DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7787

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala executiva, categoría de inspector principal, dos corpos da Policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de inspector principal da Policía local, consonte as seguintes bases:

Persoal destinatario:

Persoal dos corpos da Policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de inspector/a principal e que non realizasen este curso.

Inscrición:

A inscrición dos/das participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberanlle remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública no cal soliciten a participación no curso da/s persoa/s que se encontren nesta situación, co fin de efectuar a correspondente reserva de praza para realizar o devandito curso.

2. O prazo para remitir escritos rematará o día 1 de febreiro de 2024.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso conterá os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de dirección de equipos.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase desde o 6 de febreiro ao 27 de marzo de 2024, coa seguinte distribución horaria:

– Presencial na Agasp: 6, 7, 19, 20, 21, 22, 23 de febreiro e 11, 12, 13, 14 e 27 de marzo de 2024.

– Teleformación : o resto dos días, que se poderá compatibilizar co traballo no concello de procedencia se hai acordo e disposición entre os/as interesados/as.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu regulamento de réxime interior, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Non se desenvolverá en réxime de internado. Aquel alumnado que desexe pernoctar na residencia da Agasp, deberá comunicalo previamente ao enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal

No suposto de pernoctar na Agasp, aplícase o réxime de internado vixente para os/as alumnos/as dos cursos selectivos en relación coa uniformidade e horarios.

O horario do curso será, como norma xeral, das 10.00 ás 19.00 horas, mais haberá polo menos un día semanalmente en que o horario lectivo comezará ás 8.00 horas. Isto será comunicado no horario que se achegará ao alumnado o primeiro día do curso.

O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia. A Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de inspector principal, así como a peza de roupa para a cabeza.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitiralle un informe ao concello correspondente en que certifice esta circunstancia, de xeito que se poida realizar o nomeamento como funcionario de carreira e a toma de posesión como inspector principal do corpo da Policía local.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de xaneiro de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública