DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7782

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se convoca un curso selectivo de ingreso para vixilante municipal.

Dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, e o establecido no artigo 45 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, anúnciase a convocatoria dun curso selectivo de ingreso para vixilantes municipais, consonte as seguintes bases:

Obxectivos:

Dotar os vixilantes municipais dunha formación específica co fin de facilitarlles a competencia e capacitación necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Persoal destinatario:

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superasen as correspondentes probas de acceso ás prazas de vixilantes municipais dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición:

A inscrición é gratuíta.

A Academia reservará definitivamente a correspondente praza segundo a comunicación da inscrición por parte do concello de procedencia, e será automática esta reserva no suposto dos procesos selectivos unificados.

Prazas:

Sen límite.

O curso terá unha duración de 100 horas lectivas e desenvolverase de maneira presencial.

O deseño deste curso inclúe os seguintes módulos:

– Módulo I: módulo xurídico.

– Módulo II: módulo técnico.

– Módulo III: módulo operativo.

– Módulo IV: módulo transversal.

A Academia poderá, ademais, realizar a homologación de materias ou módulos do curso cando, logo de solicitude do/da alumno/a e a oportuna xustificación documental, se acredite que se desenvolveron ou superaron esas materias ou módulos en cursos ou actividades de centros ou institucións dependentes das administracións públicas, ou de recoñecido prestixio e solvencia noutro caso.

Datas:

A data de inicio do curso será o día 5 de febreiro e rematará o día 21 de febreiro de 2023.

O curso desenvolverase de luns a venres na sede da Agasp.

Desenvolvemento do curso:

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nesta, rexerase polo seu regulamento de réxime interior, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG número 30, do 12 de febreiro de 2009.

Certificado:

Unha vez superado o curso, a Agasp emitirá un informe en que certifique a devandita superación, de modo que o concello de pertenza poida efectuar o nomeamento como persoal funcionario de carreira e a toma de posesión como vixilante municipal.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 17 de xaneiro de 2023

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública