DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9717

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan catro bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE609B).

BDNS (Identif.): 741075.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Estar en posesión da seguinte titulación:

– Denominación: técnico superior en Acuicultura.

– Nivel: formación profesional de grao superior.

– Familia profesional: Marítimo-Pesqueira.

As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao rematar o prazo de presentación de solicitudes.

Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis anos anteriores á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Ter nacionalidade española, ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa, e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

4. Non ser persoa beneficiaria destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias desta dirección xeral, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.

5. Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de iniciación ou Celga 3.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña, así como convocar catro bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva para os anos 2024, 2025 e 2026 (código de procedemento administrativo PE609B).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan catro bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE609B).

Cuarto. Contía

A dotación desta convocatoria, que ten carácter plurianual, é de noventa e catro mil oitenta euros (94.080,00 €), distribuídos como segue:

– Para o pagamento das bolsas destinarase un importe total de oitenta e seis mil catrocentos euros (86.400,00 €), con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2024 (36.000,00 €), 2025 (43.200,00 €) e 2026 (7.200,00 €).

– Para as cotizacións á Seguridade Social destinarase un importe total de sete mil seiscentos oitenta euros (7.680,00 €), con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2024 (3.200,00 €), 2025 (3.840,00 €) e 2026 (640,00 €). Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos de formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2023 máis unha cantidade adicional destinada a posibles incrementos do importe da cota por regularizacións ou altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

O importe bruto mensual de cada bolsa será de novecentos euros (900,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar