DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8156

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e se convocan para o período 2024-2025 (código de procedemento CT233A).

BDNS (Identif.): 741041.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Obxecto

Establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en biblioteconomía mediante a formación apoiada por titores en diversos centros bibliotecarios, así como convocalas para os anos 2024 e 2025.

Segundo. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Posuír unha titulación universitaria de grao en Biblioteconomía e Documentación; Información e Documentación; Historia; Historia da Arte; Filoloxía; Lingua e Literatura; Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; ou Humanidades.

Entenderanse equivalentes ás titulacións sinaladas as licenciaturas ou diplomaturas correspondentes, así como aquelas titulacións mixtas que as inclúan.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non poderán ser beneficiarias desta axuda:

a) As persoas que desempeñen un emprego remunerado ou gocen doutra bolsa remunerada con fondos públicos, sen prexuízo do sinalado no parágrafo segundo do punto 3 deste artigo.

b) As persoas que ocupasen un posto de traballo como técnico bibliotecario durante máis dun ano.

c) As persoas que se beneficiasen anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis meses.

d) Quen, sendo adxudicatario desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporase ao centro de destino ou renunciase a ela, logo de iniciado o período de vixencia, sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.

e) Aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. A concesión da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.

Tamén será incompatible co desempeño dun emprego remunerado, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses durante o período de duración da bolsa, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio desta.

Terceiro. Características das bolsas

1. O número total de bolsas convocadas é de trinta e tres (33), que se desenvolverán nos centros seguintes:

Centro de destino

Número de bolsas

Biblioteca de Galicia

7

Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal

4

Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

4

Biblioteca Pública de Lugo

4

Biblioteca Pública de Ourense Nós

4

Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola

4

Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel

5

Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central)

1

2. As bolsas darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución de concesión, non antes do 1 de xuño de 2024, e finalizarán o 31 de xullo de 2025. Terán unha duración máxima de catorce meses e 2.065 horas lectivas. As xornadas formativas acomodaranse ao horario da biblioteca de destino sen que poidan exceder das 7 horas diarias nin 35 semanais.

3. A formación comprenderá o uso e tratamento dos fondos bibliográficos, a atención aos usuarios e a planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios, para a adquisición de competencias nas áreas profesionais que se recollen no anexo I da orde de bases reguladoras e convocatoria.

Contará cunha parte teórica e outra práctica que será titorizada por persoal técnico bibliotecario baixo a coordinación da Dirección Xeral de Cultura.

4. A dotación de cada bolsa é de 940,00 € brutos mensuais.

5. De conformidade co disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

6. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos inherentes a esta, conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo coa Administración autonómica.

Cuarto. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e se convocan para o período 2024-2025 (código de procedemento CT233A).

Quinto. Financiamento

A dotación deste programa, que ten carácter plurianual, é de 463.757,00 €, distribuídos como segue:

– Para a dotación das bolsas destinaranse 434.280,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024 e 2025 (217.140,00 € en cada unha das dúas anualidades).

– Para as cotizacións á Seguridade Social destinaranse 29.477,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.432A.484.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2024 e 2025 (14.518,00 € na anualidade 2024 e 14.959,00 na anualidade 2025).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional
e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades