DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7052

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR802Q).

BDNS (Identif.): 740733.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 11 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poden participar nos premios á cooperación as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.

Segundo. Obxecto e finalidade

Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.

Outorgaranse premios nas seguintes categorías:

– Premio aos valores cooperativos, á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.

– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, á cooperativa galega que, na data de publicación da convocatoria, teña unha antigüidade igual ou menor de corenta e dous meses e que destacase nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.

– Premio á traxectoria cooperativa, á cooperativa galega que, na data de publicación da convocatoria, teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR802Q).

Cuarto. Contía

O orzamento total ascende a quince mil euros (15.000,00 €).

Outorgarase un premio de cinco mil euros (5.000,00 €) en cada unha das categorías.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes remata o 30 de abril de 2024, e poderán presentarse a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade