DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5365

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR790A).

O contexto económico actual require seguir adoptando medidas de apoio a novas iniciativas empresariais e seguir atendendo o mantemento da actividade económica e do emprego.

Nestes últimos anos moitos negocios das persoas traballadoras autónomas tiveron que pechar a súas portas e deixaron estas persoas e as súas familias sen o seu sustento económico e, por outra banda, as necesidades do mercado requiren da posta en marcha de novos negocios. Apoiar e acompañar as novas iniciativas empresariais resulta imprescindible na actual conxuntura actual.

Galicia non pode permitirse desaproveitar o capital humano de quen tivo a experiencia de emprender e non tivo o éxito esperado. Como sociedade temos a obriga de pór en valor esa experiencia e facilitar a volta ao emprendemento das persoas traballadoras autónomas que tiveron que pechar os seu negocios e desexan emprender de novo. A decisión de calquera persoa que desexe pór en marcha unha idea de emprego por conta propia debe ser apoiada pola Administración pública.

O cesamento na actividade da persoa traballadora autónoma non debe representar o final da súa vida emprendedora. Co programa Nova oportunidade búscase a segunda oportunidade das persoas emprendedoras que adquiriron experiencia e que por diversas causas tiveron que cesar na súa actividade, pero queren volvan a emprender un negocio e poñer en valor a experiencia adquirida.

O programa Nova oportunidade lévase a cabo apoiando as persoas traballadoras autónomas que cumpran o requisito de cesar nunha actividade como persoa traballadora autónoma e estean inscritas como demandantes de emprego previamente á nova alta como persoa traballadora autónoma.

As bases das axudas reguladas nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, esta consellería asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

A disposición adicional do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, que regula os programas comúns das políticas activas de emprego, as comunidades autónomas poderán desenvolver programas propios adaptados á realidade do seu ámbito territorial, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ven desenvolver neste caso para incentivar e favorecer o traballo autónomo cunha nova oportunidade a quen desexa volver emprender.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

O financiamento do bono alta Nova oportunidade previsto nesta orde de convocatoria farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.322C.470.6, código de proxecto 2023 00125, cun crédito de 1.500.000 euros, que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2023.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Consecuentemente con todo o anterior, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Intervención Delegada da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do programa Nova oportunidade para as persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR790A).

2. Establécese unha modalidade de axuda para as persoas traballadoras autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma.

A súa finalidade é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou diferente sector.

O programa ten como apoio o bono alta Nova oportunidade para axudar a posta en marcha do novo negocio.

3. A xestión desta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos UE 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea, relativos ás axudas de minimis, e nesta orde.

Artigo 3. Orzamento

1. No exercicio económico de 2024, esta subvención regulada nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.322C.470.6, código de proxecto 2023 00125, cun crédito de 1.500.000,00 €, que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023, e a súa concesión queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito para o ano 2024 adecuado e suficiente no momento da resolución.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou de acordo co previsto no artigo 7.2 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou más solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 4. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver emprender, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2023 ao 30 de outubro de 2024, e atoparse de alta no momento da solicitude.

b) Ter a última alta no RETA antes desta nova alta, dentro dos últimos 3 anos desde a data da publicación desta orde.

c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA no momento da tramitación e durante un tempo mínimo de 24 meses desde a nova alta.

e) Transcorrer un período mínimo de seis meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

f) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia, con anterioridade á nova alta, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

h) Ter dado a baixa no imposto de actividades económicas da actividade precedente.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e, en todo caso, con data posterior ao 31 de outubro de 2023.

3. Quedan excluídas das axudas reguladas nesta orde as persoas traballadoras autónomas que xa foran beneficiarias con anterioridade desta axuda (TR790A), así como as persoas traballadoras autónomas membros de entidades de economía social e as persoas autónomas administradoras que non acrediten participación na empresa ou negocio. Tamén quedan excluídas as persoas autónomas colaboradoras e os membros das sociedades mercantís e sociedades laborais.

Artigo 5. Axudas

A axuda do bono alta Nova oportunidade será dunha contía de 7.500 € dirixida ás persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4, contía que se incrementará en 500 € no caso de que a beneficiaria sexa unha muller.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propoñer os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio o Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2024.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles, poida presentar no Rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento. No caso de non atender o dito requirimento, entenderase que a persoa solicitante desiste da súa solicitude. Para atender o dito requirimento poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

5. Ao ser válida unha única solicitude por persoa no caso de que algunha persoa presentase unha nova solicitude entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estivese resolta.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa interesada desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Comunicación de fraudes ou irregularidades

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego.

3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 14. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) No caso de persoas mutualistas, no momento da presentación da solicitude, certificado de alta como mutualista.

b) No caso de persoas mutualistas, certificado de baixa como mutualista e certificado do tempo que pasou en situación de mutualista.

c) Documentación que acredite a posta en marcha da actividade, mediante a acreditación da seguinte documentación: facturas de compra de maquinaria, de alugueiro, de compra de mercadorías ou de calquera outro documento que acredite suficientemente a actividade e a posta en marcha da empresa ou do negocio.

d) Contrato ou documento da creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidade sen personalidade xurídica, se for o caso.

e) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, só no caso que non estea inscrito no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia.

f) Acreditación de baixa no imposto de actividades económicas da actividade precedente (modelo 036 ou 037 da actividade anterior).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deles.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do representante.

b) NIF da entidade solicitante e/ou representante, de ser o caso.

c) Vida laboral das persoas traballadoras autónomas dos últimos 5 anos.

d) Inscrición no Servizo Público de Emprego previamente á nova alta.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

g) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

h) Certificado de domicilio fiscal.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

k) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

l) Alta no imposto de actividades económicas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será como máximo de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seu datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos regulamentos UE 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

O aboamento das subvencións reguladas nesta orde realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados os requisitos exixidos, en concreto, os referidos as débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e a documentación exixida no artigo 14 desta orde; o cumprimento do resto dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

Artigo 18. Incompatibilidades e concorrencia

1. Esta axuda será incompatible coas axudas á promoción do emprego autónomo (TR341D) convocadas para o exercicio 2023 e para o exercicio 2024 coas axudas do programa Emega (SI429A), convocadas para o exercicio 2024, coas axudas do Programa I de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) do programa Aprol-Economía social convocadas para o exercicio 2024, e co programa de incentivos ás IEBTs (TR340E).

2. Esta axuda tamén será incompatible coa orde de promoción do autoemprego das persoas galegas retornadas (PR937A) para os exercicios 2023 e 2024 e compatible co Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (TR802J) do programa Aprol-Economía social.

3. Pola outra banda, as axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas, agás as outorgadas polo Igape dentro do programa Re-Acciona para o ano 2024, coas que si serán compatibles.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias destas subvencións:

a) Permanecer de alta no RETA ou na mutualidade de colexio profesional durante un tempo mínimo de 24 meses desde a súa última alta como persoa traballadora autónoma, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade:

a.1) Por motivos económicos alleos á vontade da persoa beneficiaria, sempre que sexan superiores á contía da axuda percibida e que sexan consecuencia de sentencias xudiciais ou resolucións administrativas, e/ou causados por catástrofes ou acontecementos fortuítos e imprevisibles, tales como incendios, inundacións ou similares, o cal deberá acreditar fidedignamente.

a.2) Que o motivo sexa por unhas das seguintes causas: perda de licenza administrativa, violencia de xénero, falecemento, xubilación ou incapacidade permanente, o cal deberá acreditar fidedignamente.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, terán a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Subministrar á Administración a información requirida no artigo 10.2 desta orde; o incumprimento desta obriga determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 21. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá o reintegro total no caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 19, letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA ou mutualidade) durante polo menos 24 meses desde o inicio da actividade.

4. Procederá o reintegro parcial no caso de incumprimento, salvo que se acrediten causas alleas á vontade da persoa beneficiaria, respecto da obriga establecida no artigo 19, letra a) de manter a actividade empresarial (alta no RETA ou mutualidade) durante polo menos 24 meses desde o inicio da actividade, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal ter mantido a actividade durante polo menos 9 meses, e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos; procederá o reintegro das subvencións percibidas, de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos 24 meses.

5. Procederá o reintegro da axuda concedida por non xustificar os requisitos regulados no artigo 4 desta orde.

Artigo 22. Exclusións

1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.

g) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 23. Seguimento e control

A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión e, especificamente, comprobará, ao rematar o período de mantemento da actividade empresarial establecido no artigo 19, letra a), o seu cumprimento por se procede aplicar algún tipo de reintegro.

Artigo 24. Axudas baixo condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa ou entidade beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites de deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

Artigo 25. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e a denominación da subvención concedida.

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda

De forma excepcional, segundo a artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir a documentación orixinal que considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axuda previstas nesta orde.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional cuarta. Comunicación a Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file