DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7793

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).

A Constitución española establece un marco competencial en materia de augas que reside principalmente na atribución de competencias exclusivas ao Estado en materia de lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha comunidade autónoma (bacías intercomunitarias) (artigo 49.1.22).

Respectando o anterior, o artigo 27.12 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle competencias exclusivas en materia de aproveitamentos hidráulicos, canais e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 81 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, establece a obriga de que os usuarios da auga e doutros bens do dominio público hidráulico dunha mesma toma ou concesión estean constituídos en comunidades de usuarios.

O artigo 4.1.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, o control e a tutela das comunidades de usuarios.

No exercicio desta función, a Administración hidráulica de Galicia evidenciou carencias no estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga por algunhas comunidades de usuarios e a escaseza de recursos económicos destas para realizar investimentos que resultan necesarios para prestar un servizo de abastecemento axeitado aos usuarios.

A finalidade perseguida con esta resolución de subvencións é continuar colaborando para que as comunidades de usuarios de Galicia realicen actuacións que melloren a prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano e a calidade de auga proporcionada aos membros das ditas comunidades, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Polo que se refire ao ámbito territorial, resulta oportuno que a Administración hidráulica de Galicia dite unha resolución referida a todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da necesaria colaboración entre administracións, para non xerar posibles desigualdades dentro dun mesmo territorio e tendo en conta que en ningún caso se interfire nin se menoscaba a competencia das confederacións hidrográficas no relativo á xestión dos recursos hídricos.

En consecuencia, tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU232A).

2. A finalidade das subvencións é cofinanciar a mellora na prestación do servizo de abastecemento de auga para consumo humano por parte de comunidades de usuarios legalmente establecidas e, con ela, o nivel de garantía deses sistemas en canto á cantidade e calidade da auga.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

2. Para obteren a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano.

b) Non estar incursas en ningún procedemento sancionador ou de reposición co organismo de bacía correspondente.

c) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

3. Poderán ser beneficiarias as comunidades de usuarios que xa o fosen ao abeiro da convocatoria do ano 2023, convocada por Resolución do 30 de decembro de 2022, con excepción daquelas comunidades de usuarios que unha vez notificada a resolución de concesión non levaran a cabo as actuacións subvencionadas nin renunciaran á subvención no prazo establecido no artigo 19 das bases da convocatoria.

4. Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de subvencións, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 destinados á mellora do estado das instalacións de captación, potabilización, almacenamento e medición de auga nas traídas xestionadas polas comunidades de usuarios solicitantes, a través dalgunha das seguintes intervencións:

a) No ámbito das captacións, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Obras de mellora nas arquetas de captación e os seus elementos.

2º. Obras de mellora da protección do pozo de captación.

3º. Instalación de selos sanitarios nos pozos de captación.

4º. Obras para mellorar os perímetros de protección das captacións.

b) No ámbito dos sistemas de tratamento da auga, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Obras de mellora nos sistemas de filtración e decantación.

2º. Instalación ou obras de mellora de sistemas de desinfección e de recirculación.

3º. Instalación ou obras de mellora da eficiencia enerxética no tratamento da auga.

c) No ámbito das infraestruturas de almacenamento da auga antes da súa subministración, serán subvencionables as seguintes actuacións:

1º. Obras de mellora nos depósitos e os seus elementos.

2º. Instalación ou obras de mellora de rexistros de distribución, obras na cámara de chaves, válvulas de control de enchedura para evitar desbordamentos e sectorización.

d) No ámbito dos dispositivos de medición de caudal, serán subvencionables os caudalímetros ultrasónicos, electromagnéticos ou contadores mecánicos localizados nos seguintes puntos:

1º. Antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), nas estacións de potabilización ou nos depósitos de auga tratada.

2º. Nos puntos de subministración de auga.

2. No caso de solicitar dispositivos de medición nos puntos de subministración de auga, é obrigatorio, salvo que a comunidade de usuarios xa os teña instalados, que na solicitude se inclúan equipos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP) de forma que se rexistre de forma individualizada o caudal detraído da captación de auga. No caso de sistemas de abastecemento con varios puntos de captación, poderá instalarse un único equipamento que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes.

Se a comunidade de usuarios xa ten instalados equipos de medición antes da entrada á ETAP ou un equipamento que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes, deberá xustificar a súa existencia.

3. En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas.

4. Non serán subvencionables os gastos de execución de novas captacións, actuacións sobre as redes de distribución nin as actuacións sobre as infraestruturas non amparadas pola correspondente concesión.

5. Non serán subvencionables os gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugamentos de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais.

Artigo 4. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de axudas para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de cincocentos mil euros (500.000 €).

Mediante o Acordo do Consello da Xunta do 18 de outubro do 2023 aprobouse o proxecto da lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Para os efectos da tramitación do expediente de gasto, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001; que queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2024.

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase nos seguintes grupos:

a) O 35 % do importe irá destinado a mellorar o estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga en comunidades de usuarios de ata 50 membros.

b) O 65 % do importe irá destinado a mellorar o estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga en comunidades de usuarios de 51 ou máis membros.

No caso de que o importe total subvencionado nalgún dos dous grupos non acade o límite porcentual indicado, a dotación orzamentaria prevista acumularase ao previsto para o outro grupo.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das subvencións

1. O importe das subvencións para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito referido no artigo 4.

2. O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios.

Artigo 7. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. A comunidade de usuarios beneficiaria estará obrigada a comunicarlle ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a comunidade de usuarios beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, acéptase e declárase o seguinte:

a) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención apoderou á persoa que asina para presentar a solicitude e demais documentos exixidos nesta resolución de convocatoria.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que a entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.

i) O organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.

j) O número de comuneiros da comunidade de usuarios.

k) O acordo da asemblea xeral da comunidade de usuarios polo que se aproba participar nesta convocatoria de subvencións, o nomeamento da persoa representante para as súas relacións con Augas de Galicia e o compromiso de financiar o 20 % do investimento total da intervención por parte da comunidade de usuarios.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Declaración responsable emitida e asinada electronicamente polo representante da comunidade de usuarios no modelo de anexo II desta resolución na que se faga constar:

1º. O número de novos membros que se incorporaron á comunidade de usuarios nos últimos cinco anos.

2º. A relación de actividades comerciais ou públicas, entendendo como tales actividades as recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, pola que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolvan en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais.

3º. O importe das cotas que pagan anualmente os membros da comunidade de usuarios.

b) Memoria descritiva das obras ou do equipamento, asinada electronicamente polo representante da comunidade de usuarios, co seguinte contido mínimo:

1º. Descrición xeral do sistema de abastecemento que inclúa, polo menos, a localización das captacións, tratamentos e depósitos existentes, así como a xustificación, se é o caso, da inexistencia de alternativas de abastecemento a través doutras redes municipais ou veciñais.

2º. Xustificación das actuacións solicitadas indicando en que actuación subvencionable se encadra, segundo o artigo 3 da presente resolución, que inclúa a explicación da necesidade do proxecto e os obxectivos que se pretenden conseguir coa súa execución

3º. Plano ou esquema indicando a localización da actuación subvencionable.

4º. Fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

5º. Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación. No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.

c) Certificación do concello ou, se é o caso, da entidade concesionaria do servizo de augas correspondente, sobre a viabilidade da conexión a outras redes de abastecemento.

A falta de presentación da documentación indicada na letra b) poderá ser obxecto de requirimento de emenda aplicando o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 11 desta resolución sobre comprobación de datos.

A falta de presentación da documentación indicada nas letras a) e c) deste apartado non será emendable, tramitándose a solicitude sen que se poidan outorgar os puntos correspondestes de acordo cos criterios e baremos do artigo 16 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das comunidades de usuarios interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Toda a documentación achegada pola comunidade de usuarios no marco deste procedemento de subvencións poderá servir para a comprobación e/ou actualización do libro do Rexistro de augas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor da comunidade de usuarios.

h) Procedementos sancionadores ou de reposición tramitados por Augas de Galicia nos últimos cinco anos.

i) Informe do organismo de bacía correspondente acreditativo de que a entidade solicitante non tivo sancións ou resolucións firmes en procedementos sancionadores ou de reposición nos últimos cinco anos, no caso de que as comunidades de usuarios non pertenzan a demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

j) Resolucións ditadas pola Dirección de Augas de Galicia en relación coas solicitudes presentadas polas comunidades de usuarios na convocatoria de subvencións para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano do ano 2023.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se conceden.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación esixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá ao solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, considerarase que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao amparo do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir aos solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Comisaría de Augas, a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico Financeiro de Augas de Galicia e unha persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica de la Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, con indicación das causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de producirse algunha non aceptación ou renuncia e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

8. O órgano competente para resolver o procedemento será a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes, que poderán obter un máximo de 88 puntos no caso de ter ata 50 membros, e de 100 puntos se teñen 51 ou máis membros:

a) Número de comuneiros da comunidade de usuarios:

Este criterio puntuarase cun máximo de 15 puntos. A puntuación distribuirase do seguinte xeito:

Máis de 200 membros: 15 puntos.

Entre 151 e 200 membros: 12 puntos.

Entre 101 e 150 membros: 9 puntos.

Entre 51 e 100 membros: 6 puntos.

Entre 10 e 50 membros: 3 puntos.

Menos de 10 membros: 0 puntos.

b) Tendencia de crecemento, que se avaliará a través das incorporacións de novos membros nos últimos 5 anos.

Outorgarase un punto por cada incorporación de novos membros nos últimos cinco anos, cun máximo de 10 puntos.

c) Proporcionar auga de consumo para algunha actividade comercial ou pública, con independencia do volume medio diario de auga subministrado, e entendendo como tales actividades as recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolvan en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais. Este criterio valorarase cun máximo de 10 puntos.

Subministración a actividades comerciais ou públicas: 10 puntos.

Non subministración a actividades comerciais ou públicas: 0 puntos.

d) Corresponsabilidade financeira, entendida como as achegas realizadas polos comuneiros da comunidade de usuarios. Este criterio puntuarase cun máximo de 20 puntos, distribuídos da seguinte maneira:

Cota de menos de 50 euros ao ano: 0 puntos.

Cota entre 50 e 80 euros ao ano: 10 puntos.

Cota de máis de 80 euros ao ano: 20 puntos.

e) Illamento do sistema.

Inviabilidade da súa conexión a sistemas de abastecemento próximos: 10 puntos.

Viabilidade da súa conexión a sistemas de abastecemento próximos: 0 puntos.

f) Xustificación da necesidade da actuación e adecuación da proposta presentada: 20 puntos, que se valorará con base no contido da memoria descritiva recollida no artigo 10.1.b) desta convocatoria.

g) Denegación por esgotamento do crédito da solicitude de subvención para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastacemento humano presentada na convocatoria do ano 2023: 12 puntos.

h) Presentación correcta da solicitude da axuda dentro do prazo establecido na convocatoria, sen necesidade de realizar ningún requirimento de emenda: 3 puntos.

3. Unha vez valoradas todas as solicitudes pola Comisión de Valoración, se o outorgamento de todas elas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución para cada un dos grupos establecidos no artigo 4.2, no caso de que máis dunha solicitude do mesmo grupo obteña puntuacións idénticas, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios, na orde que se indica:

a) Maior puntuación na letra a) dos criterios de valoración.

b) Maior número de membros da comunidade de usuarios.

c) Data e hora de presentación da solicitude. No suposto de que se lles requirise ás comunidades de usuarios a emenda de erros ou omisións na solicitude ou documentación presentada, entenderase por data e hora de entrada da solicitude aquela en que o dito requirimento estivese correctamente atendido.

Artigo 17. Resolución, notificación e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións como a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

2. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

3. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir co obxectivo da subvención e mellorar as instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para o consumo humano.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 22. Pagamento anticipado

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados das subvencións reguladas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 63 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Os pagamentos anticipados supoñen entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións subvencionadas, e o seu importe será do 50 % do importe da subvención concedida.

2. As comunidades de usuarios poderán solicitar o pagamento anticipado do importe da subvención a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión e logo da aceptación desta.

A solicitude do anticipo deberá estar asinada electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia, e deberá presentarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia accedendo á Carpeta do cidadán da entidade interesada.

3. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución do órgano competente para ditar a resolución do procedemento.

4. Conforme o disposto no artigo 65.4.i) do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías por parte das entidades beneficiarias.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. As comunidades de usuarios beneficiarias terán de prazo para presentar a correspondente xustificación ata o 15 de outubro de 2024.

2. As entidades beneficiarias deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, o anexo III desta resolución, en que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.

3. Xunto co anexo III deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria asinada electronicamente explicativa do investimento realizado e dos resultados obtidos, que inclúa unha reportaxe fotográfica.

b) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas, poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

c) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

4. A entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, o reintegro do anticipo da subvención, de ser o caso, e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e as inspeccións que considere necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas comunidades de usuarios beneficiarias.

Artigo 24. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 26. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento á disposición da cidadanía a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais da cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado no SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderalle á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

3. A investigación e o tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file