DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7825

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).

BDNS (Identif.): 740605.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS): http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU232A).

Terceiro. Bases reguladoras

Publícase conxuntamente este extracto coa Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU232A).

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de axudas para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de cincocentos mil euros (500.000 €).

O importe das subvencións para a mellora das instalacións das comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano será, como máximo, do 80 % do investimento da actuación proposta, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude (IVE incluído), ata esgotar o crédito.

O 20 % restante do investimento total será financiado directamente pola comunidade de usuarios.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2024

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia