DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7790

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se convoca un curso selectivo de acceso á escala básica, categoría de oficial, dos corpos da Policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo para o acceso á categoría de oficial da Policía local, conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

– Mellorar o compromiso profesional de servizo público á cidadanía, baixo parámetros actitudinais de eficacia e de ética policial.

– Facilitarlle ao alumando unha actualización xurídico-normativa e de operativa profesional que lle permita un mellor exercicio da súa función.

– Dotalo das ferramentas de coñecemento necesarias para a organización e estruturación adecuada dos recursos humanos e dos medios materiais de que dispoñan.

Persoal destinatario:

Persoal dos corpos da Policía local que superaron o proceso selectivo para a categoría de oficial e que non realizasen este curso.

Inscrición:

A inscrición dos/das participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos deberanlle remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública no cal soliciten a participación no curso da/s persoa/s que se encontren nesta situación, co fin de efectuar a correspondente reserva de praza para realizar o devandito curso.

2. O prazo para remitir escritos rematará o día 1 de febreiro de 2024.

3. En relación con aquel alumnado que superou o proceso selectivo unitario convocado a través da Orde do 19 de abril de 2023, a reserva e a solicitude son automáticas, sen necesidade de que o concello de procedencia efectúe a dita reserva.

Duración e contido:

O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de xeito semipresencial na Academia Galega de Seguridade Pública.

Este curso conterá os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo operativo.

– Módulo II: módulo xurídico.

– Módulo III: módulo técnico.

– Módulo IV: módulo administrativo.

– Módulo V: módulo de comunicación.

– Módulo VI: módulo práctico.

Datas:

O curso realizarase desde o 6 de febreiro de 2024 ao 27 de marzo de 2024, coa seguinte distribución horaria:

– Presencial na Agasp: 6, 7, 8, 13, 14, 15, 20, 21, 22, 27, 28, 29 de febreiro e 5, 6, 7, 12, 13, 14, 19, 20, 21 e 26 de marzo de 2024.

– Teleformación (con sesións de telepresenza, que se indicarán ao comezo do curso): os restantes días entre as sesións presenciais da Agasp (9, 12, 16, 19, 23 e 26 de febreiro e 4, 8, 11, 15, 18, 22 e 25 de marzo de 2024).

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexeranse polo seu regulamento de réxime interior, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro.

Non se desenvolverá en réxime de internado. Aquel alumnado que desexe pernoctar na residencia da Agasp, deberá comunicalo previamente ao enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal

No suposto de pernoctar na Agasp, aplícase o réxime de internado vixente para os/as alumnos/as dos cursos selectivos en relación coa uniformidade e horarios.

O horario do curso será, como norma xeral, das 10.00 ás 19.00 horas.

O alumnado vestirá o uniforme regulamentario de policía local do concello de pertenza durante a súa estadía na Academia. A Agasp entregaralle a uniformidade deportiva, as insignias como alumno/a da categoría de oficial, así como a peza de roupa para a cabeza.

Certificado:

Unha vez superado este curso, a Agasp emitiralle un informe ao concello correspondente en que certifice esta circunstancia, de xeito que se poida realizar o nomeamento como funcionario de carreira e a toma de posesión como oficial, escala básica, do corpo da Policía local do concello respectivo.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de xaneiro de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública