola entidade.

3. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 70.000 euros.

4. Ata esgotar o crédito dispoñible, a contía da subvención calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade de axuda que se indican a continuación, en función da puntuación obtida na valoración realizada unha vez aplicados os criterios establecidos no artigo 13 desta resolución:

– Entre 95 e 100 puntos: 100 % do gasto subvencionable.

– Entre 85 e 94 puntos: 80 % do gasto subvencionable.

– Entre 75 e 84 puntos: 70 % do gasto subvencionable.

– Entre 65 e 74 puntos: 60 % do gasto subvencionable.

– Entre 55 e 64 puntos: 50 % do gasto subvencionable.

– Entre 45 e 54 puntos: 40 % do gasto subvencionable.

– Entre 35 e 44 puntos: 30 % do gasto subvencionable.

Non serán beneficiarias desta subvención as entidades que non acaden un mínimo de 35 puntos.

No suposto de esgotar o crédito dispoñible, o resto das solicitudes consideradas subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas no caso de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente presentados ou de producirse un incremento do crédito inicialmente dispoñible, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución.

Así mesmo, no caso de quedar crédito libre despois de adxudicar a contía que corresponda a cada unha das entidades que resulten beneficiarias da subvención, e sempre que non exista lista de agarda, poderá repartirse entre elas a partes iguais de xeito que se manteña a proporcionalidade derivada da aplicación dos criterios de baremación, co límite da contía máxima da axuda ou, de ser inferior, da contía solicitada.

Artigo 6. Gastos subvencionables

Serán subvencionables os gastos derivados do desenvolvemento das actuacións que configuren o proxecto de atención integral, segundo o disposto no artigo 5, e referidos a gastos directos de persoal e outros gastos directos e gastos indirectos, nos termos establecidos a continuación:

1. Gastos directos: terán esta consideración os que estean directamente relacionados coas actuacións subvencionadas e que se refiran de forma inequívoca e constatable a ela, en particular os seguintes:

a) Gastos directos de persoal: serán subvencionables as retribucións salariais dos/das profesionais que pertenzan ao persoal propio da entidade, incluídas as pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade beneficiaria, correspondentes ao desenvolvemento do proxecto obxecto desta subvención, e que realice atención ás persoas usuarias, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución. A identificación da actuación que se subvenciona, deberá constar no contrato de traballo ou nunha asignación previa de funcións directas, tanto no caso de que a xornada de traballo estea integramente destinada á execución da dita actuación coma no caso de dedicación parcial, garantindo sempre a súa xustificación documental.

No caso de contratación mercantil ou externa, os honorarios ou retribucións salariais correspondentes á execución do programa dos/das profesionais contratados/as co dito fin, logo de asignación de funcións vinculadas ás actuacións, segundo o previsto no artigo 5.1 desta resolución. Deberá quedar suficiente xustificación documental da actuación que se subvenciona e do tempo de dedicación a dita actuación. Nos custos de persoal que formen parte da prestación de servizos externos, debe identificarse claramente na factura emitida polo provedor dos ditos servizos a parte correspondente aos custos de persoal.

Só serán imputables as horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, no desenvolvemento do programa, realizadas por profesionais adscritos/as a el, tales como traballadoras/es sociais, psicólogas/os, asesoras/es xurídicas/os, educadoras/es, terapeutas, orientadoras/es ou calquera outro que leve a cabo actuacións das recollidas no programa obxecto da subvención.

b) Outros gastos directos:

– Gastos de seguros destinados a cubrir continxencias de risco derivadas da actuación subvencionada, segundo calquera das previstas no artigo 5.1.

– Axudas de custo e gastos de locomoción do persoal que desenvolve as actuacións, necesarias para a súa realización.

– Axudas económicas directas ás persoas usuarias de calquera das actuacións previstas no artigo 5.1, para cubrir necesidades básicas e puntuais de aloxamento, alimentación e hixiénico-sanitarias, para os casos de urxente desamparo, ou para cubrir gastos ocasionados polos traslados das persoas usuarias do programa como consecuencia dos procesos xudiciais derivados da súa situación de explotación sexual e/ou trata con fins de explotación sexual e/ou laboral.

