DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2024 Páx. 4300

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, susceptibles de ser cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D).

O obxectivo de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e afrontar os efectos do cambio climático require acadar unha transformación urxente nas actividades humanas e para isto resulta absolutamente imprescindible a implicación de toda a sociedade, tamén do sector institucional. Así se recolle na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, instrumento planificador do Goberno galego na loita fronte ao cambio climático e a transición enerxética, de cara ao horizonte temporal 2050, en que se establecen as grandes liñas de acción na loita contra o cambio climático desde unha perspectiva centrada en Galicia e para contribuír aos obxectivos establecidos a nivel global nesta materia.

Nese documento de planificación sublíñase que, debido ao seu carácter transversal, a loita fronte ao cambio climático é un aspecto clave que require dunha actuación de todos os axentes tanto públicos como privados. Estas bases reguladoras sinalan o sector público local como o ámbito de intervención dunha acción de fomento da Xunta de Galicia orientada á redución das emisións e á mitigación dos gases de efecto invernadoiro (GEI), que actuará sobre os edificios e as infraestruturas municipais co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética.

Non cabe dúbida de que a redución das emisións pasa tamén pola concienciación en materia de eficiencia enerxética e polo fomento de accións que impliquen unha diminución da demanda de enerxía. Así, a aplicación de criterios de sustentabilidade asociados á construción de edificacións novas e á rehabilitación dos edificios son aspectos en que se debe fundamentar a redución de emisións.

Con este obxectivo, as subvencións que se regulan mediante a presente orde oriéntanse á mellora da envolvente térmica, á instalación de iluminacións eficientes e á mellora dos sistemas de calefacción e climatización nos edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais. Cómpre subliñar a importancia destes últimos, maioritariamente relacionados con sistemas de calefacción e auga quente sanitaria xerados mediante procesos de combustión de produtos fósiles, como principais contribuíntes ás emisións de GEI; por iso, cobran relevancia, como medidas mitigadoras, as actuacións e os proxectos que se poderán subvencionar ao abeiro destas bases reguladoras.

Así mesmo, a presente convocatoria de subvencións é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 60 %, co seguinte encadramento:

a) Obxectivo político 2, que busca unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo, entre outras medidas, unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable. Dentro deste obxectivo, as medidas de fomento reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.1, fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

c) Actuación 2.1.01. Mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicos.

Neste sentido, os proxectos que se desenvolvan ao abeiro da convocatoria de subvencións oriéntanse a satisfacer os obxectivos do programa e responden ás necesidades de investimento prioritarias para fomentar a eficiencia enerxética, en particular para acelerar a renovación eficiente desde o punto de vista enerxético dos edificios e infraestruturas públicos, así como a descarbonización e o impulso da eficiencia enerxética.

A estas bases reguladoras resúltalles de aplicación o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (DNSH, polas súas siglas en inglés), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, economía circular, prevención e control da contaminación, e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes é o departamento da Xunta de Galicia a que lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno en materia de Administración local, e atribúenselle, entre outras, as competencias en materia de asistencia á Administración local, segundo o Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 126, do 4 de xullo), en relación co previsto na disposición transitoria primeira do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Pola súa vez, o artigo 29 do dito Decreto 117/2022, do 23 de xuño, determina que a Dirección Xeral de Administración Local é o órgano encargado da xestión das competencias atribuídas á Xunta de Galicia en materia de Administración local e a este centro directivo correspóndelle, en particular, o fomento das liñas de colaboración coas entidades locais galegas no referente á convocatoria e execución das subvencións a elas destinadas.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2023, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento PR486D).

Artigo 2. Proxectos subvencionables: tipos, requisitos e exclusións

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á presentación da solicitude da axuda, como consecuencia da realización dos proxectos de investimento que se relacionan a seguir, sempre que sexan acordes cos requisitos e condicións establecidos nestas bases reguladoras, no Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión, no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados, e na demais normativa de aplicación:

a) Obras de mellora da envolvente térmica dos edificios e infraestruturas municipais, entre outras, illamentos en cubertas e fachadas e/ou a instalación de carpintarías exteriores e acristalamentos con boas características térmicas.

b) Obras de instalación de sistemas de iluminación eficiente no interior dos edificios e infraestruturas municipais; entre outros, a instalación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial ou de control de intensidade e acendido.

c) Obras de mellora dos sistemas de climatización e calefacción nos edificios e infraestruturas municipais, que poderán incluír a integración de fontes de enerxía renovable, sempre que se trate de proxectos integrais cuxo obxecto principal sexa a mellora da eficiencia enerxética.

Para os efectos da súa valoración, consideraranse proxectos integrais aqueles que combinen polo menos dúas das tipoloxías de actuacións das letras a), b) e c) anteriores.

2. Os investimentos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda. Para tal efecto, a entidade solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda no modelo do anexo I. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un acordo do órgano competente da entidade local que dispoña o inicio do procedemento de contratación.

Neste sentido, os traballos preparatorios, como a redacción do proxecto, a certificación enerxética do edificio ou a realización dunha auditoría enerxética, entre outros, non se consideran inicio dos traballos, sempre que se contratasen e executasen con data posterior ao 1 de xaneiro de 2024.

3. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, se realicen dentro dos prazos fixados nestas bases reguladoras e reúnan os requisitos establecidos nelas.

En todo caso, para seren subvencionables os proxectos deberán ser de execución plurianual; polo tanto, as obras teñen que iniciarse en 2024 e a súa execución non poderá exceder a data fixada para a anualidade 2025 no artigo 18 destas bases reguladoras.

4. Os gastos subvencionables clasifícanse en custos directos, é dicir, aqueles que se poden asignar de maneira clara ás unidades que constitúen o proxecto e que se determinan con base no seu custo real, e custos indirectos, aqueles que afectan de xeito xenérico o proxecto e que se determinan con base no método de custos simplificados establecido no artigo 54.a) do Regulamento (UE) 2021/1060 (RDC).

5. Son custos directos:

a) Os gastos das obras imputables ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais para a execución dos proxectos relacionados nas letras a), b) e c) da alínea 1 deste artigo, incluídos os gastos derivados da implantación de sistemas de contabilización, xestión e medición do consumo enerxético e de sistemas de xestión enerxética. Para estes efectos, considéranse subvencionables os custos de execución material máis os gastos xerais e o beneficio industrial, de ser o caso.

b) Son tamén subvencionables os custos directamente relacionados cos investimentos que se efectúen, tales como honorarios de arquitectura e enxeñaría correspondentes á redacción dos proxectos técnicos, dirección de obra ou coordinación de seguridade e saúde, ou a realización das auditorías e das certificacións enerxéticas, sempre que se contratasen e executasen con data posterior ao 1 de xaneiro de 2024. O importe total destes custos xerais non poderá superar o máximo do 12 % do investimento subvencionable.

c) De acordo co previsto no artigo 64.1.c) do Regulamento (UE) 2021/1060, do 24 de xuño, e o artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o imposto sobre o valor engadido (IVE) considérase subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación.

6. En aplicación da opción de custos simplificados prevista no artigo 54.1.a) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, os custos indirectos do proxecto fíxanse no importe resultante de aplicar un tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables recollidos na alínea 5 deste mesmo artigo.

7. Para seren subvencionables os proxectos deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Para garantir a contribución desta liña de subvencións ao cumprimento dos obxectivos do programa, os proxectos deberán acreditar, na forma establecida no artigo 6.5, unha redución mínima inicial do 20 % en consumo anual de enerxía primaria non renovable e nas emisións de gases de efecto invernadoiro.

b) Terán a consideración de edificio ou infraestrutura destinados á prestación de servizos municipais aqueles relacionados co exercicio de calquera das competencias referidas no artigo 25 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, ou coa prestación dos servizos incluídos no artigo 26 da mesma lei.

c) Os proxectos serán completos e de fase única, susceptibles da súa posta en servizo inmediata para o cumprimento da finalidade a que están destinados como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado. En ningún caso se admitirán fases de proxectos.

8. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde ou na normativa xeral de subvencións, en ningún caso serán elixibles:

a) Os xuros debedores das contas bancarias; os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais, así como calquera outro recollido con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Os gastos correntes en bens e servizos necesarios para o exercicio das actividades das entidades locais.

c) Os investimentos de carácter inmaterial non incluídos na alínea 5 deste artigo.

d) A adquisición de terreos.

e) As obras de reparación e de mantemento imputables ao capítulo 2 do orzamento de gastos da entidade local, os proxectos de redes de luz pública exterior, os proxectos de iluminación que consistan unicamente na substitución de lámpadas ou luminarias ou aqueles destinados á colocación, substitución ou reparación de elementos e pezas illadas nos edificios públicos.

f) Os investimentos que reformen, substitúan ou modifiquen outros financiados anteriormente cunha subvención concedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou por unha entidade instrumental integrante do sector público autonómico, dos cales aínda non pasasen cinco anos desde a data de certificación do gasto.

9. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (en diante, RDC), todos os proxectos subvencionados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter unha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2022 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude. Xa que logo, se o órgano tramitador observa que un concello presentou dúas ou máis solicitudes, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para cumprir o establecido neste artigo.

De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, entenderase que desiste da presentada en primeiro lugar.

b) Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que nel se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta orde, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención e que veñen definidas no correspondente documento técnico (anteproxecto, proxecto ou memoria valorada).

O orzamento elixible total da solicitude será o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando sexa subvencionable.

c) O orzamento elixible total do proxecto non poderá ser inferior a 60.000,00 € nin superior a 150.000,00 €.

d) A entidade solicitante deberá ter a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións antes do remate do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III.

Para os efectos desta orde, entenderase que existe plena dispoñibilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non estean pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial, tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas, en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.

e) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III.

3. Constituirá causa de inadmisión da solicitude o incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. Esta liña de subvencións é susceptible de ser cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 e ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 60 %; compútase como cofinanciamento nacional, polo 40 % restante, un 20 % de fondos propios da Comunidade Autónoma e un 20 % como contribución pública dos concellos beneficiarios.

2. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.04.141A.760.3 (código de proxecto: 2023 00025 Plan de desenvolvemento local), ata unha contía máxima de 5.333.334,00 € coa seguinte distribución por anualidades:

Ano

Feder (60 %)

Fondos propios da Comunidade Autónoma (20 %)

Total

2024

2.000.000,00

 666.667,00

2.666.667,00

2025

2.000.000,00

 666.667,00

2.666.667,00

Totais

4.000.000,00

1.333.334,00

5.333.334,00

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. A axuda económica que se conceda financiará o 80 % do custo elixible do proxecto, co límite de 120.000,00 € por concello beneficiario. Polo tanto, cada concello beneficiario deberá achegar o importe equivalente ao 20 % sobre o orzamento elixible ou sobre o custo final elixible do proxecto subvencionado.

O importe da subvención e a súa repartición en cada exercicio establecerase con base na distribución do orzamento por anualidades achegado pola entidade solicitante. No entanto, a porcentaxe do proxecto para executar en 2024 non poderá ser inferior ao 50 % do orzamento total nin superará esta porcentaxe en 2025.

4. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto e existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024.

Así mesmo, estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

Ao abeiro desta normativa, o crédito previsto no número 2 deste artigo e, xa que logo, a concesión das subvencións, queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2024 para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

5. Esta liña de subvencións encádrase na estratexia do programa, os principais retos e as respostas estratéxicas, da maneira seguinte:

a) Obxectivo político 2, que busca unha Europa máis verde, hipocarbónica e en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo, entre outras medidas, unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable. Dentro deste obxectivo, as medidas de fomento reguladas nesta orde sitúanse na prioridade P2A Transición verde.

b) Obxectivo específico RSO2.1, fomentar a eficiencia enerxética e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

c) Actuación 2.1.01. Mellora da eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas públicas.

d) Ámbitos de intervención:

– 044 Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio: impútase a este campo de intervención o 47,25 % do importe total da convocatoria (2.520.000,00 €).

– 045 Renovación da eficiencia enerxética ou medidas de eficiencia enerxética relativas a infraestruturas públicas, proxectos de demostración e medidas de apoio que cumpran os criterios de eficiencia enerxética: impútase a este campo de intervención o 52,75 % do importe total da convocatoria (2.813.334,00 €).

e) Indicador de realización: RCO19. Edificios públicos con rendemento enerxético mellorado (m2).

f) Indicadores de resultado:

– RCR26. Consumo anual primario de enerxía en MWh/ano (edificios públicos).

– RCR29. Emisións de gases de efecto invernadoiro estimadas (toneladas de CO2 eq./ano).

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta orde.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

6. Están incluídas no anexo I desta orde as declaracións da persoa representante do concello solicitante para facer constar que:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que o concello asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito da xestión e a obriga de comunicar ao órgano xestor calquera caso de sospeita de fraude.

d) Que o investimento non está iniciado na data de presentación desta solicitude de subvención.

e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso.

f) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

Artigo 6. Documentación complementaria

Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable, asinada electronicamente pola persoa representante do concello, do cumprimento do principio DNSH, segundo o modelo establecido no anexo II.

2. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo do órgano competente do concello polo cal se solicita a subvención para as obras concretas que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.

b) A remisión da conta xeral do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondente ao exercicio orzamentario de 2022, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.

No certificado quedará acreditado que esta remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de envío ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar esta data de remisión.

c) A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do artigo 3.2.d) desta orde.

d) Que, segundo informe da Intervención municipal, o proxecto se imputará ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

3. Proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.

– Calendario de execución do proxecto e distribución do orzamento por anualidades.

– Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.

– Planos do Sixpac en que se indiquen as coordenadas UTM de cada unha das actuacións que integran a solicitude.

4. Memoria técnica en que se consignen os datos e se xustifique a mellora da eficiencia enerxética que se pretende acadar coa execución do proxecto, con relación aos indicadores consignados no anexo II do certificado enerxético do edificio (cualificación enerxética), para os efectos de establecer a súa elixibilidade e, de ser o caso, a súa valoración, conforme os criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.

5. Auditoría enerxética do edificio ou infraestrutura que conteña a cualificación enerxética actual e a prevista coas medidas de mellora que se pretendan implantar.

Artigo 7. Forma de presentación da documentación complementaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia dun documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento en cuestión ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Administración Local será o órgano competente para a instrución do procedemento regulado nestas bases.

2. Correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

3. Os proxectos para os que as entidades locais interesadas presentaron solicitude de subvención serán avaliados por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da que formarán parte os delegados e as delegadas territoriais da Xunta de Galicia ou persoas en quen deleguen. Actuará como secretaria a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou unha persoa funcionaria da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefatura de servizo.

Para a asistencia á comisión poderá designarse o persoal necesario con cualificación técnica adecuada por razón da materia.

Esta comisión axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Administración Local notificará ás entidades solicitantes os defectos emendables nas solicitudes e daralles un prazo máximo e improrrogable de dez (10) días para emendaren os erros ou omisións, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con indicación que, de non o faceren así, se terán por desistidas da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A Dirección Xeral de Administración Local poderá requirir as entidades solicitantes para achegaren cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a correcta verificación da solicitude ou para a súa tramitación e resolución.

3. Sen prexuízo do anterior, dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia na documentación presentada de datos ou información necesarios para a valoración da solicitude ou a presentación incompleta non serán emendables, e a solicitude avaliarase utilizando unicamente a información achegada ao expediente.

4. Unha vez rematado o prazo para a presentación das solicitudes, revisadas estas e a súa documentación e feitas as emendas necesarias, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan a documentación preceptiva serán trasladados a unha comisión para que os valore de acordo cos criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras e elabore unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Artigo 10. Resolución e notificacións

1. Unha vez que a comisión prevista no artigo 8.3 realice a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 11, da cal quedará constancia en acta motivada, e estableza a orde de prelación das solicitudes presentadas, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación das entidades beneficiarias, a denominación do proxecto subvencionado e o seu orzamento, a contía da subvención e a súa distribución por anualidades, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter, en todo caso, o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

A alteración do calendario de execución dos proxectos acordado na resolución, que terá como base o calendario de execución do proxecto e a distribución do orzamento por anualidades entregado polo concello coa solicitude, rexerase polo disposto no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. A resolución notificarase a todas as entidades interesadas segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Asemade, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención, de conformidade co artigo 23.5 da mesma lei.

4. As entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición contra esta resolución ante a persoa titular da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

5. O prazo para resolver e notificar os procedementos de subvención iniciados en virtude desta orde será de tres meses contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Criterios de avaliación

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos, ata un máximo de 100 puntos:

1. A tipoloxía do proxecto para o cal solicitan a subvención puntuarase de forma acumulada segundo as categorías seguintes, ata un máximo de 25 puntos:

a) Obras de mellora da envolvente térmica dos edificios ou infraestruturas: 10 puntos.

b) Obras de mellora dos sistemas de climatización e calefacción: 10 puntos.

c) Obras de instalación de sistemas de iluminación eficiente no interior dos edificios ou infraestruturas: 5 puntos.

2. Darase prioridade á execución de proxectos integrais asignándolles unha puntuación adicional máxima de 10 puntos de acordo coa seguinte gradación:

a) Aos proxectos integrais que combinan dúas das tipoloxías de actuacións relacionadas no artigo 2 asignaránselles 5 puntos.

b) Os proxectos integrais que combinan as tres tipoloxías recibirán 10 puntos.

3. Para contribuír á integración das enerxías renovables e para a comprobación dos resultados enerxéticos, asignaranse ata 10 puntos con base nos seguintes aspectos:

a) Os proxectos que prevexan a integración de fontes de enerxía renovable, sempre que se trate de proxectos integrais cuxo obxecto principal sexa a mellora da eficiencia enerxética: 5 puntos.

b) Os proxectos que integran a implantación de sistemas de contabilización, xestión e medición do consumo enerxético e de sistemas de xestión enerxética: 5 puntos.

4. A contribución do proxecto á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, medida en tCO2/m2 ano, xustificadas mediante a memoria técnica a que se refire o artigo 6.4 destas bases reguladoras, valorarase ata un máximo de 25 puntos, coa seguinte gradación:

a) Redución entre o 20 % e o 25 %: 10 puntos.

b) Redución superior ao 25 % e inferior ao 30 %: 15 puntos.

c) Redución superior ao 30 %: 25 puntos.

5. A redución do consumo global de enerxía primaria non renovable, estimada mediante o dato de MWh/m2 ano recollido na memoria técnica, valorarase ata un máximo de 25 puntos cos seguintes intervalos:

a) Redución entre o 20 % e o 25 %: 10 puntos.

b) Redución superior ao 25 % e inferior ao 30 %: 15 puntos.

c) Redución superior ao 30 %: 25 puntos.

6. Por acreditar unha boa xestión, ata 5 puntos. A valoración deste criterio realizarase con base nun informe emitido pola Intervención da entidade solicitante, no cal se fagan constar os seguintes datos:

a) Que a entidade local rendeu a conta xeral do exercicio 2022 dentro do prazo legalmente establecido: 2 puntos.

b) Que a entidade local cumpriu coa estabilidade orzamentaria no exercicio 2022: 2 puntos.

c) Que a entidade local aprobou no prazo legalmente establecido o orzamento para 2022 e non tivo prorrogado o do exercicio anterior: 1 punto.

7. En caso de presentar solicitude unha entidade resultante dun proceso de fusión municipal, outorgaranse os 30 puntos máximos dos números 1 e 6 anteriores pola simple presentación dela, en cumprimento dos criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas a entidades locais aprobados polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013.

8. Se coincidir a puntuación de varias solicitudes, prevalecerá aquela cuxa data e hora de presentación fose anterior segundo conste no Rexistro Electrónico Xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.

