DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8129

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e se convocan para o período 2024-2025 (código de procedemento CT233A).

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades (en diante, a Consellería) exerce a competencia exclusiva en materia de bibliotecas de interese para a comunidade autónoma que non sexan de titularidade estatal, de acordo co que establece o artigo 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia e o Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de conformidade co disposto na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Consonte esta responsabilidade, a Consellería é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é a cualificación e formación técnica do seu persoal. Por iso, a través da Dirección Xeral de Cultura, organiza e convoca habitualmente cursos de formación para mellorar as competencias profesionais do persoal que presta servizo nos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta formación debe complementarse coa formación teórica e práctica de novos profesionais que pretenden ligar a súa vida profesional ás bibliotecas a través da convocatoria de bolsas formativas. Estes cursos deben permitir, non só a formación nas diversas áreas de traballo e servizos propios destes centros, senón tamén o contacto diario e directo dos bolseiros e bolseiras, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca, debidamente guiados por profesionais bibliotecarios, como medio de promoción profesional.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura, desenvolve un plan de preparación de futuros profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia, a través da convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros da Rede.

Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, para o que existe crédito suficiente e adecuado previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2024. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios, así como convocalas para os anos 2024 e 2025 (código de procedemento CT233A).

Artigo 2. Principios de xestión

A xestión deste procedemento realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Normativa aplicable

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno da Comunidade Autónoma.

d) Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

E, suplementariamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

Artigo 4. Financiamento

1. A dotación deste programa, que ten carácter plurianual, é de 463.757,00 €, distribuídos como segue:

– Para a dotación das bolsas destinaranse 434.280,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024 e 2025 (217.140,00 € en cada unha das dúas anualidades).

– Para as cotizacións á Seguridade Social destinaranse 29.477,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.484.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024 e 2025 (14.518,00 € na anualidade 2024 e 14.959,00 € na anualidade 2025). Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2023, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos da cota ou que poidan derivarse de altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

2. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Artigo 5. Número de bolsas convocadas e lugar de realización.

O número total de bolsas convocadas é de trinta e tres (33), que se desenvolverán nos centros seguintes:

Centro de destino

Número de bolsas

Biblioteca de Galicia

7

Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal

4

Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

4

Biblioteca Pública de Lugo

4

Biblioteca Pública de Ourense Nós

4

Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola

4

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel

5

Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central)

1

Artigo 6. Duración, horario e réxime de descansos

1. As bolsas darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución de concesión, non antes do 1 de xuño de 2024, e finalizarán o 31 de xullo de 2025. Terán unha duración máxima de catorce meses e 2.065 horas lectivas.

2. As xornadas formativas acomodaranse ao horario da biblioteca de destino sen que poidan exceder as 7 horas diarias nin as 35 semanais. Correspóndelle á dirección de cada biblioteca, dentro da súa competencia de organización, establecer os horarios formativos, que lle deberán ser comunicados á persoa bolseira con antelación.

3. O persoal bolseiro poderá dispoñer de dez días de descanso, non recuperables, adicionais aos correspondentes descansos semanais e festivos. Poderán ser distribuídos a vontade do bolseiro ou bolseira, logo de conformidade da dirección da biblioteca. No caso de non completar a totalidade da bolsa, ben por incorporación posterior ao 1 de xuño de 2024 ou por renuncia anticipada, o número de días de descanso reducirase proporcionalmente, a razón de un por cada seis semanas de redución da bolsa.

Artigo 7. Contido da formación

A formación comprenderá o uso e tratamento dos fondos bibliográficos, a atención aos usuarios e a planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios, en orde á adquisición de competencias nas áreas profesionais que se recollen no anexo I.

Contará cunha parte teórica e outra práctica que será titorizada por persoal técnico bibliotecario baixo a coordinación da Dirección Xeral de Cultura.

Correspóndelle á dirección de cada biblioteca, dentro da súa competencia de organización, establecer as rotacións entre as distintas áreas funcionais, de xeito que o persoal bolseiro acade unha formación o máis completa posible. Porén, os contidos formativos prácticos virán determinados, en todo caso, polas características propias de cada biblioteca (colección, equipamentos, servizos que presta, horarios, público atendido etc.) e a programación ao longo do ano.

Á finalización da bolsa, a dirección da biblioteca emitirá un informe no que consten as áreas e competencias profesionais sobre as que versou a formación efectivamente desenvolvida.

Artigo 8. Natureza xurídica da relación

As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos inherentes a esta, conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo coa Administración autonómica.

Ao remate da bolsa, recibirán un certificado da súa realización, no que se indicará a data de inicio e fin, o centro de destino, as áreas sobre as que se desenvolveu a formación e o número de horas lectivas efectuadas. No caso de non completarse os catorce meses de duración máxima prevista, as horas lectivas estimaranse de forma proporcional á duración efectiva da bolsa.

Artigo 9. Réxime económico e de Seguridade Social

1. As bolsas están dotadas con 940,00 € brutos mensuais. No caso de que o inicio ou a fin da actividade formativa se producisen en día distinto ao primeiro ou último do mes, respectivamente, a asignación económica da mensualidade será proporcional ao número de días en que desenvolva a formación.

2. De conformidade co disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

Artigo 10. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuír unha titulación universitaria de grao en Biblioteconomía e Documentación; Información e Documentación; Historia; Historia da Arte; Filoloxía; Lingua e Literatura; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; ou Humanidades.

Entenderanse equivalentes ás titulacións sinaladas as licenciaturas ou diplomaturas correspondentes, así como aquelas titulacións mixtas que as inclúan.

A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes ao título no curso académico 2012/13 ou posterior.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias desta axuda:

a) As persoas que desempeñen un emprego remunerado ou gocen doutra bolsa remunerada con fondos públicos, sen prexuízo do sinalado no parágrafo segundo do punto 3 deste artigo.

b) As persoas que ocupasen un posto de traballo como técnico bibliotecario durante máis dun ano.

c) As persoas que se beneficiasen anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis meses.

d) Quen, sendo adxudicatario desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporase ao centro de destino ou renunciase a ela logo de iniciado o período de vixencia, sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.

e) Aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. A concesión da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.

Tamén será incompatible co desempeño dun emprego remunerado, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses durante o período de duración da bolsa, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio desta.

Artigo 11. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As persoas potencialmente beneficiarias das axudas reguladas nesta orde pertencen a colectivos de persoas físicas cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

4. As persoas solicitantes deberán indicar na solicitude a listaxe completa de destinos ofertados, ordenado segundo a súa preferencia. De non indicar a totalidade dos destinos ofertados, a Dirección Xeral de Cultura poderá adxudicar unha praza en calquera dos destinos non solicitados por outros beneficiarios da bolsa.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia do título universitario ou do xustificante de pagamento das taxas para a súa expedición. No caso de presentar un título estranxeiro, deberá acompañar declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e declaración de equivalencia de notas medias, emitida pola Administración educativa española.

b) Certificación académica oficial completa, na que deberá constar a nota media do expediente académico da titulación na escala numérica 0-10.

c) Documentación acreditativa dos méritos alegados.

d) Certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega (Celga), ou equivalente, no caso de que non fose expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A non correspondencia do documento presentado co orixinal será causa de denegación ou revogación da bolsa.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se pretende presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta da condición de bolseiro/a e da de persoa beneficiaria destas bolsas en anteriores convocatorias.

d) Verificación de títulos oficiais universitarios.

e) Certificado oficial acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega (Celga), cando fose expedido pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística).

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. A publicación das listaxes provisionais e da resolución definitiva, a que se refiren os artigos 19 e 20, substituirá a notificación persoal e producirá os seus mesmos efectos.

Artigo 17. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor deste procedemento é a Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro. Este órgano desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

3. A adxudicación das bolsas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que unha vez revisados os expedientes, o órgano instrutor dará traslado daqueles que reúnan todos os requisitos á Comisión de Avaliación, que aplicará os criterios de valoración sinalados no artigo seguinte.

4. A Comisión de Valoración estará formada polas seguintes persoas: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, que a presidirá; a persoa titular do Servizo do Sistema de Bibliotecas; a persoa que exerza a dirección dunha das bibliotecas de xestión autonómica da rede de bibliotecas públicas de Galicia; e un membro do cadro de persoal da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, que actuará como secretario/a, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Cultura.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

5. A Comisión de Valoración levantará acta na que conste a valoración efectuada e trasladaralla ao órgano instrutor.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación das bolsas avaliaranse os méritos acreditados polas persoas solicitantes, consonte os criterios que se sinalan a seguir:

a) Titulación académica: ata 14 puntos, segundo o seguinte baremo:

a.1) Licenciatura ou grao en Biblioteconomía e Documentación, en Información e Documentación, ou equivalente: 10 puntos.

a.2) Diplomatura en Biblioteconomía e Documentación: 8 puntos.

a.3) Calquera outra titulación das que dan acceso á bolsa, distinta das anteriores: 4 puntos.

As titulacións adicionais a aquela coa que concorra teranse en conta, malia que os estudos conducentes a elas sexan anteriores ao curso 2012/13.

b) Expediente académico: ata 5 puntos. A valoración do expediente académico realizarase multiplicando por 0,5 a nota media simple do título universitario con que concorre á bolsa, consonte a normativa sobre valoración de expedientes académicos da consellería competente na materia de ordenación universitaria (resolución da Secretaría Xeral Técnica, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 15 de setembro de 2011. Diario Oficial de Galicia núm. 188, do 30 de setembro).

No caso de concorrer con máis dun título universitario dos que dan acceso a estas bolsas, terase en conta unicamente aquel expediente con mellor nota.

c) Máster, curso de especialización universitaria, curso de posgrao ou diploma de estudos avanzados, en materia de bibliotecas, documentación, xestión da información, organizados por organismos públicos ou universidades e cun mínimo de 400 horas: 5 puntos.

d) Cursos de formación en biblioteconomía, bibliografía, literatura, documentación, xestión da información, servizos bibliotecarios ou outros especificamente dirixidos á xestión e prestación dos servizos bibliotecarios, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas: 0,005 puntos por cada hora lectiva, ata un máximo de 4 puntos.

Non se terán en conta os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles nos que non se acrediten as horas lectivas. Tampouco se terán en conta os cursos que formasen parte do currículo dunha titulación xa valorada na mesma solicitude.

e) Impartición de cursos de formación en biblioteconomía, bibliografía, literatura, documentación, xestión da información, servizos bibliotecarios ou outros especificamente dirixidos á xestión e prestación dos servizos bibliotecarios: 0,01 puntos por cada hora lectiva impartida, ata un máximo de 4 puntos.

f) Publicacións, así como presentación de comunicacións en congresos, relativos a biblioteconomía, bibliografía, documentación, xestión da información, servizos bibliotecarios ou análogos: 0,25 puntos por publicación ou comunicación, ata un máximo de 4 puntos.

g) Coñecemento de idiomas estranxeiros: ata 2 puntos, segundo o seguinte baremo:

– Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 1 punto.

– Por certificado de aptitude de nivel B2: 0,5 puntos.

– Por certificado de aptitude de nivel B1: 0,30 puntos.

– Por certificado de aptitude de nivel A2: 0,15 puntos.

A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a dos certificados de nivel inferior da mesma lingua.

h) Coñecemento da lingua galega: ata 2 puntos:

– Nivel Celga 4 ou equivalente: 2 puntos.

– Nivel Celga 3 ou equivalente: 1 punto.

Só se valorará o nivel máis alto que se acredite.

2. En caso de empate, terán prioridade os/as solicitantes que acrediten maior nota media no expediente académico. De persistir aquel, atenderase á data de finalización dos estudos universitarios, dando preferencia á data máis recente. Finalmente, se aínda persistise o empate, as solicitudes ordenaranse por orde alfabética segundo o primeiro apelido do/da solicitante, a partir da letra resultante no último sorteo celebrado ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non se valorará ningún mérito que non conste explicitamente na solicitude; tampouco se terán en conta os méritos alegados e non acreditados documentalmente, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o artigo 17.2.

Artigo 19. Listaxes provisionais e proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista dos expedientes e da acta da Comisión de Valoración, elaborará a listaxe provisional de persoas excluídas por non reunir todos os requisitos, así como das persoas admitidas e a puntuación acadada. Estas listaxes publicaranse no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal).

2. As persoas solicitantes disporán dun prazo de dez días para formular alegacións ante as listaxes provisionais.

3. O órgano instrutor examinará as alegacións recibidas e, se é o caso, daralle traslado delas á Comisión de Valoración para que avalíe os méritos alegados. Á vista de toda a documentación elaborará as listaxes definitivas de persoas excluídas e admitidas, coa puntuación acadada por estas.

4. A persoa titular da Dirección Xeral de Cultura formulará proposta de resolución, que elevará á persoa competente para resolver.

Artigo 20. Resolución

1. A persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ditará resolución que conterá a relación de solicitantes aos que se lle conceden as bolsas convocadas, especificando a puntuación total obtida na valoración dos méritos, o centro de destino onde desenvolverán o seu período de formación e a data ou prazo de incorporación. Así mesmo, incluirá unha listaxe de persoas suplentes, ordenadas segundo a puntuación acadada, que poderán ser chamadas en caso de non aceptación ou renuncia, e a lista das solicitudes denegadas, con expresión da causa de denegación.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no portal da Rede de bibliotecas públicas de Galicia (http://rbgalicia.xunta.gal).

3. O prazo para ditar e notificar a resolución expresa non poderá superar os cinco meses a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo ao vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa.

Artigo 21. Recursos

A resolución pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra ela cabe interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data de notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

Artigo 22. Aceptación das bolsas e incorporación ao centro de destino

1. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez (10) días para a aceptación da bolsa, contado desde o día seguinte á data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

No suposto de que na data da solicitude estivese gozando doutra bolsa ou emprego remunerado, deberá achegar ademais documentación xustificativa da súa finalización.

2. Os bolseiros e bolseiras deberán incorporarse ao centro de destino asignado na data establecida na resolución.

3. Quedará sen efecto o nomeamento das persoas beneficiarias que:

– Non acepten a bolsa.

– Non presenten a documentación acreditativa de ter finalizado outra bolsa ou emprego remunerado, de ser o caso, ou

– Non se incorporen ao seu destino no prazo establecido sen causa suficiente. Esta circunstancia será ademais motivo de exclusión na seguinte convocatoria.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

Os bolseiros e bolseiras quedan obrigadas a:

a) Incorporarse aos centros aos que sexan destinadas na data sinalada na resolución.

b) Asistir aos centros onde resulten destinadas e seguir as instrucións e directrices dos seus responsables e dos titores durante o período de formación.

c) Cumprir o compromiso de formación durante todo o período para o cal se lle concedeu a bolsa.

d) Comunicar a renuncia no caso de iniciar outra bolsa ou emprego incompatible, nos termos sinalados no artigo 25.2.

e) Cumprir o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

g) Dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Artigo 24. Pagamento das bolsas

1. O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo da certificación da Dirección Xeral de Cultura de que a persoa beneficiaria realizou, de conformidade, as actividades formativas que son obxecto da bolsa.

2. Ás persoas beneficiarias das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao seu pagamento.

Artigo 25. Interrupción, renuncia, modificación, revogación e reintegro

1. A Dirección Xeral de Cultura poderá autorizar a interrupción temporal do gozo da bolsa motivada por descanso por maternidade e/ou paternidade, debidamente acreditadas. O período de interrupción poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

2. A renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o goce daquela, deberá ser comunicada polo menos con sete días de antelación á data fixada para a renuncia, presentando o modelo do anexo III a través da Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada.

3. De acordo co artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa a formación dos bolseiros poderá propoñer a revogación da bolsa por falta de aproveitamento ou incumprimento das condicións sinaladas.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Nomeamento de suplentes

1. Nos casos sinalados no artigo 22.3, procederase ao nomeamento como bolseiras daquelas persoas que figuren na listaxe de suplentes, por orde de prelación.

2. Así mesmo, poderase proceder ao nomeamento de novos bolseiros da listaxe de suplentes nos casos de revogación ou renuncia das bolsas xa iniciadas, atendendo á posibilidade de aproveitamento da formación por parte da persoa chamada tendo en conta o tempo que reste ata a finalización da bolsa.

3. Para a cobertura de vacantes, efectuarase o chamamento ás cinco persoas que ocupen os primeiros postos da lista de suplentes, informándoas do lugar de destino da bolsa ofertada e da orde que ocupan no chamamento.

As persoas interesadas terán un prazo de cinco días para aceptar ou rexeitar o chamamento. A bolsa adxudicarase a aquela persoa que aceptase en prazo que ocupe a posición máis alta entre as chamadas. Se ningunha das chamadas acepta, repetirase o procedemento.

A non aceptación suporá a exclusión da listaxe para posteriores chamamentos, pero non penalizará para o acceso á bolsa en futuras convocatorias.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional. Remanentes de crédito

Se, unha vez adxudicadas as bolsas, resultase remanente de crédito, esta consellería poderá efectuar unha nova convocatoria ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Cultura no ámbito das súas competencias, para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Áreas profesionais sobre as que tratará a formación

A) Información e formación ao usuario.

• Información sobre as instalacións e servizos da biblioteca e normas de uso.

• Orientación e asistencia ao usuario para o acceso ao catálogo e o uso de equipos e recursos da biblioteca.

• Emisión e xestión dos carnés de usuario.

• Orientación bibliográfica.

• Elaboración de materiais informativos e de difusión.

B) Dinamización cultural, bibliotecaria e promoción da lectura.

• Elaboración e organización de exposicións e mostras.

• Organización e xestión doutras actividades culturais e de promoción da lectura.

• Realización de actividades de difusión e comunicación.

C) Acceso ao documento.

• Xestión de reservas, préstamos e devolucións.

• Xestión do préstamo interbibliotecario.

D) Xestión da colección.

• Selección e adquisición de fondos documentais.

• Proceso técnico dos fondos recibidos.

• Catalogación de distintas tipoloxías de documentos.

• Organización e ordenación dos fondos nos sistemas de almacenamento, físico ou dixital.

• Mantemento de catálogos e repositorios.

• Realización de tarefas de conservación e preservación dos fondos documentais.

• Realización de inventarios e expurgacións.

E) Manexo de sistemas de xestión bibliotecaria.

F) Outras, en función das áreas de traballo propias da biblioteca, se é o caso.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file