DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 10015

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2024, conxunta da Dirección Xeral de Recursos Humanos e da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, pola que se convoca o Plan de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde.

Os coñecementos e as capacidades dos/das profesionais do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e Servizo Galego de Saúde determinan, en gran medida, a calidade dos servizos sanitarios dispensados aos/ás usuarios/as.

Neste sentido, a formación continua amósase como unha das ferramentas máis axeitadas para mellorar e adecuar, pola vía da capacitación dos/das profesionais, os servizos sanitarios ás demandas dos/das usuarios/as.

Para tal fin, xa en anos anteriores foron aprobados e executados, no marco dos acordos de formación continua, os plans de formación continua do persoal do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde. Os citados plans tiveron un alto grao de participación e aceptación por parte do persoal, e abrangueron a totalidade das profesións que se desenvolven no organismo.

A través dos plans formativos búscase fomentar a aprendizaxe permanente dos/das profesionais e impulsar o desenvolvemento das competencias profesionais ao longo da súa carreira profesional.

O plan de formación é un instrumento que contribúe decisivamente á actualización dos coñecementos e competencias dos/das profesionais; a formación ten un papel relevante no baremo ordinario da carreira profesional que será aplicable nas vindeiras convocatorias para acceder a novos graos de carreira profesional.

O plan deseñado para o ano 2024 integra unha oferta formativa ampla e especializada, que inclúe tanto contidos de carácter transversal como específicos dos distintos postos de traballo e perfís profesionais, que permite aos/ás profesionais mellorar a súa cualificación e capacitación profesional.

O plan supón unha aposta polas diferentes contornas de aprendizaxe e metodoloxías, mediante a distribución da oferta formativa nas modalidades de teleformación, telepresenza, autoformación e formación presencial, que será impartida respectando todos os protocolos hixiénico-sanitarios. Coa aposta polas modalidades de formación telemática, preténdese facilitar o acceso á formación e promover a conciliación dos/das profesionais. Búscase xerar contornas de aprendizaxe que faciliten un desenvolvemento de competencias profesionais dos/das profesionais que sexa flexible, adaptativo, avaliable e certificable.

Para o deseño e programación das actividades formativas do Plan AFEDAP 2024 consideráronse os resultados e conclusións do proceso de avaliación de riscos psicosociais, iniciado en novembro de 2022 e no cal participou o 74 % do persoal da organización. Así, neste plan apostouse por actividades para mellorar a capacitación do persoal orientada ao posto que se desempeñará, así como para a adquisición de habilidades de relación e comunicación, xestión e autocoidado emocional e traballo en equipo, entre outras temáticas. Asemade, ampliase a formación en materia de igualdade e contra a violencia de xénero, sumándose á diversidade e á integridade moral no traballo. Ademais, promovéronse as actividades de autoformación coa intención de facilitar o acceso de todo o persoal a esta formación.

O plan formativo para o ano 2024 contará con 548 actividades.

No que se refire a horas de formación, a programación para este ano será de 6.123 horas lectivas. Desta formación, 259 actividades corresponden á modalidade de teleformación, 18 serán actividades mixtas, 3 de telepresenza e 268 serán actividades presenciais, das que 36 serán impartidas nas aulas de simulación médica avanzada.

Ademais, o plan deste ano recolle 68 actividades dispoñibles durante todo o ano e cada unha delas con prazas ilimitadas.

O Plan de formación para o ano 2024 representa unha clara aposta polo desenvolvemento profesional do persoal do Servizo Galego de Saúde e das entidades adscritas á Consellería de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde, e pretende potenciar aquelas competencias que resultan esenciais no marco da asistencia sanitaria.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), creada polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, ten como un dos seus fins xerais e obxectivos básicos a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia. Por outra parte, á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde correspóndelle a negociación do contido do plan coas organizacións sindicais, así como a negociación e aprobación dos criterios de selección dos participantes nas distintas actividades formativas.

Este plan foi impulsado no seu deseño e elaboración pola Dirección Xeral de Recursos Humanos e pola Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, a través do Consello de Formación Continua, composto por representantes do Servizo Galego de Saúde, da ACIS e das organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSIF, asinantes do acordo de formación continua.

Como resultado da análise de necesidades formativas, que se leva a cabo coa participación dos/das profesionais e dos mandos intermedios de todas as categorías e áreas sanitarias, a Área de Xestión do Coñecemento e Talento da ACIS elaborou unha proposta de actividades formativas que se presentou no seo do Consello de Formación Continua do Servizo Galego de Saúde.

Por todo iso e coa finalidade de darlle á formación a continuidade adecuada que a faga realmente efectiva, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo do informe favorable das centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT e CSIF, xunto coa ACIS, resolve facer pública a convocatoria para participar nas actividades formativas que conforman o Plan de formación continua do persoal do Servizo Galego de Saúde para o ano 2024, elaborado no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (Plan AFEDAP), que se deberá resolver consonte as bases que a seguir se indican.

A execución das actividades formativas recollidas neste plan queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible.

Bases

Primeira. Requisitos de participación

Poderán participar nas accións formativas do Plan AFEDAP todas/os as/os profesionais que presten ou prestasen servizos nas institucións do Servizo Galego de Saúde, as/os profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación), as/os aspirantes a vinculacións temporais no ámbito das institucións do Sistema público de saúde de Galicia, ao abeiro do Pacto de selección temporal vixente en cada momento, así como o persoal integrado no réxime estatutario pertencente á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia (061), Galaria, Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) e Fundación Pública Instituto Galego de Oftalmoloxía (Ingo).

As persoas interesadas en participar nas actividades formativas deberán cumprir os requisitos exixidos para cada curso.

Non poderán participar nas actividades formativas presenciais as persoas solicitantes incluídas na listaxe de persoal seleccionado que, ao inicio do curso, se atopen en situación de baixa laboral por incapacidade temporal. Esta incidencia comunicaralla por escrito a persoa afectada á ACIS, para os efectos de cubrir a vacante e evitar a penalización que comportaría a súa falta de comunicación, prevista na cláusula sexta.

Segunda. Solicitudes

As persoas que desexen participar nas actividades formativas convocadas nesta resolución deberán cubrir o formulario de preinscrición telemática na páxina web da ACIS (https://acis.sergas.gal).

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningunha outra actividade formativa nos doce meses seguintes. A ACIS reserva para si o dereito a solicitar a información necesaria para verificar tales datos.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo das persoas solicitantes.

Aínda así, durante o prazo de inscrición, en caso de erro ao cubrir a solicitude, poderá anularse esta, utilizando o procedemento establecido na base sexta desta convocatoria e realizar, de ser o caso, unha nova petición (sen superar o máximo das seis inscricións anuais permitidas).

Ante eventuais incidencias, os/as aspirantes deberán imprimir unha copia do formulario de preinscrición enviado telematicamente ou conservar o que recibisen no seu correo electrónico, para o cal deberán prestar especial atención na consignación de datos, comprobando que o enderezo de correo electrónico estea correctamente consignado.

Os/as profesionais incluídos/as no artigo 162 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, ademais das persoas discapacitadas, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, que desexen que se lles teña en conta, para os efectos do disposto na base cuarta, deberán remitir, no prazo establecido para o envío da solicitude de preinscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada acreditativa da súa situación ao seguinte enderezo:

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS). Avenida Fernando de Casas Novoa. Edificio CNL, núm. 37, portal A-1º andar, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

A consignación dos datos da solicitude e o seu envío telemático non implicará a admisión inmediata á actividade formativa seleccionada, que se producirá nos termos indicados na cláusula quinta.

Só se poderá solicitar a participación nun máximo de seis actividades formativas por ano. Os cursos de autoformación non computan.

Terceira. Prazos de inscrición

A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata un mes antes do inicio de cada actividade formativa.

Cuarta. Criterios de selección de participantes

Os criterios de selección para participar nas accións formativas convocadas ao abeiro do Plan de formación continua para o persoal do Servizo Galego de Saúde serán os que a seguir se detallan, tendo en conta que, en todo caso, se reservará en cada actividade formativa unha cota do 5 % para ser cuberta por persoas discapacitadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre que poidan acreditalo e cumpran os requisitos establecidos na convocatoria para cada actividade:

1. Que a persoa solicitante resulte destinataria da concreta actividade formativa, de conformidade co establecido no anexo para cada curso.

2. Unha vez aplicado o criterio anterior, de existir máis solicitudes que prazas, terán prioridade as/os aspirantes que realicen tarefas máis directamente relacionadas co contido básico e obxectivos do curso. Con esta finalidade, na solicitude deberanse detallar as tarefas que sexan máis representativas do posto de traballo e que garden relación específica cos contidos da actividade; non se valorarán as función que non fosen indicadas.

3. Quen estea a gozar dunha excedencia por coidado de fillos ou fillas xa superado o primeiro ano, terá preferencia absoluta, que se manterá ata dentro dos dous anos posteriores a finalizar a excedencia.

4. Quen estea a gozar dun permiso ou en situación de suspensión do contrato por nacemento ou adopción, garda con fins de adopción e acollemento, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural, redución de xornada ou en excedencia por coidado de fillos ou fillas ou familiares, ou que gozase deses dereitos ou do dereito á flexibilidade e á adaptación da xornada dentro dos dous anos anteriores á convocatoria da actividade formativa.

5. Profesionais que ocupen postos de difícil cobertura de conformidade co artigo 5 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde.

6. Menor número de cursos realizados nos cinco anos anteriores.

7. Terán prioridade os/as profesionais con vínculo fixo sobre os temporais.

8. Terán prioridade os/as empregados/as públicos/as que acrediten maior tempo de servizos prestados no ámbito de institucións sanitarias públicas da Unión Europea. Este dato facilitaráselle directamente á ACIS das bases de datos de persoal. A persoa solicitante deberá achegar unicamente, nos prazos establecidos para o envío das solicitudes de preinscrición, certificación orixinal ou copia compulsada dos servizos prestados fóra do Sistema público de saúde de Galicia, que deberá ser remitida á Dirección da Axencia.