Porén, naqueles supostos en que, ao abeiro do establecido no artigo 9 desta orde, se lles requirise aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por rexistro de entrada da solicitude presentada a data e a hora en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Aceptación

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

A aceptación da subvención implica, en todo caso, o compromiso de execución completa do proxecto que fundamentou a resolución de concesión.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención.

Artigo 15. Publicidade dos datos

1. Transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida por esta, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A cesión de datos de carácter persoal que, de ser o caso, se deba efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da entidade beneficiaria.

2. A relación de subvencións concedidas publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
(https://cpapx.xunta.gal/axudas-e-subvencions).

3. A aceptación da subvención implica aceptar tamén a inclusión nunha lista de operacións a que fai referencia o artigo 49 do Regulamento (UE) 2021/1060, que deberá facer pública a autoridade de xestión no seu sitio web e que incluirá, entre outros, os datos das entidades beneficiarias destas axudas cofinanciadas con fondos Feder.

4. Os datos, incluídos os datos de carácter persoal, serán comunicados á Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea, na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos e en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos, segundo o disposto nos artigos 72 e 82 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real, nos prazos e na forma establecidos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade das actuacións que integran o proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, sen prexuízo das modificacións das características do proxecto subvencionado que o órgano competente poida autorizar consonte as prescricións da normativa de aplicación.

4. Realizar o proceso de tramitación, adxudicación e execución da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

5. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos posteriores ao último pagamento ao beneficiario, previsión recollida no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060, e proceder ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre unha modificación importante que afecte a natureza do investimento ou o seu réxime de propiedade antes de transcorridos cinco anos do seu remate.

O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e os bens quedarán afectados ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo mínimo de cinco anos contado a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, segundo exixe o artigo 82 do Regulamento (UE) 2021/1060.

7. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia á subvención concedida no momento en que se produza a certeza da non execución.

8. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «Non causar prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Para garantir o cumprimento deste principio na execución das actuacións, cando proceda segundo a natureza desta, os concellos beneficiarios deben cumprir as seguintes condicións específicas na execución do proxecto:

1. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do contrato prepararase para a súa reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2. Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeita a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

9. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todas as transaccións correspondentes aos investimentos subvencionados con fondos Feder ao abeiro destas bases reguladoras, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade.

10. Comunicar ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

11. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. Facer constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no caso de accións de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto cunha declaración de «Cofinanciado pola Unión Europea», de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo VII destas bases.

13. Cumprir as obrigas de visibilidade da axuda do Fondo establecidas no Regulamento (UE) 2021/1060, en particular as seguintes:

– As entidades beneficiarias recoñecerán a axuda da Unión Europea á operación e para iso, no sitio web oficial e nos medios sociais, de ser o caso, farán unha breve descrición da operación, de maneira proporcionada en relación co nivel da axuda, cos seus obxectivos e resultados e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

– Proporcionarán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible en documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, como por exemplo nos peches ou valos de obra que se coloquen durante a execución das actuacións.

– Exhibirán placas publicitarias resistentes nun lugar ben visible para o público, de tamaño mínimo A3 e colocadas ao comezo da execución da obra, nas cales figure o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060 e segundo o modelo establecido no anexo VII destas bases.

– Durante o período de obriga de conservar a documentación deberá manter, perfectamente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea se así o solicitan.

– Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre o uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC.

14. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizarán o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, e prestar colaboración e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os concellos beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto no artigo 74 e seguintes do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados, así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

15. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de lle comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

16. Adoptar medidas para garantir a compatibilidade coas políticas comunitarias en materia ambiental, de contratación pública, igualdade de oportunidades e as regras de competencia.

Artigo 17. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación das obras levarana a cabo as entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, especificamente a que rexe as contratacións das entidades locais, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos poidan derivar.

3. As ofertas deben respectar a moderación de custos exixida polo artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante a comparación entre ofertas diferentes. Xa que logo:

a) Para xustificar a adxudicación a prezos de mercado, a entidade beneficiaria deberá obter un mínimo de 3 ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e xustificar a elección entre as presentadas cando o importe do gasto subvencionable non supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

b) As entidades beneficiarias deberán acreditar, xunto coa documentación xustificativa da subvención, a publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na devandita lei.

4. En todo caso, as entidades beneficiarias achegarán a resolución de adxudicación da obra na cal se xustifique que a elección entre as ofertas presentadas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

5. Sen prexuízo de calquera outra causa, non se considerarán subvencionables as obras adxudicadas considerando as melloras consistentes na execución dun maior volume de obra ou aquelas que non aparecen definidas no prego de cláusulas administrativas particulares, e as contratacións que non inclúan o prezo como criterio de valoración.

6. As ofertas presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a construción de obras incluídas na oferta.

b) As empresas non poderán estar vinculadas entre elas, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público; xa que logo, a todas as participantes na licitación se lles exixirá unha declaración daquelas coas que teñan vinculación.

c) Deberán incluír, como mínimo, o nome e o enderezo da empresa oferente, o NIF e unha descrición detallada dos conceptos ofertados, con referencia ás partidas e unidades relacionadas no orzamento do proxecto técnico cuxa execución se pretende contratar.

7. Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

8. Para dar cumprimento ao principio de non causar dano significativo ao ambiente (DNSH), os contratistas e subcontratistas asinarán unha declaración responsable, segundo o modelo establecido no anexo II destas bases, e no caso de contratos de obras deberán, ademais, cumprir as condicións específicas establecidas no artigo 16.8 destas bases reguladoras.

9. Deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, Fondos Feder e da Xunta de Galicia en todo o proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario, incorporando de forma visible o símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia, de acordo coa imaxe corporativa oficial, e o emblema da Unión Europea, xunto coa declaración de cofinanciamento, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060.

En cumprimento desta obriga, as entidades beneficiarias coidarán especialmente de que en toda a documentación relacionada coa execución do proxecto subvencionado se utilicen as medidas de información e publicidade indicadas.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 31 de outubro de 2024, na primeira anualidade, sen prexuízo de que as certificacións de obra e as facturas emitidas desde esta data ata o 31 de decembro poidan aplicarse para xustificar a anualidade 2025.

De acollerse ao réxime de pagamento anticipado da primeira anualidade, os concellos terán de prazo ata o 31 de decembro de 2024 para executar as actuacións subvencionadas, aprobar as facturas e certificacións de obra e proceder ao seu pagamento. Para a presentación da documentación xustificativa terán de prazo ata o 31 de xaneiro de 2025.

Na segunda anualidade, o prazo de execución e xustificación finalizará o 31 de outubro de 2025.

2. Para os efectos do establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado nestas bases reguladoras.

3. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións para acreditar a execución do proxecto subvencionado, nos prazos indicados no número 1 deste artigo, é a seguinte:

a) Facturas e certificacións de obra coa respectiva relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local. Ambos os documentos deben conter información suficiente para relacionalos co gasto xustificado.

b) Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, debidamente identificado, en que consten os datos seguintes: titularidade da conta desde a que se realiza o pagamento, que debe coincidir coa entidade local beneficiaria da subvención, persoa física ou xurídica receptora do pagamento, que debe coincidir coa adxudicataria do contrato de obras, importe pagado, número de factura obxecto de pagamento e data de valor da operación.

c) Declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante do concello, segundo o modelo do anexo IV desta orde, en que se faga constar:

– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

– Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro, para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia.

– Data de colocación da placa ou placas publicitarias.

d) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello beneficiario, segundo o modelo do anexo V, na cal se faga constar:

– O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e das correspondentes certificacións de obra, no cal conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

– Que, segundo informe da persoa secretaria do concello, na tramitación e contratación das obras se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe os contratos do sector público.

– Data de formalización do contrato ou, no caso dos contratos menores de obra, documento equivalente.

– Que consta informe da Intervención municipal en que manifesta que se tomou razón na contabilidade do pagamento dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado, antes da finalización do respectivo prazo de execución e xustificación fixado na alínea 1 deste mesmo artigo.

e) Con relación ao procedemento de contratación, a entidade beneficiaria deberá presentar:

– O documento acreditativo da publicación do anuncio da licitación do contrato por calquera dos medios establecidos no artigo 347 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público ou, no caso de contratos menores, as 3 ofertas que deben obter antes da contratación.

– A resolución de adxudicación da obra onde quede acreditado que a elección entre as ofertas se realizou con base en criterios de adxudicación fundados na mellor relación calidade-prezo ou, nos supostos permitidos pola lei, nun único criterio de adxudicación relacionado cos custos.

– A documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de contratación exixidos polas presentes bases: obxecto social das empresas licitadoras, declaración de vinculación nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público e a oferta presentada por cada unha co contido mínimo establecido no artigo 17.6 desta orde.

– A declaración responsable de cumprimento do principio de non causar dano significativo ao ambiente (DNSH), asinada pola persoa representante do contratista e, de ser o caso, dos subcontratistas, segundo o modelo do anexo II.

f) O cumprimento das condicións específicas establecidas no artigo 16.8 acreditarase mediante a achega da seguinte documentación:

– No caso da condición específica número 1, deberán achegarse os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Lista europea de residuos (LET) e a porcentaxe de valorización alcanzada.

– No caso da condición específica número 2, deberá achegarse un certificado expedido pola empresa contratista conforme para a execución do contrato non se utilizaron amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006.

4. Na última anualidade do proxecto, ademais da documentación xustificativa anteriormente relacionada, as entidades beneficiarias deberán presentar dentro do prazo sinalado nestas bases:

a) A acta de recepción definitiva da obra.

b) O informe de indicadores de realización e de resultado asociados á execución do proxecto, emitido por persoal técnico competente no modelo do anexo VI, acompañado da certificación enerxética do edificio realizada despois da execución das actuacións que integran o proxecto subvencionado:

– Indicador de realización (RCO19): consignaranse os datos dos m2 dos edificios públicos con rendemento mellorado como consecuencia da realización das obras subvencionadas.