2. Gastos indirectos: terán a dita consideración os gastos correntes que non se correspondan en exclusiva ás actuacións subvencionadas por ter carácter estrutural pero que resulten necesarios para o seu desenvolvemento:

– Gastos indirectos de persoal (coordinación e tarefas auxiliares).

– Gastos en bens consumibles e en material funxible.

– Gastos de alugamento e de mantemento de instalacións (luz, auga, calefacción, teléfono, conexión a internet, limpeza e seguridade).

3. O período de referencia para a imputación dos gastos relativos ás axudas reguladas nesta resolución será do 1 de outubro de 2023 ao 30 de setembro de 2024.

4. En todo caso, as actuacións que se desenvolvan ao abeiro desta convocatoria deberán cumprir as normas establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados, no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e demais normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021-2027.

5. Para os efectos destas axudas non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de repercusión ou compensación.

Así mesmo, non terán a consideración de subvencionables aqueloutros gastos que non respondan ás categorías e conceptos expresamente recollidos neste artigo.

6. Para os efectos desta resolución, non está permitida a subcontratación dos gastos subvencionables. Non obstante o anterior, non se considerarán como gastos subcontratados aqueles en que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización por si mesma da actuación subvencionada, tales como a contratación de persoal monitor, alugamento de instalacións para a realización das actuacións e/ou gastos de subministracións relacionados con elas, sempre que non sexan provistos pola mesma persoa física ou xurídica.

Cando, de acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe de cada un dos gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso da obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

7. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionalidade dos gastos serán resoltas pola Secretaría Xeral da Igualdade por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.

Artigo 7. Prazo e solicitude

1. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. A solicitude da subvención deberá presentarse no modelo que figura como anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que ostenta a representación da entidade solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade da persoa solicitante para actuar en nome da entidade.

Quedarán exentas de presentar esta documentación as entidades inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais, agás que a representación se atribúa a persoa distinta á designada en dito rexistro.

b) Anexo II: memoria da entidade que conteña os datos básicos de identificación e, como mínimo, as epígrafes sinaladas neste anexo.

c) Anexo III: memoria descritiva de actuacións que deberá conter como mínimo as epígrafes sinaladas neste anexo. De ser necesario, xuntarase unha memoria complementaria que non supere os 6 folios.

d) Anexo IV: ficha individualizada do/da profesional que desenvolva ou vaia desenvolver servizos, actuacións ou actividades no programa, asinada por esta e pola persoa responsable da entidade.

No caso de que a entidade resulte beneficiaria da subvención, e durante o desenvolvemento do programa se incorporen profesionais non previstos na solicitude, deberán remitir esta ficha individualizada do/da profesional, no momento en que se produza a citada incorporación.

e) Certificación emitida polo órgano responsable da entidade, que acredite que a dita entidade conta con recursos propios de acollemento residencial temporal, específicos ou xenéricos, para as persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.1) e de acordo co modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

f) Acreditación documental suficiente da experiencia da entidade na realización e desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.2).

g) Certificación/informe emitida pola Administración pública competente, que acredite a colaboración da entidade con dita Administración, no desenvolvemento de programas de atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.2) e de acordo co modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

h) Certificación/informe emitida polo órgano responsable da entidade, ou responsable dalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, que acredite a integración da entidade na dita estrutura ou organización, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.4) e de acordo co modelo que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

i) Certificación/informe emitida por calquera Administración pública, entidades ou axentes sociais que acrediten a coordinación e cooperación da entidade solicitante con servizos sociais comunitarios, con outras entidades ou axentes sociais e/ou coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero, o desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, de ser o caso, segundo o disposto no artigo 13.1.5) e de acordo co/cos modelo/s que figura na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos corresponde á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos, o órgano instrutor requirirá as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, teranse por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión de Valoración.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite, e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e de emitir o correspondente informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada, indicando a puntuación e a axuda aplicable en cada caso.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

– Vogais: a persoa titular da Xefatura do Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas, a persoa titular da Xefatura do Servizo de Fomento, a persoa titular do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo, da Secretaría Xeral da Igualdade.

– Secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Secretaría Xeral da Igualdade, por proposta da persoa titular da Presidencia.

Se, por calquera causa, algunha das persoas compoñentes da Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna para o exame das solicitudes, será substituída pola/o funcionaria/o designada/o para o efecto polo/a seu/súa presidente/a.

3. A Comisión de Valoración poderá requirirlle ás entidades solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

4. Unha vez avaliados os expedientes segundo os criterios de valoración establecidos nesta resolución, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou a denegación da axuda solicitada, propoñendo a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito.

5. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas no suposto de que quedara crédito libre por producirse algunha renuncia, ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado nesta base.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. A comisión valorará os expedientes segundo os seguintes criterios:

1) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante para ofrecer con recursos propios, acollemento residencial temporal ás persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral na Comunidade Autónoma de Galicia: ata 20 puntos, coa seguinte desagregación:

a) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante de centro/s de acollida de transición á vida autónoma, na Comunidade Autónoma de Galicia, destinados especificamente e de xeito exclusivo a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral, autorizados e en funcionamento: 15 puntos.

b) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante de centro/s de acollida, na Comunidade Autónoma de Galicia, destinados especificamente e de xeito exclusivo a vítimas de violencia de xénero, autorizados e en funcionamento: 3 puntos.

c) Pola dispoñibilidade da entidade solicitante de centro/s de acollida de transición á vida autónoma, na Comunidade Autónoma de Galicia, que non estean destinados especificamente e de xeito exclusivo a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral, autorizados e en funcionamento: 2 puntos

Para os efectos de proceder á valoración prevista anteriormente, realizaranse, de oficio, as comprobacións oportunas a través do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, regulado polo Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

2) Pola experiencia da entidade, nos últimos oito anos, na realización e desenvolvemento de proxectos específicos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: ata 20 puntos coa seguinte desagregación:

a) Experiencia da entidade no ámbito da atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 2 puntos por ano, ata un máximo de 16 puntos.

b) Colaboración con calquera Administración pública no desenvolvemento de programas de atención a persoas en situación de explotación sexual e/ou a vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral: 4 puntos.

3) Polo interese, necesidade, calidade, coherencia, contido, carácter integral e innovador do programa presentado: ata 25 puntos, coa seguinte desagregación:

a) Obxectivos propostos pola entidade solicitante en relación coa mellora da situación persoal e laboral das persoas usuarias, con respecto ás actuacións establecidas no artigo 5.1 e ás necesidades e problemas a que se pretende dar resposta: ata 7 puntos.

b) Xustificación da necesidade social detectada pola entidade solicitante en relación coa situación das persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, e no que se identifiquen os problemas e necesidades aos que se pretende dar resposta a través do programa: ata 7 puntos.

c) Calidade, coherencia, contido e carácter integral, mediante a descrición do programa que se vai desenvolver: ata 7 puntos.

d) Carácter innovador das actuacións para desenvolver pola entidade solicitante, segundo as recollidas no artigo 5.1, incluída a atención a vítimas de trata de seres humanos menores de idade, con respecto ás outras propostas desta convocatoria: ata 4 puntos.

4) Pola integración da entidade solicitante nalgunha estrutura ou organización relacionada co apoio ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral na Comunidade Autónoma de Galicia: 14 puntos.

5) Pola coordinación e cooperación acreditada da entidade con outros servizos no desenvolvemento de actuacións con persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, ata 21 puntos, coa seguinte desagregación:

a) Coordinación cos servizos sociais comunitarios: 7 puntos.

b) Coordinación con outras entidades ou axentes sociais: 7 puntos.

c) Coordinación coa Rede galega de acollemento para vítimas de violencia de xénero: 7 puntos.

A puntuación máxima total será de 100 puntos, e será preciso acadar unha puntuación mínima de 35 puntos para resultar beneficiaria desta subvención.

2. No caso de empate na puntuación e/ou cando algunha solicitude quede na lista de agarda, o desempate establecerase en función das puntuacións máis altas segundo as epígrafes parciais dos criterios recollidos neste artigo, empezando polo punto 1, e se persiste o empate, o desempate establecerase pola data de presentación da solicitude.

Artigo 14. Resolución

1. A resolución destas subvencións correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiaria un documento no que se establezan as condicións da axuda. Na resolución de outorgamento da subvención constará a información sobre o cofinanciamento polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e a correspondente porcentaxe, con indicación do obxectivo político, prioridade, obxectivo específico e medida. Así mesmo, figurará a identificación da beneficiaria, a contía da subvención e obrigas que lle correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deben entregarse ou prestarse, o plan de financiamento, o prazo de execución e, se procede, o método que se aplicará para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da axuda, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA). Así mesmo, informarase de que a aceptación da subvención comunitaria poderá implicar a súa aparición na lista pública de operacións que se publicará nos termos establecidos no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación, comprometéndose a executar o programa ou actuación subvencionado no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases, habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 18. Obrigas das entidades subvencionadas

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos, executar e acreditar a realización da actuación que fundamenta a concesión da subvención dentro do período e prazos establecidos nesta convocatoria, así como o cumprimento dos requisitos, condicións e obrigas que resultan da normativa de aplicación.

2. Manter rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con fondos do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

3. Conservar todos os documentos xustificativos relacionados coa operación que reciba axuda do FSE+ durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que a autoridade de xestión do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 efectúe o último pagamento ao beneficiario, nos termos establecidos no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021.

4. Cumprir coas medidas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021. En particular, de conformidade co disposto nos artigos 47 e 50 do devandito regulamento, nos espazos en que se desenvolvan as actuacións contarán co emblema da Unión Europea xunto coa declaración «Cofinanciado pola Unión Europea». Igualmente, nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a operación nun lugar ben visible para o público. Tamén se fará unha breve descrición da actuación na páxina web e nas contas nos medios sociais, no caso de dispoñer delas, mencionando os obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión Europea. Ademais, en todos os documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da actuación, destinados ao público ou ás persoas participantes, proporcionarase unha declaración que saliente a axuda da Unión Europea de xeito visible.

5. Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Secretaría Xeral da Igualdade; ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas; ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento da prestación que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de realización e de resultados previstos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2021/1057.

Os indicadores de realización relativos a cada persoa participante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do/da participante coa actuación cofinanciada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e ás catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir en calquera momento novos datos relativos á data en que se cumpran os seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Para estes efectos, facilitarase ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa2127 (https://participa2127.conselleriadefacenda.gal/Participa2127) e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

Para dar cumprimento a estes requisitos de información, as entidades beneficiarias deberán introducir os datos dos indicadores de realización e de resultados das persoas participantes na aplicación informática Participa 2127.

7. Sometemento ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 74 a 80 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas, e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

8. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a solicitude e/ou a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

9. Contratar un seguro de cobertura de accidentes para as participantes nas actuacións que cubra os riscos que poidan ter durante a súa participación nas actuacións subvencionadas.

10. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Todas aquelas obrigas e requisitos que se desprendan do articulado desta resolución e dos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e da súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 19. Prazo e xustificación da subvención

1. A xustificación comprenderá as actuacións realizadas desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024, e presentarase con data límite do 4 de outubro de 2024.

2. As medidas e actuacións correspondentes a estes programas xustificaranse a través das modalidades de custos simplificados previstas nos artigos 53.1.b), 55.2.a), 53.3.e), e 56.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Anexo V: solicitude de pagamento da axuda debidamente cuberta e asinada pola persoa que exerce a representación da entidade, na cal se deberá facer constar de modo expreso o cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, así como o importe total do gasto subvencionable segundo o correspondente custo unitario polas horas efectivamente traballadas dedicadas ao programa polas/os profesionais adscritas/os a el.

b) Anexo VI: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

c) Memoria xustificativa das actuacións subvencionadas con descrición detallada das actividades desenvolvidas, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade, e asinada pola persoa representante da entidade.

A memoria irá acompañada dun exemplar de todos os materiais elaborados, carteis, folletos, material didáctico, fotografías, e outros documentos onde deberán figurar, de ser o caso, os logos da Unión Europea e a imaxe corporativa da Secretaría Xeral da Igualdade, así como doutras evidencias dos gastos directos realizados, para os efectos de acreditar a realización das actuacións e o cumprimento das obrigas de publicidade e información recollidas no artigo 18.4 desta resolución. Tamén deberá achegarse documentación xustificativa que permita comprobar o cumprimento da obriga dos terceiros de informar na súa web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira da Unión Europea e da Secretaría Xeral da Igualdade e os obxectivos e resultados da operación financiada.

d) Follas mensuais das horas efectivamente traballadas dedicadas á atención a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, con indicación das tarefas realizadas, asinadas pola/o profesional e pola persoa responsable da entidade, respecto de todas as persoas adscritas ao programa obxecto da subvención, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

No caso de que se tivesen producido novas incorporacións de profesionais deberán remitir a ficha individualizada do/da profesional (anexo IV).

e) Sistema de control horario diario de cada profesional adscrito, regulado polo Real decreto lei 8/2019, onde quede constancia das horas efectivas no posto de traballo, dos días de vacacións, de asuntos persoais ou calquera outra circunstancia pola que o traballador/a non está no seu posto.

f) Copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao programa. Para o caso de persoal externo, copia do contrato mercantil, ou, se é o caso, factura en que se identifique claramente a parte correspondente aos custos de persoal.

g) Informe de vida laboral do/dos código/s de cotización da entidade no/nos que estea incluído o persoal adscrito ao programa correspondente ao período subvencionable.

h) Certificación do número total de persoas atendidas, xunto cunha relación desas persoas, acreditativa da atención recibida, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

i) Folla individualizada de seguimento de cada unha das persoas participantes, onde conste a intervención ou intervencións realizadas coa data de atención, duración de cada intervención e datos que figuran no modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

A folla individualizada de seguimento debe estar asinada pola persoa participante, polas/los profesionais que prestan atención, e pola persoa responsable do programa, e numerada co mesmo ordinal con que figuren na relación indicada na alínea h) anterior.

Para os efectos desta convocatoria, non serán computables as persoas que non se identifiquen nin aquelas das cales non consten os datos dos indicadores de realización e resultado inmediato na aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos, e das cales non teñan debidamente cubertas as follas individualizadas de seguimento.

4. Co obxecto de homoxeneizar a documentación xustificativa prevista nas alíneas c), d), h), e i) do punto anterior, esta deberá presentarse obrigatoriamente nos modelos publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Respecto dos cuestionarios de indicadores de realización, de resultado inmediato e de resultado ao longo prazo, empregaranse os modelos dispoñibles na aplicación informática de rexistro e almacenamento dos datos de indicadores que se poña á súa disposición polo organismo intermedio do Programa FSE+ Galicia 2021-2027 e os oportunos cuestionarios, que terán que respectar o principio de integridade dos datos.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 20. Anticipo e pagamento da subvención

1. Unha vez xustificada a subvención, o órgano competente, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da conduta e/ou actuacións subvencionadas.

2. Realizarase un primeiro pagamento do 80 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión. As entidades beneficiarias quedan exoneradas da obriga de constituír garantías.

O 20 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

3. Procederá a minoración do importe da subvención concedida ou, de ser o caso, a perda do dereito ao seu cobramento, nos termos e nos casos previstos no artigo 21 desta resolución e nos demais supostos previstos na normativa de aplicación.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a dita devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro do 10 % do importe da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

3. Procederá o reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a concesión doutras axudas para a mesma finalidade.

4. De ser o caso, a subvención será minorada proporcionalmente cando non se xustifique a totalidade das horas previstas de traballo efectivamente realizado subvencionadas, e/ou cando o número de persoas atendidas e/ou o número de persoas atendidas con un mínimo de seis intervencións presenciais, sexa inferior ao número exixido pola convocatoria.

5. Particularmente acadarán a porcentaxe dun 2 % de minoración sobre a contía total da axuda percibida, o incumprimento das obrigas de visibilidade, transparencia e comunicación establecidas.

6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá levar a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta resolución.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

3. Sen prexuízo do indicado no punto anterior, a Secretaría Xeral da Igualdade poderá realizar, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados nesta resolución. O persoal encargado da verificación levantará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente da Secretaría Xeral da Igualdade xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 23. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 981 54 53 73 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e Política de Visados, no Regulamento (UE) nº 2021/1057 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1296/2013, e demais normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2021/2027.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 25. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia, e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta resolución, indicando o programa, o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade (http://igualdade.xunta.gal) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007,do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, de 3 de abril, do citado servizo, no seguinte enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/ComunicacionSNCA.aspx

En tanto non se habilite outra canle específica para o Programa FSE+ Galicia 2021-2027, os devanditos feitos poderán poñerse en coñecemento a través da seguinte:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2023

Sandra Vázquez Domínguez
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file