DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9538

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, e se convocan as correspondentes ao ano 2024, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155A).

O Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados, establece no título III, capítulo II, o desenvolvemento territorial.

De acordo co establecido no regulamento mencionado, o desenvolvemento local participativo é unha modalidade de desenvolvemento territorial que se leva a cabo mediante estratexias de desenvolvemento local participativo baseadas en zonas xeográficas, e que está dirixido por grupos de acción local compostos por representantes dos intereses socioeconómicos locais públicos e privados.

O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004, regula no artigo 30 o desenvolvemento local participativo, que se enmarca na prioridade 3 do fondo e co obxectivo específico de «permitir unha economía azul sustentable nas zonas costeiras, insulares e interiores, e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas».

A prioridade 3 do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) encádrase no obxectivo político 5 da Unión Europea: «Unha Europa máis próxima aos seus cidadáns, fomentando o desenvolvemento integrado e sustentable de todo tipo de territorios e iniciativas locais».

O desenvolvemento local participativo para o período de programación 2021-2027 réxese polo disposto nos artigos 31 a 34 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e polo disposto nos artigos 29 e 30 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

O desenvolvemento local participativo como instrumento de desenvolvemento territorial centrado en zonas demostrou, ao longo dos dous períodos precedentes de programación, a súa capacidade para fomentar o desenvolvemento das zonas costeiras e dar resposta aos desafíos concretos do desenvolvemento económico e social das comunidades. Os grupos de acción local, en que está moi involucrado o sector pesqueiro, son un motor de dinamización dos territorios e un recurso de desenvolvemento local para as persoas e entidades situadas nas zonas costeiras.

Entre os anos 2016 e 2022, dentro do período de programación FEMP, desenvolvéronse 703 proxectos que mobilizaron preto de 80 millóns de euros, do que máis do 53 % corresponde a axuda privada, o que confirma a capacidade do programa de favorecer o investimento privado nas comunidades costeiras dependentes da pesca. A través das estratexias de desenvolvemento local implementadas abordáronse, principalmente, os retos da política pesqueira común (PPC) e do crecemento azul.

Para a posta en marcha do desenvolvemento local participativo na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do período de programación do FEMPA, a Consellería do Mar seleccionou os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) e aprobou as estratexias de desenvolvemento local participativas (EDLP). Esta selección fíxose con base na Orde do 10 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia (DOG núm. 100, do 25 de maio de 2022).

O 13 de decembro de 2022, por resolución da persoa titular da Consellería do Mar, seleccionáronse os seguintes GALP e zonas pesqueiras e aprobáronse as súas estratexias 

1. GALP A Mariña Ortegal: Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño.

2. GALP Golfo Ártabro Norte: Ferrol, Neda, Fene, Narón, Ares, Mugardos, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne.

3. GALP Golfo Ártabro Sur: Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo.

4. GALP Costa da Morte: A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía.

5. GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia: Costa Sustentable: Fisterra, Corcubión, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son.

6. GALP Ría de Arousa: Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Catoira, Rianxo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, O Grove.

7. GALP Ría de Pontevedra: Meaño, Sanxenxo, Marín, Poio, Pontevedra, Bueu.

8. GALP Ría de Vigo-A Guarda: Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, O Rosal, Oia, Baiona, A Guarda.

Os oito GALP encargados de implementar as estratexias engloban 409 organizacións locais en representación dos sectores económicos, sociais e públicos, das cales 97 entidades pertencen ao sector pesqueiro e representan máis de 13.000 persoas traballadoras do mar.

Os GALP asinaron convenios de colaboración coa Consellería do Mar o día 9 de xaneiro de 2023, para a aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativas no marco do FEMPA.

As estratexias aprobadas son coherentes co obxectivo político da UE sobre o impulso das comunidades locais e coas políticas europeas do pacto verde e impulso da economía azul e co programa FEMPA de España. As estratexias e plans rexionais tamén serán marcos de referencia obrigados para a implementación das estratexias.

En relación co principio de non causar danos significativos, o alcance e condicións do FEMPA aseguran o mesmo. O fondo ten como obxectivo promover a sustentabilidade ambiental no marco da política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión, e inclúe condicións precisas e unha lista de operacións non elixibles para prever operacións daniñas. Ademais, mediante a avaliación do programa sobre a base do punto 5 do artigo 8 do FEMPA, garántese que os tipos de accións descritos no programa sexan coherentes, cando proceda, co principio de non causar danos significativos.

A xestión das axudas realizarase en colaboración co GALP de cada zona, que actúa como entidade colaboradora no seu respectivo ámbito territorial, nas condicións e coas obrigas asumidas nos convenios asinados coa Consellería do Mar e nas que se derivan da presente orde.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro incluíndo a supervisión, xestión e control dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

En consecuencia, e en uso das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e actuacións subvencionables

1. O obxecto da presente orde é establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

2. Así mesmo, convócanse subvencións no exercicio orzamentario do ano 2024. O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE155A.

Artigo 2. Financiamento

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2024 e a plurianualidade asociada ás axudas que poidan concederse neste acada o importe de dezanove millóns cincocentos cincuenta mil euros (19.550.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2024

2025

2026

Totais

15.03.723C.770.0

5.000.000,00

3.500.000,00

3.000.000,00

11.500.000,00

15.03.723C.780.0

3.500.000,00

2.450.000,00

2.100.000,00

8.050.000,00

Totais

8.500.000,00

5.950.000,00

5.100.000,00

19.550.000,00

Para o ano 2024 na partida orzamentaria sinalada, no código de proxecto 2023-183, existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta o día 18 de outubro de 2023.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000, e 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución.

2. O crédito de cada convocatoria distribuirase entre os GALP na mesma proporción feita para a repartición inicial de fondos vinculados á selección dos grupos. As axudas propostas por cada GALP asignaranse de conformidade co establecido no artigo 21.4 e, no caso de que existan dotacións sobrantes no orzamento dalgún grupo pero sexan insuficientes para atender unha solicitude completa do promotor, acumularanse e reasignaranse entre os grupos que teñan solicitudes co mesmo criterio inicial establecido para atender a lista de reserva regulada no artigo 21.7.

3. O importe consignado en cada convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. As axudas estarán limitadas, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos FEMPA e o 30 % pola Comunidade Autónoma.

O cofinanciamento enmarcase dentro da prioridade 3 dunha Europa máis próxima aos seus cidadáns, fomentando o desenvolvemento integrado e sustentable de todo tipo de territorios e iniciativas locais, obxectivo específico 3.1 de posibilitar unha economía azul sustentable nas zonas costeiras, insulares e interiores, e fomentar o desenvolvemento de comunidades pesqueiras e acuícolas, tipo de actividade 3.1.2 de estratexias de desenvolvemento local participativo, e tipo de intervención 1.4 de aplicación da estratexia de CLLD.

5. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 3. Proxectos subvencionables

1. No marco deste réxime de axudas, os proxectos e actuacións subvencionables deberán acadar algún dos obxectivos indicados a seguir:

a) Aumento do valor, creación de emprego, valoración e fomento da participación das mulleres, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e a acuicultura, e a mellora da imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio.

b) Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.

c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.

d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

2. As axudas poderán incluír actuacións relativas a outro tipo de actividade, salvo aquelas de carácter compensatorio, sempre que estean incluídas nas EDLP e só no caso en que coa proposta de concesión se achegue informe técnico motivado que xustifique claramente a súa xestión e impacto a escala local. Cando se conceda axuda para operacións que puidesen ser subvencionadas noutros tipos de actividade do fondo, aplicaranse as respectivas condicións e requisitos, incluídos os criterios de selección, agás o indicado no anexo III do Regulamento (UE) 2021/1139. Tamén se terán en conta os requisitos e exixencias establecidas nas ordes de axudas que sexan publicadas pola Xunta de Galicia para o tipo de actividade.

3. Os proxectos serán subvencionables en función da dispoñibilidade de orzamento nos obxectivos estratéxicos do plan financeiro da EDLP de cada GALP.

Poderán admitirse transferencias entre importes dos obxectivos estratéxicos ata un máximo do 15 %, logo de comunicación á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e sempre que a entidade achegue a EDLP coas modificacións introducidas, de conformidade co establecido no artigo 20.2 da Orde do 10 de maio de 2022, pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia.

Artigo 4. Requisitos dos proxectos

Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Requisitos xerais:

a) Apoiar o logro da prioridade 3 do FEMPA, ser coherentes coa EDLP aprobada para a zona pesqueira onde se vaia desenvolver e contribuír aos seus obxectivos.

b) Estar localizados no ámbito territorial de aplicación da estratexia de cada GALP.

c) Ser viables técnica, financeira e economicamente.

d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia ambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.

e) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude de axuda.

f) Naqueles supostos de proxectos para investimentos que supoñan a realización dunha actividade económica e que se amparen no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, exixirase a creación, como mínimo, dun posto de traballo a tempo completo (1 UTA).

2. Requisitos en materia ambiental para investimentos materiais:

a) Os investimentos materiais que se atopen fóra de solos urbanos ou urbanizables ordenados ou sectorizados deberán estar xeorreferenciados para poder apreciar os seus impactos sobre zonas con características ou requirimentos ambientais específicos. Se a instalación ou actuación é móbil, concretarase o seu rango xeográfico de mobilidade. Este requirimento non se aplica a investimentos de dotación ou mellora de equipamentos en embarcacións ou vehículos.

b) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación ambiental recollidos no artigo 7 da mencionada lei, as persoas promotoras deberán dispor, no prazo de presentación das solicitudes, da declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou do informe de impacto ambiental favorable ao proxecto, segundo se trate de avaliación ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente. As condicións deberán ter sido incorporadas ao proxecto, de ser o caso.

c) Os proxectos que inclúan actuacións dentro do ámbito de aplicación do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, deberán dispor de tal informe, aspecto que se acreditará coa autorización correspondente no prazo de presentación das solicitudes.

En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental (AIA), a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificado este requisito.

d) No caso de operacións materiais que supoñan interaccións en espazos de Rede Natura 2000, Áreas Mariñas Protexidas ou outros espazos naturais protexidos, as actuacións deberán axustarse á normativa ambiental vixente.

No caso de espazos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, para o suposto de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental (AIA), a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificada esta condición.

e) No caso de actuacións que supoñan modificacións hidromorfolóxicas das masas de auga, as actuacións cumprirán o disposto no Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

f) No caso de investimentos en creación ou ampliación de instalacións, cumpriranse os requisitos establecidos nos procedementos de autorización en materia de recollida e xestión de refugallos orgánicos xerados.

g) No caso de construcións, o proxecto debe ser compatible coas normas e directrices dos espazos naturais, a paisaxe e o patrimonio cultural que sexan de aplicación.

h) Para actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, cumprirase o disposto na normativa en materia de patrimonio.

i) No caso de actuacións prohibidas pola normativa de protección de recursos pesqueiros, medio mariño, augas, espazos protexidos ou biodiversidade, non se financiarán actuacións agás que estean autorizadas, no caso de que as ditas normas expresamente o consideren.

j) No caso de actuacións sobre o dominio público hidráulico, dominio público marítimo terrestre, as súas correspondentes zonas de servidume ou de policía, montes de utilidade pública ou vías pecuarias, disporase da preceptiva autorización ou concesión do organismo competente.

k) No caso de proxectos que requiren a realización de obra, polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo, utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas, as seguintes:

1. Pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades terán personalidade xurídica.

As persoas beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Desenvolver o proxecto no ámbito de aplicación da estratexia do GALP.

b) Cando o beneficiario sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos estatutos que teña rexistrados na data de remate de solicitude.

c) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarios:

1º. As sociedades de capital con domicilio social e fiscal no municipio en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

No caso de que a sociedade desenvolva actividades noutros sectores, deberán acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da súa facturación no ano anterior á convocatoria provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas traballadoras autónomas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares que tamén teñan a condición de autónomos. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida, no ano inmediato anterior á data da solicitude, que sexa ou fose unha persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou persoa traballadora en activo relacionada coa actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.

2. Persoas xurídicas sen ánimo de lucro, con domicilio fiscal e social na Comunidade Autónoma de Galicia.

As persoas beneficiarias son as seguintes:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro cos seguintes obxectivos nos seus estatutos:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o ambiente mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

g) No caso de que o proxecto se desenvolva nun municipio densamente poboado en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), soamente poderán ser beneficiarios:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro.

2º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos especificamente á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

3º. No caso de proxectos que supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse á categoría de peme, agás as entidades de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

4º. No caso de proxectos que non supoñan a realización dunha actividade económica, as persoas beneficiarias limitaranse ás indicadas no punto 2 deste artigo.

5º. Para ser elixibles, as persoas beneficiarias disporán de capacidade administrativa, financeira e operativa. Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá de recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.

Artigo 6. Persoas beneficiarias conxuntas

1. Poderán concorrer de maneira individual ou conxuntamente, como unha agrupación de entidades, as sinaladas no artigo 5.1, entre si e as sinaladas no punto 2, entre si.

No caso de concorrer de forma conxunta, deberán facer constar expresamente na solicitude que compromisos corresponderán a cada unha delas na execución das accións, así como o importe da subvención solicitada que corresponderá a cada unha delas. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, co cal se efectuarán as actuacións, que será unha das entidades solicitantes, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Os compromisos de participación conxunta, así como o nomeamento de apoderado, deberán ratificarse mediante documento outorgado ante o órgano de xestión, unha vez notificada a concesión da axuda.

2. No caso de incumprimento por parte dunha agrupación de entidades, consideraranse responsables todos os beneficiarios integrados nela, en relación coas actividades subvencionadas que se comprometesen a realizar ou, solidariamente, cando non sexa posible determinar o alcance das obrigas correspondentes a cada un deles.

3. A agrupación non poderá disolverse ata que transcorran os prazos de prescrición previstos nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias, ao formalizar a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, aos sinalados na resolución que establece as condicións de axuda (DECA) así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa que lles sexa de aplicación.

2. As persoas beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as que se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

c) Achegar e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o GALP ou a entidade concedente, así como calquera outra actuación de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, de conformidade co seu punto 4.

Cumprir as condicións de admisión do artigo 11.1 do Regulamento (UE) 2021/1139 durante todo o período de execución da operación e durante un período de 5 anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. No caso de incumprimento neste período, recuperarase a axuda concedida de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) 2021/1139 e co artigo 103 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11.3 do Regulamento (UE) 2021/1139 en relación con solicitudes de axuda presentadas por un operador respecto do cal a autoridade competente determinase, por medio dunha resolución definitiva, que cometeu fraude, no contexto do FEMP ou do FEMPA.

No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co disposto no artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

e) Manter os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos obxecto de subvención durante 5 anos, polo menos, ou 3 anos no caso de pemes, desde o pagamento final, de acordo co previsto no artigo 65 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Tomarase como data de referencia, para o cálculo dos períodos de tempo mencionados, a data contable do último pagamento da axuda.

Os supostos do devandito artigo 65.1 do regulamento mencionado non se aplican no caso de producirse o cesamento dunha actividade produtiva por quebra non fraudulenta.

f) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa, para poder dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) 2021/1139.

g) Xustificar ante o GALP o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento do obxecto e finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención, conforme o establecido nesta orde.

h) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74 do Regulamento (UE) 2021/1060.

i) Conservar os documentos xustificativos relacionados coa operación que recibe axuda durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o organismo intermedio de xestión efectúe o último pagamento ao beneficiario.

Os rexistros e documentos conservaranse, ben en forma de orixinais ben en forma de copias auténticas, ben en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais, se os ditos documentos cumpren os requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables, para os efectos de auditoría.

j) A resolución de concesión supón a aceptación da persoa beneficiaria para ser incluída na lista pública que se recolle no artigo 49.3 e 5 do Regulamento (UE) 2021/1060.

k) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido artigo 50 do Regulamento (UE) 2021/1060, para o cal:

1º. Se o beneficiario dispón de web ou contas en redes sociais, realizarán unha breve descrición da operación en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacarán a axuda financeira da Unión Europea.

2º. Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou participantes, incluirán unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible.

3º. No caso de operacións que impliquen investimentos físicos ou se instalen equipamentos adquiridos e teñan un custo total superior a 100.000 euros: instalarán placas ou valos publicitarios resistentes en lugares ben visibles ao público, en que apareza o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1061, tan axiña como comece a execución física da operación.

4º. Para as operacións non incluídas no punto 3, exhibirán nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación, destacando a axuda do FEMPA. Cando a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, na medida do posible, asegurará a dispoñibilidade da información onde se destaque a axuda do FEMPA nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

En calquera actuación, incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.

O emblema da Unión Europea empregarase, de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1061, cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.

Cando os beneficiarios non empreguen o emblema da Unión Europea ou incumpran o establecido nos puntos 1º a 4º desta letra, o organismo intermedio de xestión aplicará medidas, tendo en conta o principio de proporcionalidade e cancelará ata un máximo do 3 % da axuda á operación.

l) Facer mención á orixe da financiación e velar por darlle visibilidade, en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) 2021/1139.

m) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do programa e da Comisión Europa, cando se solicite.

n) A resolución supón que a persoa beneficiaria pon á disposición da Unión os materiais de comunicación e visibilidade, logo de petición, e autoriza o seu emprego. Isto non suporá custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa a beneficiarios nin órganos xestores.

ñ) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

o) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.

p) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

q) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

r) Aplicar á actividade subvencionada os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios, que incrementan o importe da subvención concedida.

s) No caso de proxectos conxuntos, ratificar ante o órgano de xestión os compromisos de participación conxunta e o nomeamento de apoderado para a execución do proxecto, unha vez notificada a concesión da axuda.

Artigo 8. Causas de inadmisibilidade de solicitudes

1. Non poderán optar a unha axuda do FEMPA as persoas en que concorran algunha das seguintes circunstancias:

a) As persoas sinaladas no artigo 10.2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139.

d) As persoas que non estean ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Só se poderá optar a unha axuda do FEMPA, ao abeiro da EDLP dun GALP, cando exista orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico do plan financeiro da estratexia, sen prexuízo do establecido no artigo 3.3 desta orde.

Artigo 9. Gastos subvencionables

1. As accións e proxectos previstos ao abeiro desta orde débense corresponder con accións subvencionables, segundo o disposto no Regulamento (UE) 2021/1139, a súa normativa de aplicación e desenvolvemento, e no programa do FEMPA.

2. Os gastos subvencionables son os custos efectivamente asumidos polo perceptor dunha subvención e que se axustan aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou do programa de traballo.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total da acción ou do proxecto.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables; en particular, que consten na contabilidade do/da beneficiario/a e se determinaran de acordo coas normas contables aplicadas no país en que o/a beneficiario/a está establecido/a e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e eficiencia.

g) Que presenten a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución dos obxectivos.

3. Os custos relativos ás garantías constituídas de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se exixan en virtude do artigo 152 punto 1 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

4. Os custos de persoal contratado especificamente para a execución das actividades do proxecto. O contrato laboral fará mención expresa ao proxecto.

Non se computarán as situacións retribuídas en que non se presta un servizo efectivo, como son as incapacidades temporais e, neste caso, excluirase tamén a parte proporcional das cotizacións que procedan da Seguridade Social.

No caso de gastos de persoal directamente relacionados coa operación, os importes correspondentes a axudas de custo por viaxe, aloxamento e manutención, directamente relacionados co proxecto, aboaranse como máximo segundo as contías máis elevadas que se establezan para o grupo 2º no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre axudas de custo para o persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou normativa que o substitúa.

5. No caso de investimentos en centros sociais, así como o seu acondicionamento e equipamento, a contía máxima de axuda por cada proxecto que supoña un investimento en creación, reforma ou ampliación dun local social non poderá exceder os 80.000 euros por proxecto.

6. Naqueles proxectos en que se precise execución de edificación, a contía máxima para calcular o importe da axuda será a que figure no orzamento total do proxecto técnico, anteproxecto valorado ou documento que corresponda á suma de todas as súas partidas. O valor executado tomarase polo total e non polo importe individualizado das partidas que o compoñen.

7. No caso de elementos de transporte terrestre, serán subvencionables exclusivamente aqueles que conten con distintivo ambiental etiqueta 0 emisións, azul (eléctricos de batería (BEV), eléctricos de autonomía estendida (REEV), eléctricos híbridos enchufables (PHEV) ou etiqueta eco: vehículos híbridos, gas ou ambos.

8. Os investimentos para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, nin antes da realización da acta de non inicio (ANI), agás o informe de técnico competente relativo á protección fronte ao cambio climático no caso de infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, que poderá ser de ata un ano anterior á data límite de solicitude.

Exceptúase a exixencia da acta de non inicio nos casos de investimentos materiais que consistan na adquisición de produtos ou bens mobles, e nos de investimentos inmateriais. Nestes casos considérase como data de inicio a da factura correspondente.

9. Os bens deberán ser adquiridos polo/a beneficiario/a en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de financiamento que condicionen a adquisición da propiedade do ben a un momento posterior (contratos de financiamento de bens con reserva de dominio, leasing, etc.), só se consideran subvencionables se os bens pasan a ser da propiedade plena do beneficiario antes da finalización do prazo de xustificación da axuda.

En concreto, a adquisición a través de operacións de arrendamento financeiro só será subvencionable se o contrato inclúe o compromiso de compra en que se prevexa que o beneficiario chegue a ser propietario dentro do prazo límite de xustificación da axuda. O importe máximo subvencionable non superará o valor de mercado do activo arrendado.

Serán subvencionables os gastos en arrendamentos financeiros con opción de compra de activos subvencionables, incluído o valor da opción de compra, excepto a marxe do arrendador, xuros dos custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, polo período de vida útil do activo e sen superar o custo de mercado ou a parte proporcional se o contrato finaliza antes. Unicamente serán subvencionables os pagamentos aboados polo arrendatario ao arrendador dentro do período de subvencionabilidade dos gastos. Para estes efectos, considérase que o período de subvencionabilidade dos gastos finaliza o día que remata o prazo de execución e xustificación da operación subvencionada.

10. En infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de 5 anos, asegurarase a protección ou defensa fronte ao cambio climático dos investimentos. Isto aplícase a novas infraestruturas, así como á renovación, mellora ou ampliación das existentes que sexan apoiadas polo FEMPA.

11. Unicamente as persoas xurídicas sen ánimo de lucro poderán subcontratar totalmente a execución dos proxectos, de acordo co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

Para os efectos do disposto nesta orde e nas EDLP, os seguintes gastos non serán subvencionables:

a) O imposto de valor engadido (IVE), agás:

1º. Para as operacións cuxo custo total sexa inferior a 5 millóns de euros (IVE incluído).

2º. Para as operacións cuxo custo total sexa de, polo menos, 5 millóns de euros (IVE incluído) cando este non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

b) Os xuros debedores e outros gastos financeiros, agás as garantías constituídas conforme o artigo 9.3).

c) A adquisición de terreos non edificados, terreos edificados, e a compra de edificios ou locais.

d) As recargas e sancións administrativas e penais, así como os gastos dos procedementos xudiciais.

e) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

f) A adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, entenderase que operan no sector do transporte as empresas que se dediquen ao transporte de pasaxeiros aéreo, marítimo, por estrada ou ferrocarril e por vía navegable ou aos servizos de transporte de mercadorías por conta allea.

g) As compras de materiais e equipamentos usados.

h) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha mera reposición dos anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ben polo seu rendemento.

As actuacións que se correspondan con obras de restauración, rehabilitación, conservación, divulgación ou posta en valor e recuperación de bens patrimoniais non terán a consideración de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos.

i) Os gastos de constitución e primeiro establecemento dunha sociedade.

j) As obras non vinculadas co proxecto de investimento, vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipamentos de recreo e similares.

k) A urbanización que non estea relacionada coa actividade do proxecto que se pretende financiar.

l) As contribucións en especie.

m) A transferencia da propiedade dunha empresa.

n) Os gastos de relocalización de operacións, de conformidade co artigo 66 do Regulamento (UE) 2021/1060, ou que constitúan a transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a) do dito regulamento.

ñ) A adquisición de elementos e todo tipo de bens pagados en efectivo.

o) Exclúense os investimentos promovidos por entidades locais que se refiran a infraestruturas asociadas a servizos de prestación obrigatoria ou servizos esenciais declarados de reserva a favor das entidades locais, nos termos previstos nos artigos 26 e 86.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e no artigo 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

p) A repoboación directa, a menos que estea expresamente prevista como medida de reintrodución ou outras medidas de conservación nun acto xurídico da Unión Europea, no caso de repoboación experimental.

q) As artes ou equipamentos utilizados directamente nunha operación de pesca.

r) Os custos indirectos.

s) Os gastos de funcionamento da operación subvencionada.

t) Nos proxectos que se amparen no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, os gastos en material funxible como os bens e aveños que compoñen o enxoval.

u) Os gastos de amortización e depreciación.

v) As operacións executadas total ou parcialmente, fóra do Estado membro, incluso fóra da Unión, agás que contribúan, de forma indubidable, ao obxectivo específico da prioridade 3 do programa.

w) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable, en particular os incluídos no artigo 13 do Regulamento (UE) 2021/1139.

Artigo 11. Contía das axudas

1. O grao de financiamento dos proxectos para investimentos subvencionados ao abeiro da correspondente EDLP, para operacións que leven a cabo en virtude do título II, capítulo IV do Regulamento (EU) 2021/1139, será, de acordo co artigo 41 do mesmo regulamento, o seguinte:

a) Como norma xeral, a porcentaxe de axuda máxima para proxectos ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) No caso de organizacións de pescadores ou outros beneficiarios colectivos do sector pesqueiro, a porcentaxe máxima de axuda para os proxectos non superará o 60 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto.

c) A porcentaxe máxima de axuda para os proxectos poderá ascender ao 100 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo e beneficiario colectivo.

d) No caso de operacións vinculadas á pesca costeira artesanal, a axuda poderá incrementarse ata o 100 %. Entenderanse vinculadas á pesca costeira artesanal aquelas operacións desenvolvidas por aquelas persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo directamente actividades de pesca costeira artesanal e aquelas operacións levadas a cabo por entidades asociativas do sector pesqueiro que desenvolvan proxectos dirixidos só ao sector da pesca costeira artesanal.

2. Os proxectos que non estean promovidos polo sector pesqueiro terán un importe máximo de axuda de 200.000 € por beneficiario/a (ou conxunto de beneficiarios/as) e convocatoria.

3. En todos os casos, teranse en conta os límites que, de ser o caso, se establezan nas respectivas EDLP, no caso de ser inferiores aos establecidos.

4. Nos proxectos que se amparen no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis, aplicaranse as porcentaxes anteriores, o límite do punto 2, e limitarase o importe total a un máximo de 300.000 € por promotor durante os tres anos previos.

Artigo 12. Compatibilidade das axudas

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás a excepción sinalada a seguir.

Os investimentos financiados ao abeiro desta orde non poderán subvencionarse con outras axudas procedentes do FEMPA ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. No caso de compatibilidade, o importe da subvención concedida non poderá, en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actuación que vai desenvolver a entidade solicitante. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No suposto de solicitantes ou beneficiarios que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin, concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do obxecto da subvención. En todo caso, deberán facerse constar de forma clara os conceptos de gastos afectados, así como os importes imputados a cada unha delas e as correspondentes anualidades afectadas. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 13. Criterios de selección

1. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, polo o que os proxectos presentados se valorarán de acordo cos criterios de selección establecidos nas EDLP aprobadas, que aplicarán os GALP de maneira que se obteña unha orde de prelación entre as solicitudes, se seleccionen as operacións, se fixe un importe de axuda e se presenten propostas á Consellería do Mar.

2. Na selección terase en conta a contribución do proxecto aos obxectivos previstos na EDLP e aos obxectivos da prioridade pertinente.

3. Os criterios de selección dos proxectos están incluídos nas respectivas EDLP e poden consultarse na páxina web http://mar.xunta.gal

CAPÍTULO II

Procedemento de concesión das axudas

Artigo 14. Prazo de presentación de solicitudes e prazo de resolución

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de catro (4) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e dentro do exercicio orzamentario 2024. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir nova proposta de resolución en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 21.7 desta orde.

Artigo 15. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e irán dirixidas ao grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para a presentación electrónica poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas solicitantes farán constar na solicitude de axuda (anexo I) se o ámbito de actuación comprende zonas incluídas ou que estean afectadas polo seguinte:

– Rede Natura 2000.

– Áreas mariñas protexidas.

– Espazos naturais protexidos.

– Normativa de patrimonio cultural de Galicia.

– Zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

– Zona de servidume de dominio público hidráulico.

– Zonas de servidume ou de policía.

– Montes de utilidade pública.

– Vías pecuarias.

– Calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materia ambiental.

As persoas solicitantes indicarán no anexo I os importes da axuda solicitada para cada unha das anualidades en que se execute o proxecto.

3. As persoas solicitantes realizarán as seguintes declaracións responsables, empregando, para o efecto, o formulario do anexo I:

a) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

b) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.

c) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

d) As axudas concorrentes para a mesma actuación, solicitadas ou concedidas, incluídas as axudas pola regra de minimis durante o exercicio fiscal correspondente e nos dous exercicios fiscais anteriores, de ser o caso.

e) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade cos artigos 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 10 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Non se atopan en ningún dos supostos do artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139, é dicir:

1º. Que non cometeron infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008 do Consello ou o artigo 90 do Regulamento (CE) núm. 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC;

2º. Que non estiveron involucrados na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3 do Regulamento (CE) núm. 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do devandito regulamento, ou

3º. Non cometeron algún dos delitos ambientais establecidos nos artigos 3 e 4 da Directiva 2008/99/CE do Parlamento Europeo e do Consello, no caso de que a solicitude de axuda se presente de acordo co artigo 27 do Regulamento (UE) 2021/1139.

4º. Que non se ten determinado por medio dunha resolución definitiva que cometeu fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do FEMPA.

j) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

k) A condición de peme, de ser o caso.

l) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o que se solicita a axuda.

m) Dispoñer dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.

n) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

ñ) No caso das persoas traballadoras autónomas, estar de alta no réxime da Seguridade Social correspondente.

o) Que os investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos, cumpran co principio de protección fronte ao cambio climático

p) Que a operación non inclúa actividades que forman parte dunha operación suxeita a relocalización, de conformidade co artigo 66 ou que constitúan unha transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a) ambos os dous do Regulamento (UE) 2021/1060.

q) Que o proxecto non foi iniciado.

r) Que cumpre a normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade, e en materia ambiental.

4. As persoas solicitantes realizarán unha declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade, de acordo co sinalado no anexo I bis.

5. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento (UE) 2021/1139, a autorización terá validez nos 5 anos posteriores á concesión da axuda.

6. O organismo intermedio de xestión (Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro), recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores da financiación da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) 2021/1060, e con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.

De conformidade co artigo 5, punto 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario en que veña establecido que a información sobre titulares reais do beneficiario dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) núm. 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.

Artigo 16. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, ordenada segundo se indica:

a) Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica:

1º. Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo que se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

O órgano xestor efectuará a comprobación da inscrición do poder no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG), e, no caso de non estar inscrito, a persoa solicitante deberá achegar o correspondente documento.

2º. Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

3º. Copia da escritura de constitución ou dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente, ou ben nota simple do Rexistro Mercantil en que figuren, como mínimo, os datos xerais da entidade (denominación, domicilio, NIF, obxecto social, código CNAE) e os relativos á súa representación social. A actividade en que consista o proxecto presentado para a solicitude de axuda deberá estar incluída no obxecto social da persoa xurídica solicitante con anterioridade á data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores e as súas federacións, por estar xa a devandita documentación en poder da Consellería do Mar.

b) Proxecto para o cal se solicita a subvención, que deberá conter, polo menos:

Memoria e orzamento que conteña unha descrición do proxecto conforme os modelos que figuran na páxina web http://mar.xunta.gal

1º. No caso de investimentos de carácter material que se localizan ou realizan fóra de solos urbanos ou urbanizables ordeados ou sectorializados, localización cartográfica (planos sobre mapas) e xeorreferenciación, incluíndo as superficies ocupadas pola actuación e tamén as zonas de obtención de recursos naturais e zonas de vertedura de augas residuais, retornadas ou de residuos.

No caso de que a instalación ou actuación for móbil, concretarase o seu rango de mobilidade.

2º. Plan económico conforme o modelo que figura na páxina web http://mar.xunta.gal

3º. No caso de que poida desenvolverse por fases susceptibles de producir efectos independentes, farase constar de maneira expresa e describirase cada unha destas e os seus obxectivos independentemente.

4º. Información relativa aos indicadores previstos de resultados da prioridade 3 no programa FEMPA.

5º. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. O orzamento deberá estruturarse en conceptos detallados e coincidentes cos orzamentos e facturas pro forma presentadas.

c) Declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade conforme o anexo I bis.

d) Documentación xustificativa dos custos incluídos (orzamentos, contratos, facturas pro forma, etc.).

Os beneficiarios deberán, independentemente do importe das actuacións ou investimentos previstos, achegar coa solicitude, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren e se achegue informe motivado ao respecto.

As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

No caso das garantías recollidas no artigo 9.3 poderá presentarse só unha oferta que se acreditará mediante documento bancario.

Como excepción, as entidades públicas locais poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa, xunto coa solicitude de pagamento, achegando unha certificación das propostas ou ofertas recibidas para a contratación de que se trate, xunto coa resolución ou acordo de adxudicación definitiva.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, ou coa xustificación, de ser o caso, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse a elección expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

No caso dos proxectos de obras, as ofertas valoraranse polo conxunto da totalidade do proxecto e non por cada partida individualizada.

e) No caso de operacións que superen os 5 millóns de euros, acreditación do IVE soportado non recuperable polo promotor, conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

f) Proxecto técnico de execución valorado, se é necesario.

Nos supostos de operacións que inclúan un acto de edificación ou calquera outra actuación das sometidas a licenza urbanística municipal, deberá presentarse proxecto técnico completo e valorado redactado por técnico competente.

Nos supostos de operacións que inclúan actos de edificación, intervencións en edificios existentes ou uso do solo e subsolo sometidos ao réxime de comunicación previa para o seu control municipal, deberá presentarse unha descrición técnica das características do acto de que se trate ou, de ser o caso, proxecto técnico legalmente exixible, de conformidade co establecido no artigo 361.1.b) do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; en ambos os casos, con medición desagregada por partidas e prezos unitarios destas.

O proxecto técnico ou a descrición técnica, segundo o caso, axustaranse á normativa vixente en materia de accesibilidade.

g) No caso de que o proxecto o requira, o promotor deberá acreditar a capacidade legal do uso e desfrute ou propiedade dos bens relacionados co proxecto. A acreditación deberá realizarse mediante escritura pública de compravenda ou cesión, certificado de titularidade do rexistro da propiedade, contrato de alugamento con xustificante do depósito de fianza ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), documento acreditativo de expropiación administrativa ou concesión/autorización administrativa no caso de que as actuacións previstas no proxecto se realicen sobre dominio público.

h) Informe de técnico competente que garanta a protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de 5 anos.

O informe terá en conta a definición de protección fronte ao cambio climático establecida no artigo 2.42 do Regulamento (UE) 2021/1060, e analizará a mitigación do cambio climático (neutralidade climática) e a adaptación a este.

Este informe non se exixirá no caso de que o proxecto fose obxecto de avaliación de impacto ambiental e xa consten disposicións sobre o cambio climático no informe ou declaración de impacto ambiental. Neste caso, considerase acreditada a condición de protección.

i) Para acreditar a condición de familiar, para os efectos previstos no artigo 5, deberase presentar a seguinte documentación:

1º. Libros de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar e/ou documentación acreditativa do parentesco.

2º. Documentación que acredite a condición de persoa pescadora, mariscadora, acuicultora ou traballadora do sector pesqueiro, dun membro da unidade familiar.

j) De ser o caso, presentar a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente. As condicións deberán ser incorporadas ao proxecto, de ser o caso.

k) No caso de que se inclúan actuacións dentro do ámbito de aplicación do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, presentarán a autorización correspondente.

En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificado este requisito.

l) No caso de que o proxecto comprenda zonas incluídas na Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas ou espazos naturais protexidos, presentarán os correspondentes informes ambientais ou, na súa falta, a solicitude ante os órganos competentes.

No caso de espazos incluídos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación de hábitats naturais, fauna e flora silvestre, no caso de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificada esta condición.

m) No caso de actuacións que supoñan modificacións hidromorfolóxicas de masas de auga, presentarán a autorización do organismo correspondente, conforme o Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de planificación hidrolóxica, ou, na súa falta, a solicitude ante o órgano competente.

n) No caso de investimentos en novas instalacións ou ampliacións, presentarán autorización en materia de recollida de residuos e xestión de refugallos xerados, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

ñ) No caso de construcións que deban ser compatibles coas normas e directrices de espazos naturais, paisaxe ou patrimonio cultural, presentarán autorización ou informe favorable, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

o) No caso de actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, autorización ou informe favorable da Administración competente no devandito patrimonio, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

p) No caso de actuacións prohibidas pola normativa de protección de recursos pesqueiros, medio mariño, espazos protexidos ou biodiversidade, presentarán autorización no caso de que a norma expresamente o considere, ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

q) De tratarse dun proxecto de investimento para a execución dunha actividade económica, terá que presentar a declaración censual de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores (modelos 036/037), ou certificación da exención, de ser o caso, do imposto sobre actividades económicas (IAE).

r) Documentación acreditativa da condición de pequena e mediana empresa (peme). Para a determinación desta condición terase en conta o número de persoas empregadas no último exercicio (incluíndo, de ser o caso, o propietario, administrador ou familiares que traballen na empresa e legalmente incluídos no réxime de autónomos) e volume de negocios (impostos excluídos). As persoas solicitantes de axuda deberán cubrir a declaración de peme utilizando o anexo II A, no caso de persoas físicas e o anexo II B, no caso das persoas xurídicas.

No suposto de sociedades de capital, estes datos calcularanse da seguinte forma:

1º. Se a empresa non participa nin está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os da propia empresa.

2º. Se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, os datos serán os das contas consolidadas do grupo empresarial, ás cales se sumarán, se é o caso:

i) Os datos das empresas en que participa e/ou está participada en máis dun 50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

ii) A parte proporcional (á participación) dos datos das empresas en que participa e/ou están participadas nun 25-50 % e non incluídas nas contas consolidadas.

Se a empresa é de nova constitución, os datos que se van considerar serán os provisionais.

En todo caso, se a empresa participa e/ou está participada en máis dun 25 % por outras empresas, deben indicarse expresamente as empresas en que participa e/ou está participada, así como as porcentaxes de participación e os datos de facturación, balance e número de persoas empregadas desas empresas. Deberá xuntarse, ademais, a copia das contas desas empresas, presentadas no Rexistro Mercantil, correspondentes ao último ano.

s) No caso de proxectos en que recolla a creación de emprego, achegarase informe da Seguridade Social de persoas traballadoras en alta na data da solicitude.

t) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

2. No caso de solicitudes formuladas conxuntamente, deberá incluírse a documentación das letras a), e), i), r), s) e t) do punto anterior por cada un dos solicitantes.

Ademais, engadirase:

a) Un acordo de nomeamento do representante ou apoderado único para os efectos da subvención, asinado polos representantes de todas as entidades solicitantes.

b) A distribución dos compromisos que corresponda executar a cada un dos solicitantes, así como o importe da subvención solicitada para cada un deles.

c) Declaración responsable de cada unha das persoas, de acordo co anexo III.

d) Anexo IV: pluralidade de persoas solicitantes.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola empresa ou pola persoa traballadora autónoma interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada en supostos en que o consentimento sexa un requisito legal.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. Será obrigatoria a presentación electrónica da documentación complementaria. Se algunha persoa presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no apartado anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Documentación mínima

A presentación da seguinte documentación da recollida nos artigos 15 e 16 considerarase mínimo imprescindible para a admisión a trámite das solicitudes:

a) Anexo I de solicitude da axuda.

b) Memoria e orzamento conforme o modelo exixido e debidamente formalizados.

c) Plan económico conforme o modelo exixido e debidamente formalizado.

A non presentación desta documentación dará lugar á resolución de inadmisión da solicitude da axuda.

Artigo 18. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE das persoas solicitantes e/ou dos representantes legais, de ser o caso.

b) NIF da persoa xurídica ou entidade solicitante.

c) Certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa física solicitante.

d) Domicilio fiscal da persoa xurídica solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigacións tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

h) Concesións doutras subvencións e axudas.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra de minimis.

k) Imposto de actividades económicas.

l) Informe de vida laboral.

m) Consulta de vida laboral nos últimos 5 anos.

n) Nos casos dos proxectos que requiran a capacidade legal de uso e desfrute de bens inmobles, datos catastrais.

ñ) Certificación descritiva e gráfica de inmobles da Dirección Xeral do Catastro.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente (anexos I e IV), e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención destes datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 19. Fase de instrución

1. Os GALP, como entidades colaboradoras da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, son os órganos encargados da instrución do procedemento.

Unha vez recibidas as solicitudes, serán revisadas polo equipo técnico dos GALP para verificar o cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde, a constancia e exactitude de toda a documentación requirida en cada caso, así como a certeza dos datos, informacións e documentos achegados polo promotor.

Cando non exista orzamento dispoñible no obxectivo estratéxico do plan financeiro da EDLP do GALP, o instrutor realizará proposta de inadmisión á xunta directiva do grupo.

2. Se a solicitude non reúne todos os requisitos das bases reguladoras, o GALP requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días, emende as deficiencias, remita cantos datos, documentos complementarios e aclaracións consideren necesarios para a resolución do expediente, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, coa indicación de que, se non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

3. Non se aplicará o disposto no parágrafo anterior cando ás solicitudes non veñan acompañadas da documentación mínima imprescindible exixida no artigo 17.

4. No caso de investimentos materiais, coas excepcións recollidas no artigo 9, o equipo técnico deberá realizar unha comprobación in situ de que os proxectos e actividades para os cales se solicitou a axuda non se iniciaron, e redactará a acta de non inicio no prazo de 20 días desde a presentación da solicitude acompañada da documentación mínima imprescindible.

5. O equipo técnico deberá emitir un informe que inclúa a determinación da admisibilidade, elixibilidade e viabilidade dos proxectos presentados, que conterá os seguintes aspectos:

a) Xustificación de que a operación se inclúe no ámbito de aplicación do FEMPA e se atribúe ao obxectivo específico 3.1 do Programa e tipo de intervención de aplicación de estratexias EDLP.

b) Xustificación da medida en que o proxecto contribúe aos obxectivos da EDLP utilizando para iso a ferramenta proporcionada pola Consellería do Mar.

c) Análise do cumprimento dos requisitos do artigo 4.

d) Análise do cumprimento, polo solicitante, dos requisitos exixidos para poder ser beneficiario, previstos nos artigos 5 e 6 desta orde.

e) Indicación de se os gastos son subvencionables conforme o artigo 9.

f) Xustificación de non superación do orzamento máximo que recolle a EDLP para o obxectivo estratéxico concreto en que se encadra o proxecto.

g) Xustificación da protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de 5 anos, de ser o caso.

h) Xustificación de que o proxecto ten a consideración de proxecto do sector pesqueiro, de ser o caso.

6. Se o proxecto non cumpre os criterios de subvencionabilidade sinalados nas letras a) a g) do punto anterior, non poderá ser seleccionado.

7. No caso de proxectos de obras con orzamento total de execución superior a 100.000 €, o GALP deberá solicitar unha valoración previa por perito independente.

8. No caso de proxectos tecnolóxicos ou informáticos con custo superior a 10.000 €, será precisa unha valoración económica de perito independente

9. Finalizados os traballos anteriores, o equipo técnico do GALP avaliará os proxectos segundo os criterios de selección establecidos na súa EDLP, e elevará á xunta directiva unha proposta técnica de resolución de concesión da axuda.

10. A avaliación dos proxectos xustificará a aplicación obxectiva dos criterios de selección, de tal forma que a puntuación de cada solicitante estea motivada e poida ser obxecto de comprobación inequívoca.

11. No caso de empate na puntuación tras aplicar os criterios de selección e de non considerar a EDLP criterios de desempate, priorizaranse os proxectos que máis contribúan á consecución dos obxectivos da estratexia, e, de manterse o empate, os que máis contribúan aos indicadores de resultados da prioridade 3 pola seguinte orde: empregos creados e empregos mantidos.

12. A proposta técnica que se eleve á Xunta Directiva do grupo conterá, como mínimo:

a) Relación das solicitudes que se propón desestimar porque non cumpran as condicións para ser persoas beneficiarias ou proxectos elixibles, xunto coa motivación que fundamenta a proposta de desestimación. Tamén se incluirán as persoas solicitantes que desistiron da súa petición ou renunciaron a ela.

b) Relación dos proxectos para os que se propón a concesión de subvencións, en función das partidas orzamentarias, indicando para cada un deles a puntuación obtida, a identidade da persoa solicitante, o importe do investimento, o importe subvencionable, a porcentaxe de axuda proposta, o prazo de execución, a contía da subvención proposta e se se amparan no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado ás axudas de minimis

13. Sen prexuízo do sinalado no punto 2, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir a persoa ou entidade solicitante para a remisión daqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 20. Fase de selección e propostas

1. A xunta directiva do GALP, á vista da proposta do equipo técnico, seleccionará os proxectos que considere prioritarios para a execución da súa EDLP, de conformidade cos criterios de selección establecidos nela, e realizará unha proposta de resolución provisional.

A proposta de resolución provisional será publicada no taboleiro de anuncios do GALP e na web http://galp.xunta.gal, xunto coa avaliación e baremación efectuadas.

A proposta concederá un prazo de alegacións, con respecto a esta, de 5 días hábiles contados desde a data da súa publicación na web polo GALP.

2. A Xunta Directiva, realizado o trámite anterior e á vista do informe técnico sobre as alegacións presentadas, de ser o caso, emitirá unha proposta de resolución definitiva, que publicará nos espazos sinalados no punto anterior, xunto coa avaliación e baremación efectuadas.

3. A proposta de resolución definitiva será elevada á Consellería do Mar no prazo máximo de 45 días naturais desde a data límite de presentación de solicitudes.

O GALP incluirá toda documentación dos expedientes na aplicación informática proporcionada pola Consellería do Mar, como máximo na data límite en que eleve a proposta de resolución definitiva.

4. As propostas de resolución realizadas pola Xunta Directiva do GALP recollerán a advertencia expresa de que non crean ningún dereito a favor do solicitante proposto.

5. Dentro do GALP, ningún grupo de interese único controlará a toma de decisións no proceso de selección, segundo establece o artigo 31.2.b) do Regulamento (UE) 2021/1060.

6. A Xunta Directiva poderá:

a) Propoñer a non concesión ou minoración da axuda cando o custo de adquisición dos gastos subvencionables proposto polo solicitante sexa superior ao valor de mercado. Para estes efectos, poderá requirir a achega da valoración dos investimentos solicitados, efectuada mediante un certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

b) Limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto no relativo ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

c) No caso de presentárense varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a Xunta Directiva poderá establecer unha contía de subvención fixa para todas elas, independentemente do importe solicitado.

d) Naqueles supostos en que a xunta directiva se aparte da proposta técnica, deberá motivalo en función dos criterios de selección da estratexia ou dos requisitos de elixibilidade.

7. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do GALP para que a Xunta Directiva formule a proposta de resolución de non admisión, desistencia ou denegación, en que se indicarán as causas que a motivan.

Artigo 21. Fase de concesión

1. A Consellería do Mar, á vista da proposta de resolución definitiva de cada GALP, e despois da verificación final da elixibilidade do gasto e dun control das actuacións das fases anteriores, ditará as resolucións de concesión das axudas.

2. Poderase limitar a contía dos gastos elixibles que se consideren que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica. Cando o custo dos gastos subvencionables proposto polo solicitante sexa superior ao valor de mercado, poderá propoñerse a non concesión ou a minoración da contía da axuda proposta.

3. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de resolución dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá devolver o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar esta á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros ou defectos observados.

O GALP deberá revisar e emitir unha nova proposta, no prazo máximo de 10 días naturais desde a data de notificación da devolución.

A devolución da proposta terá a consideración de incidencia no procedemento.

4. As axudas para conceder en cada GALP deberán asignarse en función da puntuación obtida e intensidade da axuda que figuren na proposta definitiva do GALP, sen prexuízo das minoracións resultantes da verificación final da elixibilidade e control de actuacións das fases anteriores.

O orzamento dispoñible inicialmente para cada grupo será asignado ata atender as solicitudes de forma completa, e no caso de que exista crédito sobrante, empregarase para atender á lista de reserva considerada no punto 7 deste artigo.

O crédito orzamentario sobrante para o conxunto dos GALP poderá asignarse entre grupos en función do criterio inicial establecido no artigo 2.2 desta orde. O orzamento resultante atenderá á lista de reserva creada para cada GALP, segundo se indica no punto 7 deste artigo.

5. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

A consideración de fases independentes nos proxectos recollerase na resolución de concesión, logo de solicitude do promotor, sempre que esta estea motivada na solicitude de axuda e fose proposta polo GALP.

6. No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución de concesión da axuda, as persoas interesadas deberán comunicar a súa aceptación ou o rexeitamento da axuda nas condicións expresadas nela. Transcorrido o devandito prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda, segundo o disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

7. Establecerase unha listaxe de reserva con aqueles proxectos incluídos na proposta de resolución definitiva dos GALP que non poidan recibir axuda por falta de crédito, que será empregada para os casos en que non se esgote o crédito dispoñible ou se incremente este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de concesión ou de dotacións orzamentarias adicionais.

Artigo 22. Modificación da resolución e posibilidade de prórrogas

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, como a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, modificacións que afecten o proxecto, ou calquera outro elemento que altere un aspecto substancial da resolución de concesión, poderán dar lugar á súa modificación ou á súa revogación.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da persoa interesada, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria correspondente.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na proposta de concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do importe subvencionado ou da porcentaxe de axuda.

e) Que a modificación sexa solicitada polo beneficiario ante o GALP con anterioridade á súa realización e no prazo indicado a continuación:

1º. Cando as modificacións non supoñan unha variación da distribución de crédito por anualidades, a data límite para a solicitude de modificación rematará un mes antes da data de remate do prazo de execución.

2º. Cando as modificacións supoñan unha variación da distribución de crédito por anualidades, a data límite para a solicitude de modificación rematará dous meses antes da data de remate do prazo de execución da anualidade.

O GALP efectuará as comprobacións que considere pertinentes deixando constancia nunha acta, e elevando proposta de modificación da resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que decidirá sobre a súa procedencia.

Cando sexa preciso, o GALP requiriralle ao interesado a presentación de novos orzamentos ou facturas pro forma para valorar as modificacións previstas.

3. A execución deberá axustarse á distribución dos conceptos do investimento acordado na resolución de concesión. Con todo, sen necesidade de instar o procedemento de modificación da subvención e sempre que exista causa xustificada e non se altere o obxecto e finalidade da axuda, na xustificación das partidas poderán ser admitidas compensacións dos importes duns conceptos cos doutros, ata un 15 % do investimento.

No caso de que exista un cambio de provedor por causas sobrevidas, deberao comunicar o promotor expoñendo, de forma razoada, as causas e consecuencias del.

4. O GALP elevará proposta de resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aprobe ou denegue a modificación solicitada.

A proposta de resolución favorable de modificación do GALP relacionará expresamente os investimentos que deixan de ser obxecto de axuda así como os que os substitúen, o importe elixible de cada un deles e, no caso de que o custo destes últimos sexa inferior ao dos substituídos, a contía da subvención que é obxecto de minoración. En todo caso, nunca poderá incrementarse a contía da axuda concedida inicialmente.

5. No caso de que a persoa beneficiaria considere que non pode finalizar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, poderá solicitar prórrogas, expoñendo as razóns motivadas polas que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha memoria onde se especifique o grao de realización da actividade subvencionada e o novo cronograma de actuacións.

A solicitude de prórroga realizarase ante o GALP no prazo mínimo de dous meses de antelación á data de remate do prazo de execución nos casos en que supoñan variación da distribución de crédito por anualidades, e dun mes nos restantes.

Para o cómputo do prazo de execución considerase data de inicio da execución a de levantamento da acta de non inicio ou a data de solicitude, cando esta acta non sexa necesaria.

O GALP elevará proposta de resolución á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada. No caso de que sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á perda de dereito á axuda concedida.

6. Cando por algún dos motivos recollidos neste artigo, os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución de crédito por anualidades fixada na resolución inicial, a modificación ou prórrogas quedarán supeditadas á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

CAPÍTULO III

Xestión e xustificación das axudas

Artigo 23. Xustificación

1. O beneficiario deberá acreditar a realización do proxecto, así como o cumprimento dos requisitos e condicións que determinaron a concesión da axuda.

2. Para iso, logo da execución do proxecto no prazo sinalado na resolución de concesión da axuda, o beneficiario presentará ante o GALP, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ata a data sinalada como prazo de xustificación na resolución de concesión de axuda, a seguinte documentación:

a) Anexo V de solicitude de pagamento da axuda.

b) Memoria xustificativa da realización do proxecto, con especial referencia aos obxectivos conseguidos. No caso de pagamento final, proporcionarase información sobre os indicadores de resultados do programa FEMPA obtidos unha vez executada a operación.

c) Declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para o mesmo proxecto, segundo o anexo VI.

d) Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE.

No caso das facturas, indicarase número, nome da empresa emisora e NIF, importe total con desagregación do IVE, data de emisión e data de pagamento.

e) Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible.

f) No caso de gastos de persoal contratado, o contrato laboral debe facer constar unha mención expresa ao proxecto para o cal se efectuou a contratación, a relación do persoal contratado e a seguinte documentación acreditativa: contrato de traballo, nóminas, documentos de cotización á Seguridade Social e declaración e liquidación de IRFP coa xustificación do seu pagamento.

No caso en que se valorase a creación de emprego cualificado para a selección do proxecto, deberá acreditarse que o contrato laboral se corresponde coa cualificación comprometida.

No caso de se valorase a creación de emprego na selección do proxecto, considérase válida para a xustificación deste a presentación de contratos laborais asinados ou acreditación de alta no réxime correspondente no caso de persoas traballadoras autónomas, nos dous meses anteriores á solicitude de axuda. No caso de persoas contratadas, tamén se achegará informe de persoas traballadores en alta na Seguridade Social na data anterior á solicitude ou á contratación, de ser o caso.

Dentro dos gastos de persoal, as obrigas tributarias e de Seguridade Social que non se poidan facer efectivas na data límite de xustificación poderán xustificarse no primeiro trimestre do exercicio seguinte.

g) Xustificantes bancarios (transferencia bancaria ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a que se realiza a operación, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda (salvo para o informe técnico relativo á protección fronte ao cambio climático) e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto na resolución de concesión.

h) Certificacións acreditativas de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, naqueles supostos en que se denegue expresamente a autorización para a súa consulta no procedemento de tramitación da axuda ou se opoña á consulta.

i) Os permisos, autorizacións, informes, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como data límite, xunto coa solicitude de pagamento final.

No caso das licenzas de obra, o importe do proxecto de execución material non poderá ser inferior ao importe do proxecto subvencionado.

A acreditación do cumprimentos dos requisitos ambientais establecidos no artigo 16.1, letras k) a o), realizarase cos informes ou autorizacións pertinentes.

j) No caso dunha actuación que requira proxecto técnico de obra, deberase achegar coa primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento aceptado. Neste suposto, presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente.

k) No caso de proxectos que requiran da realización de obra, para acreditar o requisito establecido no artigo 4.2.k), deberanse achegar os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación, expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización conseguida.

l) Na xustificación da adquisición de maquinaria e equipamento deberase achegar unha relación dos equipamentos subvencionados na cal conste marca, modelo e número de serie ou referencia equivalente para a súa identificación. A factura correspondente deberá identificar estes datos.

m) Na xustificación da realización de estudos, proxectos técnicos, planos e documentos similares, deberase entregar un exemplar en soporte informático adecuado para posibilitar a súa difusión. Tamén se deben achegar copias se hai edición de libros, folletos, guías, etc. Se a subvención se concede para seminarios ou actividades semellantes, entregarase unha copia dos temas tratados, as conclusións, os materiais empregados, un informe final sobre o desenvolvemento da actividade e evidencias de participación dos asistentes na actividade realizada (sinaturas, fotografías, notas de prensa...). A documentación acreditará, así mesmo, o cumprimento das obrigacións de publicidade no desenvolvemento das actuacións.

n) No caso de bens inscritibles nun rexistro público, coa última solicitude de pagamento, deberá achegarse a documentación acreditativa de ter solicitado no rexistro correspondente a inscrición da afectación do ben á subvención xunto con copia da documentación achegada ao rexistro.

Son bens inscritibles, entre outros, os inmobles en propiedade ou en alugamento, as autorizacións e concesións, os vehículos, as embarcacións e a maquinaria industrial.

O beneficiario, unha vez recibido o último pagamento da axuda, presentará a certificación da inscrición rexistral da afectación do ben á subvención no prazo máximo de 6 meses.

ñ) No caso de que a persoa beneficiaria teña a condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará toda a documentación relacionada co proceso de contratación, que deberá incluír a identificación do contratista, é dicir, o nome e apelidos, a data ou datas de nacemento e o número ou números de identificación a efectos do IVE ou o número ou números de identificación fiscal, e os contratos (data do contrato, nome, referencia e importe do contrato).

Así mesmo, no caso de contratos de valor total superior a 50.000 €, se o contratista recorre a subcontratistas, deberá achegar a seguinte información dos subcontratos correspondentes ao primeiro nivel de subcontratación: nome e o número de identificación fiscal ou de identificación a efectos do IVE e a información sobre os subcontratos (data do contrato, nome, referencia e importe do contrato).

3. O GALP recibirá a documentación xustificativa da execución dos proxectos seleccionados, comprobando que está completa.

4. O GALP, no caso de proxectos de construción con orzamento total de execución superior a 100.000 € e no de proxectos tecnolóxicos ou informáticos con custo superior a 10.000 €, realizará unha valoración da obra ou proxecto executado por perito independente.

5. Con anterioridade ao pagamento parcial ou final, no caso de investimentos materiais, o persoal do GALP realizará unha verificación material in situ do investimento realizado en que asegurará a existencia real dos bens obxecto de comprobación, o seu axuste ao proxecto ou memoria valorada, a súa coincidencia coa xustificación documental, que o beneficiario cumpre coas normas de comunicación, visibilidade e transparencia do fondo, e no caso de pagamento final, o cumprimento do obxectivo para o que foi concedida a axuda e cantas comprobacións sexan necesarias en función dos investimentos ou gastos subvencionados.

A acta da verificación material redactarase no prazo máximo de 10 días desde a data límite de xustificación do proxecto.

6. O persoal do GALP verificará os investimentos e gastos, comprobará a veracidade dos indicadores de resultados (en caso de pagamento final), comprobará o cumprimento dos compromisos de emprego nos casos en que fosen empregados como criterios de selección e os requisitos de comunicación, visibilidade e transparencia, así como o cumprimento das normas de accesibilidade para as persoas con discapacidade.

7. Con cada proposta de pagamento realizarse un informe de auditoría que certifique, cando menos, os seguintes aspectos:

a) Que as subministracións de bens, as prestacións de servizos e, en xeral, a actividade subvencionada cuxo custo se certifica foron efectivamente realizados dentro do prazo establecido e teñen relación coa actividade subvencionada. A comprobación realizarase a través da natureza dos ditos gastos e da súa análise.

b) Que os gastos declarados en cada certificación son subvencionables, están soportados con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e están pagados dentro do prazo de xustificación e que se levan rexistros contables independentes ou se usa un código de contabilidade apropiado de acordo co establecido no artigo 7.2.h).

c) Que existe coherencia entre a xustificación da actividade subvencionada, as súas características, a xustificación económica e a normativa e os fins da subvención.

d) No caso de poderes adxudicadores, revisarase a contratación pública e certificarase que cumpre os requisitos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

8. Realizadas as actuacións anteriores, o persoal do GALP emitirá unha proposta de certificación que servirá de base para a proposta de pagamento da Xunta Directiva do GALP á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

9. O GALP remitirá á Consellería do Mar a súa proposta de pagamento acompañada das solicitudes dos beneficiarios, documentación acreditativa do investimento e pagamentos realizados, informes pertinentes e o informe de auditoría.

Os GALP emitirán a proposta de pagamento coa documentación xustificativa e o informe de auditoría no prazo máximo de dous meses desde a data de solicitude de xustificación da axuda.

A superación deste prazo terá a consideración de incidencia no procedemento para o grupo.

10. No caso en que se constaten erros ou defectos de legalidade na proposta de pagamento dos GALP, o servizo competente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro devolverá o expediente á entidade colaboradora para os efectos de adecuar a proposta de pagamento á legalidade vixente ou, de ser o caso, corrixir os erros ou defectos observados.

O GALP deberá emitir nova proposta de pagamento no prazo máximo de 10 días naturais desde a data de notificación da devolución.

A devolución da proposta ou a superación do prazo mencionado terán a consideración de incidencias no procedemento para o grupo.

11. O GALP incorporará toda a documentación na aplicación informática que pon á súa disposición a Consellería do Mar.

12. O GALP conservará e custodiará a documentación xustificativa das operacións certificadas, e garantirá que esta sexa posta á disposición dos órganos de control que a soliciten.

Artigo 24. Pagamento, pagamentos parciais e anticipos

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboarase mediante transferencia bancaria á persoa beneficiaria e na contía que corresponda, segundo os proxectos executados.

2. Poderán realizarse xustificacións parciais a medida que se vaian executando as accións subvencionadas. Os pagamentos parciais non poderán superar o 80 % da axuda e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada. Os pagamentos están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

3. Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados neste artigo.

4. Garantías:

a) Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos parciais, nos seguintes supostos:

1º. Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

2º. Pagamentos parciais cando a contía da subvención exceda os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

b) A garantía constituirase mediante presentación de aval solidario de entidade de crédito, que deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou que se anticipen, de conformidade co disposto no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa excepción dos casos previstos no artigo 65.4. O aval será depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública e deberá alcanzar, como mínimo, os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto.

c) As garantías serán liberadas despois de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

d) No suposto de que fosen constituídas para garantir pagamentos fraccionados correspondentes a fases ou partes que respondesen ao ritmo de execución das accións subvencionadas, poderán ser liberadas unha vez comprobada a realización da parte ou fase da actividade ou proxecto para o que se concedeu, de conformidade co establecido na resolución de concesión.

5. O importe conxunto dos pagamentos parciais e anticipados que, de ser o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da subvención concedida, nin superar a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

6. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á realización do obxecto da axuda. No caso de que a persoa solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigada ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 37 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Verificación posterior ao pagamento da axuda

Durante todo o período de vixencia das condicións derivadas da concesión da axuda, a Consellería do Mar ou o GALP poderán, en calquera momento, comprobar o desenvolvemento dos compromisos adquiridos e o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a axuda, así como a aplicación desta a fins distintos daqueles para os que foi outorgada, e requirirán, para ese efecto, canta documentación xulguen oportuna e efectuarán as visitas ás instalacións obxecto da subvención que se consideren necesarias.

A negativa, obstrución, escusa ou resistencia a este labor de seguimento e comprobación da aplicación da axuda aos fins previstos poderá dar lugar ao comezo das actuacións de reintegro total ou parcial da axuda, así como ás sancións que resulten pertinentes, de conformidade co establecido na presente orde.

Artigo 26. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao pagamento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento da actuación, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de pagamento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Non xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención. Tamén será aplicable no caso de que a actuación xustificada minorase a baremación da axuda, de xeito que coa nova puntuación non resulte concedida en réxime de concorrencia competitiva.

b) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o órgano concedente ou o GALP, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en concreto, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e non permitir as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) 2021/1060.

c) Non comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións e axudas concorrentes coas percibidas, no caso de que sexan incompatibles. Este suposto orixinará o reintegro do 100 % do importe da subvención recibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

d) Non comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, salvo o establecido no artigo 22 desta orde.

4. O órgano concedente poderá apreciar un incumprimento parcial, sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se a xustificación é inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, cuestión que certificará o GALP, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que o executado non cumpra a finalidade para a cal se concedeu a subvención, procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda.

b) Suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados co fondo, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade.

c) O incumprimento do beneficiario das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente do fondo recollidas nos artigos 47 e 50.1 e 2 do Regulamento (UE) 2021/1060, sen adoptar medidas correctoras, suporá un reintegro de ata un máximo do 3 % da subvención.

d) O incumprimento da obrigación, relativa a comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, de acordo co artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Infraccións e sancións

As actuacións dos/as beneficiarios/as en relación coas axudas obxecto desta orde estarán sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Xistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal) a relación de beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. De conformidade co artigo 40.3 do Regulamento (UE) 2021/1060, a autoridade de xestión publicará no sitio web a lista de operacións seleccionadas para recibir axuda do fondo.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Artigo 32. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria, observarase o disposto nas seguintes normas e disposicións que as desenvolvan:

1. Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados.

2. Regulamento (UE) núm. 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004.

3. Programa FEMPA aprobado pola Decisión da Comisión de aprobación do Programa FEMPA en España (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.

4. Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE)núm.1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 e (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) núm. 966/2012.

5. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

8. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

9. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

10. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

11. Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

12. Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

13. Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia.

14. Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e eliminación de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

15. Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.

16. Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas.

17. Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

18. Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, por lo que se aproba definitivamente o plan de ordenación do litoral de Galicia.

19. Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

20. Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ás axudas de minimis.

Artigo 33. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 34. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo devandito Servizo no enderezo web, http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Actuacións dos GALP

Os GALP, como entidades colaboradoras da Consellería do Mar na xestión das axudas derivadas desta orde, asistirán aos interesados no uso de medios electrónicos nas súas relacións con esta consellería, debendo poñer á súa disposición os medios persoais e técnicos necesarios para o acceso á sede electrónica. Cada GALP deberá establecer e facer públicos os días e o horario de atención ao público en que prestará asistencia aos interesados para a presentación electrónica das solicitudes de axuda e demais documentación dirixida á Consellería do Mar.

Disposición adicional segunda. Publicidade de actos e trámites

As publicacións efectuadas en cumprimento do establecido nesta orde respectarán, en todo caso, os límites ao dereito de acceso á información pública previstos na normativa básica, así como os derivados da normativa en materia de protección de datos persoais.

Cando a información conteña datos especialmente protexidos, a súa publicidade só se levará a cabo logo da súa disociación.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar cantas instrucións e resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file