DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2024 Páx. 6705

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 2 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras, que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR341R).

A Lei 3/2023, do 28 de febreiro, polo que se aproba a Lei de emprego, establece no seu artigo 7.2 que, de conformidade coa Constitución española e os seus estatutos de autonomía, corresponde ás comunidades autónoma, no seu ámbito territorial, o desenvolvemento da política de emprego, o fomento do emprego e a execución da lexislación laboral e dos programas e medidas que lles fosen transferidos. Así mesmo, o artigo 23 sinala que os servizos e programas de políticas activas de emprego se deseñarán e se desenvolverán as comunidades autónomas no ámbito das súas competencias, tendo en conta os contidos comúns establecidos na normativa estatal de aplicación.

Con base no anteriormente exposto, e no marco establecido no artigo 40 da Constitución española; nos artigos 29 e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme a Estratexia europea de emprego, co obxectivo de que a Comunidade Autónoma de Galicia acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social e de cohesión no territorio, é preciso adoptar políticas que promovan un modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade creativa e emprendedora da sociedade galega, como fonte de riqueza e como elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido produtivo galego.

No título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo (BOE do 12 de xullo), dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as cales as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Na Lei/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia na sección terceira do título III regúlanse as medidas de fomento e apoio á conciliación e a racionalización e flexibilización dos horarios nas empresas e entidades do sector terciario.

No artigo 38 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, regúlanse as bonificacións tanto da persoa autónoma durante o período de descanso por nacemento como da persoa desempregada que a substitúe durante ese período, de maneira que o primeiro dos programas desta orde de axudas pretende reforzar o apoio á persoa traballadora autónoma na contratación celebrada para substitución da persoa autónoma durante os períodos de descanso por nacemento, adopción e acollemento, así como a transformación dese contrato en indefinido, cando se dea o caso.

Asi mesmo, a Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, no seu artigo 50 establece que as administracións públicas de Galicia porán á disposición das familias solucións efectivas ás súas necesidades de conciliación. E estes efectos, a Administración autonómica desenvolverá programas destinados a proporcionar servizos de atención á infancia a domicilio ou apoiar economicamente as familias no uso de servizos de atención á infancia de carácter puntual.

Por outra banda, hai que ter en conta que o tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente, por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo, a Xunta de Galicia aposta por impulsar o traballo autónomo, como un xeito máis de incorporación ao mercado de traballo, motivo polo que se establecen estas axudas sen concorrencia entre as persoas solicitantes e sen necesidade de valorar e resolver conxuntamente as solicitudes presentadas, sen que por iso se produza un menoscabo dos principios de igualdade e obxectividade na asignación das subvencións previstas e con pleno respecto aos principios de eficacia e eficiencia na xestión do gasto público.

En Galicia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten como misión principal apoiar as persoas e as empresas na creación de emprego estable e de calidade e procurar que ese emprego se manteña e recoñece a necesidade de prestar unha especial atención ás circunstancias especiais e diferenciais do autónomo, e en concreto, axudar tamén á promoción da conciliación da vida laboral e persoal da persoa traballadora autónoma. Estando incluída esta medida dentro do reto 2 de Mellora da calidade como a acción 10: «Axudas á conciliación por maternidade ou paternidade».

Tal como sinala a disposición adicional do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, que regula os programas comúns das políticas activas de emprego, as comunidades autónomas poderán desenvolver programas propios adaptados a realidade do seu ámbito territorial, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolve neste caso apoio de medidas de conciliación da vida laboral e persoal das persoas autónomas.

Establécese nesta orde un programa de axudas á conciliación para as persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento dun fillo ou filla, contraten unha persoa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para apoialos na súa actividade empresarial e permitirlles conciliar a vida persoal e laboral, e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, sendo tamén posible a contratación de persoas traballadoras destinadas especificamente ao coidado de menores e/ou maiores e dependentes no propio domicilio, contribuíndo tamén así á xerar emprego.

Así mesmo, de acordo co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e polo Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) 209/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019.

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A presente orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Polo exposto, unha vez obtidos os informes da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

2. Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa para apoio no negocio durante o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento ou a transformen en indefinida posteriormente, ben sexa para apoio no coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, segundo o disposto nesta orde. Así mesmo, subvencionarase unha parte do custo dos centros e/ou servizos para o coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.

3. As axudas irán dirixidas á contratación no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, dunha persoa traballadora para a substitución da persoa autónoma no seu negocio nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

Tamén se apoia a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactación.

Igualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada para substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (Bono autónomo Concilia I).

4. As axudas diríxense tamén á contratación indefinida, no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existisen ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (Bono autónomo Concilia II).

5. Igualmente apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024 (Bono autónomo Concilia III).

6. A xestión desta orde realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos UE 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea. relativo ás axudas de minimis; e nesta orde.

Artigo 3. Orzamento

1. No exercicio económico de 2024 as subvencións reguladas nesta orde financiaran as axudas con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.322C.470.6, código de proxecto 2023 00100, cun crédito de 1.000.000,00 de euros. Estas contías están recollidas no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de outubro de 2023.

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria segundo o establecido no artigo 31.2 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 4. Accións subvencionables e importe da subvención

1. Bono autónomo Concilia I.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma para a substitución nos casos de maternidade ou paternidade, unha vez iniciado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, e pola duración desta. Tamén será subvencionable a contratación dunha persoa traballadora para a substitución da traballadora autónoma no caso de baixa por risco durante o embarazo ou a lactancia, e pola duración da dita baixa, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

a.1) No caso de autónomas embarazadas ou persoas autónomas en proceso de adopción, o contrato de substitución será subvencionable ata dous meses antes do inicio do seu período de descanso, co fin de posibilitar a transferencia do coñecemento necesario á persoa contratada que posibilite o mantemento da actividade durante a correspondente baixa.

a.2) Igualmente, incentívanse os contratos indefinidos realizados coa mesma persoa contratada por substitución, unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

b) Serán subvencionables as contratacións que cumprindo cos requisitos enumerados nos parágrafos anteriores se inicien entre o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 1.100 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, e polo período de duración da baixa de maternidade ou paternidade, salvo nos casos previstos na letra a.1) anterior.

Nos supostos de risco durante o embarazo o período máximo que se terá en conta para a axuda será de oito meses de contratación, sendo, polo tanto, o importe máximo que se pode percibir de 8.800 €.

No caso de transformación do contrato de substitución en contrato indefinido unha vez rematado o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, o importe da subvención será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración no momento do contrato de substitución.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

d) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial, de, polo menos, o 50 %, ou nos períodos en que a substitución sexa inferior a un mes.

2. Bono autónomo Concilia II.

a) Será subvencionable a contratación indefinida realizada por unha persoa traballadora autónoma, para o coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que, cumprindo cos requisitos enumerados no paragrafo anterior, se inicien entre o 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 7.500 €, e acadará os 9.000 € cando a persoa se encadre nalgún dos seguintes colectivos, non acumulables:

a) Muller.

b) Persoas desempregadas de longa duración.

c) Maiores de 52.

d) Persoas con discapacidade.

e) Persoas en situación ou risco de exclusión social.

f) Persoas emigrantes retornadas.

g) Persoas estranxeiras.

d) As contías previstas no punto anterior reduciranse proporcionalmente nos casos en que a xornada sexa a tempo parcial de, polo menos, o 50 %.

3. Bono autónomo Concilia III.

a) Será subvencionable o 75 % dos custos do centro ou do servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia, ata un máximo de 3.000 €. Os custos deberán ser corresponder a gastos incluídos no período subvencionable, que comprende do 30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024, e os centros e servizos estean situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de menores serán subvencionables os servizos de coidado que xurdan en períodos de vacacións escolares, cando os centros educativos están pechados polas ditas vacacións, segundo o calendario escolar oficial; estes servizos comprenden a asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos, especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, para a atención de menores nos períodos de vacacións escolares; tamén serán subvencionables os mesmos servizos de coidado de menores que xurdan fóra do horario escolar durante o período lectivo do centro onde está escolarizado o/a menor, que deberá acreditar mediante a presentación do horario oficial do colexio.

b) Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso de IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Os servizos deben ser contratados con provedores que se dediquen á actividade obxecto da subvención.

4. Os tres tipos de axudas reguladas nesta orde, bono autónomo Concilia I, Concilia II e Concilia III serán compatibles entre si.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde considérase:

1. Menores. Terán a condición de menores para efectos desta orde os que teñan doce ou menos anos no momento da solicitude, e que residan no mesmo domicilio que o da persoa solicitante.

2. Maiores. Terán a condición de maiores para efectos desta orde a persoa de setenta ou máis anos no momento da solicitude, este requisito de idade non se aplica ás persoas que acrediten a dependencia nos seus diferentes graos.

3. Persoa dependente. A persoa que teña recoñecido oficialmente e acredite calquera grao de dependencia.

4. Persoa con discapacidade: aquela que teña recoñecida, pola Administración competente, unha discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %.

Segundo o artigo 4.2 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, modificado pola Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, tamén se considera que presentan unha discapacidade de grao igual ou superior ao 33 % as persoas pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao total, absoluta ou grande invalidez e as persoas pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

A comprobación da condición de persoa con discapacidade ou dependencia realizaraa directamente o órgano xestor das axudas; no caso de oposición da persoa interesada ou de que a discapacidade ou a dependencia fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá presentar a documentación acreditativa da discapacidade ou da dependencia.

5. Persoa desempregada. Aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e sen ocupación na vida laboral. Quedan exceptuadas da dita inscrición as persoas recollida no artigo 4.1.a) do R.D. lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

Artigo 6. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas; así mesmo, poden ser beneficiarias as persoas membros das sociedades mercantís, laborais e civís e comunidades de bens, a título individual, sempre e cando cumpran os seguintes requisitos no momento da solicitude:

a) Ter o seu domicilio fiscal na comunidade autónoma de Galicia.

b) Desenvolveren a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.

c) Cumprir os requisitos exixidos na presente orde e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades cooperativas e as persoas autónomas colaboradoras, así mesmo, as persoas traballadoras autónomas administradoras que non teñan parte na sociedade.

2. Para ter dereito á axuda a persoa traballadora autónoma ten que cumprir os seguintes requisitos:

a. Bono Autónomo Concilia I:

Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante ten ou tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato que se vai realizar será de substitución, ou contrato indefinido, segundo o caso.

A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida no artigo 5, e debe realizarse dentro do período subvencionable (30 de setembro de 2023 ata o 29 de setembro de 2024).

O contrato formalizarse por escrito, en modelo oficial, e as tarefas que se vai realizar a persoa substituta deben ser as mesmas que as da persoa traballadora autónoma substituída.

a. Bono Autónomo Concilia II:

Para ser beneficiaria desta axuda o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia,. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grado de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada segundo a definición recollida no artigo 5.

b. Bono Autónomo Concilia III:

Para ser beneficiario desta axuda, a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior, deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos, non será necesario acreditar a convivencia previa.

Artigo 7. Exclusións

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

1. Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da persoa solicitante.

Non será aplicable a exclusión sinalada no parágrafo anterior nos seguintes casos do Bono Concilia I:

a) Cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e ás fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el.

b) Cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.

c) Tampouco será aplicable esta exclusión pola contratación de fillos maiores de 30 anos con especiais dificultades para a súa inserción laboral e teñan unha discapacidade recoñecida nos termos da disposición adicional 10ª da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo.

2. Os contratos realizados cunha persoa traballadora que teña prestado servizos nos últimos tres anos para a persoa empregadora, salvo nos casos de contratos indefinidos realizados coa persoa substituta nas baixas de maternidade ou paternidade.

3. As persoas ou entidades que obtivesen con anterioridade axudas dos programas de conciliación (TR341R) para a mesma persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia.

4. As persoas ou entidades nas que concorran os motivos de exclusión previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propoñer os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde, corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a persoa titular da Secretaria Xeral de Apoio o Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 9. Solicitudes e prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 29 de setembro de 2024.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, e de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Ao ser válida unha única solicitude por persoa por cada un dos plans Concilia, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da/das anteriores, salvo as que xa estean resoltas.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán á persoa interesada para que nun prazo improrrogable de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa interesada desistida da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento deste deber determinará, se é o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do dito artigo.

Artigo 13. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das axudas e subvencións recollidas nesta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego, que formulará a proposta de resolución, logo de comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña unha Comisión de Valoración.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá dada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

4. Non se poderá realizar o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea o día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa persoa debedora por resolución de reintegro.

Artigo 14. Documentación complementaria

As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura no anexo I (solicitude) desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) Documentación xeral.

– No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa solicitante.

b) Documentación específica bono autónomo Concilia I (contrato substitución).

– Resolución da Seguridade Social na que indique o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

– Informe de vida laboral do Código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata e pola que se solicita subvención, ou ben o Informe de vida laboral do Código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a transformación en indefinido do contrato da persoa contratada por substitución, segundo o caso.

– Informe de vida laboral do Código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata e pola que se solicita subvención.

– Contrato de traballo.

– No caso de coidado de menores, acreditación do parentesco directo, co libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, ou, se é o caso, resolución de acollemento.

– No caso de coidado de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, acreditación da relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

– Certificado de discapacidade ou dependencia da persoa pola que se solicita a axuda non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia, se for o caso.

d) Documentación específica bono autónomo Concilia III.

– Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro ou do servizo correspondente.

– No caso de coidado de menores, documento acreditativo do horario oficial do centro no que estea escolarizada a persoa menor pola que se solicita a axuda á conciliación.

– No caso de coidado de menores, acreditación do parentesco directo, co libro de familia ou certificado do Rexistro Civil, ou, se é o caso, resolución de acollemento.

– No caso de menores acollidos, acreditación do parentesco directo ou certificado de convivencia.

– No caso de coidado de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, acreditación da relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

– Certificado de discapacidade ou dependencia da persoa pola que se solicita a axuda non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia, se for o caso.

2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e, se é o caso, do representante.

b) DNI ou NIE da persoa traballadora que se contrata.

c) Vida laboral da persoa solicitante traballadora autónoma dos últimos doce meses.

d) Consulta da vida laboral da persoa traballadora contratada dos últimos 5 anos.

e) Presentación do contrato subvencionado da persoa traballadora contratada no Servizo Público de Emprego.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de subvencións e axudas.

h) Consulta da concesión pola regra de minimis.

i) Certificación de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

k) Certificación de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

l) Consulta de código conta de cotización.

m) Certificado de domicilio fiscal.

n) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

Datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante, se é o caso.

Datos de residencia con data da última variación padroal, no caso de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia que conviva coa persoa solicitante.

– Certificado de discapacidade ou grao de dependencia da persoa pola que se solicita a axuda.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, segundo o anexo III. Este documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

6. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola Intervención da proposta emitida polo órgano instrutor, as resolucións serán ditadas polo órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e deberán serlles notificadas ás persoas interesadas. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será, como máximo de tres meses e computarase desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación da subvención.

4. As persoas interesadas teñen dereito a que non se fagan públicos os seu datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polos regulamentos UE 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea.

Artigo 17. Práctica da notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo, nos termos e no modo establecidos na resolución ou, se é o caso, ata o 30 de outubro de 2024.

2. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. En todo caso, o pagamento dos gastos xustificativos das subvencións deste programa deberán terse realizado antes do 30 de outubro de 2024.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas, en todo caso, ata o 30 de outubro de 2024.

A xustificación do pagamento dos gastos obxecto das subvencións desta orde deberase acreditar a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificadas a persoa receptora e a emisora do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

3. Documentación xustificativa para a subvención:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas baixo o réxime de minimis, ou de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo II).

b) No caso do Bono Concilia I e/ou do Bono Concilia II, última nómina da persoa traballadora contratada obxecto da subvención.

c) No caso do Bono Concilia III, documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento, onde conste expresamente a identificación con nome, apelidos e DNI/NIE de persoa beneficiara da axuda. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan os deberes de facturación.

4. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non estea ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social ou teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución firme declarativa de procedencia de reintegro.

5. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

A persoa beneficiaria está obrigada a conservar toda a documentación e presentala, de ser requirida para iso en calquera control financeiro posterior.

6. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea convocados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como por calquera outra subvención á contratación da mesma persoa por calquera Administración pública e con calquera outra axuda ou subvención establecida nos diferentes programas de axuda a conciliación de calquera Administración incluída a Xunta de Galicia.

2. Estas axudas son compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal.

3. O importe das subvencións deberán respectar os límites que se establecen nestas bases reguladoras.

4. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, supere o custo do servizo recibido.

Artigo 20. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:

a) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada indefinida durante un período mínimo de tres anos, excepto no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, caso no que a persoa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir a obriga de mantemento do emprego, por outra persoa que cumpra os requisitos establecidos nesta orde ou, polo contrario, optar por devolver voluntariamente a axuda.

No caso de optar por unha nova contratación, esta debe serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda xunto cun novo anexo III referido a nova contratación, e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. A suma do tempo de contrato da persoa traballadora inicial e da substituída debe ser, como mínimo, igual ao tempo polo que se concedeu a subvención.

b) No caso do Bono Concilia III xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización do servizo e acreditar con facturas e transferencias bancarias dos gastos realizados.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Manter no seu poder o anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:

– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.

– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar entre outros puntos, a súa veracidade.

– Do dereito de oposición que lles asiste a que a Administración trate os seu datos, suposto no que deberá comunicar a súa oposición a Administración para os efectos oportunos.

h) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel nun lugar visible do lugar do traballo segundo o modelo que consta na Sede electrónica da Xunta de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da axuda e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Así mesmo, procederá o reintegro da totalidade da axuda no caso de que a contratación indefinida realizada teña unha duración inferior a 3 anos, segundo o disposto no artigo 21.a).

3. Quedan exceptuados do reintegro previsto no punto anterior os contratos indefinidos incentivados cando se rescindan por causas de falecemento da persoa pola que se solicitou a axuda; neses casos o reintegro será proporcional ao tempo que reste para cumprir a obriga de mantemento da contratación.

4. Procederá o reintegro parcial da axuda no caso de que se reduza a xornada inicial pola que se lle concedeu a axuda, pola diferenza entre a concedida e a que lle correspondería coa xornada máis baixa.

5. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedisen dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 23. Exclusións

1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.

g) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 24. Seguimento e control

A Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión e, especificamente, comprobará o mantemento dos contratos de traballo e a realización dos servizos concedidos.

Artigo 25. Axudas baixo condicións de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE , do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites de deste réxime de axudas, terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

Artigo 26. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas traballadoras autónomas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 27. Control e loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Disposición adicional primeira. Seguimento

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo a función de control, así como a de avaliación e seguimento deste programa.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como a tramitación e resolución dos expedientes de redistribución dos créditos necesarios para o financiamento desta orde.

Disposición adicional terceira. Comunicación á base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file