DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9465

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

DECRETO 13/2024, do 25 de xaneiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establece que as necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas cos efectivos de persoal existentes serán obxecto de oferta de emprego público.

O artigo 12.un da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, prevé que, durante o ano 2024, só se poderá proceder no sector público delimitado no artigo 11, e no marco do disposto ao respecto na lexislación básica estatal, á incorporación de novo persoal con suxeición aos límites e aos requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando, en todo caso, as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

O artigo 20.un.1 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, establece que a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público, a excepción dos órganos recollidos na alínea un.e) do artigo 19, levarase a cabo a través da oferta de emprego público. O artigo 20.dous.1 desta lei establece que a oferta de emprego público se articulará a través da taxa de reposición do 120 por cento nos sectores prioritarios.

A alínea A) do artigo 20.dous.3 da mesma Lei 31/2022, do 23 de decembro, considera sectores prioritarios, para os efectos da taxa de reposición, as administracións públicas con competencias educativas para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en relación coa determinación do número de prazas para o acceso aos corpos de funcionarios docentes.

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, declara a extinguir o corpo de profesores técnicos de formación profesional. A Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, crea o corpo de profesores especialistas en sectores da formación profesional e establece as especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de formación profesional que se integran no corpo de profesores de ensino secundario e as que se integran no novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional.

Da oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, que foi publicada no Decreto 5/2022, do 20 de xaneiro, quedaron sen convocar 125 prazas de ingreso ao corpo de profesores técnicos de formación profesional, das cales 98 se corresponden con prazas de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario e 27 con prazas de ingreso ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional. Ademais, tampouco foron convocadas outras 19 correspondentes ao acceso ao corpo de profesores de ensino secundario.

Así mesmo, e coa finalidade de aprobar nun único decreto a oferta de emprego do persoal correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, cuxos procedementos selectivos se van desenvolver durante o ano 2024, e que lles sexa de aplicación a mesma normativa, procédese a incluír neste decreto as prazas da taxa de reposición correspondentes ás xubilacións e a outras vacantes producidas no ano 2023.

Polo anterior, tendo en conta a planificación educativa e a taxa de reposición a que se fixo referencia anteriormente, así como as prazas pendentes de convocar, cómpre a aprobación da oferta de emprego público relativa aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e a súa Presidencia, e de conformidade co establecido no artigo 13.2.g) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público dos corpos docentes

Apróbase a oferta de emprego público correspondente aos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición

O número de prazas que se convocan nesta oferta de emprego público relativas á taxa de reposición é de 1.387.

Artigo 3. Cuantificación da oferta de emprego público relativa á taxa de reposición distribuída por corpos

Corpo de mestres: 520.

Corpo de profesores de ensino secundario: 777.

Corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional: 57.

Corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas: 33.

Artigo 4. Prazas de promoción interna

Ademais das prazas de reposición de efectivos a que se fai referencia nos artigos 2 e 3 deste decreto, ofertaranse as seguintes prazas de promoción interna:

Acceso ao corpo de inspectores de educación: 11

Acceso ao corpo de profesores de ensino secundario: 201

Artigo 5. Reserva para persoas con discapacidade

Do total de prazas ofertadas para ingreso e acceso reservarase unha cota do 7 por cento do conxunto delas para seren cubertas por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento. A reserva farase sobre o número total das prazas incluídas na respectiva oferta de emprego público e a distribución da dita reserva por especialidades efectuarase na convocatoria das probas selectivas. No suposto de que algunha persoa aspirante con discapacidade que se presentase pola quenda de reserva superase a proba e non obtivese praza na citada quenda, sendo a súa puntuación superior á obtida por outro persoal aspirante do sistema de ingreso ou de acceso, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema que proceda.

Artigo 6. Admisión de persoas con discapacidade

1. Nas probas selectivas para o acceso ás prazas ofertadas serán admitidas as persoas con discapacidade en igualdade de condicións cos demais aspirantes.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións físicas ou psíquicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. Nas probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización. Nas convocatorias indicarase claramente esta posibilidade, así como que o persoal interesado deberá formular a petición concreta na correspondente solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración competente.

Artigo 7. Acumulación das prazas

1. Se as prazas reservadas e que foron cubertas polas persoas con discapacidade non acadan a porcentaxe do 3 por cento das prazas convocadas, as prazas non cubertas do número total das reservadas acumularanse á porcentaxe do 7 por cento da oferta seguinte, cun límite máximo do 12 por cento.

2. As prazas que, se é o caso, quedan vacantes dos sistemas de acceso non se acumularán ás prazas do sistema de ingreso libre.

Artigo 8. Acumulación das prazas non convocadas da oferta de emprego aprobada polo Decreto 5/2022, do 20 de xaneiro

A esta oferta de emprego público acumularanse as 98 prazas de ingreso ao corpo de profesores de ensino secundario, as 27 prazas de ingreso ao corpo de profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional e as 19 de acceso ao corpo de profesores de ensino secundario, incluídas no Decreto 5/2022, do 20 de xaneiro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, na Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2022, e que non foron convocadas.

Artigo 9. Non superación do número máximo de prazas convocadas

Os tribunais non poderán declarar que superaron as fases de oposición e concurso un número superior ao de prazas que lle sexan asignadas. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, se fose o caso, a través da estimación de recursos, non poderá declarar que superaron as fases de oposición e concurso, polo sistema de ingreso libre, un número superior ao conxunto de prazas convocadas relativas á taxa de reposición.

Artigo 10. Presentación electrónica das solicitudes

As solicitudes de participación nos procedementos selectivos presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional única. Adquisición doutra especialidade

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá, ademais, convocar o procedemento para que os funcionarios docentes de carreira que dependan directamente dela poidan acadar unha nova especialidade dentro do corpo a que pertencen.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de xaneiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades