DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2024 Páx. 3972

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude de inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, ao abeiro do artigo 70 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 febreiro (código de procedemento IN230C).

A Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro), modifica no seu artigo 38 o contido do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.

Dentro do capítulo II do título II do dito texto refundido, a sección segunda establece e desenvolve un novo plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais. No novo artigo 70 da norma regúlase o procedemento para a inclusión de proxectos industriais dentro dese plan, e correspondénlle á consellería competente en materia de industria as competencias para tramitar e resolver o procedemento.

De conformidade co Decreto 59/2023, do 15 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio, a Consellería de Economía, Industria e Innovación ten atribuídas as competencias en materia de industria. Dentro da estrutura desta consellería, correspóndenlle á Secretaría Xeral de Industria as competencias para o impulso e a tramitación dos procedementos para a declaración dun proxecto como proxecto industrial estratéxico, proxecto de interese autonómico, proxecto tractor ou para calquera outra declaración análoga vinculada ao impulso económico e industrial.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Regular e dar publicidade do modelo normalizado de solicitude de inclusión no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, código de procedemento IN230C, que se recolle no anexo I desta resolución.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Poderán presentar a solicitude as empresas promotoras de proxectos que cumpran co establecido no artigo 68.b) do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, en virtude do cal se poderán incluír no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais aqueles proxectos que, sen cumpriren os requisitos establecidos para os proxectos industriais estratéxicos, se considere que polas súas características teñan un interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e o tecido industrial galego.

Para valorar o interese e incidencia cualificada dos proxectos industriais teranse especialmente en conta, entre outros factores, que poden estar presentes na execución dos proxectos, os recollidos no artigo 69 do dito texto refundido:

a) A súa inserción e coherencia cos instrumentos en que se desenvolva a política industrial galega.

b) O impacto positivo que a súa execución comporte nun sector específico do tecido industrial galego.

c) A mellora da competitividade da industria galega.

d) A promoción da internacionalización e da atracción de investimentos no tecido empresarial galego e a necesidade de evitar a deslocalización empresarial.

e) As necesidades derivadas da promoción das pequenas e medianas empresas.

f) A cohesión social, o equilibrio territorial e a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade.

g) A susceptibilidade de ser financiado o proxecto con fondos comunitarios.

Adicionalmente, o investimento previsto nestes proxectos industriais deberá ser superior a 800.000 euros en activos fixos, excluídos os inmobiliarios.

Artigo 3. Prazo de presentación

O procedemento IN230C é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese instar o seu inicio desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) O proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a documentación gráfica e a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria sobre a viabilidade económico-financeira do proxecto industrial, que, en todo caso, deberá conter o investimento previsto e o número de empregos directos e indirectos que se prevé crear.

c) A delimitación do ámbito territorial afectado e a análise da relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas directrices de ordenación do territorio e, mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica, con outros instrumentos de ordenación do territorio vixentes no ámbito obxecto da actuación.

d) O compromiso de que coa solicitude de licenza urbanística que, de ser o caso, se deba presentar no seu día, se xuntará unha certificación de conformidade coa legalidade urbanística e o plan aplicable, emitida por unha entidade de certificación de conformidade municipal.

e) A descrición das posibles afeccións do proxecto: ambientais, á saúde pública, ao patrimonio cultural, aos sistemas xerais de infraestruturas ou a calquera outro valor ou elemento que se teña detectado.

f) A xustificación do interese e incidencia cualificada para o desenvolvemento ou execución da política industrial galega e do tecido industrial galego, de acordo co establecido no artigo 69 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial.

g) Outra documentación relativa ao proxecto que a persoa solicitante desexe achegar.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán de oficio crear o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorreran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda expresamente derrogada a Resolución do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (código de procedemento IN230B).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2024

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file