DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7037

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR802Q).

A Constitución española no seu artigo 129.2 encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación.

O Consello Galego de Cooperativas emitiu informe sobre as bases reguladoras dos premios á cooperación, así como sobre a súa convocatoria para o ano 2024.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras dos premios á cooperación

Artigo 1. Finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega. O código do procedemento para a tramitación destes premios é o TR802Q.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Entidades destinatarias

1. Poderán optar a estes premios as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.

2. Será requisito necesario para participar estar ao día nas obrigas rexistrais co Rexistro de Cooperativas de Galicia.

3. Non poderán resultar premiadas aquelas cooperativas que resultasen premiadas en anos anteriores nos premios á cooperación cando os méritos alegados sexan substancialmente os mesmos.

4. Tampouco poderán resultar premiadas as cooperativas en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Premios

Outorgaranse os seguintes premios:

1. Premio aos valores cooperativos.

2. Premio ao mellor proxecto cooperativo novo.

3. Premio á traxectoria cooperativa.

Artigo 5. Premio aos valores cooperativos

a. Outorgarase á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.

b. O tribunal valorará a traxectoria das candidatas, especialmente as actuacións dirixidas á aplicación práctica dos valores e principios cooperativos, a súa comunicación e difusión, así como a súa adecuación ao marco socioeconómico galego. Os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional son:

a) Adhesión voluntaria e aberta.

b) Xestión democrática por parte das persoas socias.

c) Participación económica das persoas socias.

d) Autonomía e independencia.

e) Educación, formación e información.

f) Cooperación entre as cooperativas.

g) Interese pola comunidade.

Os valores cooperativos son:

a) Axuda mutua.

b) Responsabilidade.

c) Democracia.

d) Igualdade.

e) Equidade.

f) Solidariedade.

g) Transparencia.

Artigo 6. Premio ao mellor proxecto cooperativo novo

a) Outorgarase á cooperativa galega que, na data de publicación da convocatoria, teña unha antigüidade igual ou menor a corenta e dous meses e que destaque nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

b) O tribunal terá en conta a especial relevancia do proxecto, que pode vir determinada, entre outros, polo seu carácter innovador, a súa sustentabilidade, a súa repercusión positiva no seu contorno, especialmente nos eidos económico, social, cultural e laboral.

Artigo 7. Premio á traxectoria cooperativa

a) Outorgarase á cooperativa galega que, na data de publicación da convocatoria, teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses, e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

b) O tribunal terá en conta, especialmente, a solidez dos resultados económicos acadados, a xeración de postos de traballo, as relacións de intercooperación ou a expansión territorial do seu negocio.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

• As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

• De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

• Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

• Datos identificadores da cooperativa: data de constitución, número e clase de persoas socias, número de traballadores/as, actividade e volume de negocio anual.

• Memoria explicativa dos méritos que distinguen a candidatura, que permitan apreciar os criterios de valoración correspondentes á modalidade ou modalidades ás cales se presente. Esta memoria non poderá exceder as 20 páxinas e deberá incluír un índice e unha ficha resumo.

• Documentación xustificativa dos méritos alegados en formato texto, vídeo, fotografía etc., de modo que o tribunal poida obter unha visión o máis completa posible.

• Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

• A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

• Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

• No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

a) O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 en relación co artigo 68, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Poderase requirir das persoas interesadas aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polo medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Artigo 14. Tribunal

a) Para a concesión dos premios á cooperación actuará como tribunal a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas, que emitirá proposta razoada sobre as candidaturas segundo os criterios sinalados nos artigos 5, 6 ou 7, segundo corresponda.

b) O tribunal poderá propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Á vista da deliberación do tribunal, contida na acta da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas en que se concrete a súa valoración para o outorgamento dos premios, a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a concesión dos premios que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na web https://empregoeigualdade.xunta.gal/ e notificaráselles ás entidades premiadas.

2. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 17. Pagamento

a) A entrega das distincións ás cooperativas gañadoras terá lugar con ocasión dos actos de celebración do Día do Cooperativismo Galego.

b) O pagamento ás cooperativas gañadoras será realizado de oficio pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 18. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 20. Condicións xerais de participación

A participación nos premios supón a aceptación incondicional destas bases, que teñen carácter administrativo. Os seus efectos réxense polo establecido no seu articulado e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

a) As entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da citada Lei 9/2007.

b) Os premios serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

c) Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II

Convocatoria dos premios á cooperación para o ano 2024

Artigo 22. Convocatoria

Convócanse os premios á cooperación para o ano 2024.

Artigo 23. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comeza ao día seguinte da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2024.

Artigo 24. Contía dos premios

Outórganse os seguintes premios:

• Premio aos valores cooperativos, cunha dotación económica de 5.000 euros.

• Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, cunha dotación económica de 5.000 euros.

• Premio á traxectoria cooperativa, cunha dotación económica de 5.000 euros.

Artigo 25. Financiamento

A concesión das axudas económicas e premios previstos nesta convocatoria realizaranse con cargo á aplicación orzamentaria 13.30.324C.472.1 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, ata un importe máximo de 15.000 euros.

Artigo 26. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos que se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional primera. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file