DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5659

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024 no Sistema público de saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) foi creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, como un instrumento para a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, así como para o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios, así como a formación continuada dos profesionais das institucións sanitarias.

No exercicio das funcións que ten encomendadas, compételle á ACIS a execución e xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia.

En particular, entre as funcións asignadas no artigo 18 dos seus estatutos atópase a seguinte: «Promover a cultura innovadora en toda a organización, desenvolvendo un modelo de xestión aberto e participativo de iniciativas innovadoras e favorecendo a participación de profesionais sanitarios en proxectos de innovación sanitaria».

Co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das anteditas competencias, creouse a rede de Nodos de innovación sanitaria da Plataforma de innovación (PI), cuxo obxectivo é que os profesionais do sistema sanitario público galego, pacientes, coidadores, empresas e demais perfís implicados no sector da saúde poidan achegar ideas de mellora ou proxectos co fin de substituír procesos ou servizos por outros de maior eficiencia e/ou impacto. A principal función da rede de Nodos de innovación é recoller, valorizar e acompañar estas ideas ou proxectos co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema público de saúde de Galicia.

Para a promoción e dinamización da achega de ideas á rede por parte de calquera profesional do Sistema público de saúde de Galicia creouse un Nodo de innovación (NI) en cada unha das sete áreas sanitarias de Galicia. Esta rede de nodos de innovación recolle aquelas ideas en liña co Plan de prioridades sanitarias e coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde, que sexan innovadoras e presenten beneficios para o Sistema público de saúde de Galicia e os seus usuarios, co fin de convertelas en proxectos con resultados aplicables á realidade cotiá da práctica asistencial e estendelos a todo o Sistema público de saúde de Galicia.

A cuarta edición dos Premios de innovación en saúde pretende continuar a premiar e incentivar as ideas innovadoras dentro do sistema sanitario público galego. Así mesmo, coa finalidade de seguir impulsando a participación dos pacientes nos procesos de I+D+i e nas incorporacións de innovacións na sanidade pública, esta edición mantén a modalidade de ideas de pacientes para aquelas solucións innovadoras presentadas directamente por persoas físicas, asociacións ou organizacións de pacientes, para os efectos de que poidan ser postas en marcha dentro do sistema sanitario público de Galicia.

Polo exposto, e no uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras da IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024

Artigo 1. Finalidade

A finalidade do premio é incentivar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2024, así como as dos pacientes e as súas asociacións. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras nas cales os seus profesionais traballan, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas achegadas por persoas físicas (pacientes, coidadores etc), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse os premios ao abeiro destas bases (código de procedemento SA304A) (capítulo II).

Artigo 2. Normativa aplicable

1. A concesión dos premios efectuarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, así como os de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e de eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

2. A tramitación destes premios realizarase con suxeición ao previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no que poida ser aplicable na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Innovación que se realiza no Sistema público de saúde de Galicia que xere servizos de maior calidade e dea resposta aos retos en saúde que presenta a nosa sociedade.

Artigo 4. Candidaturas

1. Respecto á modalidade de idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema público de saúde de Galicia que desenvolva unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante), que deberá describirse tal e como se recolle no artigo 6 destas bases.

2. Respecto á modalidade de idea de pacientes: poderá presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo 4, incluído o representante).

3. Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. Na modalidade de idea de profesionais, tanto a persoa asinante como, se é o caso, todos os membros do seu equipo que presenten a candidatura deberán ser persoal tanto ao servizo da consellería competente en materia de sanidade, do Servizo Galego de Saúde como das restantes entidades instrumentais do sector público autonómico pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a cal se requira colexiación obrigatoria para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público e, en concreto, para os profesionais do Servizo Galego de Saúde e as organizacións e asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de solicitude (anexo I) en que debe figurar a seguinte información:

a) Modalidade de idea de profesionais.

– Datos da persoa ou do grupo de traballo solicitante.

– Nome da idea.

– Necesidade detectada.

– Descrición da idea/solución.

– Contorno de desenvolvemento ou aplicación.

– Impacto/beneficio esperado.

– Obxectivos e prioridades con que se aliña.

– Aspectos innovadores/tipo de innovación.

– Análise da situación (estado da arte).

– Fase da tecnoloxía ou produto.

– Factores críticos de éxito e barreiras.

– Descrición da incorporación de cidadáns ou pacientes no desenvolvemento da idea.

– Recursos necesarios para o seu desenvolvemento.

b) Modalidade de idea de pacientes.

– Datos da persoa, organización ou asociación solicitante.

– Nome da idea.

– Necesidade detectada.

– Descrición da idea/solución.

– Contorno de desenvolvemento ou aplicación.

– Impacto/beneficio esperado.

– Aspectos innovadores/tipo de innovación.

2. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

a) O formulario de descrición do equipo de traballo (anexo II) no caso de ideas que representen a un equipo, en que deberán figurar os seguintes datos:

– Datos da persoa ou do grupo de traballo solicitante.

– Membro representante do equipo (só 1 membro).

– Membros do equipo (máximo 3 membros).

3. As persoas interesadas poderán anexar, de forma opcional, xunto co formulario de solicitude (anexo I), unha memoria en formato libre que achegue máis información sobre a súa candidatura, así como un breve currículo (CV) dos membros do equipo.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Todos os anexos deberán estar asinados polo representante da idea. Só se admitirán aquelas candidaturas que estean debidamente asinadas.

6. A documentación presentada non será devolta nin se manterá correspondencia sobre ela. Non se poderá presentar documentación adicional unha vez finalizado o prazo de admisión de candidaturas, salvo que sexa requirida polo órgano instrutor durante o período de emenda.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presenta de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento da Axencia Tributaria de Galicia.

f) Certificado de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

g) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións e axudas.

h) Vinculación dos participantes na modalidade de idea de profesionais co Sistema público de saúde de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa solicitante, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Criterios de valoración

Na valoración das ideas teranse en conta os seguintes criterios:

1. Modalidade idea de profesional:

a) Prioridade estratéxica de innovación do Sistema público galego de saúde: valorarase o grao de idoneidade para desenvolver un proxecto nun momento concreto polas circunstancias específicas que o determinen. Ata 20 puntos.

b) Aliñamento e impacto co Plan de prioridades sanitarias e coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde: valorarase o grao de consonancia do proxecto proposto coa estratexia do Servizo Galego de Saúde. Ata 20 puntos.

c) Escalabilidade: valorarase o nivel en que as ideas son extrapolables máis alá do centro en que se propoñen. Ata 10 puntos.

d) Innovación: valorarase a achega innovadora que supón fronte á práctica habitual. Ata 20 puntos.

e) Beneficios para o sistema sanitario público galego ou usuarios do sistema. Ata 10 puntos.

f) Participación dos cidadáns e pacientes: valorarase a involucración dos cidadáns e pacientes na iniciativa innovadora. Ata 10 puntos.

g) Recursos necesarios para o seu desenvolvemento. Ata 10 puntos.

2. Modalidade idea de paciente:

a) Aliñamento e impacto co Plan de prioridades sanitarias e coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde: valorarase o grao de consonancia do proxecto proposto coa estratexia do Servizo Galego de Saúde. Ata 40 puntos.

b) Innovación: valorarase a achega innovadora que supón fronte á práctica habitual. Ata 40 puntos.

c) Beneficios para o sistema sanitario público galego ou usuarios do sistema. Ata 20 puntos.

3. As ideas presentadas deberán demostrar que xeran un valor para os pacientes e o sistema sanitario, en termos de mellora da calidade de vida dos pacientes e/ou en mellora da eficiencia no servizo sanitario no ámbito da provisión de servizos, prácticas asistenciais ou de xestión.

4. Non poderán presentarse ideas xa comercializadas, transferidas á industria nin aquelas que teñan comprometida a súa licenza con algunha organización ou empresa.

5. As ideas galardoadas deberán continuar no proceso de innovación descrito na páxina web da ACIS (https://acis.sergas.gal) para o seu posible desenvolvemento e implantación no Servizo Galego de Saúde.

Artigo 11. O xurado

1. Designarase un xurado común para as dúas modalidades desta convocatoria.

2. A composición do xurado terá en conta o principio de paridade entre homes e mulleres e será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Xerencia da ACIS.

b) Os vogais: persoas representantes de cada unha das seguintes unidades administrativas:

b.1. A persoa titular da Xerencia do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.2. A persoa titular da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.3. A persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.4. A persoa titular da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b.5. A persoa titular da Subdirección Xeral de Humanización e Atención á Cidadanía ou persoa en quen delegue.

c) Secretario/a: unha persoa representante da ACIS, con voz pero sen voto.

3. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, a substitución do/da presidente/a, os vogais e o/a secretario/a do xurado farase de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e, de ser o caso, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. O xurado valorará a información recibida das candidaturas de acordo cos criterios que se establecen nesta convocatoria.

5. O xurado poderá propoñer que se declare deserta a concesión do premio en calquera das súas modalidades cando considere que ningunha das candidaturas presentadas reúne a calidade suficiente.

Artigo 12. Proceso de selección

Unha vez pechado o prazo de presentación de candidaturas, o titular da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria revisará as solicitudes e a documentación presentada.

Se a documentación presentada é incompleta ou ten defectos emendables, requiriranse os interesados para que, no prazo de 10 días, emenden o defecto ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixeren, lles será denegada a participación nesta convocatoria, logo de resolución que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Posteriormente, un comité de selección constituído polo titular da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria e un representante de cada un dos sete nodos de innovación que forman parte da Plataforma de innovación sanitaria seleccionará un máximo de cinco candidaturas por cada modalidade de premio, en calidade de finalistas, para a súa valoración polo xurado.

Co fin de garantir a imparcialidade do proceso, cada un dos membros dos sete nodos só poderá valorar aquelas candidaturas distintas ás da súa área sanitaria.

O citado comité de selección aplicará os criterios de valoración recollidos no artigo 10 das presentes bases.

Artigo 13. Resolución e notificación

Os proxectos finalistas seleccionados polo comité de selección serán valorados polo xurado común que proporá dous proxectos gañadores para cada modalidade, catalogándoos como primeiro e segundo premio.

Á vista da proposta do xurado, a persoa titular da presidencia da ACIS ditará a resolución de concesión dos premios no prazo de 15 días hábiles contados desde a presentación da proposta polo xurado e farase pública a través das páxinas web do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es e da ACIS acis.sergas.es

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución da Presidencia da ACIS pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia da ACIS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou ben de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co establecido nos artigos 8.2.a) e 14 e 46, respectivamente, da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza o rexeitamento presunto do recurso de reposición interposto.

Artigo 14. Entrega de premios

Farase entrega dos premios nun acto público organizado pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde con representación institucional e coa axeitada campaña de difusión entre a sociedade.

A aceptación do premio leva implícito o consentimento para que a ACIS e a Consellería de Sanidade difundan nos medios de comunicación os gañadores dos premios.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Información e control

As persoas beneficiarias do premio quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente de resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa propia normativa.

Artigo 17. Aceptación dos termos da convocatoria e normativa reguladora

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

CAPÍTULO II

Convocatoria da IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024

Artigo 18. Convocatoria

Convócase a IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024 no Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 19. Prazo de presentación de candidaturas

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 20. Características dos Premios de innovación en saúde

1. En cada modalidade galardoaranse dous proxectos gañadores que se clasificarán como primeiro e segundo premio:

• Modalidade de idea de profesionais. Os premios consistirán na:

a) Adquisición de material e pequeno equipamento inventariable, subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vencellados ás actividades das ideas seleccionadas; e/ou

b) Asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa innovación, a un centro innovador de ámbito internacional ou actividades relacionadas cun límite de 812,5 euros por persoa para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención no caso de resultar gañador do segundo premio, e de 1.625 euros por persoa nos mesmos conceptos para o proxecto gañador do primeiro premio desta modalidade.

A dotación económica máxima na modalidade de profesionais é de 3.250 euros para o proxecto gañador do segundo premio, e 6.500 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

• Modalidade de idea de pacientes. Os premios consistirán na:

a) Adquisición de material e pequeno equipamento inventariable ou subcontratación de servizos de I+D+i vencellado ás actividades das ideas seleccionadas; e/ou

b) Formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que os premiados desta modalidade seleccionen.

A dotación económica máxima na modalidade de pacientes é de 1.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio, e 2.000 euros para o gañador do primeiro premio.

2. As persoas gañadoras recibirán o premio en especie e a ACIS encargarase de contratar e/ou pagar os gastos correspondentes ao premio de cada modalidade.

3. Todas as persoas premiadas das diferentes categorías do premio gozarán de recoñecemento público a través do acto de entrega, entrevistas para publicación e diploma acreditativo de tal condición.

4. Todos os gañadores poderán facer uso de tal circunstancia no material promocional da súa actividade, sempre que nel se faga constar ano e organismo que convoca os premios.

5. As candidaturas que sexan galardoadas co premio deberán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de innovación sanitaria para a seu posible desenvolvemento ou implantación no Servizo Galego de Saúde. O Servizo Galego de Saúde impulsará as ideas galardoadas para a súa implantación no sistema.

Tamén poderán continuar no proceso de innovación aprobado pola Administración na Plataforma de innovación sanitaria para o seu acompañamento as catro ideas preseleccionadas e non galardoadas en cada unha das modalidades.

6. O Servizo Galego de Saúde poderá promover, de acordo cos gañadores dos premios, o desenvolvemento posterior das súas ideas nas súas instalacións e coa súa colaboración. No caso de que no marco destes desenvolvementos posteriores xurda un resultado susceptible de protección mediante un título de propiedade industrial ou intelectual, o Servizo Galego de Saúde tería o dereito, pero non a obriga, de protexelo, e o Servizo Galego de Saúde sería o único titular deste, respectándolles a todos os seus participantes o dereito a seren recoñecidos como autores intelectuais e inventores seus.

Artigo 21. Financiamento

O financiamento dos premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 12.A1.561C.640.10 (proxecto: 201600005) dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2024.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Julio García Comesaña
Presidente da Axencia para a Xestión do Coñecemento en Saúde

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file