DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2024 Páx. 4936

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, destinadas ao impulso da boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR651C).

missing image file

Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) constitúen unha forma de propiedade en común de natureza xermánica singular no contexto estatal e localízanse maioritariamente no noroeste de España e case exclusivamente en Galicia. Segundo datos do Rexistro de MVMC existen na actualidade 3.312 montes clasificados polos xurados provinciais, totalizando 664.230 ha, o que dá unha cifra media de 220 ha por monte (rango de 92 a 430 ha, segundo o distrito forestal).

A distribución dos MVMC non é homoxénea nas 4 provincias galegas: un 39,2 % destes montes sitúase en Ourense, un 30 % en Lugo, un 21,7 % en Pontevedra e só o 9,1 % na Coruña. O número total de comuneiros en Galicia é de 122.734, cunha media de 44 comuneiros por monte. As cifras indican a grande importancia superficial e social deste tipo de propiedade privada e colectiva (regulada no artigo 60 da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia).

Con todo, os importantes cambios socioeconómicos acaecidos no medio rural galego durante a segunda metade do século XX e o XXI desencadearon problemas importantes de abandono da xestión, que supuxeron nalgúns casos que non se dispuxera de estatutos vixentes ou de non ter a xunta reitora actualizada. Prodúcense tamén problemas no mantemento actualizado do censo de comuneiros ou na comunicación en tempo dos reinvestimentos. En particular, ao abeiro dos datos publicados no Anuario de Estatística Forestal (ano 2019), a situación é máis desfavorable no distrito VII A Fonsagrada-Os Ancares, no distrito IX Lugo-Sarria e nos distritos da provincia de Ourense, que amosan unha menor porcentaxe de comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) que se atopan ao día na súas obrigas administrativas e legais.

Segundo o exposto, a Consellería do Medio Rural considerou necesario establecer unha liña de axudas para impulsar a boa gobernanza nas CMVMC e o día 9 de febreiro de 2021 publicou no DOG núm. 26 a Orde de 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das axudas, en concorrencia competitiva, destinadas ao impulso da boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais e man común, financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR651C). Esta orde configurouse con catro actuacións subvencionables, as dúas primeiras financiadas polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e as outras dúas foron cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Tendo en conta a experiencia na xestión desta axuda e a boa acollida que tivo entre as comunidades de montes veciñais en man común, e para continuar coa política de fomento da boa gobernanza dos montes galegos, a Consellería do Medio Rural considera oportuno continuar coa liña de axudas.

Como novidade, esta orde de axuda inclúe a boa gobernanza nas xuntas xestoras ou nas asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Son os montes conservados en pro indiviso e cuxos copropietarios, sen prexuízo de realizaren en común aproveitamentos secundarios, tiñan ou manteñen o costume de reunirse para repartir entre si porcións determinadas de monte ou senras para o seu aproveitamento privativo, asignacións que se fan en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados. Trátase, por tanto, dun tipo de propiedade privada colectiva de tipo romano, en que son posibles as vendas e herdanzas das cotas de cada copropietario, cotas que non teñen por que ser iguais. Da mesma maneira, e coas limitacións legais de parcelación, son susceptibles de división ou segregación.

Na actualidade están contabilizados un número de 52 montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo que totalizan unha superficie de 11.255 ha, principalmente na provincia de Lugo cun 92,31 % do total.

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, cara á neutralidade carbónica, aprobado polo Decreto 140/2021, do 30 de setembro, que se estrutura en distintos eixes estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega. Concretamente:

Eixe III. Xestión forestal e loita contra o abandono do monte-industria.

III.2. Iniciativas de activación da xestión forestal privada.

III.2.2. Programa de dinamización da xestión en montes veciñais en man común.

III.2.3. Programa de dinamización da xestión en montes de varas.

Esta orde de axudas financiase co Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR), establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Estas axudas teñen o seu encaixe no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e encádrase no marco de actuacións previstas para o cumprimento dos fitos e obxectivos CID recollidos no anexo da Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (CID), así como na Decisión sobre os acordos operativos (OA). Dentro dos obxectivos que recolle o PRTR no seu compoñente 4 (C4), Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, está alcanzar un bo estado de conservación dos ecosistemas mediante a súa restauración ecolóxica cando sexa necesaria, e reverter a perda de biodiversidade, garantindo un uso sustentable dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.

Este compoñente inclúe, entre outros, o investimento 4 (I4), Xestión forestal sustentable, que se compón de investimentos para a xestión forestal, no que se formulan:

1. Plans de soporte técnico ás persoas propietarias e administracións forestais para a consolidación da propiedade pública e a redacción de proxectos de ordenación ou plans de xestión e as súas revisións, así como a súa aplicación.

2. Unha liña de actuación sobre o reto demográfico, para a loita contra o despoboamento e garantir a cohesión territorial e social.

3. Un especial esforzo en materia de defensa dos ecosistemas mediante a loita contra incendios, por ser un elemento especialmente importante no noso país.

As actuacións recollidas nesta orde de axuda, que se enmarcan no compoñente 4 (C4) do PRTR, intervención 4 (I4) , teñen asignado un campo de intervención cuxo código é o 050 cun coeficiente de contribución do 40 % aos obxectivos climáticos e do 100 % aos obxectivos ambientais, segundo o anexo VI do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

En cumprimento do disposto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no Regulamento (UE) nº 2021/241, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión (2021/C 58/01) guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo», así como co requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (CID) e o seu documento anexo, así como na Decisión sobre os acordos operativos (OA), todas as actuacións financiadas que se levarán a cabo en cumprimento da presente orde deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Isto inclúe, se é o caso, o cumprimento das condicións específicas previstas no compoñente 4 (C4), investimento 4 (I4), en que se enmarcan as ditas actuacións, tanto no referido ao principio DNSH, como á etiquetaxe climática e dixital, e especialmente as recollidas nos números 3, 6 e 8 do documento do compoñente do plan, no CID e no OA.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas destinadas a impulsar a boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR651C).

2. Estas axudas ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 4 (I4), Xestión forestal sustentable, do compoñente 4 (C4), Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España e contribuirán ao cumprimento dos obxectivos asociados a ela, de acordo coa normativa reguladora do Mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de recuperación a nivel europeo e nacional.

3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo » a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

Artigo 2. Entidades beneficiarias, requisitos e superficie de aplicación

1. As entidades beneficiarias son as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) e as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

2. As entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Para poder acceder a esta subvención, as CMVMC deben:

a) Estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

b) Cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal.

Estes requisitos deben estar acreditados dentro do prazo de presentación de solicitudes.

4. Para poder acceder a esta subvención os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo deben, dentro do prazo de presentación de solicitudes, cumprir co estipulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

5. Non poderán ser beneficiarias aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as entidades solicitantes deberán declarar na solicitude que non se encontran en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

6. Non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades que teñan débedas por reintegro de axudas ou préstamos coa Administración, ou estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. Esta orde será de aplicación aos montes ou terreos forestais, segundo a definición do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan a clasificación de monte veciñal en man común ou de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, con exclusión dos terreos cun proceso iniciado de expropiación forzosa.

Artigo 3. Actuacións obxecto de axuda

1. Será obxecto de axuda as seguintes actuacións:

a) Actuación para a revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes veciñais e man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

b) Actuación para o deslindamentos parciais entre montes veciñais en man común e/ou montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo.

2. Para a revisión dos esbozos das carpetas-ficha seguiranse os trámites dispostos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia. Ademais, o procedemento de deslindamento do perímetro lindeiro entre montes é o establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

3. Estas actuacións non son compatibles entre si cando a intervención sexa sobre o mesmo tramo do perímetro do monte, non obstante, poderanse solicitar as dúas actuacións se a intervención é sobre tramos distintos e imputarase o custo subvencionable de cada tramo á actuación correspondente.

Artigo 4. Intensidade e compatibilidade da axuda

1. A intensidade da axuda poderá ser de ata o 100 % do investimento total subvencionable, e o importe máximo subvencionable por entidade beneficiaria é de 20.000 € (IVE excluído).

2. A concesión da axuda será incompatible coa percepción doutras subvencións para a mesma finalidade e obxecto, sempre que sexa para o mesmo tramo de perímetro.

3. Tanto na solicitude da axuda como na solicitude de pagamento, a entidade beneficiaria deberá indicar o detalle doutros ingresos ou subvencións que financien a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia.

4. O IVE non é subvencionable.

Artigo 5. Financiamento e distribución do crédito

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2024 e 2025, con cargo ao código de proxecto 14.03.713B.770.0. 2021 00179, por un importe de 490.000 € distribuídos do seguinte xeito:

– 392.000 €, ano 2024.

– 98.000 €, ano 2025.

2. Segundo as actuacións obxecto de axuda definidas no artigo 3, o crédito distribúese do seguinte xeito:

– Actuación de revisión de esbozos das carpetas-ficha: asígnase un crédito total de 294.000 €, que se distribúe como segue:

• Para os montes veciñais e man común asígnase un crédito total de 205.800 €, importe que se reparte como segue: 164.640 € para o ano 2024 e 41.160 € para o ano 2025.

• Para os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo asígnase un crédito total de 88.200 €, importe que se reparte como segue: 70.560 € para o ano 2024 e 17.640 € para o ano 2025.

– Actuación de deslindamentos parciais: asígnase un crédito total de 196.000 €, que se distribúe como segue:

• Para os montes veciñais e man común asígnase un crédito total de 137.200 €, importe que se reparte como segue: 109.760 € para o ano 2024 e 27.440 € para o ano 2025.

• Para os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo asígnase un crédito total de 58.800 €, importe que se reparte como segue: 47.040 € para o ano 2024 e 11.760 € para o ano 2025.

3. No caso de que, unha vez priorizados os expedientes que cumpran as condicións e criterios establecidos nesta orde, non se consuma a totalidade do importe establecido pola distribución de crédito arriba indicada para cada persoa beneficiaria ou actuación, os importes sobrantes pasarán a financiar, segundo sexa o caso, o outro beneficiario ou a outra actuación.

4. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente publicará esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

5. Esta orde xestiónase mediante tramitación anticipada de gasto, conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

6. As actuacións subvencionables serán financiadas integramente pola Unión Europea a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEu, aprobado polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 4 (C4), Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, investimento 4 (I4), Xestión forestal sustentable.

Artigo 6. Compromisos

1. A persoa beneficiaria comprométese en todo momento a facilitar as tarefas de inspección ao persoal adscrito á consellería competente no medio rural nas materias relacionadas nesta orde.

2. No caso de cesións de pagamento, o titular da conta bancaria debe coincidir co cesionario e comprométese a manter a conta aberta ata o final do proceso de xestión da axuda.

3. En aplicación dos artigos 2.2.b) e 4 da Orde HFP/1030/2021, as persoas beneficiarias deben cumprir no que afecte as actuacións establecidas nesta orde co compromiso de etiquetaxe verde e dixital previsto, para cada compoñente, no PRTR, con base no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

4. As persoas beneficiarias desta orde comprométense a cumprir co principio horizontal de «Non causar prexuízo significativo» (DNSH) definido no artigo 2.6) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, respecto dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021 e definidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 (Regulamento de taxonomía da UE):

a) Mitigación do cambio climático.

b) Adaptación do cambio climático.

c) Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

d) Transición cara a unha economía circular.

e) Prevención e control da contaminación.

f) Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

5. A entidade beneficiaria comprométese a realizar todos os trámites e xestións necesarios, segundo os requisitos establecidos no artigo 53 e na disposición décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ata acadar unha resolución aprobatoria do xurado provincial de montes veciñais en man común, aspecto que poderá ser comprobado de oficio.

Artigo 7. Criterios de baremación

1. Establécese unha orde de prioridade segundo a seguinte prelación tendo en conta que a data de referencia á hora de computar os méritos será a correspondente ao derradeiro día de presentación de solicitudes. As solicitudes presentadas ordenaranse, de acordo cos criterios de prioridade indicados na seguinte epígrafe, e aprobaranse os proxectos de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible:

a) Por cada membro da CMVMC ou da asemblea de copropietarios ou xunta xestora dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, que figuren no correspondente rexistro segundo o caso: 1 punto, ata un máximo de 10 puntos.

b) Monte con proxecto de ordenación inscrito no Rexistro de Montes Ordenados, ou que teñan solicitada a súa aprobación: 10 puntos.

c) Monte con certificación forestal co sistema PEFC ou FSC: 20 puntos.

d) Monte sen convenio ou consorcio en toda a superficie clasificada: 30 puntos.

e) Se a superficie do monte está en zonas con limitacións naturais ou limitacións específicas de acordo co artigo 32.1.a) do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello: 10 puntos.

f) Zonas de alto risco de incendio forestal (Orde do 18 de abril de 2007 pola que se zonifica o territorio con base no risco espacial de incendio forestal): 10 puntos.

g) Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000: 10 puntos.

h) Actuacións en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 20 puntos.

i) Actuacións en montes que teñan superficies incluídas nas zonas demarcadas para implantar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus: 40 puntos. As superficies incluídas son as seguintes:

– Na área demarcada establecida polo artigo 2 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación (DOG núm. 24, do 4 de febreiro),

– No anexo IV da Resolución do 28 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se declara no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia a presenza de cinco novos positivos do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus e se ordena comezar as medidas para a súa erradicación (DOG núm. 8, do 11 de xaneiro de 2019),

– Nos puntos 1.a) e b) da Resolución do 6 de abril de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se dá publicidade ao inicio da execución de medidas fitosanitarias para a erradicación do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus na zona demarcada das Neves e na franxa tampón de 20 quilómetros coa fronteira con Portugal (DOG núm. 76, do 20 de abril).

A puntuación final será a suma das puntuacións obtidas nas letras anteriores.

2. En caso de empate, desempatarase polos seguintes criterios e na orde que se establece:

1. Actuacións en superficies incluídas nas zonas demarcadas para implantar medidas de erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (epígrafe i).

2. Actuación en zonas con limitacións naturais ou limitacións específicas (epígrafe e).

3. Actuación en zona clasificada como Rede Natura 2000.

4. Actuacións en montes en que existan masas consolidadas de frondosas autóctonas inscritas, ou en proceso de inscrición, no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas.

5. Actuacións en montes inscritos no Rexistro de Montes Ordenados, ou que fora solicitada a aprobación do instrumento de ordenación ou xestión forestal.

6. Maior importe de subvención.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A entidade interesada deberá presentar unha solicitude por cada actuación que pretenda solicitar das establecidas no artigo 3, dirixida á xefatura territorial da Consellería do Medio Rural da provincia onde radique o monte ou, de ser o caso, onde estea a maior superficie do monte, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I (solicitude), que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 desta orde xunto cos anexos que sexan necesarios.

3. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) De todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) De que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) De que cumpre coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non está incursa en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, a entidade non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Que a entidade non está inmersa nun proceso de concurso de acredores nin se encontra en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

e) Compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR, en concreto os seguintes:

i. Declaración responsable do cumprimento do compromiso de etiquetaxe verde e dixital prevista no PRTR, con base no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. As actuacións recollidas nesta liña de axudas teñen asignado un campo de intervención cuxo código é o 050 cunha contribución do 40 % aos obxectivos climáticos e do 100 % aos obxectivos ambientais.

ii. Declaración responsable do cumprimento do compromiso do principio horizontal de «non causar prexuízo significativo» (Do no significant harm, DNSH) que define o artigo 2.6 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, respecto dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021 e definidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 (Regulamento de taxonomía da UE):

a) Mitigación ao cambio climático.

b) Adaptación ao cambio climático.

c) Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

d) Transición cara a unha economía circular.

e) Prevención e control da contaminación.

f) Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

Atendendo ao concreto tipo de actuación, poderá resultar exixible o condicionado específico que recolle o número 8 do compoñente 4 do PRTR para este investimento (C04.I04).

f) Declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para o compoñente 4 (C04) para dar cumprimento ao establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e segundo o modelo b) do anexo IV da citada orde.

g) Declaración de compromiso de cumprimento dos principios transversais en relación coa execución de actuacións do plan de recuperación, transformación e resiliencia para o compoñente 4 (C04) para dar cumprimento ao establecido no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e no artigo 8.1 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e segundo o modelo c) do anexo IV da citada orde.

4. Toda a información para a presentación de solicitudes está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras destas axudas, pero non implica ningún dereito para a solicitante mentres non exista resolución favorable á petición.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes e emenda da solicitude

1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa solicitante será requirida para que, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indicarase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. A entidade solicitante deberá achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación que acredite, por calquera medio válido en dereito, a representación con que actúa a persoa que asina a solicitude.

b) Acreditación da propiedade: mediante a certificación do rexistro oportuno ou calquera medio de proba válido en dereito.

c) Os orzamentos ou facturas pro forma do importe do gasto subvencionable asinadas electronicamente e cos seguintes requisitos:

– Non poderán proceder de persoas físicas ou xurídicas vinculadas entre elas nin coa persoa solicitante.

– Deberán incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa ou persoa oferente, o nome ou razón social do/da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados e o seu importe unitario (desagregación de todas as actuacións polas que se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra).

No caso de que o importe do gasto subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 euros, IVE excluído, a entidade solicitante deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, en que figurarán detalladas as actuacións que se van realizar (desagregación de todas as actuacións polas que se solicita axuda por custos unitarios de unidades de obra).

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e cando a elección non recaia na proposta económica máis favorable deberá xustificarse expresamente nunha memoria. Ademais, non se admitirán as ofertas que procedan de empresas vinculadas entre elas nin coa entidade solicitante da axuda.

Estas ofertas deberán estar asinadas e incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa ofertante, o nome ou razón social da solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

Por outra banda, non poderá haber vinculación entre a solicitante da axuda e calquera dos ofertantes e, en referencia ao artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso poderá concertar a beneficiaria a execución das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa dita beneficiaria. Para estes efectos, consideraranse persoas ou entidades vinculadas aquelas que estean nalgún dos casos establecidos no artigo 18 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

En todo caso, as empresas e persoas individuais que sexan responsables das ofertas ou orzamentos deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

d) Unha memoria de actividades, que conterá, como mínimo:

1. Os datos básicos da entidade solicitante (da CMVMC ou da xunta xestora ou asemblea de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo, segundo o caso) e do/s monte/s da súa propiedade.

2. Memoria valorada xustificativa das actuacións solicitadas segundo o disposto no anexo IV, indicando unidades e custo.

3. Estimación dos quilómetros do perímetro obxecto de solicitude de axuda pública, tanto para a actuación de revisión de esbozos como para a actuación de deslindamentos parciais.

e) Documentación xustificativa que acredite que a superficie obxecto de solicitude está baixo certificación forestal consonte algún dos sistemas recoñecidos internacionalmente (PEFC ou FSC), de ser o caso.

f) Certificado do acordo que autoriza ao/á presidente/a da CMVMC a presentar a solicitude das axudas ao abeiro desta orde, tomado en asemblea xeral e asinado polo secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

De ser o caso, acordo que autoriza a persoa representante da xunta xestora ou da asemblea de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo para presentar a solicitude das axudas ao abeiro de esta orde, tomado en asemblea de copropietarios ou pola xunta xestora.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que a entidade interesada deba realizar tras a presentación da solicitude de axuda deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal).

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante.

c) NIF da entidade cesionaria (se for o caso).

d) DNI/NIE da persoa representante da persoa cesionaria (se for o caso).

e) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social a entidade solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

f) Estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Triburaria a entidade solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

g) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia a entidade solicitante e, se for o caso, a persoa cesionaria.

h) Estar inhabilitada a entidade solicitante para obter subvencións públicas.

i) Ter recibido a entidade solicitante axudas pola regra de minimis.

j) Concesións de subvencións e axudas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I (solicitude) e/ou no anexo III (comunicación cesión dos dereitos de cobramento), se for o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. No caso de que na consulta de datos o órgano xestor non obtivese resultado favorable, as certificacións que debe entregar a entidade solicitante, logo de requirimento de emenda, debe ter data de expedición posterior á data de consulta.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. Os órganos competentes para tramitar esta orde de axudas son a Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural e os servizos de montes da xefatura territorial correspondente da Consellería do Medio Rural (en diante, servizos provinciais de montes).

2. Os servizos provinciais de montes examinarán as solicitudes presentadas e requiriran ás persoas solicitantes para que, no prazo máximo de dez días hábiles, acheguen a documentación non presentada e, no caso de que as solicitudes conteñan defectos ou omisións, as emenden, conforme se establece no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Neste requirimento indicarase ademais que, se non o fixera, se terá por desistido da súa petición, logo da notificación nos termos que se recollen no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez tramitadas as solicitudes, a persoa titular da xefatura territorial proporá a relación de solicitudes que cumpren os requisitos da convocatoria e as que non os cumpren ou non se axustan, indicará a súa causa de incumprimento, e remitiraas á subdirección xeral responsable dos recursos forestais.

4. Posteriormente, a persoa titular da subdirección xeral responsable dos recursos forestais emitirá un informe onde se reflictan os criterios de priorización, as solicitudes que, de acordo coa clasificación realizada atendendo a estes criterios, cubrisen a dispoñibilidade orzamentaria, e formulará a proposta de resolución que, de acordo co artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, resolverá a persoa titular da Dirección Xeral responsable da Planificación e Ordenación Forestal por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural.

5. A aprobación das axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustarase aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. Este prazo poderase ampliar segundo o indicado no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, indicando que para as persoas físicas e xurídicas que realizan actividades económicas, ten natureza de minimis, segundo o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

7. No caso de non se ditar resolución expresa no prazo indicado, a/o interesada/o poderá entender desestimada a súa solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 21 e 25 da Lei 39/2015.

8. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Publicación de actos

1. As notificacións das resolucións de aprobación e denegación destas axudas realizaranse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como a indicación das causas da desestimación e expresaranse, ademais, os recursos que contra a resolución procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o cal deben presentarse e o prazo para interpolos. Tamén figurará a puntuación de todas as solicitudes que entran no procedemento de concorrencia competitiva.

2. Na notificación de concesión da axuda informaranse os beneficiarios de que a operación se financia a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Artigo 16. Execución dos traballos

1. O prazo para executar as actuacións subvencionadas remata o 1 de setembro de 2025.

2. As actuacións subvencionadas deberán ser realizadas/executadas por persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

3. Atendendo ao artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poderase conceder a ampliación do prazo de execución establecido, que non exceda a metade del, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos dun terceiro. Esta ampliación deberá solicitarse, como mínimo, dous meses antes de que acabe o prazo de execución. Os acordos sobre ampliación dos prazos ou sobre a súa denegación non serán susceptibles de recurso. Os servizos provinciais responsables dos recursos forestais proporán as ditas ampliacións á subdirección xeral responsable dos recursos forestais, quen elevará a proposta ao director xeral responsable da planificación e ordenación forestal para a súa aprobación con base nas funcións delegadas polo conselleiro responsable do medio rural para resolver.

4. Transcorrido o prazo establecido de execución sen ter presentado a xustificación dos traballos subvencionados a que se fai referencia no artigo 17, requirirase a beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da solicitude no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas e poderá supor a apertura dun expediente sancionador segundo se establece na Lei de subvencións de Galicia.

5. Así mesmo, no caso de ter presentada a xustificación dos traballos subvencionados se a beneficiaria fose requirida para presentar documentación adicional, e non achegase esa documentación no prazo establecido no requirimento perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.

Artigo 17. Xustificación das actuacións subvencionables

1. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o establecido no artigo 16, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de resolución de aprobación da axuda e a data final de xustificación.

2. As entidades beneficiarias deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento (anexo II), a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, que constará dos seguintes documentos:

a) Facturas que cumpran os seguintes requisitos:

1. A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

2. Deben desagregarse os conceptos obxecto de subvención e indicar a actuación ou actuacións a que se imputan.

3. Debe figurar o número de rexistro do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

b) Xustificante bancario do pagamento pola entidade beneficiaria en que conste a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

c) Memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, a contía da subvención calculada segundo as actuacións executadas de acordo cos importes do anexo IV (actuacións e importes máximos).

d) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas e dos resultados obtidos. Ademais, deberá incluír, como mínimo, a documentación relacionada no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia: acta de deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación e certificacións de aprobación por parte de cada unha das comunidades implicadas.

e) Delimitación final dos esbozos e/ou deslindamentos parciais, segundo os criterios e requisitos dos arquivos dixitais establecidos no Procedemento de actualización e modificación cartográfica de montes veciñais e man común, que está á disposición da entidade interesada na web da Consellería do Medio Rural (https://mediorural.xunta.gal).

f) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para as mesmas actividades incluídas no proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións. Ademais, declaración de que mantén os requisitos para ser entidade beneficiaria e a mesma puntuación de priorización aplicando os criterios de selección. Ambas as declaracións están incluídas no anexo II (solicitude de pagamento).

g) No caso de cesión do dereito de cobramento da axuda cun terceiro, presentará:

i. Anexo III (comunicación de cesión do dereito de cobramento).

ii. Certificado do acordo que autoriza a/o presidenta/e da CMVMC para presentar a cesión de pagamento, tomado en asemblea xeral e asinado polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

De ser o caso, acordo de autorización ao/á representante da xunta xestora ou da asemblea de copropietarios do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo para presentar a cesión de cobramento, tomado en asemblea de copropietarios ou pola xunta xestora.

iii. Copia do documento público ou privado no cal se formalizou a cesión. No caso de documento privado este deberá estar asinado electronicamente. No caso de documento público, xustificación da liquidación do imposto de transmisións patrimoniais de actos xurídicos documentados (ITPAXD).

3. As memorias económica e de actuación indicadas nas letras c) e d) do punto anterior deberán estar asinadas por persoa física que sexa técnico competente en materia forestal, consonte a definición disposta no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, ou pola persoa física representante da persoa xurídica inscrita no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor), con que a entidade beneficiaria contratou as actuacións subvencionadas.

Ademais da sinatura indicada no parágrafo anterior, levará o visto e prace expresado a través da sinatura da persoa titular da secretaría da comunidade do monte veciñal en man común beneficiaria ou do representante da xunta xestora ou da asemblea de copropietarios do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a solicitude de pagamento e a documentación complementaria, o órgano instrutor analizará a documentación xustificativa acreditativa do cumprimento e realización das actuacións obxecto de subvención e emitirá unha proposta de pagamento que elevará á Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

2. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e despois da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía concedida como subvención.

Se a entidade beneficiaria é unha CMVMC, as axudas serán obxecto de pagamento tras o informe favorable do órgano competente da propiedade forestal do servizo provincial de montes, en que se deberá indicar que este e a documentación establecida, segundo sexa o caso, no artigo 53 ou na disposición décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, é remitida ao xurado provincial de montes veciñais en man común.

Pola contra, se a entidade beneficiaria é unha xunta xestora ou asemblea de copropietarios do monte de varas, abertal, de voces, de vocerío ou de fabeo, as axudas serán obxecto de pagamento tras o informe favorable do órgano competente da propiedade forestal do servizo provincial de montes.

3. Malia o anterior, no caso de que a entidade beneficiaria concerte con terceiros a execución total das actividades obxecto de subvención e se acolla á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 3 do artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considerarase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor das persoas cesionarias, presentada de acordo co artigo 18.2.i).

4. Se a documentación presentada pola entidade beneficiaria xustifica unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada segundo o custo unitario da resolución de aprobación, sen prexuízo do disposto no artigo 21.3.

5. A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal poderá solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que considere axeitado.

6. De existiren varias entidades beneficiarias que teñan perímetro lindeiro obxecto de axuda ao abeiro desta orde, o custo subvencionable da actuación segundo o establecido no anexo IV (actuación e importes máximos) será repartido entre as beneficiarias.

A documentación xustificativa e gráfica dos deslindamentos de perímetros lindeiros de dúas ou máis entidades beneficiarias debe coincidir, en caso contrario entendese que non cumpre a finalidade e obxecto desta orde de axuda e pode considerarse causa de perda de dereito do cobramento segundo o establecido no artigo 21.

7. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres as entidades beneficiarias non figuren ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e teñan pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexan debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Se no transcurso da tramitación do expediente de axudas a persoa solicitante precisa introducir modificacións nas actuacións presentadas, poderá solicitar unha modificación da resolución de aprobación ante a Dirección Xeral Planificación e Ordenación Forestal, xustificando as razóns do cambio e acompañando a oportuna actualización do expediente que recolle as variacións das actividades previstas na solicitude orixinal.

2. O prazo para solicitar a modificación da resolución será ata dous meses antes da finalización do prazo para a xustificación dos investimentos. Poderanse modificar as resolucións individuais de axuda, sempre que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación cumpran cos criterios de selección aplicados para a concesión das axudas, sen que poida supoñer discriminación a terceiros e que non supoña a modificación da puntuación conseguida pola aplicación dos criterios de selección.

3. A autorización da modificación será expresa e por resolución da Dirección Xeral Planificación e Ordenación Forestal, por delegación do conselleiro do Medio Rural, logo da instrución do correspondente expediente de modificación e proposta motivada do órgano instrutor.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Contratación

1. A entidade beneficiaria poderá concertar con terceiros a execución total ou parcial das actividades que constitúe o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación da contratación de servizos será realizada polas persoas ou entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, de ser o caso, e serán as contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

En todo caso, deberá observarse o establecido no artigo 27 da Lei de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución das actividades subvencionadas con persoas ou entidades vinculadas coa dita entidade, segundo o establecido no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, consideraranse persoas ou entidades vinculadas aquelas que estean nalgúns dos casos establecidos no artigo 18 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

3. Nos supostos en que proceda a aplicación do previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria deberá acreditar as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

4. No caso de subcontratar parte ou toda a actividade obxecto desta subvención, a entidade beneficiaria da axuda deberá prever mecanismos para asegurar que os subcontratistas cumpran co principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente». A entidade subcontratada deberá cumprir cos principios transversais de xestión establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 21. Reintegros e perda do dereito ao cobramento da axuda

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas o abeiro desta orde e dos intereses de demora correspondentes no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, dos requisitos establecidos no articulado desta orde e, en xeral, nos casos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Para estes efectos, os intereses de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na orde de recuperación, que non se poderá fixar en máis de 60 días, e a data de reembolso ou dedución, sen prexuízo das responsabilidades que procedesen.

Sen menoscabo do establecido no primeiro parágrafo, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de reintegro e/ou infraccións e sancións previsto nos títulos II e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Será causa de perda de dereito ao cobramento dos custos subvencinables dos perímetros lindeiros se a documentación xustificativa e gráfica dos deslindamentos de perímetros lindeiros de dúas ou máis entidades beneficiarias non coincide, por entender que non cumpre a finalidade e obxecto desta orde de axuda.

3. No caso referente á contía ou conceptos subvencionados, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 40 % (execución inferior ao 60 %) da base subvencionable da axuda aprobada, entenderase que o devandito incumprimento é total e non terá dereito ao cobramento, salvo que se aprobaran todas as solicitudes desta liña que cumpren cos requisitos da orde.

4. Se se descobre que un/unha beneficiario/a efectuou deliberadamente unha declaración falsa, o expediente de axuda de que se trate quedará excluído da axuda do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU e recuperaranse todos os importes que fosen aboados polo dito expediente. Ademais, o beneficiario quedará excluído destas axudas durante o ano natural en que se detectou a irregularidade e durante o ano natural seguinte.

Artigo 22. Controis e loita contra a fraude

1. As entidades beneficiarias destas subvencións e a persoa cesionaria do dereito de cobramento, se é o caso, someteranse ás actuacións de control que realice a Consellería do Medio Rural para o seguimento das actuacións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de control e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, como é o caso, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES).

3. No control e loita contra a fraude, a Consellería do Medio Rural actuará de conformidade co establecido no seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude (https://transparencia.xunta.gal/c/document_library/get_filefolderId=1792070&name=DLFE-47375.pdf), que é de aplicación a esta orde e, polo tanto, ás persoas beneficiarias da subvención.

Artigo 23. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Alteración de condicións

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

1. A entidade beneficiaria da axuda e o solicitante están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de control, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, se é o caso, á Fiscalía Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

2. A beneficiaria está obrigada a someterse a calquera actuación que a Administración concedente poida realizar para comprobar a aplicación das axudas á finalidade que determinou a súa concesión, o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión e o pagamento da axuda e o mantemento das condicións establecidas nas bases reguladoras, a convocatoria e a resolución de concesión.

3. De conformidade co artigo 22.2.f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, é preceptiva a conservación da documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

4. As persoas beneficiarias desta orde comprométense a cumprir co principio horizontal de «non causar prexuízo significativo» (Do no significant harm, DNSH), definido no artigo 2.6) do Regulamento (UE) nº 2021/241, respecto dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 5 da Orde HFP/1030/2021 e definidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 (Regulamento de taxonomía da UE):

a) Mitigación do cambio climático.

b) Adaptación ao cambio climático.

c) Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

d) Transición cara a unha economía circular.

e) Prevención e control da contaminación.

f) Protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas.

5. Así mesmo, son obrigas das entidades beneficiarias da axuda as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. O incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de concesión de axuda, así como atoparse nas circunstancias previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ocasionará a perda do dereito á axuda.

Artigo 26. Medidas informativas e publicitarias

1. Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural aplicaranse as obrigas de comunicación, logos e emblema exixidos no artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR.

2. Do mesmo xeito, as entidades beneficiarias deben cumprir coas obrigas en materia de información, comunicación e publicidade recollidas no artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. En particular, a documentación xustificativa e memorias deberá incluír os seguintes logos:

a) O emblema da Unión. Teranse en conta as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas que se poden consultar na seguinte páxina web: http://publications.europa.eu/code/es/es-5000100.htm e descargar diferentes exemplos do emblema en: https://europa.eu/european-union/about-eu/symbols/flag_es#download

b) Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto «Financiado pola Unión Europea–NextGenerationEU».

c) Tamén se usará o logotipo do Plan de recuperación transformación e resiliencia dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

d) Tamén se empregará o logotipo oficial da Xunta de Galicia e o logotipo da Consellería do Medio Rural.

3. A entidade beneficiaria informará o público da axuda obtida do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de españa financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, durante un período mínimo igual ao da obriga de conservación da documentación xustificativa da aplicación dos fondos que se recolle no artigo 25.3 da orde, exhibindo un panel de tamaño A3 (297×420 mm), nun lugar ben visible da súa sede, que faga referencia clara e inequívoca á axuda concedida, con expresión dos datos identificativos desta orde, acompañados polo logotipo oficial da Xunta de Galicia, o logotipo da Consellería do Medio Rural e o emblema da UE, cunha declaración de financiamento que diga «Financiado por la Unión Europea-NextGenerationEU», xunto ao logo do PRTR, dispoñible na ligazón https://planderecuperacion.gob.es/identidad-visual

4. Cando a entidade beneficiaria dispoña dun sitio web para uso profesional, deberá incluír neste unha breve descrición da operación cando poida establecerse un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 28. Réxime xurídico

1. As axudas reguladas nesta orde ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 4 (I4), Xestión forestal sustentable, do compoñente 4 (C4) do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, segundo o acordado na Conferencia Sectorial de Medio Ambiente do 9 de xullo de 2021 e, polo tanto, o marco normativo básico é o seguinte:

– Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro, polo que se establece un instrumento de recuperación da UE para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19.

– Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

– Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012.

– Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) de España aprobado o 16 xuño de 2021 mediante decisión de execución do Consello de Europa.

– Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR.

– Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR.

– Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos, e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do PRTR.

– Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Sen prexuízo das normas específicas de aplicación para os fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que se poidan establecer, en defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, incluídas as sectoriais, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.

Disposición adicional primeira. Réxime de axudas de minimis

1. As axudas a persoas xurídicas que realicen actividades económicas que se poidan conceder ao abeiro da presente orde sométense ao réxime de minimis, Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352/1, do 24.12.2013), polo que cada persoa beneficiaria non poderá recibir máis de 200.000 euros de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. Para tal efecto, as posibles persoas beneficiarias da presente orde que realicen actividades económicas deberán xuntar, coa súa solicitude, declaración sobre calquera outra axuda sometida ao devandito réxime de minimis recibida nos dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio en curso.

3. Na resolución de concesión farase constar o importe da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, así como a súa natureza de minimis, segundo o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Disposición adicional segunda. Normativa subsidiaria

No non previsto nesta orde observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da UE para apoiar a recuperación tras a crise da COVID-19, no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do PRTR, na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do PRTR, na Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do PRTR, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Disposición adicional terceira. Base nacional de datos de subvencións

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Conflito de intereses

1. O presente procedemento de subvención está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décimo segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2. De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano de concesión de subvención poderá requirir aos solicitantes de axudas a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano de concesión de subvención no prazo de 5 días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

3. Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través de Minerva, o responsable de operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de intereses, indicando, en lugar do solicitante da axuda, os titulares reais recuperados polo órgano de concesión de subvención.

Disposición derradeira primeira. Habilitación competencial

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para a aplicación ou o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO IV

Actuacións e importes máximos subvencionables

Os tipos de actuacións subvencionables e o seu custo máximo son os seguintes:

Id- Acción

Descrición

Custe máximo subvencionable

2

Revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes veciñais en man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo

P= importe máximo en euros

L= km de perímetro

P= 367* (L+3)

3

Deslindes parciales entre montes veciñais en man común e/ou montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo

P= importe máximo en euros

L= km de perímetro

P= 630* (L+3)

O importe de axuda que pode percibir cada entidade beneficiaria non poderá superar os 20.000 (IVE excluído).

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file