– Indicadores de resultado. Con base nos datos da cualificación enerxética do edificio (a previa e a posterior á execución do proxecto) sinalarase:

i. O dato de redución do consumo anual de enerxía primaria non renovable que se produce por efecto da execución do proxecto subvencionado (RCR26), medida en
MWh/m2/ano e porcentaxe de redución lograda co proxecto.

ii. Estimación da redución das emisións de gases de efecto invernadoiro acadadas coa execución do proxecto subvencionado, medida en toneladas de CO2/m2/ano (RCR29) e porcentaxe de redución lograda co proxecto.

c) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde deberán achegar:

– Fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

– Fotografías da placa ou placas publicitarias, no modelo do anexo VII, fabricada nun material resistente e colocadas nun lugar visible no lugar das actuacións. Esta placa deberá permanecer instalada durante, cando menos, cinco anos.

– Proba do cumprimento da obriga da publicación na súa web oficial e nos medios sociais, de ser o caso, do recoñecemento da axuda da Unión Europea á operación, de conformidade co establecido na alínea 13 do artigo 16 destas bases reguladoras.

5. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

6. Se o concello beneficiario cumpre a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión e presenta a documentación xustificativa no tempo e na forma fixados nestas bases reguladoras, a Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a devandita xustificación, proporá o libramento dos fondos ou, no caso dos pagamentos anticipados, emitirá informe de conformidade coa xustificación presentada.

7. A falta de presentación da xustificación nos prazos indicados ou a súa presentación insuficiente e incompleta comportará o reintegro das cantidades percibidas e/ou a perda do dereito ao cobramento da subvención, segundo proceda, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 19. Réxime de anticipos e pagamento da subvención

1. O pagamento da subvención en cada anualidade aboarase logo da presentación da xustificación equivalente á contía establecida na resolución de concesión, conforme a distribución de anualidades establecidas nela.

2. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de financiamento establecida na resolución de concesión.

En ningún caso o menor custo de execución do proxecto subvencionado pode supoñer unha execución deficiente do proxecto; a entidade beneficiaria da subvención debe cumprir as condicións da concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

3. Sen prexuízo do anterior, o libramento da subvención na primeira anualidade non poderá superar a cantidade establecida na resolución de concesión para este exercicio orzamentario. No entanto, os xustificantes de gasto por riba dese limiar poderán imputarse á anualidade 2025 sen que isto implique incremento da achega correspondente ao referido exercicio orzamentario.

4. Para o cobramento da segunda anualidade da subvención concedida, será requisito indispensable ter completamente executado o proxecto que fundamentou a resolución de concesión na data límite de xustificación e telo acreditado mediante a presentación da documentación xustificativa establecida nestas bases.

5. Poderase realizar o pagamento da contía da subvención correspondente á primeira anualidade, en concepto de pagamento anticipado que se fará efectivo mediante resolución motivada do órgano concedente, unha vez que o concello beneficiario presente a aceptación expresa da subvención.

O importe do anticipo non superará o 50 % da subvención total, de acordo co previsto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

6. Revisada a documentación que a entidade beneficiaria debe presentar para xustificar a primeira anualidade da subvención, de comprobar que ao importe xustificado lle tería correspondido un pagamento inferior á cantidade librada en concepto de anticipo, compensarase o exceso de financiamento de forma automática na liquidación da última anualidade, mediante a dedución do seu importe sobre a cantidade da subvención que debería percibir o concello beneficiario en relación cos xustificantes de gastos e de pagamentos realizados en 2025.

Nos supostos en que non proceda ningún libramento na anualidade 2025, a entidade beneficiaria poderá proceder á devolución voluntaria da subvención, e achegará o xustificante bancario acreditativo do reintegro na forma indicada no artigo 21.

Artigo 20. Comprobación material do investimento

1. No caso de subvencións superiores a 60.000,00 €, con carácter previo á proposta de pagamento da última anualidade realizarase a comprobación material do investimento, do cal quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada por unha persoa representante da Administración e pola persoa representante da entidade beneficiaria.

2. A comprobación pode efectuala un representante distinto do concedente da subvención. Excepcionalmente, poderase substituír esta comprobación por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

3. Para os efectos do previsto no artigo 30.2 da Lei de subvencións de Galicia, encoméndaselles ás delegacións territoriais da Xunta de Galicia a realización das comprobacións materiais que deriven desta orde.

Artigo 21. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención pagada, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante a Dirección Xeral de Administración Local a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o texto «Devolución subvención. PR486D/2024».

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen causas de perda do dereito ao cobramento da subvención ou, de ser o caso, de reintegro das cantidades percibidas, as seguintes:

a) Non achegar a documentación xustificativa en tempo e/ou en forma ou a súa presentación insuficiente ou incompleta con respecto aos termos exixidos nestas bases reguladoras. A falta ou insuficiente xustificación implicará que non se teñan por realizados o proxecto subvencionado nin o gasto, polo que a perda de dereito será total.

Compréndense neste suposto a inclusión de gastos que non correspondan ao proxecto subvencionado ou aqueles xustificados con documentos que non reflictan a realidade das operacións.

b) O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, tanto nestas bases reguladoras como na normativa xeral de subvencións. En particular, e sen prexuízo doutros supostos aplicables, consideraranse incumprimentos das condicións establecidas os seguintes:

1. Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión dentro dos prazos establecidos na presente orde. A acreditación deste dato realizarase mediante a correspondente certificación ou certificacións de obra e da acta de recepción definitiva; o seu incumprimento implica unha vulneración da obriga material principal da entidade beneficiaria, polo que suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

2. O pagamento dos gastos para a execución do proxecto subvencionado fóra das datas límite fixadas no artigo 18 destas bases reguladoras. De acordo co principio de proporcionalidade, sempre que mediante as certificacións de obra e a acta de recepción definitiva quede acreditada a execución total da obra dentro do prazo establecido, a perda de dereito será parcial e afectará só os importes pagados con posterioridade ás devanditas datas.

3. O incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, nomeadamente a obriga de colocar as placas publicitarias en todos os lugares en que se executen as actuacións que integran o proxecto subvencionado. A vulneración das obrigas sobre publicidade suporá a perda do dereito ao cobramento dunha cantidade equivalente ao 5 % do importe da subvención concedida.

4. O incumprimento das normas e condicións relativas á contratación, contidas nestas bases e demais normativa de aplicación, suporá a perda total do dereito ao cobramento da subvención.

5. O incumprimento dos obxectivos de eficiencia enerxética, ou a súa insuficiente acreditación, suporá a perda do dereito ao cobramento do importe equivalente ao 50 % da subvención; pero se este incumprimento implica unha alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes, a perda do dereito será total.

6. O incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un período mínimo de cinco anos. O incumprimento da obriga de destino referida producirase, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens e quedarán estes afectos ao pagamento do reintegro, calquera que for o seu posuidor.

7. Calquera outra causa que poña de manifesto que a entidade non reunía os requisitos para ser beneficiaria destas subvencións ou a alteración dos supostos que serviron de base para a avaliación das solicitudes.

8. O incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de calquera outro que resulte da normativa aplicable.

2. A perda do dereito ou o reintegro serán da totalidade da subvención ou por unha cantidade parcial segundo afecten todas ou algunha das actuacións que integran o proxecto subvencionado.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

Artigo 23. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia ou falta de presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar outros concellos que presentasen solicitude de subvención en prazo ao abeiro desta orde, respectando en todo caso a orde de prelación establecida na acta da Comisión de Valoración.

Artigo 24. Modificación

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, se non causa prexuízo a terceiro.

3. As presentes bases habilitan para autorizar as modificacións das características dos proxectos subvencionados atendendo aos obxectivos e requisitos da orde e ao cumprimento da normativa de aplicación, se estes cambios non alteran o baremo ou desvirtúan o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto máis ala das datas límite establecidas nestas bases reguladoras, nin aquelas que supoñan un incremento do custo do proxecto.

A autorización para a modificación do proxecto acordarase por resolución do órgano competente para a concesión destas axudas, sempre que non se trate dunha modificación substancial do contrato de obras e non se cause prexuízo a terceiro.

4. Malia o anterior e sen necesidade de instar procedemento de modificación de subvención, poderanse aceptar variacións nas partidas de gasto do proxecto subvencionado sempre que as variacións non superen en conxunto o 20 % do orzamento total, que non aumente o importe total do gasto aprobado e que non desvirtúen as características do proxecto e condicións que foron tidas en conta para a resolución de concesión.

Estas modificacións deberan acompañarse dun informe técnico que explique e xustifique os cambios introducidos.

5. Cando a modificación da resolución implique unha minoración do importe total concedido ou da súa repartición entre anualidades, tramitarase a correspondente modificación do expediente de gasto.

Artigo 25. Alteración dos modelos normalizados

1. Non se aceptará ningún modelo normalizado que os concellos solicitantes ou beneficiarios deban presentar, segundo as prescricións destas bases reguladoras, que conteña emendas ou riscaduras.

2. Calquera observación ou aclaración que as persoas interesadas precisen engadir con respecto ao contido dos modelos normalizados realizarase nun documento á parte.

3. O incumprimento desta norma podería dar lugar á inadmisión da solicitude, á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao seu reintegro.

Artigo 26. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

Estas subvencións son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Medidas antifraude e irregularidades

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Disposición derradeira primeira

Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, de conformidade co previsto no artigo 3 da Orde do 14 de xullo de 2022, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 137, do 19 de xullo), en relación co previsto na disposición adicional segunda do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nestas bases aplicarase a regulamentación contida na normativa seguinte:

– Regulamento (UE) 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

– Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión e Fronteiras e a Política de Visados.

– Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

– Normativa ambiental europea, particularmente o establecido no artigo 17 do Regulamento 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que regula o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio Do no significant harm-DNSH), así como a súa normativa de desenvolvemento e execución.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

– A restante normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file