DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7161

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2024 pola que se convoca o Curso superior de técnico de urbanismo 2024/25.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Curso superior de técnico de urbanismo 2024/25, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O curso ten como finalidade que o alumnado adquira os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que o capaciten para actuar no mundo da ordenación do territorio e do urbanismo e responsabilizarse dos procesos de xestión do solo. Para ese efecto, partirase da análise e do estudo pormenorizado da normativa de ordenación do territorio e urbanística, con especial atención á autonómica galega, combinando o estudo dos fundamentos teóricos cunha completa formación práctica que se fai imprescindible neste ámbito.

Segunda. Estrutura e contidos

A estrutura e os contidos do curso son os seguintes:

Bloque I. Contidos troncais:

Comprende un primeiro bloque de materias troncais, obrigatorias e comúns para todo o alumnado, no cal se integran os seguintes contidos:

Módulo I. A escala territorial (104 horas).

Módulo II. A planificación e a xestión urbanística (80 horas).

Módulo III. Intervención administrativa na edificación e usos do solo (72 horas).

Bloque II. Contidos optativos:

Comprende un segundo bloque de materias optativas máis o desenvolvemento dun traballo individual sobre un tema que garde relación cos contidos do curso.

Así, nesta segunda fase, o alumnado deberá optar entre un dos tres módulos optativos, que estarán adscritos, cada un deles, ás seguintes áreas temáticas:

Módulo IV. Renovación urbana e rexeneración urbanística (32 horas).

Módulo V. Planificación urbanística (32 horas).

Módulo VI. Intervención administrativa na edificación e usos do solo (32 horas).

A programación e o contido pormenorizado destes módulos optativos publicarase durante o desenvolvemento do curso.

De quedaren prazas dispoñibles, permitirase a matriculación independente nestes módulos optativos ao alumnado que non estea matriculado na edición 2024/25 do curso.

En paralelo, e de forma integrada coa programación dos módulos optativos, desenvolveranse sesións de apoio á elaboración dos traballos individuais (8 horas), de titorización interna dos traballos, sesións explicativas complementarias, etc.

Terceira. Persoas destinatarias

O curso está dirixido a profesionais que se encadren nalgunha das situacións seguintes:

1. Persoal funcionario dos subgrupos A1 e A2 e persoal laboral dos grupos I e II das administracións públicas galegas que realicen, un e outro persoal, funcións relacionadas co contido do curso.

2. Arquitecto/a colexiado/a no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (en diante, COAG).

3. Profesionais que estean en posesión da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica, así como o persoal en posesión da dita titulación, contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente.

Para os efectos do establecido na Resolución do 25 de xaneiro de 2022, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Cuarta. Desenvolvemento

Lugar: Escola Galega de Administración Pública; rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: a programación lectiva da parte troncal do curso (bloque I) desenvolverase entre o mércores 21 de febreiro de 2024 e o xoves 14 de novembro de 2024. As sesións destinadas a correccións e exposicións dos traballos individuais terán lugar no primeiro trimestre de 2025 e serán fixadas conxuntamente co alumnado. A programación detallada dos módulos optativos facilitaráselle ao alumnado en setembro de 2024.

Horario: o curso desenvolverase ordinariamente os xoves, en horario de mañá, das 10.00 ás 14.15 horas, e de tarde, das 15.45 ás 20.00 horas (un total de 8 horas lectivas por día cun descanso de 15 minutos en cada unha das partes), aínda que, con carácter excepcional, algunhas das xornadas do curso, por cuestións organizativas, terán lugar noutro día. No programa do curso, que se publicará na páxina web do COAG (https://portal.coag.es), incluirase un calendario onde estarán identificadas todas as datas e o día da semana en que se desenvolverá cada unha das xornadas.

Duración: terá unha duración de 256 horas troncais + 32 optativas. A duración do traballo individual cífrase en 62 horas, polo que no certificado final se consignarán 350 horas lectivas.

Quinta. Número de prazas

Corenta (40).

Sexta. Inscrición

1. As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario que para ese efecto figurará na páxina web do COAG (https://portal.coag.es), na sección do curso, acreditar a documentación requirida en cada caso que se relaciona nas alíneas seguintes:

a) Se as persoas solicitantes se encadran na situación descrita na base terceira, punto 1, deberán achegar certificación pública descritiva das funcións que desenvolven no seu posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

b) Se as persoas solicitantes se encadran na situación descrita na base terceira, punto 3, deberán achegar orixinal ou copia debidamente cotexada da titulación de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Os prazos de matriculación, habilitados para cada unha das situacións e persoas solicitantes descritas na base terceira desta resolución, son os seguintes:

a) As persoas solicitantes encadradas na situación descrita na base terceira, punto 1, disporán dun prazo para a presentación de solicitudes de dez (10) días desde a apertura da matrícula. Finalizado este prazo e comunicada a admisión de acordo cos criterios descritos na base sétima desta resolución, disporán de dez (10) días para achegaren a documentación acreditativa correspondente.

b) Para as persoas solicitantes encadradas nas situacións descritas na base terceira, puntos 2 e 3, o prazo de matrícula estará aberto ata as 23.59 horas do día 14 de febreiro de 2024, ou ben ata que se cubra a totalidade das prazas dispoñibles, de acordo cos criterios de admisión establecidos na base sétima desta resolución.

A información relativa ao procedemento de matrícula está dispoñible na páxina web do COAG (https://portal.coag.es), na sección do curso.

2. O importe da matrícula é de tres mil catrocentos cincuenta euros (3.450 €), salvo o disposto nas alíneas seguintes:

a) Terán un réxime bonificado, e corresponderalles un importe de matrícula de dous mil douscentos euros (2.200 €):

– As persoas solicitantes que se encontren encadradas nas situacións descritas na base terceira, punto 1.

– As persoas solicitantes encadradas na base terceira, punto 2 (arquitectos/as colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), que estean subscritas ao seu Servizo de Formación no momento da formalización da matrícula.

b) Terán un réxime bonificado, e corresponderalles un importe de matrícula de dous mil novecentos cincuenta euros (2.950 €), as persoas solicitantes que se encontren encadradas na base terceira, punto 2 (arquitectos/as colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), que non estean subscritas ao seu Servizo de Formación no momento da formalización da matrícula.

3. O importe correspondente á matrícula poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou ben fraccionado en dous prazos:

– No caso de aboar a contía completa ao formalizar a matrícula, aplicarase unha bonificación dun 5 % sobre o importe correspondente, en función do tipo de solicitante.

– No caso de optar polo pagamento fraccionado, o 60 % aboarase ao formalizar a matrícula e o 40 % restante farase efectivo entre o 1 e o 15 de abril de 2024.

Toda a información relativa ao curso, desenvolvemento, programación, contidos e procedemento de matriculación está dispoñible na páxina web do COAG (https://portal.coag.es).

Para formular consultas á Área de Formación do COAG, en relación con calquera aspecto deste curso, están dispoñibles os seguintes medios:

• Colexiados/as: a través do panel de servizos do COAG, sección de Formación.

• Non colexiados/as: a través do enderezo de correo electrónico formacion@colexiodearquitectos.org

Sétima. Criterios de selección

A metade das prazas reservaranse para o persoal empregado público das administracións públicas de Galicia (base terceira, punto 1). As prazas reservadas ao persoal empregado público que non sexan cubertas unha vez rematado o prazo de matrícula poderán ser ocupadas polo persoal descrito nos puntos 2 e 3 da base terceira desta resolución.

O número de orde establecerase de acordo coa data e hora de presentación das solicitudes.

Oitava. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas. Alegacións

A listaxe provisional de persoas seleccionadas publicarase na páxina web do COAG (https://portal.coag.es).

O prazo para a achega de alegacións á listaxe provisional será de tres días hábiles a partir da data de publicación, de acordo co establecido nas instrucións do curso que constan na citada páxina web.

Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na páxina web do COAG (https://www.coag.es) a listaxe definitiva de persoas seleccionadas para esta actividade.

Novena. Cambios ou substitucións na selección; renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

• Por razóns de conciliación familiar.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada ao COAG cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao do comezo da actividade formativa, enviando un correo electrónico a formacion@colexiodearquitectos.org, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro).

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais (excluídas as 62 horas correspondentes ao traballo individual). En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente, ante as persoas responsables da actividade formativa, nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado final desta actividade formativa.

d) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas da EGAP que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado electrónico de aproveitamento

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

Bloque I. Contidos troncais:

• Ter asistido, polo menos, ao 90 % das horas lectivas presenciais.

• Ter elaborado e superado os traballos en grupo desenvolvidos en cada un dos talleres integrados nos módulos troncais do curso. Estes traballos elaboraranse baixo a dirección dos/das monitores/as dos talleres durante o período docente.

• Ter superado o exame correspondente aos contidos troncais do curso. Finalizados os tres módulos troncais, deberase superar un exame relativo aos contidos impartidos.

Bloque II. Contidos e módulos optativos:

• Ter asistido, polo menos, ao 90 % das horas lectivas presenciais.

• Ter cumprido os requisitos que, para cada un dos módulos optativos, se establecerán nas súas programacións específicas.

Traballo individual:

Ter superado o traballo individual. O traballo individual tratará sobre unha materia relacionada coa actividade obxecto do curso. A proposta do/da titor/a e do título do traballo individual deberá ser aprobada previamente pola dirección do curso, e será avaliado por un tribunal designado para este efecto.

O prazo de entrega dos traballos fixarase durante a realización do curso e seralle comunicado ao alumnado coa suficiente antelación. Se, tras a exposición pública do traballo individual, o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o/a alumno/a poderá presentar de novo o traballo unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Os/as alumnos/as deberán de aprobar a totalidade dos exames e traballos para obteren o certificado de aproveitamento. A non superación dun exame permite a súa presentación unha segunda vez antes da lectura do traballo individual. En caso de non superaren a totalidade dos exames, poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

Cumpridos todos os anteriores requisitos, ao final do curso, emitiráselles un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula da EGAP (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas inscritas que cumpran todos os requisitos establecidos.

O certificado de aproveitamento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Unha vez finalizado o curso, para poder emitir os certificados electrónicos de aproveitamento ás persoas con dereito á súa emisión é imprescindible que as persoas inscritas estean rexistradas na área de matrícula da EGAP e teñan actualizados os seus datos. De non ser así, non se procederá á emisión do certificado de aproveitamento.

Décimo primeira. Facultades da EGAP e do COAG

1. A EGAP e o COAG reservan para si a facultade de modificar o programa, interpretar e resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

2. A realización deste curso queda condicionada tamén á formalización de matrículas, así como ao pagamento de, polo menos, o seu primeiro prazo, por un importe que o COAG considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, o COAG procederá á devolución das cantidades aboadas.

En caso de cancelación, empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas, previstos na normativa vixente.

3. A EGAP e o COAG garantirán, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública