DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2024 Páx. 9001

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 27 de decembro de 2023, conxunta da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e da Consellería de Economía, Industria e Innovación, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2024 (códigos de procedemento ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D).

BDNS (Identif.): 741260.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As seguintes entidades: a) as universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG); b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos e Fundación Biomédica Galicia Sur); no caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS, INIBIC, IISGS e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas desta convocatoria a través destas entidades; d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II, III para cada caso.

Segundo. Obxecto

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do Sistema de I+D+i galego.

– Modalidade C: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada, e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 21.085.000 €.

– Modalidade A (GRC).

As axudas terán unha duración máxima de catro (4) anos. O importe global da axuda virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de 25.000 € máis un variable máximo de 25.000 €, tendo en conta os ingresos medios do grupo, e un módulo variable dun máximo de 50.000 € (20.000, 30.000, 50.000 €), acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo no período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2023.

– Modalidade B (GPC).

As axudas serán de aplicación por un período de tres (3) anualidades. O importe total de cada unha das axudas virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo de contía máxima de 20.000 € na primeira anualidade e de 35.000 € na segunda e terceira, e un módulo variable, acumulable ao anterior, composto dunha contía de ata 10.000 € en cada anualidade para aqueles grupos que xa gozaran dunha axuda nesta modalidade desde a convocatoria de 2016 e que non estea activa neste momento, e cumpran, polo menos, dúas das seguintes condicións no período comprendido desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2023: dispor, polo menos, de cinco (5) investigadores/as durante todo o período de referencia, ter uns ingresos medios anuais superiores a 80.000 €, traxectoria do grupo en transferencia de coñecemento.

– Modalidade C (proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente).

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata catro (4) anualidades, mediante o pagamento anual a institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 50.000 €. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata cinco (5) anualidades, mediante o pagamento anual á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2024 e de 25.000 € para os anos 2025, 2026, 2027 e 2028.

Para que se poidan atender gastos nunha anualidade, cómpre que a persoa investigadora que lidera o proxecto manteña a vinculación laboral durante un mínimo de catro (4) meses nese ano.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

P.D. (Orde do 29.7.2022)

Manuel Vila López

Secretario xeral técnico da Consellería

de Cultura, Educación, Formación

Profesional e Universidades

María Jesús Lorenzana Somoza

Conselleira de Economía, Industria e

Innovación e presidenta da Axencia

Galega de Innovación