DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2024 Páx. 3688

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT221C).

BDNS (Identif.): 738839.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido nesta orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024 na epígrafe 476.1, Edición de libros, do imposto de actividades económicas.

Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que estean nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, quedan excluídos os proxectos que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.

En ningún caso se concederán máis de cinco axudas por editor a obras en que conste o mesmo tradutor.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido nesta orde. Código de procedemento CT221C.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT221C).

Cuarto. Importe

As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe máximo de 200.000,00 €, dos cales 90.000,00 € corresponden á anualidade 2024 e 110.000,00 € á anualidade 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades