DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2024 Páx. 9121

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 8 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, e se convocan na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2024 (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

BDNS (Identif.): 741112.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta convocatoria:

a) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 1):

1º. As organizacións sindicais de carácter intersectorial que participan no dito ámbito, nos termos establecidos no artigo 7 da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.

2º. As organizacións empresariais de carácter intersectorial que participan no dito ámbito, nos termos establecidos na disposición adicional sexta do texto refundido do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución de calquera deses fins.

b) En relación coas subvencións destinadas ao financiamento de actividades formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (liña 2):

As organizacións sindicais e empresariais que participan no dito ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as fundacións ou outras entidades constituídas por aquelas para a consecución daqueles fins.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a propia convocatoria de axudas que concederá a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ás organizacións sindicais e asociacións empresariais con representación na Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, de acordo coa Orde TMS/379/2019, do 28 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 8 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación dirixidos á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas co diálogo social e a negociación colectiva, e se convocan na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio 2024 (códigos de procedemento TR807K e TR807L).

Cuarto. Importe

O importe é de 584.213,00 € que se desagrega do seguinte modo:

a) 70 por cento para as subvencións destinadas ao financiamento dos plans de formación da liña 1: 408.949,10 €.

b) 30 por cento para as subvencións destinadas ao financiamento de plans de formación da liña 2: 175.263,90 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade