DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 6861

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda e Administración Pública

DECRETO 11/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a actuación da Xunta de Galicia mediante grupos de traballo, se crea a Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión e se racionalizan os órganos colexiados da Xunta de Galicia.

I

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 39, establece que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado.

O réxime xurídico xeral dos órganos colexiados da Xunta de Galicia foi regulado pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que contribuíu a homoxeneizar o mapa de órganos colexiados da Xunta de Galicia, establecendo unha serie de características e normas de funcionamento comúns a todos eles, con excepción do Consello da Xunta e as súas comisións delegadas.

Posteriormente, abordouse unha racionalización do mapa total dos ditos órganos, reducindo o seu número para evitar duplicidades entre eles ou con outros organismos da Administración autonómica, mediante o Decreto 20/2015, do 29 de xaneiro, de racionalización de órganos colexiados da Xunta de Galicia.

Porén, desde a aprobación das ditas normas á sociedade, os marcos regulatorios e os avances tecnolóxicos foron facendo precisa a introdución de cambios normativos e de xestión, para adaptar o funcionamento administrativo á realidade social e xurídica cambiante que exixe a adopción de novas medidas ou criterios de actuación.

Deste xeito, a través da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, modificouse a Lei 16/2010, do 17 de decembro, para incorporar na normativa autonómica unha xeneralización de uso de medios electrónicos no seo dos órganos colexiados, establecendo como premisa xeral a de que os órganos colexiados desenvolverán a súa actividade nun contorno dixital.

Neste momento resulta necesario proceder a un novo impulso de modernización da actuación que a Administración pública vén realizando a través de órganos colexiados, no sentido de buscar unha maior flexibilidade da Administración e de fomentar a eliminación de procedementos excesivamente burocráticos e formalistas naqueles aspectos nos que resulte posible, sempre sen merma das garantías legais.

O Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 preveu como un dos retos o de «acadar unha organización flexible adaptable facilmente aos cambios, que permita facer fronte a situacións non previstas mediante a implantación de sistemas organizativos e colaborativos que primen estruturas temporais ou as dinámicas de grupos de traballo».

Deste xeito, existen ámbitos de actuación nos que deben seguir existindo órganos colexiados, creados formalmente e con suxeición ás regras previstas na Lei 16/2010, do 17 de decembro. Porén, existen outras actividades nas que a colaboración entre órganos ou departamentos, ou incluso a participación da cidadanía, pode establecerse mediante outro tipo de sistemas colaborativos, de carácter máis flexible, como poden ser os grupos de traballo, temporais ou permanentes, que non se suxeiten aos formalismos propios dos órganos colexiados.

II

Por outra banda, o 26 de maio de 2021 o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Programa marco de integridade institucional e prevención de riscos de xestión, que se configurou como o documento que materializou a estratexia da Xunta de Galicia para o afianzamento da súa política institucional de integridade. Así mesmo, o dito programa considerou a posta en marcha, de xeito gradual, de distintas medidas orientadas ao fortalecemento dos sistemas de control interno e infraestrutura ética para o control das actividades máis vulnerables ou sensibles aos riscos de xestión para unha xestión pública eficaz, nun marco de legalidade, transparencia e rendición de contas.

Asemade, o referido programa preveu a creación da Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión como órgano colexiado encargado de coordinar e velar polo cumprimento do sistema de integridade.

Posteriormente, o 10 de decembro de 2021, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o seu Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que foi obxecto de revisión o 19 de maio de 2023. Nesta revisión preveuse como unha das principais novidades a creación da Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión. Cómpre, polo tanto, dar cumprimento a esta previsión e crear este órgano colexiado.

III

Así mesmo, deben suprimirse determinados órganos colexiados que, polo transcurso do tempo, a asunción de funcións por outros órganos ou exixencias dunha maior flexibilidade no traballo, non resulta necesario manter neste momento.

Do mesmo xeito, o principio de seguridade xurídica e transparencia recomenda modificar os decretos de estrutura orgánica das diferentes consellerías para reflectir neles a totalidade de órganos colexiados adscritos, garantindo a constancia da existencia de todos eles, así como a derrogación expresa das disposicións normativas que crean e regulan os órganos colexiados que se suprimen.

IV

Respecto da súa estrutura, este decreto consta de seis artigos, agrupados en tres capítulos, unha disposición adicional única, unha disposición derrogatoria única e doce disposicións derradeiras.

O capítulo I, que leva por rúbrica Actividade da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia a través de grupos de traballo, establece os principios ou pautas básicas de actuación da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia a través de grupos de traballo, inspirados no principio de flexibilidade na organización, colaboración e participación.

O capítulo II, denominado Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión, procede á creación do dito órgano e ao establecemento da súa composición é réxime de funcionamento.

No capítulo III, denominado Racionalización de órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia, suprimíronse 22 órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia cuxa existencia non resulta necesaria neste momento.

Nas disposicións derradeiras modificáronse expresamente os decretos de estrutura orgánica das distintas consellerías que se ven afectados, así como á modificación de determinadas normas xurídicas reguladoras de órganos colexiados, consonte coas exixencias de seguridade xurídica.

De acordo co que establece o artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, así como o artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, a tramitación desta disposición axústase ao cumprimento dos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia. A súa tramitación vén precedida da consulta á cidadanía. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

Así, de acordo co principio de necesidade, esta iniciativa normativa está xustificada tendo en conta, por unha banda, que a promoción de sistemas flexibles de colaboración encaixa cos retos do Plan estratéxico de Galicia 2022-2030. Tamén é precisa a creación da Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión co fin de cumprir a previsión do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, logo da súa revisión polo Consello da Xunta o 19 de maio de 2023. Así mesmo, no eido da racionalización dos órganos colexiados, procede suprimir aqueles órganos cuxa actuación non é necesaria.

En relación ao principio de proporcionalidade, esta norma non supón a existencia de cargas administrativas para as persoas destinatarias, tendo en conta o contido da súa regulación, de carácter organizativo.

No que atinxe aos principios de seguridade xurídica e simplicidade, especifícanse de xeito coherente os órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia que se suprimen, así como a normativa que se derroga e aquela que se modifica por atoparse afectada. Tamén achega certeza a creación do Inventario xeral de órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia.

Como se indicou, a tramitación desta norma vén precedida da consulta á cidadanía, polo que se cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade.

O principio de eficacia reflíctese en que é indispensable unha norma xurídica para dar cumprimento á creación da Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión. Do mesmo xeito, é axeitada esta norma para cumprir cos obxectivos dunha organización máis flexible, así como co fin de proceder á racionalización dos órganos colexiados dun xeito coordinado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xaneiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Actividade da Administración xeral e das entidades do sector público
autonómico de Galicia a través de grupos de traballo

Artigo 1. Principios de funcionamento

1. A Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia promoverán o establecemento de sistemas flexibles de colaboración e participación a través de grupos de traballo.

2. A creación dos ditos grupos de traballo deberá indicar de xeito expreso que se crea un grupo de traballo, mediante acordo formalizado entre as entidades ou os órganos interesados, que determinará os elementos esenciais do seu réxime, sen a consideración de órgano colexiado, de acordo co establecido no artigo 12 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

3. O réxime de funcionamento destes grupos caracterizarase pola súa flexibilidade e axilidade e polo principio antiformalista, sen prexuízo da remisión que se poida facer nos acordos de creación ás regras de funcionamento recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia para os órganos colexiados.

4. Na composición destes grupos atenderase o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade.

CAPÍTULO II

Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e
de Prevención de Riscos de Xestión

Artigo 2. Creación da Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión

1. Créase a Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión como órgano colexiado encargado de coordinar e velar polo cumprimento do sistema de integridade e de riscos de xestión.

2. A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión estará adscrita á consellería con competencias en materia de simplificación administrativa.

Artigo 3. Composición

1. A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión estará composta polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de simplificación administrativa, que asumirá a presidencia do órgano colexiado.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia e as persoas titulares das secretarías xerais técnicas da consellerías da Xunta de Galicia.

c) A persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

d) A persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

e) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de función pública.

f) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de simplificación administrativa, que exercerá tamén as funcións de secretaría.

2. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, o titular do órgano representado poderá designar outra persoa pertencente ao dito órgano e que terá, cando menos, rango orgánico de subdirector/a xeral.

3. Na composición desta Comisión atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade.

Artigo 4. Funcións

Corresponderá á Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión o exercicio das seguintes funcións:

a) Velar pola homoxeneidade e efectividade das medidas e das actuacións que se vaian implantar en materia de integridade e de prevención de riscos de xestión.

b) Adoptar criterios comúns e homoxéneos en materias relacionadas coa integridade cando se considere necesario, tendo en conta as consultas das persoas responsables de integridade das consellerías.

c) Potenciar a colaboración entre os distintos órganos do sector público autonómico e promover o intercambio de coñecementos e boas prácticas.

d) Aprobar anualmente un informe global de seguimento de todos os plans de prevención de riscos de xestión das vicepresidencias e consellerías, para o que poderá solicitar a colaboración dos órganos ou unidades responsables da integridade e prevención de riscos das consellerías e entidades.

e) Coordinar e impulsar a difusión de estudos relacionados coa integridade.

f) Promover a colaboración do sector público autonómico con órganos, entidades e institucións, nacionais ou internacionais, relacionados coa integridade institucional e xestión de riscos.

g) Fomentar a sensibilización entre todo o persoal do sector público de Galicia, no marco do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Réxime de funcionamento

1. A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión actuará en pleno e reunirase, como mínimo, semestralmente con carácter ordinario, logo da convocatoria da súa Presidencia, e con carácter extraordinario sempre que a súa Presidencia o considere oportuno.

As convocatorias das reunións da Comisión efectuaranse cunha antelación mínima de corenta e oito horas respecto da data na que se prevé que teña lugar a reunión.

A Comisión entenderase validamente constituída coa asistencia da persoa titular da presidencia e da persoa titular da secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da maioría dos seus membros.

2. A Comisión poderá crear as subcomisións ou grupos técnicos de traballo ou de mellora que considere necesarios para o desenvolvemento das súas funcións, nas que poderá participar persoal pertencente aos órganos que integran a Comisión. Na composición destas subcomisións ou grupos técnicos atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade.

3. O réxime xurídico e actuación da Comisión axustarase ao disposto na sección 3ª do capítulo II, título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia para os órganos colexiados.

4. As persoas que ocupen as vogalías poderán asistir acompañadas de persoal técnico ou especialista en materias que vaian ser tratadas pola Comisión. Estas persoas terán voz pero non voto.

5. No seu funcionamento, a Comisión actuará conforme os principios de legalidade, eficacia, eficiencia, economía, transparencia, celeridade, simplicidade e mellora continua.

6. Os membros da Comisión non percibirán indemnizacións pola realización das súas funcións.

CAPÍTULO III

Racionalización de órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia

Artigo 6. Supresión de órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia

Suprímense os seguintes órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia:

a) O Padroado do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, creado polo Decreto 17/1987, do 22 de xaneiro, polo que se reestrutura e se determinan as funcións do Patronato do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos (Cervo-Lugo).

b) A Comisión Asesora sobre Cancro Xenital e de Mama, creada pola Orde da Consellería de Sanidade e Seguridade Social do 10 de abril de 1987, pola que se crea a Comisión Asesora sobre Cancro Xenital e de Mama.

c) A Comisión Central de Revisión da Normativa Legal e as comisións de revisión de normativa legal das consellerías, creadas polo Decreto 186/1990, do 1 de marzo, de creación da Comisión de Racionalización Administrativa e de Revisión da Normativa Legal.

d) A Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 206/1996, do 24 de maio, polo que se crea a Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A Comisión de Seguimento e Control do Gasto Corrente, creada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de maio de 2000.

f) A Comisión Asesora para a Implantación da Técnica de Tomografía por Emisión de Positróns, creada pola Orde da Consellería de Sanidade do 4 de xaneiro de 2002, pola que se crea a Comisión Asesora para a Implantación da Técnica de Tomografía por Emisión de Positróns no sistema sanitario público en Galicia.

g) A Comisión Galega de Mergullo Profesional, creada pola Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 20 de xuño de 2006 pola que se regula a Comisión Galega de Mergullo Profesional.

h) A Comisión Autonómica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial, creada polo Decreto 427/2009, do 19 de novembro, polo que se crean e se regulan as comisións e os grupos de traballo para o deseño e implantación da nova oficina xudicial en Galicia.

i) A Comisión Técnica para a Implantación da Nova Oficina Xudicial, creada polo Decreto 427/2009, do 19 de novembro, polo que se crean e se regulan as comisións e os grupos de traballo para o deseño e implantación da nova oficina xudicial en Galicia.

j) O Comité Fitosanitario Galego, creado polo Decreto 60/2014, do 15 de maio, polo que se regulan as inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e se crea o Comité Fitosanitario Gallego.

k) O Comité de Seguridade da Información, creado pola Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 30 de xuño de 2017, de creación do Comité de Seguridade da Información.

Disposición adicional única. Constitución da Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión

A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión constituirase dentro dos seis meses seguintes á entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Quedan derrogadas expresamente as seguintes disposicións:

a) O Decreto 17/1987, do 22 de xaneiro, polo que se reestrutura e se determinan as funcións do Patronato do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos (Cervo-Lugo).

b) A Orde da Consellería de Sanidade e Seguridade Social do 10 de abril de 1987, pola que se crea a Comisión Asesora sobre Cancro Xenital e de Mama.

c) O Decreto 186/1990, do 1 de marzo, de creación da Comisión de Racionalización Administrativa e de Revisión da Normativa Legal.

d) O Decreto 206/1996, do 24 de maio, polo que se crea a Comisión Orzamentaria da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A Orde da Consellería de Sanidade do 4 de xaneiro de 2002 pola que se crea a Comisión Asesora para a Implantación da Técnica de Tomografía por emisión de positróns no sistema sanitario público en Galicia.

f) A Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 20 de xuño de 2006 pola que se regula a Comisión Galega de Mergullo Profesional.

g) O Decreto 427/2009, do 19 de novembro, polo que se crean e se regulan as comisións e os grupos de traballo para o deseño e implantación da nova oficina xudicial en Galicia.

h) O capítulo VI do Decreto 60/2014, do 15 de maio, polo que se regulan as inspeccións periódicas dos equipos de aplicación de produtos fitosanitarios e se crea o Comité Fitosanitario Galego.

i) O Decreto 20/2015, do 29 de xaneiro, de racionalización de órganos colexiados da Xunta de Galicia.

j) A Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 30 de xuño de 2017 de creación do Comité de Seguridade da Información e a Orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 18 de setembro de 2019 pola que se modifica a Orde do 30 de xuño de 2017 de creación do Comité de Seguridade da Información.

k) O Decreto 4/2018, do 11 de xaneiro, polo que se crea a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021.

l) O punto k) do artigo 17 do Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade.

m) O punto c) do artigo 14 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

n) Os puntos c) e f) do punto 3 do artigo 2 do Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública.

ñ) Os puntos g) e s) do punto 3 do artigo 3 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

2. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derrradeira primeira. Modificación do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais

O Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, queda modificado como segue:

Un. O número 1 do artigo 41 queda redactado como segue:

«Artigo 41. Composición dos consellos provinciais de pesca continental

1. Os consellos provinciais de pesca continental estarán presididos pola persoa titular da xefatura territorial da provincia correspondente, da consellería con competencias en materia de pesca continental, correspondéndolle a vicepresidencia a persoa que desempeñe a xefatura do servizo provincial en materia de patrimonio natural. O consello contará cos seguintes vogais:

a) O/a delegado/a provincial da Federación Galega de Pesca.

b) Unha persoa representante da consellería competente en materia de augas.

c) Unha persoa representante da consellería competente en materia de industria.

d) Unha persoa representante do organismo competente en materia de turismo.

e) Unha persoa representante do organismo competente en materia de deporte.

f) Unha persoa representante da consellería competente en materia de pesca e marisqueo.

g) Unha persoa representante do servizo que teña atribuídas funcións en materia de sanidade animal.

h) Dúas persoas representantes das sociedades de pescadores inscritas na Federación Provincial de Pesca e designados por ela.

i) Dúas persoas representantes de entidades colaboradoras non federadas, inscritas no rexistro correspondente, designadas por acordo entre elas mesmas.

j) Dúas persoas representantes das asociacións naturalistas e ecoloxistas, inscritas como tales no rexistro correspondente, designadas por acordo entre elas mesmas.

k) Dúas persoas profesionais de recoñecido prestixio en temas relacionados coa pesca continental designadas pola persoa que desempeñe a dirección xeral con competencias en materia de pesca continental, por proposta do servizo provincial correspondente.

l) A persoa titular da xefatura da sección con competencias en materia de pesca continental do servizo provincial correspondente, quen actuará como secretaria.

Na composición dos consellos provinciais de pesca continental atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade».

Dous. O número 1 do artigo 44 queda redactado como segue:

«Artigo 44. Composición do Consello Galego de Pesca Continental

1. O Consello Galego de Pesca Continental estará presidido pola persoa que desempeñe a dirección xeral competente en materia de pesca continental e correspóndelle a vicepresidencia á persoa titular da subdirección xeral correspondente. O comité contará cos seguintes vogais:

a) As persoas titulares da presidencia dos consellos provinciais de pesca continental.

b) As persoas que desempeñen as xefaturas dos servizos provinciais en materia de pesca continental.

c) A persoa titular da Presidencia da Federación Galega de Pesca.

d) Os/as delegados/as provinciais da Federación Galega de Pesca.

e) Unha persoa representante das entidades colaboradoras de cada provincia, designada por acordo entre elas.

f) Dúas persoas representantes das asociacións naturalistas e ecoloxistas, inscritas como tales no rexistro correspondente, designadas por acordo entre elas.

g) Unha persoa representante da consellería competente en materia de augas.

h) Unha persoa representante da consellería competente en materia de industria.

i) Unha persoa representante do organismo competente en materia de turismo.

j) Unha persoa representante do organismo competente en materia de deporte.

k) Unha persoa representante da consellería competente en materia de pesca e marisqueo.

l) Dúas persoas profesionais de recoñecido prestixio en temas relacionados coa pesca continental, designadas pola persoa que ostente a dirección xeral con competencias en materia de pesca continental.

m) A persoa titular da xefatura do servizo con competencias en materia de pesca continental, quen actuará como secretaria.

Na composición do Consello Galego de Pesca Continental atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade».

Disposición derradeira segunda. Modificación do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia

O Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 56 queda redactado como segue:

«Artigo 56. Da composición dos comités provinciais de caza

1. O Comité Provincial de Caza estará presidido pola persoa titular da xefatura territorial da provincia correspondente da consellería con competencias en materia cinexética, correspondéndolle a vicepresidencia á persoa que desempeñe a xefatura do Servizo Provincial en materia de patrimonio natural.

2. O comité estará integrado polos seguintes vogais:

a) A persoa titular da Presidencia provincial da Federación Galega de Caza.

b) Unha persoa representante das consellerías competentes en materia de agricultura, turismo e deportes.

c) Unha persoa representante das asociacións de cazadores designada pola Federación Galega de Caza.

d) Unha persoa representante das sociedades ou asociacións de cazadores, con representatividade no ámbito no que estean inscritos, designada por acordo entre elas.

e) Unha persoa representante das entidades naturalistas e ecoloxistas inscritas no rexistro correspondente e designada por acordo entre elas.

f) Unha persoa representante das asociacións de propietarios de terreos cinexéticos, designada por acordo entre elas.

g) Unha persoa representante das institucións dedicadas á investigación, designada por acordo entre elas.

h) Dúas persoas de recoñecido prestixio en materia de caza, designadas pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de patrimonio natural, por proposta do servizo provincial correspondente.

i) A persoa titular da xefatura de sección encargada da caza no servizo provincial correspondente, quen actuará como secretaria.

Na composición deste Comité atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade».

Dous. O número 1 do artigo 59 queda redactado como segue:

«Artigo 59. Da composición do Comité Galego de Caza

1. O Comité Galego de Caza estará presidido pola persoa que desempeñe a dirección xeral competente en materia cinexética, correspondendo a súa vicepresidencia á persoa encargada da subdirección xeral con competencia na materia.

O Comité estará integrado polos seguintes vogais:

a) As persoas que desempeñen a Presidencia dos comités provinciais de Caza.

b) As persoas que desempeñen as xefaturas dos servizos provinciais con competencia en materia cinexética.

c) A persoa que desempeñe a Presidencia da Federación Galega de Caza e os/as presidentes/as provinciais desta.

d) Unha persoa representante das asociacións de cazadores/as designada pola Federación Galega de Caza.

e) Unha persoa representante de sociedades ou asociacións de cazadores/as, de ámbito autonómico, designada por acordo entre elas.

f) Unha persoa representante das asociacións de propietarios/as de terreos cinexéticos, de ámbito autonómico, designada por acordo entre elas.

g) Unha persoa representante das asociacións naturalistas e ecoloxistas, de ámbito autonómico e inscritas como tales no rexistro correspondente, designada por acordo entre elas.

h) Unha persoa representante das consellerías competentes en materia de agricultura, turismo e deportes.

i) Unha persoa representante das institucións dedicadas á investigación, designada por acordo entre elas.

j) Dúas persoas de recoñecido prestixio en materia de caza, designadas pola persoa que desempeñe a dirección xeral competente en materia cinexética.

k) A persoa titular da xefatura de servizo competente en materia de caza, que actuará como secretaria.

Na composición deste comité atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes, de conformidade co previsto na normativa vixente en materia de igualdade».

Disposición derradeira terceira. Modificación do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras

Modifícase o punto 3 do artigo 5 do Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, que queda redactado como segue:

«3. O Comité das Árbores Senlleiras estará formado polos seguintes membros:

a) A Presidencia, que a exercerá a persoa encargada da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

b) Unha persoa que represente a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, que exercerá as funcións de secretaría.

c) Unha persoa que represente a dirección xeral competente en materia de patrimonio cultural.

d) Unha persoa que represente a dirección xeral competente en materia de montes e industrias forestais.

e) Unha persoa que represente a cada unha das tres universidades galegas que elas mesmas designen.

f) Unha persoa que represente o Centro de Investigacións Ambientais de Lourizán.

g) Unha persoa que represente as asociacións que teñan coma finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras.

h) Unha ou varias persoas expertas que a dirección xeral competente en materia de conservación da natureza considere necesario».

Disposición derradeira cuarta. Modificación do Decreto 260/2007, do 13 de decembro, polo que se crea o Observatorio Galego da Biodiversidade e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento

Modifícase a letra f) do punto 3 do artigo 3 do Decreto 260/2007, do 13 de decembro, polo que se crea o Observatorio Galego da Biodiversidade e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento, que queda redactado como segue:

«f) Dúas persoas en representación das asociacións inscritas no rexistro da consellería con competencias en materia de patrimonio natural ou de biodiversidade que teñan entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia, que serán designadas por estas».

Disposición derradeira quinta. Modificación do Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade

Engádense as letras n), ñ) e o) no artigo 17 do Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, coa seguinte redacción:

«n) O Consello Técnico de Seguimento e Mellora da Calidade no Control Oficial en Saúde Pública, creado pola Orde do 7 de decembro de 2022.

ñ) A Comisión galega de laboratorios para a realización de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano, regulada polo Decreto 105/2015, do 25 de xuño.

o) O Consello de Bioética de Galicia, creado pola Orde do 16 de outubro de 2015».

Disposición derradeira sexta. Modificación do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde

Engádese un punto 5 no artigo 8 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, coa seguinte redacción:

«5. Así mesmo, están adscritos á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde os seguintes órganos colexiados:

a) O Comité Clínico de Cirurxía Robótica.

b) A Comisión Galega de Estratexia contra a Dor.

c) A Comisión Galega das Enfermidades Raras.

d) A Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O Consello Interdepartamental de Coordinación para a Prevención e Atención das Condutas Suicidas.

f) A Comisión galega de seguridade clínica e calidade asistencial dos servizos de urxencias hospitalarias.

g) O Consello Técnico de Atención Primaria.

h) A Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria.

i) A Comisión Galega de Coidados Paliativos.

j) Os comités clínicos regulados na Orde do 21 de outubro de 2019, creados ao abeiro da Lei orgánica 2/2010, do 3 de marzo».

Disposición derradeira sétima. Modificación do Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública

Engádense as letras k) e l) no punto 2 do artigo 3 do Decreto 113/2022, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública, coa seguinte redacción:

«k) A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, creada polo Decreto 237/2007, do 5 de decembro.

l) A Comisión Interdepartamental de Coordinación e Supervisión da Integridade e de Prevención de Riscos de Xestión».

Disposición derradeira oitava. Modificación do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

Engádese a letra h) no punto 3 do artigo 3 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, coa seguinte redacción:

«h) A Comisión para a planificación e impulso de proxectos que van ser financiados polo instrumento Next Generation (NGEU), creada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de outubro de 2020».

Disposición derradeira novena. Modificación do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Modifícase a letra o) do punto 3 do artigo 3 do Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que queda redactado como segue:

«o) A Comisión Galega de Protección Civil e a súa Comisión Técnica, reguladas pola Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia».

Disposición derradeira décima. Modificación do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude

Engádense as letras j) e k) no punto 2 do artigo 3 do Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Xuventude, coa seguinte redacción:

«j) Comisión para o Impulso Demográfico, creada pola Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.

k) Comisión Técnica para o Impulso Demográfico, creada pola Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia».

Disposición derradeira décimo primeira. Habilitación para a creación do Inventario xeral de órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia

Habilítase a consellería competente en materia de Administración pública para a creación e posta en funcionamento, mediante orde, do Inventario xeral de órganos colexiados da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira décimo segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública