DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 6881

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía, Industria e Innovación

DECRETO 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A xeración de ciencia, a innovación e a súa aplicación para a obtención da mellora da economía e da sociedade son fundamentais para o progreso. Acadalo require dunha política pública que promova a conexión entre a investigación e a satisfacción das necesidades sociais. A crise da COVID, non só demostrou a importancia da ciencia, senón tamén a necesidade de ordenar e aliñar esforzos para mellorar a consecución de resultados.

Coñecemento e innovación son indispensables para impulsar a competitividade e a produtividade de Galicia, afrontar a transición ecolóxica e a dixitalización para obter un crecemento económico xusto e sostible. A xeración de talento investigador é a base do sistema; é necesario formar, captar, reter e atraer talento investigador. Para iso, non basta con ofrecer unha contorna de investigación solvente en que o persoal de investigación poida desenvolver a súa actividade, senón que tamén é necesario contar cun marco de condicións laborais que garanta a estabilidade e o crecemento profesional.

O marco normativo estatal está fragmentado en diversas normas que establecen diferentes réximes para o persoal de investigación polo simple feito de traballar en distintas institucións. A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, non regula unha carreira común para o persoal de investigación, harmonizando os réximes de persoal de investigación de Universidades, OPI e hospitais. O resultado é que para quen se incorpora á actividade investigadora non existe unha perspectiva de desenvolvemento profesional que non só teña en conta a mobilidade dentro do sistema académico senón tamén no ámbito da I+D+i pública e empresarial. Para os que continúan ou se incorporan en etapas avanzadas, non existe un sistema que ofreza estabilidade a unha idade adecuada e cun sistema de promoción que fomente o mérito. Por iso, desde a perspectiva autonómica, abordar esta tarefa require ter en conta este perímetro en que pode actuar a Xunta de Galicia. Na Comunidade Autónoma de Galicia, o persoal de investigación desenvolve o seu labor en centros tecnolóxicos públicos ou privados, universidades, centros sanitarios e fundacións de investigación sanitaria e na Administración autonómica.

No ámbito autonómico, a Lei 5/2013, do 30 de xuño, de fomento da investigación e da innovación de Galicia –adoptada sobre a base do artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia, que recoñece a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de fomento da investigación en Galicia, respectando as competencias que o artigo 149.1.15 Constitución española e lle reserva ao Estado en materia de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica–, regula o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e de innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente, e outórgalle un papel relevante ao desenvolvemento de actuacións orientadas a apoiar a carreira investigadora e a consolidación do persoal de investigación.

Posteriormente, a Comunidade Autónoma de Galicia, en exercicio da súa potestade de autoorganización, ditou a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, co obxectivo de estruturar, establecer o réxime xurídico e dirixir e fixar os obxectivos da función pública galega. A lei, no artigo 5, contén unha habilitación para a elaboración de normas singulares en atención ás peculiaridades do persoal de investigación, do mesmo xeito que se regula no artigo 2.2 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Como axente impulsor das políticas de xeración, captación, retención e recuperación de talento investigador en Galicia, a Axencia Galega de Innovación definiu o programa Oportunius, para a creación dun marco laboral flexible para o persoal investigador, baseado no logro e mantemento da excelencia científica e orientado a dar resposta ás prioridades rexionais definidas na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (en diante, RIS3).

Unha das iniciativas do programa enfócase cara á captación, retención e recuperación de persoal investigador de traxectoria destacada e excelencia recoñecida, a través da cal a Gain ofrece un contrato laboral a aqueles investigadores/as beneficiarios/as dunha bolsa do European Research Council, para que os ditos investigadores desenvolvan a súa actividade nunha institución pública de investigación de Galicia.

Á marxe da citada regulación, os itinerarios dispoñibles para desenvolver a carreira investigadora presentan carencias que cómpre abordar. Así mesmo, aprovéitase tamén a oportunidade da Lei 14/2011, do 1 de xuño, que ampara unha regulación especifica a nivel autonómico de aspectos moi relevantes do réxime de persoal relativos á carreira, á mobilidade e á cooperación cos axentes públicos e privados do sistema de ciencia e tecnoloxía.

En efecto, de acordo co artigo 20.2 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, correspóndelles ás comunidades autónomas que asumisen estatutariamente a competencia exclusiva para a regulación dos seus propios centros e estruturas de investigación a xestión e organización do persoal investigador dos seus propios centros e estruturas de investigación, no marco da lexislación laboral vixente.

Así o réxime, que se regula a través do presente decreto, será de aplicación a todo o persoal de investigación de carácter laboral que desenvolva a súa actividade nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por conseguinte, preténdese abordar unha regulación da xestión e organización do persoal dos centros e estruturas de investigación propios dunha forma transversal, aínda que respectando as peculiaridades que cada sector poida presentar.

Así, no ámbito particular da investigación sanitaria ou biomédica, recóllense algunhas cuestións organizativas derivadas da propia estrutura do Sistema público de saúde de Galicia. A recente Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establecen a adopción dunha serie de medidas respecto das fundacións que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación de Galicia e dotalos dun réxime para a óptima e eficaz realización das súas funcións.

Por outro lado, ponse de manifesto a necesidade de deseñar o itinerario investigador adaptado ao marco europeo impulsado pola Comisión Europea, coa finalidade de eliminar obstáculos á mobilidade profesional e á cooperación internacional, permitindo estruturas comparables que fomenten a captación e retención do talento.

En definitiva, con este decreto, a Xunta de Galicia exerce a habilitación contida nos artigos 4 e 5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, establecendo un marco de desenvolvemento profesional que non só proporciona estabilidade laboral ao persoal de investigación formado, senón que tamén servirá para atraer persoal doutros países ou comunidades autónomas, máis alá do programa Oportunius, deseñado para a incorporación de talento excelente. Aprovéitase tamén a Lei 14/2011, do 1 de xuño, que ampara unha regulación especifica a nivel autonómico de aspectos moi relevantes do réxime de persoal relativos á carreira, á mobilidade e á cooperación cos axentes públicos e privados do sistema de ciencia e tecnoloxía.

II

O decreto está estruturado en oito títulos, cincuenta e catro artigos, dezaoito disposicións adicionais, unha disposición transitoria única e cinco disposicións derradeiras.

O título preliminar, baixo a denominación «Disposicións Xerais», define o persoal de investigación, integrado por persoal Investigador e persoal técnico; regula o ámbito subxectivo de aplicación da norma, o réxime de incompatibilidades dese persoal, asi como o seu réxime xurídico, a suspensión do cómputo de duración dos contratos por tempo determinado e o procedemento para a autorización das contratacións.

O título I recolle as modalidades contractuais aplicables ao persoal investigador en cumprimento do disposto nos artigos 21, 22 e 22.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores. Define un sistema de clasificación de postos de traballo inspirado no European Research Career Framework. Seguindo este modelo, establécense catro etapas atendendo ao nivel de formación e ás competencias demostradas por cada investigador no desenvolvemento do seu traballo, reflectindo a progresión na súa capacitación e capacidade de liderado de equipos de I+D+i: R1 investigador ou investigadora predoutoral; R2 investigador ou investigadora emerxente; R3 investigador ou investigadora establecido/a; R4 investigador ou investigadora sénior.

Sobre esa clasificación de postos de traballo e seguindo as modalidades contractuais de persoal investigador da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o decreto reproduce algúns dos aspectos legais da citada norma, como o obxecto do contrato, a súa duración, o réxime de avaliación da actividade investigadora, a extinción e a indemnización por finalización do contrato, todo iso para os efectos dunha adecuada comprensión e mellor estruturación da norma, co fin de que os seus destinatarios poidan ter unha visión de conxunto da regulación aplicable.

Os artigos contidos neste título atenden todas as etapas da actividade investigadora, desde a etapa predoutoral ata o remate da vida laboral. Comeza dando cobertura contractual ás etapas de formación pre e postdoutoral para, unha vez acadada a madurez investigadora, ingresar no sistema a través dun contrato fixo e acadar a posición de investigador establecido. Este é o inicio dunha carreira profesional como investigador estable, recoñecida a través da avaliación da actividade investigadora que, no caso de ser positiva, supón unha mellora retributiva.

Por último, recóllense as figuras contractuais reguladas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, para dar acubillo a necesidades non estruturais a través dos contratos indefinidos de investigador distinguido e de actividades científico-técnicas.

En ningún caso o decreto establece un réxime singular, senón que reproduce as figuras contractuais recollidas na Lei 14/2011, do 1 de xuño, no caso da contratación temporal (persoal investigador predoutoral e emerxente), así coma a contratación indefinida (persoal investigador distinguido e realización de actividades científico-técnicas), e aplícase a regulación establecida no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, no caso da contratación fixa (persoal investigador establecido e persoal investigador sénior), para facilitar a comprensión da carreira profesional do persoal de investigación.

A mesma solución se aplica no título II, onde se describe o réxime de contratación do persoal técnico de investigación, utilizando para a contratación das dúas categorías, a de persoal técnico superior de investigación e a de persoal técnico de investigación sénior, o contrato laboral fixo regulado no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro. En ambos os casos, o contrato fixo marca o inicio dunha carreira profesional estable, recoñecida a través da avaliación da actividade investigadora que, no caso de ser positiva, supón unha mellora retributiva.

O título III describe o réxime de contratación do persoal de investigación para a execución de actividades científico-técnicas vinculadas a liñas de investigación.

O título IV regula o acceso do persoal de investigación, e establécese o concurso como o sistema de selección a través de convocatorias públicas baixo os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia.

O título V, promoción e carreira profesional, desenvolve o dereito á carreira profesional do persoal de investigación. Define a carreira como o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional, conforme os principios de igualdade, mérito e capacidade. Esta carreira profesional baséase na avaliación da actividade investigadora de conformidade co previsto no artigo 20 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

No referente á promoción interna, establécense as condicións para o acceso por esta vía aos postos de investigador/a sénior por parte do Persoal investigador establecido. Este dereito tamén se recoñece para o persoal técnico superior de investigación no acceso aos postos de técnico/a de investigación sénior.

O título VI, dedicado ao réxime retributivo do persoal de investigación, establece os conceptos que integran o salario. Recolle as contías das retribucións fixas e incorpora no salario o recoñecemento en termos retributivos da avaliación positiva da actividade investigadora. Para estimular a captación de fondos en convocatorias competitivas, recoñécese un complemento retributivo non consolidable en función dos resultados obtidos polo/a investigador/a, que se financia con base nos recursos captados. Tamén establece a posibilidade de que participen nos beneficios por explotación dos resultados da actividade investigadora desenvolvida.

O título VII recolle a adscrición, mobilidade e convenios de colaboración. Regula un conxunto de situacións orientadas a facilitar a mobilidade e o intercambio persoal de investigación ao posibilitar a prestación de servizos en axentes públicos e privados do Sistema Galego de Investigación e Innovación, do Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación, así como en entidades internacionais ou estranxeiras. Prevé tamén a realización dunha actividade profesional por conta propia.

As disposicións adicionais dedícanse a regular aspectos dirixidos a facilitar o tránsito do persoal que realiza funcións de investigación ao réxime establecido no decreto, tales como a reclasificación dos postos ocupados por persoal funcionario de carreira ou laboral fixo, que desempeñen funcións correspondentes a persoal de investigación, ou o acceso voluntario á condición de persoal investigador do persoal funcionario de carreira ou laboral fixo titular de postos reclasificados. Así mesmo, incorporan unha mención específica ao réxime xurídico do persoal investigador distinguido contratado pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro de Decreto 64/2016, do 26 de maio, así como á adopción de acordos ou convenios de colaboración coas universidades do Sistema universitario de Galicia para facilitar o obtención do título de doutor, o recoñecemento da avaliación da actividade investigadora para a obtención do certificado R3 e a posible aprobación dun modelo tipo de bases para a selección do persoal de investigación.

A disposición transitoria única fai referencia aos efectos que ten na carreira a obtención do título de doutor por parte de persoal reclasificado previamente como investigador/a.

III

Desde o punto de vista da mellora da calidade normativa, este decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia, que se recollen no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No que se refire aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para a regulación do réxime de persoal laboral de investigación da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia conforme a reforma da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

De acordo cos principios de proporcionalidade e de simplicidade, contén a regulación esencial do réxime do persoal de investigación aplicable no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

Conforme os principios de seguridade xurídica e eficiencia, resulta coherente co ordenamento xurídico e permite unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

Cumpre tamén cos principios de transparencia e accesibilidade, xa que se identifica claramente o seu propósito e durante o procedemento de tramitación da norma se permitiu a participación activa das persoas potenciais destinatarias a través dun amplo trámite de consulta pública previa e de publicación no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.

Este decreto foi negociado na mesa xeral de empregados públicos e aprobado na reunión da Comisión de Persoal que tivo lugar o día 27 de novembro de 2023, cos votos favorables das organizacións sindicais CC.OO., CSIF e UGT.

Por último, este decreto dítase en virtude da competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de fomento da investigación en Galicia, recollida no artigo 27.19 do seu Estatuto de autonomía, respectando as competencias que o artigo 149.1.15 Constitución española lle reserva ao Estado en materia de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica, o artigo 2.2 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Na súa virtude, por proposta conxunta do conselleiro de Facenda e Administración Pública e da conselleira de Economía, Industria e Innovación, e co referendo do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de xaneiro do dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O presente decreto regula a organización, promoción e carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do marco da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación e da lexislación laboral vixente.

Neste decreto regúlanse as peculiaridades aplicables ao devandito persoal de acordo co artigo 2.2 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 5 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, terán carácter de organismos públicos de investigación de Galicia aquelas entidades/unidades entre cuxas funcións figura algunha das seguintes: accións de execución directa ou de programación/coordinación de actividades de I+D+i, prestación de servizos tecnolóxicos de soporte á investigación, valoración, transferencia ou innovación, ou outras actividades de carácter complementario necesarias para o adecuado progreso científico e tecnolóxico da sociedade que lles sexan atribuídas pola Lei 14/2011 ou polas súas normas de creación e funcionamento.

3. Así mesmo, o presente decreto será de aplicación ás sociedades e fundacións do sector público autonómico cuxo fin ou obxecto social comprenda a execución directa de actividades de investigación científica e técnica ou de prestación de servizos tecnolóxicos, ou aquelas outras de carácter complementario necesarias para o adecuado progreso científico e tecnolóxico da sociedade.

Artigo 2. Persoal de Investigación de carácter laboral

1. Para efectos do presente decreto, terá a consideración de persoal de investigación de carácter laboral ao servizo da Administración xeral e das entidades instrumentais integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia o persoal investigador e o persoal técnico.

2. De conformidade co artigo 13.1 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, considérase persoal investigador aquel que, estando en posesión da titulación exixida en cada caso, realiza unha actividade investigadora, entendida como traballo creativo realizado de forma sistemática para incrementar o volume de coñecemento, incluído o relacionado co ser humano, a cultura e a sociedade, a utilización deste coñecemento para crear novas aplicacións, así como a súa transferencia e difusión.

3. Para os efectos do presente decreto, considérase persoal técnico aquel que, estando en posesión da titulación exixida en cada caso, asume funcións facultativas e realiza tarefas ou presta servizos científico-técnicos á comunidade investigadora, a través de plataformas ou servizos de apoio á investigación ou directamente aos investigadores ou nos grupos de investigación. Deberán ser servizos que exixen un alto grao de especialización en determinada técnica, infraestrutura ou área de coñecemento, valorando coñecementos, estudos, inspección e supervisión en instalacións científicas ou técnicas.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal de investigación de carácter laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase polo establecido na citada lei e nas súas normas de desenvolvemento, polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e as súas normas de desenvolvemento, e nas normas convencionais. Así mesmo, rexerase polo disposto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no presente decreto.

2. A Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia, conforme o establecido no artigo 1, poderán contratar o seu persoal de investigación de carácter laboral de acordo coas modalidades contractuais específicas establecidas, nos títulos I, II e III deste decreto.

Ademais, as entidades citadas poderán contratar persoal de investigación a través das modalidades de contrato de traballo establecidas no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4. Rexistro de persoal de investigación do sector público autonómico

1. Créase o Rexistro de persoal de investigación do sector público autonómico como o instrumento de ordenación para a identificación e recoñecemento dos profesionais de investigación ao servizo da Administración xeral e as entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Este rexistro recollerá de maneira sistemática todos os actos de relevancia da vida administrativa e laboral do persoal de investigación. Será obxecto de inscrición a formalización de contratos laborais e todos os actos que afecten a vida profesional do persoal inscrito, incluíndo a adquisición dos tramos de excelencia.

Artigo 5. Suspensión do cómputo de duración do contrato e prórroga

1. En cumprimento do establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, respecto das modalidades contractuais específicas de duración determinada, as situacións de incapacidade temporal e os períodos de tempo dedicados ao gozo de permisos a tempo completo por xestación, embarazo, risco durante a xestación, embarazo e a lactación, nacemento de fillos/as, permiso por parto, permiso doutro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción, adopción por garda con fins de adopción ou acollemento familiar, ou lactación acumulada a xornadas completas, ou por situacións análogas relacionadas coas anteriores, así como o gozo de permisos a tempo completo por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, e o tempo dedicado ao gozo de excedencias por coidado de fillo/a, de familiar ou por violencia de xénero durante o período de duración do contrato interromperán o cómputo da duración do contrato.

2. Así mesmo, en cumprimento do establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, respecto das modalidades contractuais específicas de duración determinada, os períodos de tempo dedicados ao gozo de permiso a tempo parcial por nacemento de fillos/as, permiso por parto, permiso doutro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción, adopción por garda con fins de adopción ou acollemento familiar, e a redución de xornada laboral por razóns de lactación, nacemento de fillo/a prematuro ou hospitalizado tras o parto, garda legal, coidado de menores afectados por cancro ou enfermidade grave, de familiares afectados por accidente ou enfermidade grave ou de persoas dependentes, ou por violencia de xénero, ou reducións de xornada por situacións análogas relacionadas coas anteriores, así como por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes, durante o período de duración do contrato, darán lugar á prórroga do contrato polo tempo equivalente á xornada que se reduciu.

Artigo 6. Criterios de cómputo para a valoración da actividade investigadora

1. Co fin de asegurar o cumprimento dos principios de igualdade, mérito e capacidade nos procedementos de selección, promoción interna e avaliación das actividades de investigación, na valoración dos méritos só se terá en conta o tempo efectivamente dedicado á actividade investigadora. Para tal efecto, excluirase do computo total o tempo correspondente ao gozo de permisos e á redución de xornada, nas causas e supostos regulados no artigo 5.

2. En cumprimento do establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, os prazos dos contratos subscritos con persoas con discapacidade, respecto das modalidades contractuais específicas de duración determinada, poderán ser ampliados nos termos sinalados na citada normativa estatal.

Artigo 7. Procedemento para a autorización da contratación do persoal de investigación

1. Sen prexuízo do disposto na correspondente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, as contratacións de duración determinada e as contratacións de duración indefinida recollidos no presente decreto requirirán informe conxunto favorable do titular do órgano de dirección competente en materia de planificación e orzamentos e do titular do órgano de dirección competente en materia función pública.

A petición do dito informe realizarase mediante solicitude do centro directivo que vaia a realizar citada contratación, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do proxecto da actividade de I+D+i que se vai desenvolver.

b) Certificado de existencia de crédito para a realizar a da correspondente contratación.

c) Proposta do contrato de traballo que se pretende formalizar.

d) Informe favorable da Axencia Galega de Innovación ou da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, cando se trate de persoal contratado polo Servizo Galego de Saúde ou polas fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema público de saúde de Galicia, respecto da modalidade contractual elixida, agás no suposto de que a contratación en que vaia realizar esta, caso en que non se requirirá o dito informe.

2. En todo caso, non requirirán do trámite de autorización previa os contratos laborais de duración determinada e de actividades científico-técnicas vinculados na súa totalidade ao financiamento externo ou financiamento procedente de convocatorias de axudas públicas en concorrencia competitiva.

Artigo 8. Réxime de incompatibilidades

O persoal de investigación de carácter laboral a que se refire o presente decreto estará suxeito ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, coas particularidades establecidas nos artigo 17 e 18 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

Artigo 9. Compatibilidade para o exercicio doutras actividades de investigación

1. De conformidade co artigo 17.5 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, con carácter excepcional poderá autorizárselle ao persoal de investigación ao servizo da Administración xeral e das entidades do sector público autonómico de Galicia incluídas no ámbito de aplicación deste decreto a compatibilidade para o exercicio de actividades de investigación, desenvolvemento experimental, transferencia de coñecemento e innovación de carácter non permanente, ou de asesoramento científico ou técnico en supostos concretos, que non correspondan ás súas funcións, así coma para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación en entidades públicas e privadas dedicados á investigación ou docencia.

2. Esta excepción acreditarase pola asignación da encarga en concurso público ou por requirir especiais cualificacións que só posúa o persoal de investigación regulado neste decreto, adecuarase ao previsto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, e requirirá autorización da consellería competente.

Artigo 10. Compatibilidade para a participación do persoal de investigación da Administración xeral e do Sector Público autonómico de Galicia en sociedades mercantís

1. De conformidade co artigo 18 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, a Administración xeral e as entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán autorizarlle ao persoal de investigación ao seu servizo que preste servizos mediante un contrato laboral a tempo parcial en sociedades mercantís e outras entidades con personalidade xurídica, creadas ou participadas pola entidade para a cal devandito persoal preste servizos. Esta autorización requirirá informe favorable da consellería competente en materia de función pública.

2. A autorización requirirá a xustificación previa, debidamente motivada, da participación do persoal de investigación nunha actuación relacionada coas prioridades científico-técnicas establecidas nas estratexias internacionais, nacionais e autonómicas de I+D+i, en actividades de transferencia de coñecemento ou no desenvolvemento e a explotación de resultados da actividade científico-técnica xeradas en actividades de investigación, desenvolvemento e innovación da entidade para a cal preste servizos.

3. Os recoñecementos de compatibilidade non poderán modificar a xornada nin o horario do posto de traballo inicial da persoa interesada, e quedarán automaticamente sen efecto en caso de cambio de posto no sector público.

4. As limitacións establecidas nos artigos 12.1.b) e d) e 16 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, non serán de aplicación ao persoal de investigación que preste os seus servizos nas sociedades que creen ou en que participen as entidades a que fai referencia o punto 1, sempre que a dita excepción sexa autorizada pola consellería competente en materia de función pública, e con informe favorable da Axencia Galega de Innovación ou da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, cando se trate de persoal contratado polo Servizo galego de Saúde ou polas fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema público de saúde de Galicia.

TÍTULO I

Persoal investigador de carácter laboral

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 11. Clasificación de postos de traballo do persoal investigador

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto recollerán nas súas relacións de postos de traballo ou instrumentos de xestión de persoal similares os postos de persoal investigador clasificados na seguinte tipoloxía, que reflicte a progresión da súa capacitación e capacidade de liderado de equipos de I+D+I:

a) Investigador ou investigadora predoutoral (R1): persoa investigadora en formación admitida nun programa de doutorado.

b) Investigador ou investigadora emerxente (R2): persoa investigadora doutora en etapa de formación postdoutoral, cuxo traballo consistirá na realización de tarefas de investigación orientadas á obtención dun elevado perfeccionamento e especialización profesional.

c) Investigador ou investigadora establecido/a (R3): o persoal investigador postdoutoral que foi capaz de desenvolver un nivel de independencia pleno tras as etapas anteriores da súa carreira. É o investigador ou investigadora principal das súas propias axudas e asina as súas publicacións como autor ou autora sénior (última persoa asinante ou autora de correspondencia).

d) Investigador ou investigadora sénior (R4): o persoal investigador que alcanza unha madurez e excelencia na súa actividade que o sitúa como líder na súa area ou campo de investigación, con reputación internacional baseada nas súas achegas á ciencia ou ao coñecemento. Trátase de persoal con ampla experiencia e calidade científica, que lidera, dirixe e coordina grupos de investigación, plataformas ou redes con autonomía e independencia.

2. A clasificación dos postos de traballo do persoal investigador recollida no número 1 entenderase, en todo caso, sen prexuízo da clasificación en grupos profesionais ou categorías aplicables a este persoal de acordo cos convenios colectivos que sexan de aplicación.

CAPÍTULO II

Investigador ou investigadora predoutoral

Artigo 12. Contratación do persoal investigador predoutoral

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán contratar persoal investigador predoutoral para a realización simultánea, por un lado, de tarefas de investigación, no ámbito dun proxecto específico e innovador e, por outro, do conxunto de actividades, integrantes do programa de doutoramento, conducentes á obtención das competencias e habilidades para a obtención do título universitario de doutoramento, sen que poida exixírselles a realización de calquera outra actividade que desvirtúe a finalidade investigadora e formativa do contrato.

Consonte o disposto no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato, así mesmo, terá por obxecto a orientación posdoutoral por un período máximo de doce meses; en todo caso, a duración do contrato non poderá exceder do máximo sinalado no artigo 13 deste decreto.

2. En cumprimento do artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato subscribirase con persoal que deberá estar en posesión do título de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a, graduado/a universitario/a con titulación de grao de polo menos 300 créditos ECTS (European Credit Transfer System), master universitario ou equivalente, e ter sido admitido/a nun programa de doutoramento.

3. O contrato subscribirase por escrito entre o persoal investigador de predoutoramento en formación, na súa condición de traballador, e a universidade pública ou organismo de investigación titular da unidade investigadora, na súa condición de empregador, e deberá xuntarse un escrito de admisión ao programa de doutoramento expedido pola unidade responsable dese programa, ou pola escola de doutoramento ou post grao, se for o caso.

4. Este persoal terá a condición de persoal investigador predoutoral en formación (perfil equivalente ao R1 do European Research Career Framework).

Artigo 13. Duración do contrato

1. En cumprimento do artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, este contrato será de duración determinada, con dedicación a tempo completo.

A duración do contrato non poderá ser inferior a un ano nin exceder os catro anos. Cando o contrato se concerte por unha duración inferior a catro anos poderá prorrogarse sucesivamente sen que, en ningún caso, as prórrogas poidan ter unha duración inferior a un ano. Ningún traballador poderá ser contratado mediante esta modalidade, na mesma ou distinta entidade, por un tempo superior a catro anos, incluídas as posibles prórrogas. Con todo, cando o contrato se concerte cunha persoa con discapacidade, o contrato poderá alcanzar unha duración máxima de seis anos, prórrogas incluídas, tendo en conta as características da actividade investigadora e o grao das limitacións na actividade. Sen prexuízo do anteriormente establecido neste número, no caso de que, por estar xa contratado o traballador baixo esta modalidade, o tempo que reste ata o máximo de catro anos, ou de seis no caso de persoas con discapacidade, sexa inferior a un ano, poderá concertarse o contrato, ou a súa prórroga, polo tempo que reste ata o máximo establecido en cada caso.

2. En todo caso, de conformidade co artigo 6 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, cando o contrato sexa prorrogable e o/a traballador/a continúe realizando as actividades obxecto, entenderase prorrogado automaticamente, salvo informe motivado desfavorable de avaliación emitido pola comisión académica do programa de doutoramento ou, se é o caso, da escola de doutoramento, ata completar a súa duración máxima.

Artigo 14. Avaliación da actividade investigadora

1. De conformidade co artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, a actividade desenvolvida polo persoal investigador predoutoral en formación avaliaraa anualmente a comisión académica do programa de doutoramento, ou, de ser o caso, pola escola de doutoramento, durante o tempo que dure a súa permanencia no programa. O contrato poderá resolverse no suposto de non superarse favorablemente esta avaliación.

2. De acordo co artigo 6.3 do Real decreto 103/2019, do 1 de marzo, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador predoutoral en formación, no caso de que o persoal investigador formule ante o órgano competente unha reclamación por incumprimento das tarefas de dirección da tese de doutoramento e obteña un ditame favorable, durante o prazo que transcorre a partir da presentación do dito ditame favorable e mentres non se produza o cambio na dirección da tese de doutoramento, suspenderase o cómputo da duración do contrato durante un prazo máximo de catro meses, transcorrido o cal se retomará o citado cómputo. O ditame deberá emitirse coa maior brevidade posible. A entidade competente deberá resolver, logo do informe positivo da devandita entidade, respecto da nova dirección, o cambio na dirección da tese no prazo máximo dun mes.

Artigo 15. Extinción do contrato

En cumprimento do disposto no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e no artigo 9.1 do Real decreto 103/2019, dO 1 de marzo, extinguirase pola chegada a termo ou logo de denuncia de calquera das partes, así como polas restantes causas previstas no artigo 49 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16. Indemnización por finalización do contrato

De conformidade co artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, ao finalizar o contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a recibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

CAPÍTULO III

Investigador ou investigadora emerxente

Artigo 17. Contratación do persoal investigador emerxente

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán contratar persoal investigador emerxente. O contrato subscribirase baixo a modalidade de contrato de acceso de persoal investigador doutor.

2. En cumprimento do establecido no artigo 22 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato subscribirAse con persoal con título de doutor ou doutora coa finalidade primordial de desenvolver tarefas de investigación, transferencia de coñecemento e innovación orientadas á obtención por parte deste persoal dun elevado nivel de perfeccionamento e especialización profesional, que conduzan á consolidación da súa experiencia profesional (perfil equivalente ao R2 do European Research Career Framework).

3. O persoal investigador que sexa contratado ao amparo do disposto neste artigo poderá realizar actividade docente ata un máximo de cen horas anuais, logo de acordo de ser o caso, co departamento implicado, coa aprobación da entidade para a cal presta servizos e con sometemento á normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 18. Duración do contrato

En cumprimento do establecido no artigo 22 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, este contrato será de duración determinada con dedicación a tempo completo. A duración será de polo menos tres anos e poderá prorrogarse ata o límite máximo de seis anos. As prórrogas non poderán ter unha duración inferior a un ano. Non obstante, cando o contrato se subscriba cunha persoa con discapacidade, o contrato poderá alcanzar unha duración máxima de oito anos, incluídas as prórrogas, tendo en conta as características da actividade investigadora e o grao de limitación da actividade.

Ningún/ha traballador/a poderá ser contratado/a por esta modalidade, na mesma ou en distinta entidade, por un período superior a seis anos, incluídas as posibles prórrogas, agás no caso das persoas con discapacidade, para as cales o tempo non poderá exceder de oito anos. O tempo de contrato transcorrido baixo a extinta modalidade de contrato de acceso ao Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación contabilizarase para o cálculo destes períodos máximos.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, no caso de que, por ter sido xa contratado a persoa traballadora nesta modalidade, o tempo restante ata un máximo de seis anos, ou oito no caso de persoas con discapacidade, sexa inferior a un ano, o contrato, ou a súa prórroga, poderá subscribirse polo tempo restante ata o máximo establecido en cada caso.

Artigo 19. Avaliación da actividade investigadora

De acordo co artigo 22.2 Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal investigador contratado nesta modalidade poderá optar, a partir da finalización do segundo ano do contrato, a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida que, de ser positiva de acordo con requisitos previamente establecidos, lle poderá ser recoñecida cos efectos previstos no itinerario de acceso estable ao Sistema galego e español de ciencia, tecnoloxía e innovación en que se enmarca o contrato. Esta avaliación utilizarase unicamente para os efectos de promoción e recoñecemento ao longo do itinerario posdoutoral.

A avaliación realizaraa a Axencia Galega de Innovación que, no caso de persoal contratado polo Servicio Galego de Saúde, entes instrumentais dependentes da Consellería de Sanidade ou fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia, solicitaralle á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde propostas para o nomeamento dos membros da comisión da avaliación.

Cando a contratación se realice no marco de programas de postdoutoramento financiados polos organismos financiadores do Sistema galego ou español de ciencia, tecnoloxía e innovación, a avaliación será realizada polo organismo financiador correspondente.

Se a avaliación resulta negativa, o persoal investigador poderá someter a súa actividade investigadora a unha segunda e última avaliación antes de rematar o contrato ou as súas prórrogas.

Artigo 20. Certificado R3 como investigador/a establecido/a

1. Conforme o previsto no artigo 22.3 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, tras superar a avaliación regulada no artigo 19 deste decreto, o persoal investigador poderá obter unha certificación como investigador/a establecido/a (en diante, certificado R3).

O órgano competente para a avaliación dos requisitos de calidade da produción e da actividade científico-tecnolóxica establecidos para o certificado R3 como investigador/a establecido/a será a Axencia Estatal de Investigación.

2. Conforme o establecido no artigo 22.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o certificado R3 será recoñecido nos procesos selectivos de novo ingreso estable para cubrir as prazas de persoal investigador establecido que sexan convocadas pola Administración xeral e as demais entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia incluídas no ámbito de aplicación deste decreto

O certificado R3 terase en conta para os efectos da súa valoración como méritos de investigación nos devanditos procesos selectivos e proxectarase sobre as probas ou fases de avaliación do currículo do persoal investigador que forme parte destes procesos, de xeito que terá exención ou compensación das probas ou fases de avaliación curricular ou equivalentes.

Artigo 21. Extinción do contrato

En cumprimento do establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato rematará por cumprimento da duración máxima establecida, así como polas causas recollidas no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e en todo caso a partir do momento en que se faga efectivo o ingreso estable do investigador ou investigadora na posición de investigador/a establecido/a.

Artigo 22. Indemnización por finalización do contrato

De conformidade co establecido no artigo 22 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, ao finalizar o contrato por vencemento do tempo pactado, o/a traballador/a terá dereito a percibir unha indemnización por importe equivalente ao previsto para os contratos de duración determinada no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

CAPÍTULO IV

Investigador/a establecido/a

Artigo 23. Persoal investigador establecido

1. O persoal investigador establecido será contratado, a través do correspondente proceso de selección, cun contrato laboral fixo de conformidade co establecido no Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro.

2. O contrato ten por obxecto facilitar a incorporación e o desenvolvemento profesional do persoal investigador que acadou un nivel de excelencia na súa carreira e que, polo tanto, reúne as condicións necesarias para garantir que a súa incorporación xere un retorno certo en termos da súa contribución á mellora dos resultados de innovación e transferencia en Galicia.

3. Poderán acollerse a esta modalidade contractual aqueles/as investigadores/as que estean en posesión do título de doutor/a ou equivalente, con experiencia demostrada como investigador/a postdoutoral, que teñan acadado un nivel de independencia pleno na súa actividade investigadora (perfil equivalente co R3 do European Research Career Framework).

4. Os postos de traballo de persoal investigador establecido estarán sometidos ao sistema de avaliación da actividade investigadora e os seus efectos, regulados nos artigos 38 e 39.

5. O contrato terá carácter fixo e extinguirase polas causas recollidas no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

CAPÍTULO V

Investigador/a sénior

Artigo 24. Persoal investigador sénior

1. O persoal investigador sénior será contratado, a través do correspondente proceso de selección, cun contrato laboral fixo, de conformidade co establecido no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

2. O contrato ten por obxecto facilitar a incorporación e o desenvolvemento profesional do persoal investigador que alcanza unha madurez e excelencia na súa actividade que o sitúa como líder na súa área ou campo de investigación, con reputación internacional baseada nas súas achegas á ciencia.

3. Poderán acollerse a esta modalidade contractual aqueles/as investigadores/as que estean en posesión do título de doutor/a ou equivalente que, atendendo á súa ampla experiencia e calidade científica, lideran, dirixen e coordinan un grupo de investigación, plataforma ou rede con autonomía e independencia (perfil equivalente co R4 do European Research Career Framework).

4. Os postos de traballo de persoal investigador sénior estarán sometidos ao sistema de avaliación da actividade investigadora e os seus efectos, regulados nos artigos 38 e 39.

5. O contrato terá carácter fixo e extinguirase polas causas recollidas no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

CAPÍTULO VI

Investigador/a distinguido/a

Artigo 25. Contratación do persoal investigador distinguido

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto poderán contratar investigadores/as españois ou estranxeiros de recoñecido prestixio que estean en posesión do título de doutor ou doutora e que gocen dunha reputación internacional consolidada baseada na excelencia das súas contribucións no eido científico ou técnico baixo a modalidade de contrato de investigador/a distinguido/a, de acordo co artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño. Así mesmo, poderase subscribir tamén con tecnólogos/as que gocen dunha reputación internacional consolidada baseada na excelencia das súas contribucións, tanto no avance de técnicas concretas de investigación como en valorización e transferencia do coñecemento e innovación que xeraron.

2. O obxecto do contrato será a dirección de equipos humanos como investigador/a principal, a dirección de centros de investigación, instalacións e programas singulares científicos e tecnolóxicos de gran relevancia no ámbito do coñecemento de que se trate, no marco das funcións e obxectivos da entidade contratante.

3. O persoal investigador contratado non poderá subscribir contratos de traballo con outras entidades, salvo autorización expresa do empregador ou pacto subscrito en contrato, respectando en todo caso a Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

4. O persoal investigador que sexa contratado ao amparo do disposto neste artigo poderá realizar actividade docente ata un máximo de cen horas anuais, logo de acordo, de ser o caso, co departamento ou organismo implicado, coa aprobación da entidade para a que presta servizos e con sometemento á normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 26. Duración do contrato e causas de extinción

1. De conformidade coas letras b) e c) do artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato terá a duración que as partes acorden. A xornada laboral, horarios, festas, permisos e vacacións deberán establecerse nas súas cláusulas.

2. Conforme o establecido na letra f) do artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o contrato poderá extinguirse por desistencia da persoa empregadora, comunicado por escrito cun aviso previo de tres meses, sen prexuízo das posibilidades de rescisión do contrato por parte da persoa empregadora por causas procedentes. No suposto de incumprimento total ou parcial do aviso previo, o persoal investigador contratado terá dereito a unha indemnización equivalente aos salarios correspondentes á duración do período incumprido.

En caso de desistencia da persoa empregadora, o persoal investigador contratado terá dereito a percibir a indemnización prevista para o despedimento improcedente no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, sen prexuízo de que poida corresponderlle por incumprimento total ou parcial do aviso previo.

3. Así mesmo, o contrato extinguirase polas causas recollidas no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

4. Os postos de traballo de persoal investigador distinguido estarán sometidos ao sistema de avaliación da actividade investigadora e os seus efectos, regulados nos artigos 38 e 39.

TÍTULO II

Persoal técnico de investigación

Artigo 28. Persoal técnico de investigación

1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto recollerán nas súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal os postos de persoal técnico clasificados consonte a seguinte tipoloxía:

a) Técnico/a superior de investigación: persoal con título de grao ou equivalente, cualificado, que presta servizos científico-técnicos e/ou realiza tarefas de investigación a través de plataformas, servizos de apoio á investigación ou directamente con grupos de investigación. Este persoal desenvolverá, entre outras, funcións de apoio e colaboración no deseño, aplicación, mantemento e mellora de instalacións científicas, elaboración de informes, estudos ou análises e, en xeral, participando na xestión técnica de plans, proxectos, programas ou aplicacións e resultados da investigación. No caso do ámbito sanitario, cómpre a posesión de formación sanitaria especializada (MIR, BIR, PIR, QUIR e FIR).

b) Técnico/a de investigación sénior: persoal con titulación de licenciado, grao ou equivalente, altamente cualificado, máster, doutor ou doutora, que presta servizos altamente especializados con funcións directivas, que coordina os servizos científico-técnicos á comunidade investigadora a través de plataformas ou servizos de apoio á investigación, ou directamente en grupos de investigación.

Este persoal desenvolverá funcións que impliquen exixencias especiais e responsabilidade, para realizar tarefas de xestión de equipos humanos, valoración de coñecementos, estudo, inspección e supervisión de instalacións científicas ou técnicas, nas súas respectivas especialidades, e/ou o desenvolvemento de tarefas de concepción, deseño, aplicación e mellora en instalacións científicas experimentais, ou de xestión, asesoramento, análise ou elaboración de informes, nas súas respectivas especialidades que constitúan a finalidade específica do organismo ao que pertencen.

2. A clasificación de postos de traballo do persoal investigador recollida no número 1 entenderase en todo caso sen prexuízo da clasificación en grupos profesionais ou categorías aplicables a este persoal, de acordo cos convenios colectivos que sexan de aplicación.

3. A clasificación levarase a cabo tendo en conta as funcións, a titulación e o contido xeral do traballo que se vai desenvolver en cada posto. En todo caso, dentro de cada unha das modalidades contractuais relacionadas no número 1 poderán coexistir distintas titulacións, especialidades e aptitudes profesionais e funcións para desenvolver.

Artigo 28. Persoal técnico superior de investigación

1. O persoal que estea en posesión da titulación de licenciado, grao ou equivalente poderá acceder ao posto de traballo de técnico superior de investigación regulado no artigo 27.1.a), mediante un contrato laboral fixo consonte o establecido no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

2. Os postos de traballo de persoal técnico superior de investigación estarán sometidos ao sistema de avaliación da actividade investigadora e os seus efectos regulados nos artigos 38 e 39.

3. O contrato terá carácter fixo e extinguirase polas causas recollidas no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

Artigo 29. Persoal técnico de investigación sénior

1. O persoal con titulación de licenciado, grao ou equivalente, altamente cualificado, máster, doutor ou doutora que presta servizos altamente especializados poderá acceder á condición de técnico/a de investigación sénior regulada no artigo 27.1.b) deste decreto mediante un contrato laboral fixo consonte o establecido no Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

2. Os postos de traballo de persoal técnico de investigación sénior estarán sometidos ao sistema de avaliación da actividade investigadora e os seus efectos, regulados nos artigos 38 e 39.

3. O contrato terá carácter fixo e extinguirase polas causas recollidas no artigo 49 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

TÍTULO III

Persoal de investigación para a execución de actividades científico-técnicas vinculadas a liñas de investigación

Artigo 30. Contratación de persoal para a execución de actividades científico-técnicas

De acordo co artigo 23.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, as entidades incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto poderán subscribir contratos indefinidos de actividades científico-técnicas con persoal de investigación con título de licenciatura, enxeñaría, arquitectura, diplomatura, arquitectura técnica, enxeñaría técnica, grao, máster universitario, técnico/a superior ou técnico/a, ou con título de doutor o doutora. Tamén se poderan subscribir con persoal cuxa formación, experiencia e competencias sexan acordes cos requisitos e tarefas que deberán desenvolver na posición que se precise cubrir.

O obxecto dos contratos de actividades científico-técnicas será realizar actividades vinculadas a liñas de investigación ou de servizos científico-técnicos, incluíndo a xestión científico-técnica destas liñas que se definen como un conxunto de coñecementos, inquedanzas, produtos e proxectos, construídos de maneira sistemática ao redor dun eixe temático en que conflúan actividades realizadas por un ou máis grupos de investigación, e requirirá o seu desenvolvemento seguindo as pautas metodolóxicas adecuadas en forma de proxectos ou contratos de I+D+i.

Artigo 31. Duración do contrato

1. De acordo co número 2 do artigo 23.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, os contratos de actividades científico-técnicas son de duración indefinida e non formarán parte da oferta de emprego público nin dos instrumentos similares de xestión das necesidades de persoal a que se refire o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, nin a súa convocatoria estará limitada pola masa salarial do persoal laboral.

2. De acordo co número 3 do artigo 23.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, non requirirán do trámite de autorización previa os contratos de actividades científico-técnicas vinculados na súa totalidade co financiamento externo ou financiamento procedente de convocatorias de axudas públicas en concorrencia competitiva.

TÍTULO IV

Sistema de acceso do persoal de investigación

Artigo 32. Sistema de selección do persoal

1. O concurso será o sistema selectivo de acceso ao emprego público para o persoal de investigación a que se refire o presente decreto.

2. A selección realizarase a través dun concurso de valoración de méritos, dentro do marco previsto no artigo 61.7 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, consonte o perfil sinalado en cada convocatoria pública e, se for o caso, nas probas complementarias que se determinen na devandita convocatoria.

3. O sistema de selección estará baseado na valoración do currículo do persoal, incluíndo os méritos achegados relacionados coa actividade de apoio e liderado técnico da investigación de transferencia de coñecemento e de innovación, así como a adecuación das competencias e capacidades das candidaturas ás características das prazas.

4. A valoración do currículo do persoal de investigación realizaraa por unha comisión designada polo centro a que pertenza o posto e o seu resultado terá carácter vinculante. As persoas nacionais doutros Estados membros da Unión Europea e de terceiros Estados poderán realizar as probas e presentar a documentación en inglés.

5. De conformidade co establecido no artigo 22.bis da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal investigador que posúa o certificado R3 como investigador/a establecido/a ou teña superado unha avaliación equivalente á do Programa de incentivación da incorporación e intensificación da actividade investigadora (Programa I3) terá exención ou compensación nas probas ou fases de avaliación curricular ou equivalentes, nos termos e condicións que se establezan na convocatoria correspondente para o acceso ás prazas de persoal investigador establecido.

6. A oferta de emprego público, aprobada cada ano pola Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, conterá as previsións de cobertura das prazas con dotación orzamentaria precisa do persoal de investigación laboral fixo ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico incluídas no ámbito de aplicación do decreto.

Quedarán excluídos na taxa de reposición os contratos predoutorais, de acceso de persoal investigador doutor, de investigador distinguido, así como os de actividades científico-técnicas.

Artigo 33. Principios de selección

1. A selección do persoal de investigación articularanse en todo caso a través de convocatorias públicas en que se garantan os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e concorrencia, de conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, na Lei 2/2015, do 29 de abril, de xeito que permitan un desenvolvemento profesional transparente, aberto, igualitario e recoñecido internacionalmente.

2. Consonte o establecido no artigo 16 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, os procedementos de selección do persoal de investigación previstos neste decreto garantirán:

a) A publicidade e transparencia das convocatorias e das súas bases.

b) A imparcialidade e profesionalidade dos integrantes dos órganos de selección.

c) A independencia e discrecionalidade técnica na actuación dos órganos de selección.

d) A adecuación e proporcionalidade entre o contido dos procesos selectivos e das funciones ou tarefas que se van desenvolver.

e) A axilidade sen menoscabo da calidade e obxectividade.

3. Consonte o establecido no artigo 16.3 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, e de acordo co disposto no artigo 5 deste decreto, non serán obxecto de consideración as interrupcións na carreira investigadora e os seus efectos nos currículos das persoas candidatas. Nas bases das convocatoria establecerase o factor corrector que en cada caso corresponda e que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades.

4. Nos procesos selectivos de promoción interna valorarase a calidade dos resultados da actividade investigadora e, se é o caso, a adecuación á/ás liña/s de investigación establecidas na convocatoria, así como, se é o caso, da súa aplicación, transferencia e achega en termos de xeración de coñecemento.

Artigo 34. Convocatorias

1. A entidade contratante efectuará as correspondentes convocatorias, establecerá as bases e contido destas e encargarase da súa publicación.

2. As bases do correspondente proceso selectivo requirirán informe previo favorable do titular do órgano de dirección competente en materia de punción pública e da Axencia Galega de Innovación ou da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, se se trata de persoal contratado polo Servicio Galego de Saúde, entidades instrumentais dependentes da Consellería de Sanidade ou fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema público de saúde de Galicia.

3. A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da entidade convócante. Nela, como mínimo, farase constar:

a) O obxecto da convocatoria o número e a categoría de prazas convocadas.

b) As condicións e os requisitos que deben reunir as persoas aspirantes.

c) A descrición do proceso de selección, xunto cos baremos de puntuación de méritos, orde de participación das persoas aspirantes e os criterios de desempate.

d) A composición do órgano de selección.

e) O prazo máximo para resolver a convocatoria.

f) O modelo de solicitude e documentación que se achegará.

g) O prazo de presentación das solicitudes.

h) O órgano ao que deben dirixirse as solicitudes.

i) Lugares de publicación e páxina web en que se publiquen para coñecemento dos participantes das distintas resolucións que se xeren ao longo do proceso.

4. As convocatorias de selección do persoal de investigación temporal ou indefinido para a cobertura de contratos vinculados na súa totalidade ao financiamento externo ou financiamento procedente de convocatorias de axudas públicas en concorrencia competitiva non requirirán publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 35. Órganos de selección

1. Correspóndelle á entidade contratante designar os membros dos órganos de selección, que deberán estar formados por persoal pertencente aos organismos ou entidades os que estean adscritos os postos de traballo que se convocan.

2. Non obstante, poderán formar parte dos órganos de selección aquelas persoas, españolas ou estranxeiras, teñan ou non relación de servizo coa entidade contratante e con independencia do tipo de relación, que poidan ter a consideración de profesionais de recoñecido prestixio en investigación, desenvolvemento experimental, transferencia de coñecemento e/ou innovación no ámbito de que se trate.

3. O órgano de selección terá a composición seguinte:

a) Presidente/a.

b) Secretario/a.

c) Catro vogais, que deberán ser expertos/as do ámbito da investigación altamente cualificados/as no eido científico e con coñecementos avanzados no ámbito temático, que se vai tratar deberán estar en posesión da titulación de doutor.

Na composición do panel de expertos/as procurarase acadar unha presenza equilibrada de cada sexo, conforme o previsto no artigo 53 e na disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

4. Os órganos de selección do persoal de investigación temporal ou indefinido para a cobertura de contratos vinculados na súa totalidade ao financiamento externo ou financiamento procedente de convocatorias de axudas públicas en concorrencia competitiva, poderán estar integrados por persoal da entidade contratante. En todo caso polo menos dous dos catro vocais teñen que posuír a titulación de doutor.

Sobre a composición do tribunal deberá emitir informe favorable a Axencia Galega de innovación ou a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, cando se trate de persoal contratado polo Servizo Galego de Saúde, entes instrumentais dependentes ou polas fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema público de saúde de Galicia.

5. Os órganos de selección velarán polo cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre os sexos. Ademais, adoptarán medidas que inclúan a protección dos dereitos de autoría e propiedade intelectual dos traballos e resultados, garantindo, sempre que sexa posible, a súa non divulgación e a súa confidencialidade.

Artigo 36. Persoal financiado con cargo a convocatorias públicas

O proceso de selección de persoal regulado no título IV deste decreto non será de aplicación á contratación do persoal temporal ou indefinido seleccionado en convocatorias en réxime de concorrencia competitiva financiadas con fondos públicos ou recursos externos.

TÍTULO V

Promoción e carreira profesional

Artigo 37. Carreira profesional

O persoal de investigación laboral fixo ao servizo das entidades incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto terá dereito á carreira profesional, entendida como o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional, conforme os principios de igualdade, mérito e capacidade.

Artigo 38. Avaliación da actividade Investigadora

1. Co fin de garantir o desenvolvemento profesional do persoal de investigación aliñándoo co mantemento da excelencia da actividade investigadora, o persoal de investigación recollido no número 2 será sometido a un proceso de avaliación cada cinco anos. Este prazo poderase ampliar ata sete anos cando se trate de persoas con discapacidade.

2. A avaliación da actividade investigadora aplicarase ao persoal investigador establecido, persoal investigador sénior, persoal investigador distinguido, persoal técnico superior de investigación e persoal técnico de investigación sénior, segundo os criterios que estean vixentes no primeiro ano do quinquenio obxecto da avaliación.

3. Compételles ás entidades contratantes realizar as convocatorias de avaliación e a designación dos membros dos órganos de avaliación, sobre cuxa composición deberá emitir informe favorable a Axencia Galega de innovación ou a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, cando se trate de persoal contratado polo Servizo Galego de Saúde, entes instrumentais dependentes ou polas fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema público de saúde de Galicia.

4. Mediante orde conxunta da consellería competente en materia de función pública e da consellería competente en materia de innovación, desenvolveranse os criterios e o procedemento para a avaliación da actividade investigadora do persoal de investigación.

Na proposta participarán os centros e unidades en que desenvolve o seu traballo o persoal de investigación e será obxecto de negociación colectiva.

5. A avaliación adecuarase a criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non-discriminación, e garantirá o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, consonte o establecido no artigo 20.2 d) do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro.

6. Cando se trate de persoal investigador, a avaliación terá en conta, cando menos, os méritos nos ámbitos de investigación, de desenvolvemento experimental, de dirección, de xestión ou de transferencia de coñecemento.

7. Para o persoal técnico teranse en conta, como mínimo, os méritos no desenvolvemento das funcións facultativas e de responsabilidade na xestión de equipos humanos; a súa achega en termos de coñecementos ou mellora de técnicas ou tecnoloxías; a realización de estudos, así como as funcións de inspección e supervisión en instalacións científicas ou técnicas.

Artigo 39. Efectos da avaliación da actividade investigadora

1. O persoal de investigación recollido no artigo 38 durante o quinto ano de vixencia do contrato, prazo que se ampliará ata o sétimo cando se trate de persoas con discapacidade, está obrigado a someter a avaliación a súa actividade investigadora.

O resultado negativo da primeira avaliación poderá dar lugar á resolución do contrato de traballo, de conformidade co artigo 49.1.b) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, salvo que se trate de persoal que accedeu a esa posición pola quenda de promoción interna, caso en que a avaliación negativa só terá efectos retributivos. Neste caso a persoa avaliada con resultado negativo non terá dereito á percepción do complemento de excelencia ou de rendemento investigador, nos termos regulados nos artigos 45 e 46.

2. As seguintes avaliacións serán quinquenais e a participación nelas será voluntaria a través da solicitude realizada polas perosas interesadas, no ano natural en que se cumpra o quinquenio nos prazos establecidos na convocatoria que se publicará anualmente. O persoal de investigación adquirirá e consolidará un tramo de excelencia por cada unha das avaliacións favorables, nos termos regulados no artigo 44.

O resultado negativo das sucesivas avaliacións quinquenais unicamente terá efectos económicos, de xeito que o/a investigador/a non adquirirá o tramo de excelencia correspondente ao quinquenio avaliado e non poderá percibir o complemento de excelencia ou de rendemento investigador correspondente ao devandito período.

Artigo 40. Promoción interna do persoal de Investigación

1. O persoal de investigación fixo regulado nos artigos 23 e 28 poderá participar na quenda de promoción interna para cubrir as prazas de investigador/a sénior e técnico/a de investigación sénior, sempre que posúa os requisitos exixidos nos artigos 24 e 29, respectivamente, teña polo menos unha antigüidade de dez anos de servizo, na condición de persoal de investigación fixo, e conte con dúas avaliacións positivas nos últimos dez anos, ampliables a catorce se se trata de persoal con discapacidade.

2. A promoción interna realizarase mediante un proceso selectivo por concurso que garanta o cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como os recollidos no artigo 55.2 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

TÍTULO VI

Réxime retributivo

Artigo 41. Estrutura salarial

1. O salario do persoal de investigación incluído nos artigos 23, 24, 28 e 29 do presente decreto estará constituído polo:

a) Salario base, que será unha contía equivalente á establecida no convenio colectivo vixente para o persoal laboral do grupo I da Xunta de Galicia.

c) Nivel profesional que retribúe o grao de madurez profesional consonte a clasificación establecida nos artigos 11 e 27.

b) Complemento de antigüidade, que se devindicará na forma e na contía equivalente á establecida no convenio colectivo vixente para o persoal laboral do grupo I da Xunta de Galicia.

d) Complemento de excelencia investigadora vinculado á carreira profesional do persoal de investigación fixo. A súa contía será a suma dos tramos de excelencia obtidos pola avaliación positiva da actividade desenvolvida.

2. As retribucións do persoal investigador contratado baixo a modalidade de investigador distinguido serán as que libremente pacten as partes e poderán incluír un complemento de rendemento investigador vinculado á avaliación positiva da súa actividade investigadora.

3. O salario do persoal incluído no ámbito de aplicación deste decreto poderá incluír un complemento extraordinario destinado a cubrir unha retribución extraordinaria en atención ás condicións persoais do persoal de investigación que o percibe, nos termos regulados no artigo 47.

Artigo 42. Contías das retribucións fixas do persoal investigador

1. As retribucións fixas do persoal investigador establecido non poderán ser inferiores ás fixadas para o posto de xefe/a de servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, sen que lle sexa de aplicación o modelo retributivo establecido para o persoal funcionario da Xunta de Galicia.

2. As retribucións fixas do persoal investigador sénior non poderán ser inferiores ás establecidas para os postos de subdirector/a xeral da Administración xeral da Xunta de Galicia, sen que lle sexa de aplicación o modelo retributivo establecido para o persoal funcionario/a da Xunta de Galicia.

3. Para o cómputo das contías establecidas neste artigo, non se terán en conta as retribucións persoais derivadas das avaliacións positivas ou de condicións vinculadas á carreira ou o desempeño individual. En calquera caso, estas retribucións serán fixadas dentro dos límites establecidos polas leis de orzamentos.

Artigo 43. Contías das retribucións fixas do persoal técnico de investigación

1. As retribucións fixas do persoal técnico superior de investigación non poderán ser inferiores ás establecidas para os postos de xefatura de sección da Administración xeral da Xunta de Galicia, sen que, en ningún suposto, lle sexa de aplicación o modelo retributivo establecido para o persoal funcionario.

2. As retribucións fixas do persoal técnico de investigación sénior non poderán ser inferiores ás establecidas para os postos de xefatura de servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia, sen que, en ningún suposto, lle sexa de aplicación o modelo retributivo establecido para o persoal funcionario.

3. Para o cómputo das contías establecidas neste artigo, non se terán en conta as retribucións persoais derivadas das avaliacións positivas ou de condicións vinculadas á carreira profesional ou o desempeño individual. En calquera caso, estas retribucións serán fixadas, dentro dos límites establecidos polas leis de orzamentos, pola consellería con competencias en materia de facenda.

Artigo 44. Tramos de excelencia

1. Os tramos de excelencia estarán vinculados aos resultados da avaliación da actividade do persoal de investigación fixo e devindicaranse pola obtención da súa valoración positiva. O persoal adquirirá e consolidará un tramo de excelencia por cada unha das avaliacións favorables, ata un máximo de seis tramos.

2. No caso de persoal investigador establecido e de persoal técnico superior de investigación, a contía do tramo de excelencia non poderá ser inferior ao grao I do complemento de carreira establecido para o subgrupo A1 da Administración xeral da Xunta de Galicia.

3. A contía do tramo de excelencia para o persoal investigador sénior, persoal técnico de investigación sénior non poderá ser inferior ao grao II do complemento de carreira establecido para o subgrupo A1 da Administración xeral da Xunta de Galicia.

4. Superada a avaliación, o persoal adquirirá e consolidará o dereito a percibir o tramo de excelencia con efectos económicos do 1 de xaneiro do ano seguinte a aquel en que se obteña a correspondente valoración.

Artigo 45. Complemento de excelencia investigadora

O complemento de excelencia investigadora é o complemento persoal consolidable que retribúe a excelencia da actividade do persoal de investigación fixo investigador establecida, investigador/a sénior, técnico/a superior de investigación e técnico de investigación sénior vinculado ao recoñecemento dos méritos en que se fundamenta a súa carreira profesional. Está integrado polos tramos de excelencia recoñecidos ao persoal de investigación fixo como resultado da avaliación positiva da súa actividade.

Artigo 46. Complemento de rendemento investigador

O complemento de rendemento investigador é o complemento persoal consolidable que retribúe a excelencia da actividade investigadora do persoal investigador contratado baixo a modalidade de investigador distinguido/a, co fin de garantir o mantemento dos estándares de calidade e excelencia no seu ámbito que motivaron a súa contratación. Está integrado polos tramos de excelencia recoñecidos ao/á investigador/a distinguido/a como resultado da avaliación positiva da súa actividade.

Artigo 47. Complemento extraordinario

O complemento extraordinario é un complemento persoal non consolidable destinado a cubrir unha retribución extraordinaria en atención ás condicións persoais do persoal de investigación que o percibe e será aplicable nos seguintes supostos:

a) Para retribuír as condicións particulares do persoal de investigación vinculadas á captación de recursos en convocatorias competitivas ou contratos de I+D+i. que, de ser o caso, poida ter establecidas previamente o centro de pertenza. Trátase dun complemento non consolidable, que se liquidará dunha soa vez, no primeiro ano de vixencia do proxecto ou iniciativa a que se destinan os recursos captados. Polo tanto, a súa percepción non será periódica no tempo nin fixa na súa contía e o dereito a percibilo require o cumprimento do obxectivo de captación de fondos que estableza previamente o centro directivo ou entidade a que pertence o devandito persoal.

b) Para cubrir as diferenzas retributivas no caso de que o programa que financie o contrato estableza retribucións superiores ás recollidas neste decreto.

Artigo 48. Participación nos beneficios por explotación dos resultados da actividade de investigación

O persoal de investigación incluído no ámbito de aplicación deste decreto terá dereito a participar nos beneficios que obteñan as entidades para as cales prestan, servizos como consecuencia da eventual explotación dos resultados da actividade de investigación, desenvolvemento ou innovación en que participasen, de acordo coa normativa especifica que sexa de aplicación.

Cando se trate de persoal autor ou coautor da invención, a participación serán, como mínimo, dun terzo do abeiro da habilitación conferida no artigo 35.3 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

TÍTULO VII

Adscrición, mobilidade e convenios de colaboración

Artigo 49. Colaboracións non permanentes en calidade de persoa colaboradora e experta ou especialista científica tecnolóxica e de innovación

Consonte o establecido no artigo 19 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal de investigación regulado neste decreto poderá colaborar en tarefas de elaboración, xestión, seguimento e avaliación de programas de investigación científica, técnica e de innovación. Estes programas poderán ser de ámbito rexional, nacional ou internacional, liderados por entidades nacionais ou estranxeiras.

No caso de colaboracións eventuais para a elaboración de informes de avaliación científico-técnicos e de innovación para a concesión ou seguimento de subvencións, non será exixible a autorización da entidade en que o persoal de investigación presta os seus servizos.

Nos supostos en que tales colaboracións dean lugar a algunha indemnización, a cantidade que se percibirá polo conxunto das citadas colaboracións eventuais, durante cada ano natural, non poderá exceder do vinte e cinco por cento das retribucións anuais que, correspondan ao colaborador polo posto de traballo principal, nin das retribucións que lle corresponderían de acadar o límite máximo previsto no artigo 29 do Decreto 144/2011, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, no caso de que este sexa maior.

As percepcións recollidas neste artigo serán compatibles coas axudas de custo que lles poidan corresponder a aquelas persoas que, para a asistencia ou concorrencia, se despracen da súa residencia habitual.

Artigo 50. Estadías formativas

O persoal de investigación poderá realizar estadías formativas en centros de recoñecido prestixio, sempre que estas sexan autorizadas pola Axencia Galega de Innovación ou a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e pola entidade onde os investigadores/as desenvolvan a súa actividade.

A concesión da autorización subordinarase ás necesidades do servizo e ao interese que o organismo en que o persoal de investigación presta servizos teña na realización dos estudos. A autorización concederase para a ampliación da formación en materias directamente relacionadas coa actividade de investigación científica e técnica, desenvolvemento tecnolóxico, transferencia ou difusión do coñecemento que o persoal de investigación veña realizando na institución de investigación de orixe, ou naquelas consideradas de interese estratéxico para a mesma.

A duración acumulada das autorizacións concedidas a cada persoa cada cinco anos non poderá ser superior a dous anos.

Artigo 51. Mobilidade e adscrición do persoal de investigación

1. O persoal de investigación poderá desenvolver a súa actividade noutros axentes dos sistemas galego de investigación e innovación e español de ciencia, tecnoloxía e innovación públicos ou privados no ámbito autonómico, nacional, da Unión Europea e no dos acordos de cooperación recíproca internacional ou de colaboración público-privada que, pola súa especialización ou recursos, garantan un mellor desenvolvemento da actividade investigadora para a realización das súas funcións.

2. A adscrición, que poderá ser a tempo parcial ou total, manterá a vinculación laboral do persoal co axente público de orixe e respectará o disposto no artigo 17 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

3. O obxecto da adscrición será a realización de labores de investigación científica e técnica, desenvolvemento experimental, transferencia ou difusión de coñecemento, ou dirección de centros de investigación, instalacións científicas ou programas e proxectos científicos, durante o tempo necesario para a execución do proxecto de investigación co informe favorable do organismo de orixe e de acordo co que os estatutos, no seu caso, establezan respecto ao procedemento e efectos da adscrición.

4. En calquera caso a adscrición do persoal de investigación deberá ser autorizada pola entidade na que o persoal de investigación presta os seus servizos e sometida a informe favorable da consellería competente en materia de función pública.

5. Así mesmo, para que a adscrición sexa efectiva, será preciso formalizar o correspondente convenio entre a entidade empregadora e os axentes do Sistema galego de investigación e innovación no cal se establecerán as condicións polas cales se rexerá a colaboración entre ambas as partes.

Artigo 52. Excedencia temporal para prestar de servizos en axentes públicos do Sistema galego de investigación e innovación

De conformidade co artigo 17.3 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal de investigación laboral fixo que preste servizos na Administración xeral e entidades do sector público autonómico, cunha antigüidade mínima de cinco anos, poderá ser declarado en situación de excedencia temporal para a súa incorporación a outros axentes públicos do Sistema galego de investigación e innovación.

A concesión desta excedencia temporal subordinarase ás necesidades do servizo e ao interese que a unidade ou entidade para a cal preste servizos teña na realización dos traballos que se vaian desenvolver na entidade de destino, e require autorización da consellería competente en materia de función pública.

Concederase en réxime de contratación laboral para a dirección de centros de investigación e instalacións científicas ou programas e proxectos científicos, para o desenvolvemento de tarefas de investigación científica e técnica, desenvolvemento experimental, transferencia ou difusión do coñecemento e innovación relacionadas coa actividade que o persoal de investigación viñese realizando no organismo ou entidade de orixe. Para tales efectos, a unidade ou entidade de orixe en que preste servizos deberá emitir un informe favorable en que se recollan os anteriores aspectos.

A duración da excedencia temporal non poderá ser superior a cinco anos, sen que sexa posible, esgotado o devandito prazo, a concesión dunha nova excedencia temporal pola mesma causa ata que transcorran polo menos dous anos desde a incorporación ao posto de traballo desde a anterior excedencia. Durante ese período, o persoal de investigación en situación de excedencia non percibirá retribucións polo seu posto de procedencia e terá dereito á reserva do posto de traballo, ao seu cómputo para os efectos de antigüidade e á avaliación da actividade investigadora e dos méritos investigadores e técnicos, de ser o caso.

O persoal de investigación en situación de excedencia deberá protexer o coñecemento dos equipos de investigación conforme a normativa de propiedade intelectual e industrial, ás normas aplicables á entidade de orixe e os acordos e convenios que estes subscribisen.

Artigo 53. Excedencia temporal para a prestación de servizos en axentes privados do Sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación, Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación axentes internacionais ou estranxeiros, ou para a realización dunha actividade profesional por conta propia

De conformidade co artigo 17.4 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, o persoal de investigación laboral fixo que preste servizos na Administración xeral e entidades do sector público autonómico, e teña unha antigüidade mínima de cinco anos poderá ser declarado en situación de excedencia por un prazo máximo de cinco anos, para incorporarse a axentes privados do Sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación, ou do Sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación así como axentes internacionais ou estranxeiros, ou realizar unha actividade profesional por conta propia.

A concesión desta excedencia temporal subordinarase ás necesidades do servizo e ao interese que a unidade ou entidade para a cal preste servizos teña na realización dos traballos que se vaian desenvolver na entidade de destino, requirirá autorización da Consellería competente en materia de función publica.

Concedérase, en réxime de contratación laboral, cando se trate dunha actividade por conta allea ou dunha actividade profesional por conta propia para a dirección de centros de investigación e instalacións científicas, ou programas e proxectos científicos, para o desenvolvemento de tarefas de investigación científica e técnica, desenvolvemento experimental, transferencia ou difusión do coñecemento e innovación relacionadas coa actividade que o persoal de investigación viñese realizando no organismo ou entidade de orixe. Para tales efectos, a unidade ou entidade de orixe en que preste servizos deberá emitir un informe favorable en que se recollan os anteriores aspectos.

No caso de incorporación a axentes privados por conta allea, o organismo ou entidade de orixe deberá manter unha vinculación xurídica co axente de destino a través de calquera instrumento válido en dereito que permita deixar constancia da vinculación existente, relacionada cos traballos que o persoal de investigación vaia desenvolver. Esta vinculación pode consistir na existencia dun proxecto de investigación do cal se obteña un rendemento conxunto ou calquera transmisión dos dereitos da propiedade industrial e intelectual titularidade da unidade ou do organismo de orixe realizada en favor do axente privado, internacional ou estranxeiro. Para tales efectos, a unidade ou organismo de orixe para a cal preste servizos deberá emitir un informe favorable en que se recollan os anteriores aspectos.

A duración da excedencia temporal non poderá ser superior a cinco anos, sen que sexa posible, esgotado, devandito prazo, a concesión dunha nova excedencia temporal pola mesma causa ata que transcorran polo menos dous anos desde a incorporación ao posto de traballo desde a anterior excedencia. Durante ese período, o persoal de investigación en situación de excedencia non percibirá retribucións polo seu posto de procedencia e terá dereito á reserva do posto de traballo e á avaliación da actividade de investigación.

O persoal de investigación en situación de excedencia deberá protexer o coñecemento dos equipos de investigación conforme a normativa de propiedade intelectual e industrial, as normas aplicables á entidade de orixe e os acordos e convenios que estes subscribisen.

A subscrición de calquera acordo entre a entidade de orixe e o axente privado do Sistema galego de investigación e innovación ou do Sistema español de ciencia tecnoloxía e innovación ou o axente internacional ou estranxeiro en que preste servizos o persoal de investigación, de ser o caso, deberá realizarse con estrito cumprimento das normas e principios aplicables, e na súa preparación deberán adoptarse as medidas necesarias para previr potenciais situacións de conflito de intereses.

Artigo 54. Convenios de colaboración para adscrición de persoal de investigación

O convenio entre a entidade empregadora e os axentes do Sistema galego de investigación e innovación ou Sistema español de investigación e innovación establecerá o marco de colaboración para o desenvolvemento adecuado da actividade investigadora. Ademais do previsto no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, deberá conter:

a) Os dereitos e obrigas do persoal de investigación e da institución de investigación que o acolle.

b) Os medios e instalacións que serán postos á disposición do persoal de investigación.

c) As condicións relativas á organización do traballo.

d) O modelo que se deberá aplicar en canto á titularidade, xestión e transferencia dos dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial entre as partes.

Estes convenios requirirán informe previo favorable da Axencia Galega de Innovación ou da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde cando se trate de persoal contratado polo Servicio Galego de Saúde, entidades instrumentais dependentes da Consellería de Sanidade ou fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria de Galicia do Sistema público de saúde de Galicia.

Disposición adicional primeira. Identificación dos postos con funcións correspondentes a persoal de investigación

A identificación dos postos que desenvolvan funcións de investigación corresponderalle ao centro a que estean adscritos. No prazo máximo dun ano desde a publicación do presente decreto, cada centro comunicaralle á consellería competente en materia de función pública os postos identificados para tramitar a correspondente modificación destes na relación de postos de traballo ou cadros de persoal dos departamentos correspondentes, logo de negociación coas organizacións sindicais.

Con carácter xeral, considéranse postos con funcións correspondentes a persoal de investigación aqueles que nas correspondentes relacións de postos de traballo, cadros de persoal ou instrumento de ordenación de persoal equivalente teñan definido como requisito e/ou mérito para a súa ocupación a posesión dun título de doutoramento e/ou a experiencia en tarefas de investigación, transferencia ou xestión da innovación.

Disposición adicional segunda. Reclasificación dos postos ocupados por persoal funcionario de carreira que desempeñe funcións correspondentes a persoal de investigación

Os postos ocupados con carácter definitivo por persoal funcionario de carreira serán reclasificados cando o posto mude á situación de vacante, ou cando a persoa titular actual acceda á condición de persoal de investigación nos termos establecidos neste decreto.

No caso de postos vacantes ocupados provisionalmente, a persoa que ocupe o posto poderá solicitar o acceso á condición de persoal de investigación sen necesidade de adquirir a titularidade do posto. Neste suposto, a adquisición da condición de persoal de investigación non supón a reclasificación do posto, que se producirá, de ser o caso, no proceso de modificación da relación de postos de traballo regulado nesta disposición.

Disposición adicional terceira. Reclasificación dos postos ocupados por persoal laboral fixo que desempeñen funcións correspondentes a persoal de investigación

Os postos ocupados con carácter definitivo por persoal laboral fixo serán reclasificados a través dunha modificación das relacións de postos de traballo ou instrumento equivalente cando o posto mude á situación de vacante, ou cando o titular actual acceda á condición de persoal de investigación nos termos establecidos neste decreto.

Disposición adicional cuarta. Reclasificación dos postos de persoal con funcións investigadoras creados ao abeiro dos procesos de estabilización do persoal temporal en aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público

Os postos de persoal con funcións investigadoras creados ao abeiro dos procesos de estabilización do persoal temporal, en aplicación da Lei 20/2021, do 28 de decembro, serán obxecto de reclasificación a través dunha modificación das relacións de postos de traballo ou instrumento equivalente en postos de persoal de investigación en función da realidade das tarefas desenvolvidas, e aplicaráselles o establecido nas disposicións adicionais segunda e terceira deste decreto para postos ocupados por persoal funcionario e laboral fixo:

a) As prazas contidas nos anexos II e III do Decreto 79/2022, do 25 de maio, emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

b) As prazas contidas no Decreto, 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema público de saúde de Galicia, en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

c) As prazas contidas no Decreto 82/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal de persoal sanitario funcionario da escala de saúde pública e administración sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento do artigo 2 da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público.

Disposición adicional quinta. Proceso extraordinario de estabilización de persoal das fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia

As fundacións de investigación sanitaria que non realizasen o proceso extraordinario de estabilización do persoal da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, convocarano e resolverano antes do 31 de decembro do ano 2024.

Disposición adicional sexta. Equivalencia funcional dos subgrupos de técnico/a nivel 2, titulado/a superior/a especialista, e técnico/a nivel 1 e titulado/a superior/a doutor/a, das fundacións de investigación biomédica ou sanitaria que xestionan a investigación dos centros e institutos de investigación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia

En aplicación do disposto no artigo 45.4 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas e tendo en conta o sistema de clasificación de postos do persoal de investigación derivado da aplicación deste decreto, equipararanse funcionalmente os subgrupos de clasificación profesional de técnico/a nivel 2, titulado/a superior/a especialista, e técnico/a nivel 1, titulado/a superior/a doutor/a, recoñecidos nos correspondentes instrumentos de ordenación de persoal das ditas fundación cos postos correspondentes a técnico/a superior de investigación e técnico/a de investigación sénior, respectivamente.

Disposición adicional sétima. Acceso voluntario á condición de persoal de investigación do persoal funcionario de carreira titular de postos reclasificados

A consellería competente en materia de función publica, logo de negociación coas organizacións sindicais, desenvolverá un proceso que permita o cambio do vínculo xurídico do persoal funcionario de carreira que ocupe, con carácter definitivo, os postos reclasificados para persoal de investigación.

A participación no proceso será voluntaria o acceso será ao posto recodificado e garantirase a permanencia. O persoal que participe no proceso poderá solicitar o pase á situación de excedencia no corpo ou escala de orixe.

Disposición adicional oitava. Acceso voluntario á condición de persoal de investigación do persoal laboral fixo titular de postos reclasificados

A consellería competente en materia de función publica, logo de negociación coas organizacións sindicais, desenvolverá un proceso que permita o cambio á condición de persoal de investigación do persoal laboral fixo por reclasificación do posto de traballo.

O proceso desenvolverase a través dunha novación de contrato por cambio á condición de persoal de investigación por instancia do traballador/a e garantirase a permanencia no mesmo posto de traballo.

Disposición adicional novena. Cómputo da antigüidade e tempo de permanencia nos supostos de reclasificación do posto de traballo

Para o computo da antigüidade en termos de permanencia no posto ou na categoría para os efectos de recoñecemento de trienios, requisitos de permanencia para o recoñecemento de méritos de cara a procesos de provisión e/ou carreira, excedencias ou procesos análogos, terase en conta o tempo de ocupación anterior á reclasificación do posto.

Esta disposición tamén se lles aplicará aos ocupantes dos postos reclasificados pendentes de integración no V Convenio colectivo da Xunta de Galicia.

Disposición adicional décima. Exención do requisito de estar en posesión do título de doutoramento nos supostos de reclasificación do posto de traballo

O persoal que acceda á condición de persoal investigador establecida como consecuencia da participación nun proceso de reclasificación, nos termos regulados nas disposicións adicionais deste decreto, estará exento do requisito de estar en posesión do título de doutor/a.

Disposición adicional décimo primeira. Avaliación do persoal de investigación nos supostos de reclasificación do posto de traballo

Transcorridos 3 anos desde a vixencia deste decreto, o persoal de investigación que obteña esta condición pola participación no proceso de reclasificación poderá solicitar a avaliación da súa actividade investigadora sen que lle sexa de aplicación o prazo de cinco anos establecido no artigo 38. No caso de que a avaliación sexa negativa, esta só terá efectos para o recoñecemento do complemento de excelencia investigadora, sen que poida ser considerada causa de rescisión do contrato.

Disposición adicional décimo segunda. Promoción interna do persoal de investigación reclasificado

1. O persoal reclasificado como persoal investigador establecido, ou persoal técnico superior de investigación que posúa os requisitos exixidos nos artigos 23 e 28, respectivamente, poderá participar na quenda de promoción interna para cubrir as prazas de investigador/a sénior e técnico/a de investigación sénior, sen que lle sexan de aplicación as condicións establecidas número 1 do artigo 40 deste decreto á relativas á antigüidade e avaliación da actividade investigadora.

2. O persoal que acceda por esta vía deberá acreditar, polo menos, 15 anos de servizo na Administración xeral ou nas entidades integrantes do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia. Destes 15 anos, como mínimo 10 deberán estar vinculados co desenvolvemento de funcións de persoal de investigación nos organismos ou servizos de investigación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional décimo terceira. Creación da categoría de persoal estatutario Investigador do Servizo Galego de Saúde

1. De conformidade co disposto no artigo 85 da Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación biomédica, a Xunta de Galicia definirá a categoría profesional específica que lle permita ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde a dedicación de forma estable e estrutural a tarefas de investigación.

2. As condicións retributivas e de carreira que se definan para este persoal respectarán o establecido no presente decreto no que lle resulte de aplicación, incorporaranse as adaptacións precisas para garantir a equidade en termos retributivos e de carreira profesional respecto ao resto de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional décimo cuarta. Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido

1. A regulación establecida neste decreto para o persoal investigador distinguido non resultará de aplicación ao persoal regulado no Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, que seguirá aplicando o disposto no citado decreto xunto co sinalado nos números seguintes.

2. O persoal contratado pola Axencia Galega de Innovación ao amparo do Decreto 64/2016, do 26 de maio, terá dereito á percepción do complemento extraordinario vinculado á captación de recursos en convocatorias competitivas ou contratos de I+D+i polo importe correspondente ao incentivo, incentivo establecido pola entidade de adscrición, ou recursos derivados de actividades de I+D+i contratadas. Será requisito imprescindible para a súa percepción que a institución en que o persoal investigador/a presta os seus servizos, beneficiaria dos recursos captados, lle ingrese aáAxencia Galega de Innovación o importe correspondente ao devandito complemento, que se devindicará segundo a normativa propia da dita institución.

3. O persoal contratado pola Axencia Galega de Innovación ao amparo do Decreto 64/2016, do 26 de maio, terá dereito á percepción das indemnizacións por colaboracións eventuais para a elaboración de informes científico-técnicos e de innovación para a concesión ou seguimento de subvencións, nos termos recollidos no artigo 49 deste decreto.

Disposición adicional décimo quinta. Acordos coas universidades do Sistmea Universitario de Galicia (SUG) para a realización de programas de doutoramento por parte do persoal de investigación non doutor

Co obxecto de ampliar a capacidade investigadora da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e expandir o seu valor para a mellora do benestar xeral, a Administración autonómica negociará coas universidades do Sistema universitario de Galicia os acordos ou convenios de colaboración que faciliten a obtención do título de doutoramento para o persoal que acceda á condición de persoal de investigación e careza desta cualificación.

Nos devanditos acordos estableceranse o réxime de dedicación ao programa de doutoramento, as condicións da matrícula e os ámbitos prioritarios de traballo consonte as necesidades dos organismos ou entidades onde prestan os seus servizos doutorandos/as.

Disposición adicional décimo sexta. Medidas extraordinarias para o impulso dos programas de doutoramento do persoal que accede á condición de persoal de investigación como consecuencia dos procesos de estabilización ou reclasificación

A consellería competente en materia de función pública adoptará unha serie de medidas en materia de permisos e reducións de xornadas dirixidas a facilitar que se compaxine o desempeño das funcións investigadoras dos postos de traballo e o seguimento dos programas conducentes ao título de doutoramento. Estas medidas inclúen a concesión de excedencias temporais cuxa duración non poderá ser superior a catro anos.

En calquera caso, estas medidas serán obxecto de negociación colectiva e estarán supeditadas ao bo aproveitamento do programa que se curse.

Disposición adicional décimo sétima. Recoñecemento da avaliación da actividade investigadora realizada pola Axencia Galega de Innovación para os efectos da obtención do certificado R3

A consellería competente en materia de innovación promoverá as medidas necesarias para que a Axencia Estatal de Investigación considere requisito suficiente para a expedición do certificado R3 a obtención da avaliación positiva realizada pola Axencia Galega de Innovación nos termos regulados no artigo 19 deste decreto.

Disposición adicional décimo oitava. Aprobación dun modelo tipo de bases de selección de persoal de investigación

A consellería competente en materia de función pública poderá aprobar un modelo tipo de bases de selección ao cal se deberán, axustar cada unha das convocatorias concretas.

Disposición transitoria única. Recoñecemento para os efectos de carreira do título de doutor/a obtido polo persoal reclasificado como investigador/a establecido con posterioridade á súa reclasificación

O persoal reclasificado como investigador/a establecido que adquira o título de doutoramento con posterioridade á súa reclasificación terá dereito ao recoñecemento dun tramo de excelencia e á percepción do complemento de excelencia.

O devandito recoñecemento farase efectivo tras a solicitude que presente o/a interesado/a, que adquirirá e consolidará o dereito a percibir o tramo de excelencia con efectos económicos do 1 de xaneiro do ano seguinte.

Disposición derradeira primeira. Criterios e procedemento de avaliación da actividade investigadora

No prazo dun ano desde a entrada en vigor do presente decreto, publicarase a orde a que se refire o artigo 38.4.

Disposición derradeira segunda. Fixación das contías dos conceptos retributivos que integran o salario do persoal de investigación

Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de facenda establecerase a táboa salarial aplicable ao persoal de investigación de carácter laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Regulación das características e funcionamento do Rexistro de Persoal de Investigación do sector público autonómico

Mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública regularanse as características e o funcionamento do Rexistro de Persoal de Investigación do sector público autonómico.

Disposición derradeira cuarta. Desenvolvemento normativo

Facúltase as persoas titulares da consellería competente de materia de inovación e da consellería competente en materia de función pública para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento normativo deste decreto no relativo á organización e ás materias propias dos seus respectivos departamentos.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes