DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5685

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

EXTRACTO da Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban e se publican as bases reguladoras da IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024 no Sistema público de saúde de Galicia e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA304A).

BBDNS (Identif.): 732886.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publicase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Obxecto

Establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, a cuarta edición dos Premios de innovación en saúde do Sistema público de saúde de Galicia, para premiar as ideas de innovación dos profesionais sanitarios no ámbito da Consellería de Sanidade e no seu sector público no ano 2024, así como as dos pacientes e as súas asociacións. Os premios pretenden potenciar as ideas innovadoras en que os seus profesionais traballan, para mellorar a calidade de vida das persoas e a sustentabilidade do sistema sanitario público galego, e tamén aquelas propostas por persoas físicas (pacientes, coidadores, etc.), organizacións ou asociacións de pacientes sen ánimo de lucro.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Respecto á modalidade de Idea de profesionais: persoal ao servizo do Sistema público de saúde de Galicia que desenvolvan unha idea innovadora no sistema sanitario galego. As persoas físicas que presenten unha idea poden representar un equipo (máximo 4 persoas, incluído o representante).

2. Respecto á modalidade de Idea de pacientes: poderán presentar a súa idea calquera persoa física (pacientes, coidadores, etc.), organización ou asociación de pacientes sen ánimo de lucro. Tamén poderán presentarse varias persoas físicas, organizacións ou asociacións de pacientes representadas por unha delas (máximo de 4, incluído o representante).

3. Non poden optar ao premio os membros do xurado ou persoas vinculadas a eles por parentesco de consanguinidade ou afinidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de decembro de 2023 pola que se aproban e publican as bases reguladoras da IV edición dos Premios de innovación en saúde 2024 no Sistema público de saúde de Galicia (código de procedemento SA304A).

Cuarto. Importe

1. Os premios consistirán en:

Modalidade de Idea de profesionais: o premio consistirá na adquisición de material e pequeno equipamento inventariable, subcontratación de servizos de I+D+i ou gastos similares vencellados ás actividades da idea gañadora e/ou a asistencia a cursos de formación, a congresos relacionados coa innovación, a un centro innovador de ámbito internacional ou actividades relacionadas cun límite de 812,5 euros por persoa para aloxamento, viaxe e axudas de custo de manutención no caso de resultar gañador do segundo premio, e de 1.625 euros por persoa nos mesmos conceptos para o proxecto gañador do primeiro premio desta modalidade. A dotación económica máxima na modalidade de profesionais é de 3.250 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 6.500 euros para a candidatura gañadora do primeiro premio.

Modalidade de Idea de pacientes: o premio consistirá na adquisición de material e pequeno equipamento inventariable ou subcontratación de servizos de I+D+i vencellado ás actividades da idea gañadora e/ou formación en aspectos relacionados cos fins fundacionais da asociación ou organización sen ánimo de lucro relacionada coa saúde que o gañador desta modalidade seleccione. A dotación económica máxima na modalidade de pacientes é de 1.000 euros para o proxecto gañador do segundo premio e 2.000 euros para o gañador do primeiro premio.

2. O financiamento dos premios referidos no punto 1 anterior imputarase á aplicación orzamentaria 12.A1.561C.640.10 (proxecto: 201600005) dos orzamentos da Comunidade Autónoma Galega para o ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de candidaturas

O prazo de presentación de candidaturas será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Julio García Comesaña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde