DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7561

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ORDE do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento IN541A).

O emprendemento de novas actividades de carácter industrial é fundamental para o desenvolvemento e a consolidación do tecido empresarial galego. Non obstante, as persoas interesadas en emprender unha nova actividade industrial encóntranse con moitas dificultades ao inicio da súa actividade, que nalgunhas ocasións fan fracasar o seu proxecto.

Crear unha empresa require, a miúdo, dunha serie de recursos difíciles de alcanzar inicialmente, entre os que se atopan as infraestruturas básicas a prezos competitivos, como oficinas, salas de reunións e incluso servizos de asesoramento empresarial. Estes recursos poden ser proporcionados nun viveiro industrial, achegando unha serie de servizos que fornecen valor engadido e facilitan a implantación e fixación de novas empresas.

Os viveiros industriais de empresas, entendidos como espazos físicos para o nacemento, aceleración e consolidación de novas empresas de carácter industrial, nos que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado, son un apoio moi importante para as novas empresas nas súas primeiras etapas de actividade, e contribúen ao éxito final do proxecto. Nestes viveiros combínase a existencia de espazos de traballo singulares destinados a empresas con outros servizos comúns, cos que se tratan de cubrir as necesidades básicas destas empresas no que a xestión empresarial se refire, permitindo mellorar as súas expectativas de supervivencia.

O Decreto 116/2022 do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio, establece que lle corresponde á Secretaría Xeral de Industria o impulso do desenvolvemento de infraestruturas en parques empresariais; o fomento de novas actividades industriais e, en xeral, calquera actuación de promoción e execución de actuacións de modernización e dotación de servizos avanzados no solo empresarial.

En exercicio destas competencias, a Consellería de Economía, Industria e Innovación, desenvolve medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos que fomenten a creación de novas empresas de carácter industrial. Entre estas medidas, no ano 2024 esta consellería considera necesario continuar desenvolvendo o programa de axudas encamiñadas á creación de viveiros industriais de empresas nos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, cunha nova convocatoria de axudas dirixida á creación, reforma ou dotación de equipamento e infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, que inclúe unha serie de melloras, con respecto ás convocatorias anteriores, dirixidas especialmente a optimizar a utilización dos viveiros que actualmente xa están operativos na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante un impulso das actuacións consistentes na reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas que se estimen necesarios para conseguir a dita optimización.

Neste sentido, incorpóranse nesta nova convocatoria novos criterios de priorización de proxectos, como o grao de industrialización no parque empresarial en que se atopa o viveiro industrial, ou se prevé a implantación dun novo viveiro, xa que os territorios nos que a industria reflicte un peso relevante na súa estrutura económica conforman un ecosistema natural que debe terse en conta á hora de determinar a valoración dos proxectos. Por outra parte, teranse en conta igualmente como criterios de valoración a poboación do concello, e a súa evolución demográfica no último quinquenio, xa que os viveiros industriais son un instrumento de política industrial que ten entre os seus obxectivos a captación de novos proxectos, a creación de emprego de calidade e a reindustrialización de zonas que están en risco de despoboamento para fixar poboación e reactivar a economía local. Por este motivo, considérase de interese primar aqueles territorios que están en maior risco de despoboamento. Finalmente, entre outros criterios que se deben ter en conta na priorización dos proxectos, de acordo co establecido no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a presente convocatoria prima tamén cunha maior puntuación as solicitudes presentadas por concellos adheridos á iniciativa galega Concellos Emprendedores.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen no anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Industria e Innovación para incentivar a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas, en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2024.

3. Este procedemento administrativo ten asignado o código IN541A.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As subvencións outórganse con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.732A.760.1, proxecto contable 2016-00349, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025, de acordo coa seguinte distribución:

Liña

2024

2025

Total (€)

Liña A: axudas para a creación de novos viveros industriais

48.000,00

432.000,00

480.000,00

Liña B: axudas para a reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas dos viveiros industriais existentes

102.000,00

918.000,00

1.020.000,00

Total

150.000,00

1.350.000,00

1.500.000,00

2. No caso de que as axudas concedidas nunha das liñas anteriores non esgote a dotación orzamentaria prevista no número anterior, a contía remanente poderá ser utilizada para a concesión de axudas con base noutra liña, mantendo, en todo caso, a mesma dotación global nas anualidades 2024 e 2025.

3. Estas axudas imputaranse á aplicación orzamentaria indicada, de conformidade co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se establece a tramitación anticipada de expedientes de gasto, condicionando a concesión destas axudas á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de adxudicación.

4. Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

5. O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

6. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes

Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse a solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a catro meses.

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá aos concellos interesados avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os concellos interesados deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polos concellos interesados da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 8. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN541A, poderase obter información adicional na Secretaría Xeral de Industria, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://ceei.xunta.gal).

b) Nos teléfonos 981 54 55 72 e 981 95 71 86 de servizos centrais.

c) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 981 90 06 43).

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Industria para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
das subvencións destinadas á creación, reforma ou dotación de equipamento
ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais
da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto a creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas en parques empresariais existentes ou en desenvolvemento da Comunidade Autónoma de Galicia ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións.

2. Para os efectos destas bases reguladoras, enténdese por viveiro industrial de empresas para os efectos desta orde un espazo físico para o nacemento de novas empresas de carácter industrial, en que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

3. Os proxectos que se van subvencionar deberán desenvolverse ao longo do ano 2024 e 2025, de acordo cos prazos e condicións establecidas nestas bases reguladoras.

4. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Os beneficiarios das axudas serán os concellos que, dentro do seu ámbito territorial e de acordo co obxecto desta orde, realicen investimentos nos parques empresariais existentes, en desenvolvemento ou en solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións no seu termo municipal, dirixidos á creación, reforma ou dotación de equipamento ou infraestruturas de viveiros industriais de empresas.

2. O concello debe ser titular das naves industriais ou infraestruturas que conforman o viveiro industrial de empresas.

3. Durante o prazo que o viveiro industrial estea operativo, ben sexa novo ou existente, o concello solicitante deberá prestar un servizo de asesoramento, dirixido ás persoas interesadas, en relación á posta en marcha e desenvolvemento de actividades empresariais que poidan implantarse no dito viveiro, así como a colaborar coa Xunta de Galicia nos plans de dinamización dos viveiros industriais, que, se é o caso, esta Administración poña en marcha.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios as entidades nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Ademais, só poderán ser beneficiarios os concellos que cumprisen co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

Artigo 3. Actuacións e gastos subvencionables

1. Prevense dous tipos de actuacións subvencionables, que se clasificarán nas seguintes liñas:

a) Liña A, correspondente ás axudas para a creación de novos viveiros industriais. Esta liña está dirixida ás actuacións para a construción de novos viveiros industriais de empresas, que deberá incluír espazos habilitados para a implantación de actividades industriais. Unicamente se poderán conceder axudas para a creación de novos viveiros industriais naqueles casos nos que non existan espazos sen utilizar nos viveiros industriais xa existentes ou en construción que se atopen a menos de 30 km, contados en liña recta, desde a localización prevista para o novo viveiro industrial. Co fin de confirmar o cumprimento deste requisito, o concello interesado poderá formular a correspondente consulta á Secretaría Xeral de Industria logo de formular a solicitude de axuda.

b) Liña B, correspondente ás axudas para mellora dos viveiros industriais existentes. Esta liña está dirixida ás actuacións de reforma e/ou dotación de equipamento ou infraestruturas xerais correspondentes a necesidades debidamente xustificadas para os viveiros xa existentes que fosen xa subvencionados dentro das diferentes convocatorias de axudas publicadas pola consellería competente en materia de industria desde o ano 2016, para a creación de viveiros industriais. A solicitude de axuda pode ser para unha actuación que inclúa reforma, dotación de equipamento, dotación de infraestruturas, ou unha combinación das anteriores.

2. Os gastos subvencionables deberán ter sido realizados entre a data da solicitude da axuda e a data de xustificación do investimento, co ritmo previsto no artigo 4.4 destas bases reguladoras, e sen prexuízo do establecido no artigo 17.3.

3. Non se valorarán para os efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de taxas, de licenzas, gastos sometidos a aranceis ou os correspondentes a investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro. Os tributos son gasto subvencionable cando o beneficiario da subvención os aboa efectivamente. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos, salvo que se acredite que non son susceptibles de recuperación ou compensación, ni os impostos persoais sobre a renda.

4. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable polo solicitante.

5. Tamén son subvencionables os gastos de redacción de proxecto, de dirección de obra e os gastos do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos que se refire o artigo 20.8 da presente orde.

6. Para ser subvencionables, as actuacións deberán estar en condicións de ser utilizadas unha vez finalizado o prazo de xustificación.

7. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos realizados os efectivamente pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación previsto nas bases reguladoras.

8. Ademais, consideraranse gastos realizados, de acordo co disposto no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, cando se teña contabilizado o recoñecemento da obriga polo órgano competente da entidade local.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas reguladas por esta orde teñen a natureza xurídica de subvencións.

2. Con carácter xeral, a intensidade das axudas será dun 80 % do importe total considerado como subvencionable, tanto para a liña A como para a liña B, sen prexuízo do establecido nos números seguintes.

3. A axuda máxima por solicitude nos proxectos da liña A será de 240.000,00 euros. A axuda máxima por solicitude nos proxectos da liña B será de 75.000 euros.

4. Para que o concello beneficiario poida obter a totalidade da axuda concedida, os investimentos xustificados para cada anualidade deberán responder á previsión orzamentaria seguinte, sen prexuízo do indicado no artigo 17.3 destas bases:

Anualidade 2024

Anualidade 2025

10 % da axuda total

90 % da axuda total

A falta de xustificación dos investimentos, total ou parcial, por parte do concello na anualidade 2024 comportará a perda do dereito do pagamento da axuda que corresponda prevista para a dita anualidade, sen que sexa posible traspasar a contía non xustificada ao ano 2025.

Artigo 5. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas concedidas en virtude da presente convocatoria serán compatibles con outras axudas para o mesmo fin, sempre e cando o importe das axudas e subvencións en ningún caso sexan de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras, supere o custo da actividade subvencionable.

2. O concello peticionario deberá declarar as axudas que solicitase ou obtivese, tanto ao iniciarse o expediente administrativo como en calquera momento do procedemento en que isto se produza.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 6. Solicitude e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indique na convocatoria.

2. Só se poderá presentar unha solicitude por concello para a liña A e outra por concello para a liña B.

3. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documento actualizado acreditativo da capacidade con que actúa o representante do concello solicitante.

b) Documento acreditativo da titularidade do concello sobre as naves ou infraestruturas xa existentes que van conformar o novo viveiro industrial de empresas, ou sobre o que se efectuará a reforma ou a dotación de equipamento.

c) Acordo do Pleno do concello, ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, expedido con anterioridade ao prazo de presentación da solicitude, onde se exprese a intención de acometer a actuación obxecto da solicitude de axuda.

d) Memoria técnica xustificativa asinada da actuación que se vai desenvolver, na cal deben indicarse ademais as coordenadas exactas correspondente ao viveiro industrial novo ou existente, segundo se trate dunha solicitude acollida á liña A ou á liña B.

Xunto coa memoria anterior, no caso de execución de obras ou instalacións que requiran legalmente proxecto para súa execución ou licenza, deberase presentar este ou un anteproxecto asinado por un técnico competente.

e) Orzamento desagregado e asinado dos gastos.

Con independencia do documento técnico achegado en aplicación da letra d) do presente artigo, o orzamento deberá estar desagregado a nivel de partidas e indicarase para cada unha das medicións, prezo unitario e importe. Tanto a desagregación como a descrición das partidas deberá permitir coñecer de maneira inequívoca o alcance e contido das actuacións, co fin de que o órgano instrutor poida determinar se estas son subvencionables.

f) Planos asinados da actuación a escala axeitada, incluíndo un plano onde se representen os límites do parque empresarial e o conxunto das actuacións.

g) Documento acreditativo da remisión das contas ao Consello de Contas.

i) Outra documentación:

– Só para as solicitudes de axuda que apliquen á liña A:

i. Programa de acollemento de empresas (segundo se detalla no artigo 7).

ii. Certificación asinada en que conste a superficie total ocupada en actividades en funcionamento, así como a superficie total ocupada en actividades de carácter industrial en funcionamento (considerando unicamente as actividades indicadas no artigo 7.6.c) destas bases reguladoras), dentro do parque empresarial ou do solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións en que se vai atopar o viveiro industrial, en relación ao criterio 2.1 do artigo 14.2.

– Só para as solicitudes de axuda que apliquen á liña B:

i. Xustificación da necesidade das actuacións que correspondan (reforma, dotación de equipamento ou infraestruturas, ou unha combinación delas) para as que se solicita a axuda, e como se prevé que repercuta na mellora da utilización actual do viveiro industrial.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na cal fose realizada a emenda.

Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo concello, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presentasen de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Programa de acollemento de empresas

O programa de acollemento de empresas establece as condicións para o acollemento temporal das empresas no viveiro industrial. Nel deben especificarse polo menos as seguintes circunstancias:

1. Modelo de xestión do viveiro. Os posibles modelos de xestión serán:

a) Xestión directa polo concello. O xestor será o concello, que fará uso para iso dos seus propios medios, e asumirá nas súas contas os resultados da explotación do viveiro.

b) Xestión indirecta polo concello. O concello delegará a xestión nun terceiro mediante a subcontratación dos servizos precisos, mediante calquera medio válido en dereito, pero asumirá nas súas contas os resultados da explotación do viveiro.

c) Xestión por terceiros. O xestor será un terceiro e adquirirá a súa condición por concurso público ou concesión administrativa, ou calquera outro medio válido en dereito, asumindo os resultados da explotación do viveiro.

2. Descrición do viveiro industrial (número e superficie dos espazos previstos para a implantación de empresas, así como número e superficie das zonas dedicadas a servizos comúns).

3. Normas de uso dos espazos cedidos a cada empresa e dos espazos comúns.

4. Cotas que van pagar as empresas acollidas.

5. Duración do acollemento: as empresas poderán estar acollidas no viveiro industrial por un período máximo de 48 meses.

6. Descrición dos requisitos para ser acollido no viveiro:

a) Poderán acollerse no viveiro empresas aínda non constituídas, pero que teñan previsto facelo no prazo máximo de seis meses desde a resolución de acollemento no viveiro, así como as empresas que xa estean constituídas no momento da solicitude de acollemento, sempre que non teñan transcorrido máis de doce meses entre a súa data de constitución e a data da dita solicitude.

Sen prexuízo do anterior, excepcionalmente poderá sobrepasarse o prazo de doce meses indicado no parágrafo anterior, sempre que, en todo momento, o número de empresas nesta circunstancia non supere o 25 % do número total de empresas acollidas no viveiro, e que a superficie dedicada a elas non supere o 25 % do total da superficie.

b) As empresas deberán ter domicilio social e fiscal no concello titular do viveiro ou comprometerse a modificalo no prazo máximo de 6 meses no caso de que a empresa sexa acollida no viveiro industrial.

c) As empresas deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial, sen prexuízo do establecido na letra d). Entenderanse por actividade empresarial de carácter industrial as seguintes:

– A totalidade do ámbito de aplicación do Decreto 37/2015, do 12 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Industrial de Galicia (artigo 3).

– Calquera das actividades económicas recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 (CNAE-2009) e que compoñen o sector industria. Concretamente, as recollidas nas industrias extractivas (da división 05 á 09); a industria manufactureira (da división 10 á 33); subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado (división 35); e subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación (división 36 á 39).

d) De xeito excepcional, logo de solicitude xustificada do concello, a Secretaría Xeral de Industria poderá autorizar a incorporación ao viveiro industrial daquelas iniciativas empresariais que, non estando recollidas nos dous ámbitos anteriores, xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial ou acheguen valor engadido a través de servizos externos que repercutan na mellora da competitividade do tecido industrial local.

e) Para o caso de que un ou varios espazos dun viveiro industrial leven máis dun ano sen ser utilizados, de xeito excepcional e logo de solicitude xustificada do concello, a Secretaría Xeral de Industria poderá autorizar a incorporación ao viveiro industrial doutro tipo de iniciativas empresariais non industriais, distintas das previstas nas letras c) e d). O prazo inicial de incorporación destas iniciativas será de doce meses, prorrogables por períodos iguais, ata un máximo de 48 meses. No caso de que, en calquera momento deste prazo, unha nova empresa das previstas nas letras c) ou d) reunise todos os requisitos do plan de acollemento e solicitase ser acollida no viveiro industrial, a empresa non industrial deberá abandonar o viveiro industrial ao remate do período de 12 meses que nese momento teña concedido, sen que sexa posible concederlle máis prórrogas.

f) As empresas deberán presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica e técnica.

7. Procedemento de selección de empresas para ser acollidas no viveiro industrial:

a) O procedemento de selección deberá ser desenvolvido polo xestor do viveiro, e deberá conter criterios obxectivos para o caso de que as solicitudes de incorporación sobrepasen a dispoñibilidade do viveiro. En calquera caso, as solicitudes que correspondan a empresas das previstas no punto 6.c) deste artigo terán preferencia sobre as que eventualmente puidesen concorrer ao procedemento e fosen das previstas no punto 6.d).

b) Deberá convocarse un primeiro procedemento de selección antes do 30 de xuño de 2026, que deberá resolverse antes do 31 de outubro de 2026.

c) O procedemento de selección terá carácter público.

d) Deberán recollerse exclusivamente criterios de selección obxectivos.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que os concellos interesados deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o concello interesado se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade local solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Órgano competente

A Secretaría Xeral de Industria, a través do Servizo de Administración Industrial, será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, correspondendo á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase o concello interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no DOG, producindo os mesmos efectos que a notificación individualizada.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao concello solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 13. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes, de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Administración Industrial ou persoa en que delegue.

b) Vogais: as persoas titulares de cada unha das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, ou unha persoa funcionaria por elas designada para cada unha das indicadas xefaturas territoriais.

c) Secretaría: a persoa titular do Servizo de Administración Industrial.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Industria. Ademais, a Comisión de Valoración poderá estar asistida polo persoal técnico que se considere necesario, á xuízo da persoa que ocupa a súa presidencia.

3. Na relación valorada de solicitudes figurará a avaliación que lle corresponde a cada proxecto segundo os criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Os proxectos para os que se solicite a axuda, que deberán ser técnica e economicamente viables, quedarán incluídos na listaxe puntuada que lle corresponda, segundo a liña de axudas a que opten e os criterios de valoración establecidos neste artigo.

2. Criterios para a valoración das solicitudes acollidas á liña A:

2.1. Porcentaxe de ocupación en actividades de carácter industrial actualmente en operación dentro do parque empresarial ou do solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións en que se vai atopar o viveiro industrial, con respecto á súa superficie total en operación.

Puntuación = 20 puntos · % da superficie ocupada industrial.

Para os efectos deste criterio, considerarase que existe ocupación industrial nos casos nos que as actividades se correspondan coas indicadas no artigo 7.6.c) destas bases reguladoras.

2.2. Maior superficie útil dos espazos destinados á implantación de empresas no viveiro industrial (máximo 10 puntos).

2.3. Maior superficie útil dos espazos destinados para a prestación de servizos comúns no viveiro industrial (máximo 10 puntos).

2.4. Poboación do concello en que se atopa o parque empresarial ou o solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións en que se vai implantar ou está implantado o viveiro industrial:

a) Menos de 10.000 habitantes (10 puntos).

b) Entre 10.000 e 20.000 habitantes (5 puntos).

c) Máis de 20.000 habitantes (0 puntos).

2.5. Variación da poboación entre os anos 2017 e 2022 do concello en que se atopa o parque empresarial ou o solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións en que se vai implantar ou está implantado o viveiro industrial (de acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística):

a) Concello con perda de poboación igual ou superior ao 5 % entre os anos 2017 e 2022 (10 puntos).

b) Concello con perda de poboación menor do 5 % entre os anos 2017 e 2022 (7 puntos).

c) Concello que mantivo a poboación ou a incrementou menos dun 5 % entre os anos 2017 e 2022 (3 puntos).

d) Concello con incremento de poboación igual ou superior ao 5 % entre os anos 2017 e 2022 (0 puntos).

2.6. Concello emprendedor:

a) O concello ten a condición de concello emprendedor no momento da presentación da solicitude: 15 puntos.

b) Resto dos casos: 0 puntos.

3. Criterios para a valoración das solicitudes acollidas á liña B:

3.1. Variación da poboación entre os anos 2017 e 2022 do concello en que se atopa o parque empresarial ou o solo rústico de protección ordinaria con plan especial de dotacións en que se vai implantar ou está implantado o viveiro industrial (de acordo cos datos do Instituto Galego de Estatística):

a) Concello con perda de poboación igual ou superior ao 5 % entre os anos 2017 e 2022 (10 puntos).

b) Concello con perda de poboación menor do 5 % entre os anos 2017 e 2022 (7 puntos).

c) Concello que mantivo a poboación ou a incrementou menos dun 5 % entre os anos 2017 e 2022 (3 puntos).

d) Concello con incremento de poboación igual ou superior ao 5 % entre os anos 2017 e 2022 (0 puntos).

3.2. Maior superficie útil dos espazos destinados á implantación de empresas no viveiro industrial (máximo 10 puntos).

3.3. Maior superficie útil dos espazos destinados para a prestación de servizos comúns no viveiro industrial (máximo 10 puntos).

3.4. Concello emprendedor:

a) O concello ten a condición de concello emprendedor no momento da presentación da solicitude: 10 puntos.

b) Resto dos casos: 0 puntos.

4. Nos criterios de valoración 2.2, 2.3, 3.2 e 3.3 dos puntos anteriores (tanto para a liña A como para a liña B), asignarase a máxima puntuación (10 puntos) á solicitude co maior valor dentro de cada epígrafe, cero puntos á solicitude co menor valor dentro de cada epígrafe e o resto de solicitudes dentro da epígrafe, con valores intermedios, valoraranse linealmente tendo como extremos os valores anteriores.

5. Sen prexuízo das puntuacións indicadas anteriormente, avaliaranse coa mínima puntuación aquelas epígrafes que, a xuízo da Comisión de Valoración, non queden xustificadas adecuadamente na memoria e na documentación presentada coa solicitude.

6. Para o caso de que exista un empate entre a puntuación resultante das solicitudes, o desempate desfarase tendo en conta a poboación do ano 2022 do concello, de forma crecente (terá preferencia a solicitude do concello que teña un con menor número de habitantes). Para o caso de que aínda así persistise o empate, aplicarase como criterio de desempate o momento de presentación das solicitudes (terá preferencia a solicitude do concello presentada en primeiro lugar).

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos concellos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire a epígrafe anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo concello interesado.

Artigo 16. Resolución e notificación

1. Á vista da relación valorada das solicitudes e da relación de expedientes que se derive do disposto no artigo 12.4 e, unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor emitirá a proposta de resolución que elevará á persoa titular da Conselleira de Economía, Industria e Innovación.

2. Para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para cada unha das liñas (A e B) para seren atendidos, ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados da mesma liña, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo. Non obstante, tendo en conta os prazos necesarios para a obtención de autorizacións e da execución das actuacións, non se concederán axudas posteriormente ao 15 de setembro de 2024, data en que as listaxes de agarda perderán os seus efectos.

3. A persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de catro meses, que se contarán a partir do seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 da Lei 39/2015, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios da Consellería de Economía, Industria e Innovación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Para as solicitudes desestimadas, indicarase a causa de desestimación. Coa publicación no DOG poderá remitirse aos beneficiarios e aos non beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución no taboleiro de anuncios antes citado.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Con data límite do 30 de setembro de 2024, o concello beneficiario poderá solicitar ante a Secretaría Xeral de Industria unha modificación da resolución de concesión da axuda, consistente no adianto do ritmo previsto no artigo 4.4 destas bases para a xustificación dos investimentos, para o caso de que estea en disposición de xustificar os seus investimentos con antelación á dita previsión. Esta modificación non suporá en ningún caso a concesión dunha axuda global superior á inicialmente concedida, senón a un incremento na axuda correspondente á anualidade 2024, e a unha diminución na mesma contía na axuda correspondente á anualidade 2025. Analizada a solicitude e a dispoñibilidade de crédito orzamentario da partida correspondente, a Secretaría Xeral de Industria elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a proposta de resolución que corresponda, que poderá ser estimatoria ou parcialmente estimatoria, modificando as anualidades orzamentarias da axuda concedida, ou denegatoria, mantendo neste caso as anualidades das axudas inicialmente establecidas.

Pola contra, e tal como se establece no artigo 4.4 destas bases, non será posible modificar as anualidades das axudas que supoñan atrasos con respecto ao ritmo inicialmente previsto, e que, polo tanto, supoña un incremento da axuda na anualidade 2025.

4. Para calquera outra solicitude de modificación da resolución distinta da indicada no número anterior, a modificación debe solicitarse cunha antelación mínima dun mes á data de finalización do prazo de realización da actuación subvencionable.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses, que se contarán a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

O concello beneficiario da subvención queda obrigado a:

1. Executar o proxecto ou actuación que fundamente a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente a realización da actividade, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinan a concesión e o goce da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As infraestruturas subvencionadas deberán permanecer destinadas ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por un período non inferior a cinco anos tal como recolle o artigo 31.4.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 29.4.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tanto para a liña A como para a liña B. Neste último caso, este período de permanencia supón que o viveiro industrial deberá manterse como tal polo período indicado, desde o pagamento da axuda concedida con base a esta convocatoria. O incumprimento deste requisito dará lugar á revogación da subvención, co reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora legalmente establecido desde o momento do pagamento da subvención, segundo o establecido no artigo 25 da presente orde.

4. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Garantir o cumprimento da normativa de axudas de Estado no que atinxe ao destino que se lles dea ás infraestruturas obxecto das subvencións.

7. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

8. Colocar un cartel informativo no lugar de execución da actuación subvencionada, conforme o modelo indicado no anexo IV, que deberá permanecer instalado durante todo o período de execución do proxecto. Unha vez finalizada a execución da actuación subvencionada, o cartel substituirase por unha placa explicativa permanente, conforme o modelo indicado no anexo V. A devandita placa debe ser dun material resistente (aluminio, metacrilato ou similar) e cun tamaño mínimo A4.

Artigo 21. Subcontratación polos beneficiarios das actividades subvencionadas

Permítese a subcontratación total ou parcial ata o 100 % das actuacións, estando suxeita ao disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, no caso de que os concellos precisen da contratación externa de determinados traballos incluídos no proxecto subvencionado, debe aterse ao disposto na Lei 9/2017, do 

8 de novembro, de contratos do sector público.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención, os concellos beneficiarios terán os seguintes prazos para presentar a documentación xustificativa da subvención:

– Ata o 31 de outubro de 2024, para a contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2024.

– Ata o 31 de outubro de 2025, para a contía de subvención concedida con cargo á anualidade de 2025.

De acordo co establecido nos artigos 4.4 e 17.3 destas bases reguladoras, a falta de xustificación total ou parcial dos investimentos correspondentes á anualidade do ano 2024 implicará a perda da axuda da dita anualidade, na contía que corresponda, sen que sexa posible trasladar ningunha contía da axuda da anualidade 2024 á anualidade 2025.

A documentación xustificativa da subvención deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, e, para ambas as anualidades, será a seguinte:

a) Certificación expedida pola Secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data do recoñecemento da obriga polo órgano competente.

b) Facturas orixinais das actuacións realizadas. Cando o concello beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha copia auténtica electrónica da factura orixinal en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa reguladora do procedemento administrativo común.

No obstante, no presente procedemento, admitiranse as facturas orixinais en papel ou copias debidamente compulsadas, no caso de imposibilidade funcional e/ou tecnolóxica por parte da Administración para emitir copias auténticas electrónicas.

c) Xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio e a data límite da xustificación. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

d) Certificación de obra cando se trate dun contrato de obras ou, no resto de contratos, documento equivalente co desagregación da actuación realizada (indicando concepto, unidades e prezos unitarios).

e) Certificado da Secretaría da entidade local en que se indique que o procedemento de contratación pública se realizou consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e onde se indique ademais o adxudicatario do contrato e o importe de adxudicación.

f) Certificado da Secretaría ou Intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable por parte do concello beneficiario.

g) Proxecto de execución. No caso de non dispoñer deste por tratarse dunha obra ou instalación que non o requira legalmente, achegarase a documentación técnica que serviu de base para levar a cabo a actuación.

h) Informe técnico en que se describa a realización da actuación e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, asinado por un/unha técnico municipal.

i) Fotografía do cartel informativo e da placa explicativa permanente aos que se refire o artigo 20.8 da presente orde de axudas.

j) Anexo III: declaración actualizada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen ter presentado esta perante a Secretaría Xeral de Industria, esta requirirá o concello beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Os órganos competentes da Consellería de Economía, Industria e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo concello beneficiario dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 23. Pagamento e anticipos

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención recalcularase tendo en conta o novo investimento e as intensidades de axuda previstas nestas bases reguladoras.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas. Estes pagamentos deberán ser solicitados polo concello beneficiario, se é o caso, logo da notificación ou publicación da resolución de concesión, e quedarán suxeitos ás seguintes condicións:

a) Poderase anticipar ata o 25 % do importe da subvención concedida, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

b) Os concellos beneficiarios quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra c) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. O concello beneficiario deberá achegar coa solicitude de anticipo a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, das distintas administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, indicando a súa contía (anexo III).

Artigo 24. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

Artigo 25. Incumprimentos, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Secretaría Xeral de Industria poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, de ser o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos de base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, de ser o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte gradación:

1º. Non comunicar á Secretaría Xeral de Industria a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actuacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontando o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

2º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 20.8 destas bases, así como non axustarse ás dimensións mínimas e/ou materiais recollidos nos anexos IV e V, suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante a Secretaría Xeral de Industria o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

c) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Secretaría Xeral de Industria, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Cando non se teña convocado e resolto nos prazos establecidos no artigo 7 o primeiro procedemento de selección de empresas para ser acollidas no viveiro industrial.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia.

5. Aos concellos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto11/2009, do 29 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Control

1. A Consellería de Economía, Industria e Innovación poderá facer as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas ao labor interventor e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, coa obriga por parte dos beneficiarios de achegar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das anteriores actuacións.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases haberá que aterse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, xeral de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

IN541AG.pdf
IN541AG.pdf
IN541AG.pdf
IN541A_GG(anexo III).pdf

ANEXO IV

Modelo de cartel

missing image file

Características:

1. Dimensións mínimas:

Alto: 157,5 cm

Ancho: 210 cm

2. Materiais:

Empregaranse lamas de chapa de aceiro galvanizado de 1,2 mm de espesor e de 17,50 cm de altura. Para obras de investimento inferior a 50.000 € non será preciso o uso de aceiro galvanizado.

3. Texto:

• Empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branco con referencia pantone white/RGB 255,255,255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0,123,196.

• O título da actuación non superará as dúas liñas e a altura do texto non será superior a 2/3 da altura do texto do logotipo da Xunta de Galicia. O tamaño de texto recomendado é 235 pt.

• Os datos da obra terán unha altura de texto non superior a 1/2 da altura do título. O tamaño de texto recomendado é 110 pt.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo do concello será como máximo o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.

5. Datos do orzamento e da subvención:

Os datos do orzamento subvencionable e da subvención concedida serán os indicados na notificación de concesión da subvención.

ANEXO V

Modelo de placa explicativa permanente

missing image file

Características:

1. Tamaño mínimo A4.

2. O material deberá ser resistente: aluminio, metacrilato ou similar.

3. Texto: empregarase a tipografía Xunta Sans en cor branco con referencia pantone white/RGB 255,255,255 sobre un fondo azul, pantone 7461 C/RGB 0,123,196.

4. Logos e marxes:

• O logo Xunta de Galicia ocupará o ancho do soporte cunha marxe ao seu redor da metade do ancho do escudo.

• A altura do logo do concello será como máximo o 60 % da altura do logo Xunta de Galicia.