DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2024 Páx. 3664

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT221C).

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ao abeiro do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, favorecer o enriquecemento cultural na sociedade galega e poñer á súa disposición materiais para o seu desenvolvemento persoal no campo da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou de calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, é competencia desta consellería favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Tamén é competencia da Consellería o apoio á produción editorial e á edición das obras que sexan de interese xeral para a Comunidade Autónoma de Galicia.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades establece subvencións de apoio ao libro galego, dirixidas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, de xeito que se poidan atopar na nosa comunidade e na nosa lingua as obras literarias relevantes producidas no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A participación das entidades estranxeiras nesta convocatoria é de especial interese xa que facilitan a internacionalización da creación literaria galega e a incorporación e o enriquecemento do mercado editorial de Galicia e en galego coa produción literaria española e estranxeira. Debido a que as persoas destinatarias destas axudas poden estar situadas en países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, habilítase temporalmente o acceso mediante calquera medio que deixe constancia da presentación en prazo, co fin de que non se obstaculice o seu acceso a esta convocatoria.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, de acordo co establecido nesta orde. Código do procedemento CT221C.

A finalidade é subvencionar os custos da tradución das diferentes obras literarias en formato papel ou dixital para apoiar o libro galego e o mercado literario galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2024.

Artigo 2. Tramitación anticipada de gasto

Este expediente tramitarase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que, no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.

Artigo 3. Condicións

1. Considéranse custos subvencionables os honorarios profesionais da persoa que realice a tradución.

2. A tradución da obra para a cal se solicita a subvención deberase publicar despois da data de publicación desta convocatoria.

3. Só se subvencionará a tradución dun mesmo título. No suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra, subvencionarase a solicitude que obteña máis puntos de acordo co artigo 14 e, en caso de empate, a presentada en primeiro lugar.

4. Cada empresa editorial poderá presentar solicitude para a tradución dun máximo de 15 obras.

5. Só serán obxecto de subvención as obras das que se trate dunha primeira tradución ou teñan pasado máis de 20 anos desde a última tradución.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para a tradución aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2024 na epígrafe 476.1, edición de libros, do imposto de actividades económicas.

Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que estean nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, quedan excluídos os proxectos que presenten contratos de tradución con persoas xurídicas.

En ningún caso se concederán máis de cinco axudas por editor a obras en que conste o mesmo tradutor.

Artigo 5. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas, de carácter plurianual, concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, por un importe máximo de 200.000,00 €, dos cales 90.000,00 € corresponden á anualidade 2024 e 110.000,00 € á anualidade 2025.

2. O importe máximo de subvención por obra será de seis mil euros (6.000 €). Para a súa concesión aplicarase o procedemento establecido no artigo 15 da presente orde.

3. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Natureza e concorrencia das axudas

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) núm. 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000,00€ nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

4. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes, así como para as editoras persoas traballadoras autónomas, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia (DOG núm. 41, do 26 de xullo).

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Excepcionalmente no caso de editoriais estranxeiras que non dispoñan de mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, poderán presentar a solicitude presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Debido a que as persoas destinatarias destas axudas poden estar situadas en países con niveis de desenvolvemento tecnolóxico moi diferentes, constituídas de acordo coa lexislación aplicable a cada un e con características técnicas e funcionais distintas non asimilables á situación vixente en Galicia, habilítase temporalmente o acceso mediante calquera medio que deixe constancia da presentación en prazo, co fin de que non se obstaculice o seu acceso a esta convocatoria. A presentación de solicitudes por parte de editoriais estranxeiras deberá ser notificada ao correo axudas-libro.cultura@xunta.gal

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. Non serán admitidas en ningún caso solicitudes presentadas fóra do prazo e da forma establecida nesta orde.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral. Esta documentación só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial:

– De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da editorial solicitante, tanto que sexa persoa física como xurídica. A representación poderá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos

– Copia do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificado de exención de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Declaración responsable de exención de pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– No caso de que a editorial, sexa persoa física ou xurídica, non conste inscrita nas bases de datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria e/ou da Tesourería Xeral da Seguridade Social e/ou da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar unha certificación emitida por os devanditos entes que acredite o motivo polo que non figura inscrita nas ditas bases de datos. No caso de editoriais estranxeiras estarán exentas de presentar esta certificación.

– Plan de distribución da obra, acreditado con contratos ou certificado.

B. Documentación específica referida ás obras que se pretende traducir:

– Contrato coa persoa tradutora da obra de data a partir de 1 de xaneiro de 2024, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, en que debe constar o importe da tradución, os datos identificativos da persoa que realizará a tradución, e que a obra obxecto da subvención se traduce desde a lingua orixinal.

– Currículo da persoa tradutora onde conste a obra traducida segundo o establecido no punto 2 do artigo 14 da orde de convocatoria.

– No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, certificación que acredite que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor, así como do seu currículo e a cuantificación do importe da tradución. De acordo co artigo 4, só se poderán incluír un máximo de 5 obras do mesmo tradutor.

– Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra.

– Un exemplar completo da obra para a cal se solicite a axuda. O exemplar da obra deberá presentarse en soporte papel cando sexa inviable a súa presentación electrónica, tal e como se recolle no artigo 10, punto 5.

A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada pola editorial solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 10. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e os seus representantes, e para as editoriais que sexan persoas traballadoras autónomas. No caso de que algunha destas persoas presentase a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Excepcionalmente, a documentación referida á achega dun exemplar completo da obra para a cal se solicita a axuda, prevista no artigo 9, alínea B, presentarase en soporte papel cando sexa inviable a súa presentación electrónica. A dita documentación poderá presentarse por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dirixirase a Dirección Xeral de Cultura, Servizo do Libro, Publicacións e do Depósito Legal, na Cidade da Cultura, Monte Gaiás, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

6. As editoriais estranxeiras observarán o disposto no artigo 7.5 desta orde.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

k) Consulta de concesión pola regra de minimis.

2. As editoriais de fóra de España que non dispoñan da documentación prevista no parágrafo anterior deberán achegar a súa equivalente, de acordo coa lexislación do seu país de orixe, dado que automaticamente non se pode comprobar.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase á persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que deba formularse a proposta de resolución.

3. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles unha cantidade final para o cumprimento da finalidade desta orde. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo os criterios previstos no artigo 14 desta orde, cos límites determinados no artigo 5 da presente orde.

5. Ningún proxecto poderá recibir unha axuda que exceda o custo total da súa tradución.

Artigo 14. Criterios de adxudicación

Ás solicitudes que se presenten outorgaráselles a seguinte puntuación de acordo cos seguintes criterios:

1. Interese cultural da obra. Máximo 10 puntos.

a) Orixinal de autor/a galego: 10 puntos.

b) Orixinal de autor/a de fóra de Galicia: 5 puntos.

2. Traxectoria profesional da persoa tradutora: máximo 10 puntos.

Obra traducida:

• De 2 a 5 obras: 2 puntos.

• De 6 a 10 obras: 5 puntos.

• Máis de 10 obras: 10 puntos.

Deberán acreditarse as obras traducidas a través da referencia ao ISBN.

3. Características da tradución da obra. Máximo 25 puntos.

a) Doutras linguas para o galego: 20 puntos.

b) Do galego para outras linguas: 25 puntos.

c) Doutras linguas para o galego dun autor clásico (libre de dereitos): 5 puntos.

d) Do galego para outras linguas dun autor clásico (libre de dereitos): 10 puntos.

4. Importe da tradución da obra. Máximo 20 puntos.

• Ata 300 €: 3 puntos.

• De 301 € a 1.000 €: 5 puntos.

• De 1.001 € a 2.000 €: 10 puntos.

• De 2.001 € a 3.000 €: 15 puntos.

• Máis de 3.000 €: 20 puntos.

5. Para obras editadas orixinariamente nos últimos 10 anos: 10 puntos.

6. Extensión da tradución da obra. Máximo 25 puntos.

Ata 100.000 caracteres: 10 puntos.

De 100.001 a 200.000 caracteres: 20 puntos.

Mais de 200.000 caracteres: 25 puntos.

Artigo 15. Proposta de resolución

1. Unha vez examinadas as solicitudes admitidas, elaborarase unha lista seguindo os criterios e puntuacións establecidos no artigo 14 destas bases e distribuirase o orzamento do seguinte xeito:

a) Adxudicarase unha axuda de, como máximo, ata o 90 % do custo da tradución a aquelas entidades que alcancen a máxima puntuación (100 puntos) seguindo a orde da baremación do artigo 14 e diminuirá proporcionalmente ata a última (50 puntos), que recibirá unha axuda de, como máximo, ata o 60 % do custo da tradución.

b) A cantidade final adxudicada será a resultante da repartición mediante o rateo do orzamento existente, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo as porcentaxes establecidas de acordo co punto anterior, minorando a cantidade final de cada beneficiario, de ser o caso, en función do importe global máximo dispoñible.

c) O importe máximo de subvención por obra será de seis mil euros (6.000 €).

d) A puntuación mínima para obter a axuda é de 50 puntos.

e) A contía correspondente á primeira anualidade é do 45 % do total adxudicado como axuda e o 55 % restante corresponde á segunda anualidade.

Se como consecuencia da repartición a cantidade resultante é un número cuxo primeiro decimal é 5 ou superior, redondearase ao enteiro superior máis próximo. Se o primeiro decimal é inferior a 5, manterase o mesmo número enteiro.

2. Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Cultura quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 16. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de beneficiarios, as cantidades concedidas, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web
https://www.cultura.gal. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

O prazo para ditar e notificar ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Así mesmo, deberá comunicarse ás persoas beneficiarias o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

O procedemento tramítase como abreviado de acordo co artigo 22 da Lei de subvencións de Galicia, xa que o procedemento de xestión da axuda é o descrito no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, en concordancia co previsto no artigo 7.5 desta orde.

Artigo 18. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a notificación da resolución de concesión das axudas nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web:
https://www.cultura.gal

Artigo 19. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, salvo nos casos de imposibilidade de conformidade co disposto no artigo 7.5 desta.

Artigo 20. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

Artigo 21. Xustificación

1. As editoriais beneficiarias das axudas para percibir a subvención quedan obrigadas a acreditaren a realización dos proxectos subvencionados e a xustificaren a totalidade do orzamento, no prazo establecido na presente orde. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación das axudas deberá realizarse do seguinte xeito:

2.1. A contía correspondente á primeira anualidade (45 % da subvención) xustificarase antes do 1 de novembro de 2024, e realizarase un único pagamento do importe total concedido, tras a aceptación da axuda por parte da persoa beneficiaria e da entrega da seguinte documentación:

– Unha copia do contrato, que terá data a partir do 1 de xaneiro de 2024.

2.2. A contía correspondente á segunda anualidade (55 %) xustificarase antes do 1 de outubro de 2025, e realizarase un único pagamento do importe total concedido, tras a entrega por parte da persoa beneficiaria da seguinte documentación:

– A factura xunto co xustificante do pagamento realizado á persoa tradutora ou certificación conforme esa tradución se fixo con medios propios. O importe pagado debe coincidir co que se fai constar na copia do contrato.

– Un exemplar da tradución editada, en que deberá constar na páxina de créditos o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia. Deberá cumprir coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

Cando o libro se edite exclusivamente en formato dixital, o editor indicará o enderezo electrónico ou URL e o acceso á publicación. No caso de libros que se editen simultaneamente en formato papel e dixital, unicamente se deberá enviar un exemplar en papel.

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas de venda onde o libro está aloxado. Será obrigatorio no caso de que o libro se edite en formato dixital e será opcional no caso de que o libro se edite tamén en formato físico.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 22. Pagamento

1. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado e pagado o que se acredite entre o 1 de xaneiro de 2024 e o prazo de xustificación previsto nesta orde.

2. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

4. A Dirección Xeral de Cultura poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

5. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia». Tamén se fará constar o logo oficial da Xunta de Galicia. Deberase cumprir coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

3. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente inseridas no mercado editorial galego ou dos ámbitos para os que estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

4. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

5. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse co que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

6. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 24. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 25. Controis

A consellería competente realizará actuacións de seguimento e control das axudas concedidas que considere oportunas, ben con medios propios ou externos, co fin de comprobar o cumprimento dos requisitos para a percepción da axuda e o destino definitivo. O beneficiario estará obrigado a colaborar no labor de control proporcionando os datos requiridos.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 28. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Disposición adicional

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

CT221G.pdf
CT221G.pdf
CT221G.pdf
CT221G.pdf