9. En cada un dos tres puntos anteriores e de acordo co artigo 36 do Decreto 48/2023, do 20 de abril, de ordenación do sistema de formación sanitaria especializada na Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas titoras terán preferencia na participación de actividades formativas relacionadas coa mellora da competencia en áreas de práctica clínica e naquelas áreas competenciais propias da acción titorial, tales como planificación, coñecemento e desenvolvemento de métodos de aprendizaxe, avaliación, técnicas de comunicación, busca de información e xestión da docencia.

Ademais, e de conformidade co disposto no artigo 155 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, nos cursos, nas xornadas ou noutras actividades formativas que teñan contidos relativos a actividades nas cales as mulleres estean infrarrepresentadas, organizados ou financiados pola Administración xeral ou por unha entidade do sector público autonómico de Galicia, reservarase un 50 por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. As mulleres só accederán a esta quenda reservada unha vez cubertas todas as prazas da quenda non reservada.

10. Por último, no caso de empate, resolverase por sorteo.

11. No caso de quedaren prazas vacantes, tamén poderán participar nas accións formativas do Plan AFEDAP as/os profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación).

Os créditos concedidos polo Sistema acreditador da formación continuada das profesións sanitarias na Comunidade Autónoma de Galicia non son aplicables aos profesionais que estean formándose como especialistas en Ciencias da Saúde (persoal residente en formación) para os efectos do seu programa formativo.

12. A ACIS poderalles ofrecer ás/aos admitidas/os nunha actividade formativa anulada a súa incorporación voluntaria noutra edición desa mesma actividade, sempre que nesta última haxa vacantes. Neste suposto, o chamamento ás/aos admitidas/os será pola orde de admisión da actividade anulada.

Quinta. Publicación das listaxes de admitidos/as

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na páxina web da ACIS a listaxe provisional de admitidas/os e excluídas/os na acción formativa concreta, así como as causas da súa exclusión.

Ademais, enviarase un SMS a xeito de recordatorio ás/aos admitidas/os en cada acción formativa, sempre que se dispoña na base de datos da ACIS dun número de teléfono móbil. Estas mensaxes son simplemente informativas e non eximen os aspirantes de consultar a páxina web da ACIS.

As/os aspirantes excluídas/os disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da listaxe provisional, para poder emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión e formular as reclamacións que coiden pertinentes.

Unha vez rematado o prazo e resoltas pola ACIS as reclamacións presentadas, logo do informe da comisión paritaria respectiva, de ser o caso, publicarase na páxina web da ACIS, cunha antelación mínima de cinco días naturais ao inicio do curso, a listaxe definitiva de admitidas/os e excluídas/os.

En ningún caso se admitirá a asistencia de persoas na condición de oíntes.

Sexta. Anulación de reserva

Se a/o aspirante seleccionada/o para a realización dunha actividade formativa decide non asistir a ela, deberá comunicar a súa renuncia a través da páxina web da ACIS cunha antelación mínima de catro días naturais á data fixada para o inicio da citada actividade, sen contar ese día de inicio.

De non facelo así, e agás motivo xustificado, baseado en causa de forza maior ou acontecemento imprevisible, non será admitida/o en ningunha outra actividade formativa no transcurso dos doce meses seguintes.

Sétima. Certificación de asistencia

Os/as profesionais que superen as actividades en que sexan admitidas/os terán á súa disposición a certificación, que poderán visualizar no seu expedient-e (Fides), que estará validada de xeito automático. As certificacións emitiranse en formato dixital e cada persoa poderá descargalas dende o seu perfil da ACIS.

Así mesmo, estarán dispoñibles en formato dixital desde O perfil ACIS (https://acis.sergas.es/cartafol/O-meu-perfil) as certificacións de todas as actividades formativas realizadas con posterioridade ao 1 de xaneiro do ano 2009. Poderanse emitir certificacións de anos anteriores ao 2009 nos casos en que sexa solicitado pola persoa interesada, vía correo electrónico (certificacions.acis@sergas.es) e xustificando o motivo desta solicitude.

Para considerar que a acción formativa se superou, ten que constatarse a asistencia ás horas lectivas cunha ausencia máxima do 10 % da súa duración, se a actividade formativa ten unha duración superior a catro horas. Para iso, durante o desenvolvemento da actividade, as persoas participantes deberán asinar nos controis de entrada e saída que se establezan. No caso das actividades cunha duración inferior ou igual a catro horas, a asistencia deberá ser do 100 %. Ademais, no suposto de que os cursos exixan a realización dalgunha proba ou traballo, expediráselles o certificado unicamente ás/aos alumnas/os que a superen.

No caso de actividades formativas que teñan unha parte de teleformación, deberanse completar os contidos, probas ou tarefas que se inclúan, segundo se indica na guía que recibirá a/o alumna/o antes do inicio do curso.

Aquelas persoas que non obtivesen a certificación poderán solicitar a revisión do seu caso sempre que o curso fose impartido no ano inmediatamente anterior.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde