DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 26 de xaneiro de 2024 Páx. 7776

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para a rexeneración e/ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a xestión forestal sustentable para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR620C e MR620D).

BDNS (Identif.): 740609.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a rexeneración e/ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a xestión forestal sustentable para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, en réxime de concorrencia competitiva, e convocalas para o ano 2024 a través de dúas liñas de axudas.

Liña I: o obxecto da orde é establecer as bases que regulan as axudas para a rexeneración e/ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que cumpran os criterios dos artigos 2 e 3 do Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, salvo o requisito relativo a superficie. En todo caso, teñen prioridade as masas que figuren inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas regulado no citado decreto (procedemento MR620C).

Liña II: tamén é obxecto desta orde establecer as bases das axudas para a xestión forestal sustentable para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (procedemento MR620D).

2. As axudas da liña I ampáranse nas actuacións incluídas no investimento 3 (I3), Restauración de ecosistemas e infraestrutura verde, e as axudas da liña II, no investimento 4 (I4), Xestión forestal sustentable, do compoñente 4 (C4), Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, e contribuirán ao cumprimento dos obxectivos asociados a ela, de acordo coa normativa reguladora do Mecanismo de recuperación e resiliencia e do Plan de recuperación a nivel europeo e nacional.

3. As actuacións subvencionadas atenderán ao principio de «non causar dano significativo » a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088.

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para a rexeneración e/ou mellora en masas consolidadas de frondosas autóctonas e para a xestión forestal sustentable para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR620C e MR620D).

Terceiro. Importe

1. As accións previstas na liña I desta orde financiaranse, nos exercicios 2024 e 2025, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:

a) 14.03.713B.770.0 2022 00221, excepto para entidades locais, por un importe de 246.931,08 euros distribuídos do seguinte xeito:

– 24.693,11 euros para o ano 2024.

– 222.237,97 euros para o ano 2025.

b) 14.03.713B.760.0 2022 00221, só para entidades locais, por un importe de 13.046,92 euros distribuídos do seguinte xeito:

– 1.304,69 euros para o ano 2024.

– 11.742,23 euros para o ano 2025.

2. As accións previstas na liña II desta orde financiaranse, nos exercicios 2024 e 2025, con cargo ao código de proxecto 14.03.713B.770.0 2022 00227, por un importe de 423.132 euros distribuídos do seguinte xeito:

– 42.313,20 euros para o ano 2024.

– 380.818,80 euros para o ano 2025.

3. Sen prexuízo das contías indicadas anteriormente, existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso, o órgano concedente publicará esta ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. As actuacións subvencionables serán financiadas integramente a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia, aprobado polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, dentro do compoñente 4 (C4), Conservación e restauración de ecosistemas mariños e terrestres e a súa biodiversidade, investimento 3 (I3), Restauración de ecosistemas e infraestrutura verde, e investimento 4 (I4), Xestión forestal sustentable.

Cuarto. Actuacións obxecto de axuda

1. Na liña I, rexeneración e/ou mellora de masas consolidadas de frondosas autóctonas relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia, e que cumpran os criterios dos artigos 2 e 3 do Decreto 167/2019, do 5 de decembro, polo que se crea e se regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, salvo o requisito relativo a superficie, son subvencionables as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento dos terreos de masas de frondosas autóctonas.

Os terreos obxecto de subvención deberán contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados. Na súa falta, poden estar adheridos a algún dos modelos silvícolas QR1, QR2, QP1, QP2, QS1, BC1, PA1, PFMV, PF2, SEF, SPN, XFAS e RBA establecidos na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021.

1.1. Son actuacións elixibles:

1º. A roza, a formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo, a selección de abrochos e/ou as desmestas.

2º. A plantación puntual con especies arbóreas frondosas incluídas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que se recollen no anexo VIII desta orde, co obxectivo de acadar a densidade axeitada na masa obxecto da actuación.

3º. O panel informativo, en consonancia coa obrigatoriedade da persoa beneficiaria de facer mención á orixe do financiamento das actuacións que se realicen ao abeiro desta orde, deberase localizar dentro ou estremeiro coa área obxecto da actuación nun lugar visible desde o acceso. Subvencionarase un panel por solicitude.

4º. Os honorarios de redacción do proxecto técnico, logo de solicitude e só nos casos en que sexa obrigatoria a súa presentación, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX. Deberá ser elaborado por unha persoa titulada en enxeñaría de Montes ou enxeñaría técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

1.2. A densidade final mínima despois do tratamento será de 500 pés/ha.

1.3. Poderán solicitarse e acumularse diferentes actuacións do punto 1º e 2º sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.900 € sen incluír os custos de redacción de proxecto e o panel informativo.

2. Na liña II, Xestión forestal sustentable para usos silvopastorais en masas consolidadas de frondosas autóctonas relacionadas no anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, son subvencionables as actuacións silvícolas necesarias para a xestión e o aproveitamento dos terreos de masas de frondosas autóctonas.

As devanditas masas deberán contar cun instrumento de ordenación ou xestión forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados. Na súa falta, poden estar adheridos ao modelo silvícola SS1 establecido na Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, modificada pola Orde do 9 de febreiro de 2021.

2.1. Son actuacións elixibles:

1º. A roza, a formación de guías en que se manifeste nitidamente a dominancia apical e/ou poda ata 1/3 da altura como mínimo, a selección de abrochos e as desmestas.

2º. A emenda calcaria, a fertilización, a gradadura semipesada, a sementeira con especies pratenses e o pase de rolo.

3º. Os peches, cando se xustifique a súa necesidade (manexo de gando, principalmente) independentemente do tipo de persoa beneficiaria). Estarán suxeitos aos seguintes condicionantes:

a) Deberanse localizar dentro ou estremeiros coa área obxecto da actuación

b) O importe máximo do investimento en euros calcularase aplicando os módulos recollidos no anexo IX, será de 9.760 euros por quilómetro de peche perimetral.

c) A repercusión máxima total por hectárea de actuación no peche perimetral será de 2.500 euros.

En todos os casos o peche deberá garantir o manexo dunha área concreta ou de toda a superficie de actuación. No caso de non alcanzarse a lonxitude necesaria para iso pola limitación establecida nesta liña, o treito máximo subvencionable poderá engadirse a outro/s non subvencionado/s sempre que con iso se chegue a delimitar totalmente unha área concreta ou toda a superficie de actuación, e se garanta a súa protección. De non ser así, non será subvencionable.

4º. O panel informativo, en consonancia coa obrigatoriedade da persoa beneficiaria de facer mención á orixe do financiamento das actuacións que se realicen ao abeiro desta orde, deberase localizar dentro ou estremeiro coa área obxecto da actuación nun lugar visible desde o acceso. Subvencionarase un panel por solicitude.

5º. Os honorarios de redacción de proxecto técnico, logo de solicitude e só nos casos en que sexa obrigatoria a súa presentación, segundo o máximo por hectárea indicado no anexo IX. Deberá ser elaborado por unha persoa titulada en enxeñaría de Montes ou enxeñaría técnica Forestal, ou titulada universitaria de grao ou posgrao en materia forestal.

2.2. A densidade final mínima despois do tratamento será de 333 pés/ha.

2.3. Poderán solicitarse e acumularse diferentes actuacións do punto 1º e 2º sobre unha mesma superficie sempre que o importe por hectárea non supere os 2.900 € sen incluír os custos de redacción de proxecto e o panel informativo.

3. Unha mesma superficie non poderá obter axudas por accións enmarcadas nas liñas I e II; non obstante, unha mesma persoa beneficiaria pode obter axudas nas liñas I e II sobre distintas superficies.

Quinto. Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarias as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarias como arrendatarias ou xestoras, excepto para a liña II, en que se exclúen como beneficiarias as entidades locais.

2. As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación de axudas previstas no seu artigo 10. Ademais, non deben estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. As CMVMC, para poder acceder a estas subvencións, deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural