DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10243

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2024 pola que se acorda a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia de sete obras pictóricas de Roberto González del Blanco.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.

A LPCG, no seu artigo 1.1, establece que o seu obxecto é a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras.

Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polo patrimonio artístico que deba ser considerado como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo. Neste sentido, o artigo 83 da LPCG determina que integran o patrimonio artístico de Galicia, entre outros, as manifestacións pictóricas e as artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia.

Por outra banda, o artigo 8.3 establece: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais, non declarados de interese cultural, que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».

O artigo 25.1 da LPCG ditamina: «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural».

A disposición adicional segunda da LPCG establece que todos os bens que figuren no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia no momento da entrada en vigor desta lei, agás os que teñan a consideración de bens de interese cultural, se incorporarán ao Catálogo e pasarán a ter a consideración de bens catalogados, quedando sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes.

O 15.11.2022 solicitouse a catalogación dunha serie de obras do pintor Roberto González del Blanco por parte da propiedade destas. Posteriormente, o 18.9.2013 completouse a anterior solicitude. Os cadros para os que se solicita a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia son os seguintes: Autorretrato, Retrato da súa nai, Místico, Vodas de prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos brancos.

O cadro do pintor Roberto González del Blanco titulado Místico xa se atopa incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia da obra do pintor Roberto González del Blanco, en virtude da Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27.10.1998 e da disposición adicional segunda da LPCG.

O artigo 11 da LPCG indica que os bens mobles catalogados poderán selo de forma individual. Para estes efectos, considérase que as sete obras do pintor Roberto González del Blanco, cuxa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia se acorda mediante esta resolución, non forman parte dunha colección, polo que se entenden como obras individuais.

O 23.10.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolveu incoar o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia das obras do pintor Roberto González del Blanco tituladas: Autorretrato, Retrato da súa nai, Vodas de prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos brancos (DOG núm. 210, do 6 de novembro).

Nesta disposición establecíase un período de información pública dun mes, para que calquera persoa física ou xurídica puidese achegar as alegacións e informacións que considerase oportunas. Non se presentaron alegacións.

Unha vez vista a información que se xunta ao expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor artístico, no exercicio da competencia para a inclusión dun ben no Catálogo do patrimonio cultural, prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a delegación destes asuntos na Secretaría Xeral Técnica desta consellería pola Orde do 29 de xullo de 2022,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia de sete obras pictóricas de Roberto González del Blanco tituladas Autorretrato, Retrato da súa nai, Vodas de prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos brancos, coa natureza de ben moble, consonte a descrición que figura no anexo I.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello de Santiago de Compostela.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 28.4 da LPCG, esta inclusión de bens mobles no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia comunicaráselle ao Inventario Xeral de Bens Mobles da Administración xeral do Estado.

Disposición derradeira. Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO I

Descrición dos bens

1. Denominacións dos bens:

Autorretrato.

Retrato da súa nai.

Vodas de prata.

Muiñeira.

A nena das mazás.

Encambando xoubas.

Crisantemos brancos.

2. Localización actual:

Rúa da Rosa, núm. 5, Santiago de Compostela (A Coruña).

3. Descrición do ben:

3.1. Descrición xeral:

Título: Autorretrato.

Autor: Roberto González del Blanco.

Cronoloxía: 1913.

Técnica/materia: óleo/lenzo.

Medidas: 99 × 84 cm.

Inscricións: «Roberto Daniel González del Blanco in Firenze faceva nel 1913» (marxe inferior).

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015, páx. 45. Cat. Exp. Roberto González del Blanco. Xunta de Galicia, 1992. Artistas Galegos. Pintores (Rexionalismo II), Nova Galicia, ed. Vigo, 1999 op. cit. Páx. 339 II, páx. 346.

Título: Retrato da súa nai.

Autor: Roberto González del Blanco.

Cronoloxía: 1932.

Técnica/materia: óleo/lenzo.

Medidas: 104 × 84 cm.

Inscricións: «R González del Blanco / Agüeiros – 1933» (ang. inf. esqdo.) «Dña. Librada del Blanco Álvarez Fernández de Tejerina / Vda. de González y González – Peraveles, nació en Herreras del Puerto (León) el 9 de octubre de 1855 falleció en Santiago de Compostela el 12 de diciembre de 1932» (marxe inferior).

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015 páx. 47. Cat. Exp. Roberto González del Blanco. Xunta de Galicia. A Coruña, 1992; Artistas Galegos. Pintores (Rexionalismo II) Nova Galicia Ed. Vigo, 1999 Il. Páx. 347. Cat. Exp. Homenaje a Pintores Compostelanos. Deputación Provincial. A Coruña, 1988 op. cit. Pax. 71.

Título: Vodas de prata.

Autor: Roberto González del Blanco.

Cronoloxía: 1954.

Técnica/materia: óleo/lenzo.

Medidas: 134 × 105 cm.

Inscricións: «Dña. Rosario Paz Ros / Edreyra de Miranda / y su esposa / el Ldo. Dn. Roberto / González del Blanco / en sus bodas de plata / matrimoniales / Compostela a 17 de junio 1954» (ang. inf. esquerdo) «R González del Blanco» (ang. inf. dereito).

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015 páx. 48. Cat. Exp. Roberto González del Blanco. Xunta de Galicia. A Coruña, 1992; Artistas Galegos. Pintores (Rexionalismo II) Nova Galicia Ed. Vigo, 1999 Il. Pax. 373.

Título: Muiñeira.

Autor: Roberto González del Blanco.

Cronoloxía: 1934.

Técnica/materia: óleo/lenzo.

Medidas: 100 × 90 cm.

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. Roberto González del Blanco. Xunta de Galicia. A Coruña, 1992; Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015 páx. 55.

Título: A nena das mazás.

Autor: Roberto González del Blanco.

Cronoloxía: 1956.

Técnica: óleo/lenzo.

Medidas/materia: 66 × 73 cm.

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015 páx. 59.

Título: Encambando xoubas.

Autor: Roberto González del Blanco.

Cronoloxía: 1956-58.

Técnica/materia: óleo/lenzo.

Medidas: 100 × 81 cm.

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015 páx. 64. Cat. Exp. Roberto González del Blanco. Xunta de Galicia. A Coruña, 1992.

Título: Crisantemos brancos.

Autor: Roberto González del Blanco.

Técnica/materia: óleo/lenzo.

Medidas: 70 × 48 cm.

Estado de conservación: bo.

Bibliografía: Cat. Exp. O Universo de Roberto González del Blanco. Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 2015 páx. 69.

3.2. Descrición histórico-artística.

O pintor Roberto González del Blanco (León 1887-Santiago de Compostela 1959) instálase coa súa familia en Santiago de Compostela aos dous anos do seu nacemento en León, ao morrer o seu pai. Asiste ás clases impartidas por Mariano Tito Vázquez, con quen se inicia na copia do natural. Trasládase a Madrid, onde á vez que se licencia en Medicina continua coa súa formación artística. Regresa a Santiago en 1933 como profesor da Escola de Artes e Oficios e logo seríao do Instituto Xelmírez.

Nun primeiro momento está interesado na realización dunha pintura transmisora de contidos espirituais, realizada cunha factura modernista. Despois abandonará esta veta renovadora afiliándose ao rexionalismo, aínda que nunha vertente dun costumismo anecdótico que traduce á luz e á cor de Galicia as fórmulas de Chicharro e Sorolla.

No período da posguerra abandona esta tendencia, substituíndoa por unha visión máis estilizada da realidade, o que está en correspondencia coas innovacións realistas que caracterizan a pintura dos anos corenta. A partir de 1952 retoma o costumismo de raíz sorollesca.

En 1992 o Museo do Pobo Galego dedícalle unha exposición en Santiago na Casa da Parra e no 2015 unha gran retrospectiva baixo o título O universo de Roberto González del Blanco.

O pintor Roberto González del Blanco conta nestes momentos con tres cadros catalogados, en virtude da Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27.10.1998 e da disposición adicional segunda da LPCG. As obras levan por título: A volta da Feira, Pulcra e Místico.

4. Estado de conservación.

As obras pictóricas do autor Roberto González del Banco tituladas Autorretrato, Retrato da súa nai, Vodas de prata, Muiñeira, A nena das mazás, Encambando xoubas e Crisantemos brancos atópanse nun estado de conservación bo.

5. Valoración cultural.

As sete obras do pintor Roberto González del Blanco posúen un valor cultural notable no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que se pode proceder á súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Os sete cadros representan tres das principais temáticas que desenvolveu o pintor durante a súa traxectoria: o retrato, o bodegón (especialmente a pintura de flores) e a escena costumista.

A obra titulada Autorretrato presenta un certo interese, non só pola súa factura, senón tamén pola súa conexión cos clásicos e a pintura simbolista. A obra creada na súa mocidade realízase pouco despois de abandonar o pintor o obradoiro de Chicharro. No cadro aparece o propio pintor representado con esa aristocrática elegancia que o profesor José Manuel López Vázquez relacionou cos retratos de Van Dyck.

A obra foi pintada en Florencia, como o corrobora a inscrición da marxe inferior, así como a paisaxe urbana que aparece retratada ao fondo, presidida polo edificio da Signoria. Xunto á efixie do retratado, as connotacións simbolistas propias do espírito modernista que o caracteriza fanse patentes coa representación da caveira, símbolo do temporal e lembranza da «vanitas» barroca.

En canto ao Retrato da súa nai, que durante bastante tempo estivo exposto na sala de xuntas do Hotel Compostela, aínda que críticos como Antonio Fraguas Fraguas o cualificasen de obra perfecta e un dos retratos de máis valor realizados nesa época, non chega a adquirir as calidades do seu autorretrato, o que non lle resta un certo interese.

En ambos os casos, como facían outros autores contemporáneos como Zuloaga ou Xesús Corredoyra, descentra a figura e abre un recadro nunha esquina superior da tea para pintar unha paisaxe: no autorretrato, un fragmento da cidade de Florencia, e unha vaga e suxerida paisaxe que se deixa entrever por un gran pano ás costas da súa nai, na liña tradicional do retrato de Corte barroco. A figura da anciá, retratada cunha paleta de entoacións sobrias na gama dos negros e marróns, demostra unha certa mestría técnica en canto ao tratamento das superficies e ao acabamento das texturas.

Un terceiro exemplo desta temática constitúeo o retrato dobre de Vodas de prata, en que o autor volve autorretratarse, nesta ocasión acompañado da súa dona. Respecto a este a súa achega é interesante tanto en canto á caracterización dos personaxes como pola recreación que logra facer do ambiente.

Ademais do retrato, a Galicia mariñeira e campesiña xeráronlle grande interese a Roberto González del Blanco. Así, representou innumerables escenas costumistas, como as que se inclúen neste conxunto de obras, en que manifesta ese folklorismo anecdótico que caracterizou a súa produción dos anos cincuenta do século XX. En todas elas, especialmente en Encambando xoubas, denótase xa esa preocupación lumínica e esa pincelada solta tan características nas súas etapas posteriores.

A pintura de flores foi outro aspecto importante na súa obra. Era tal o dominio que tivo para pintar as flores que lle permitiu realizar na Galería Moretti de Montevideo, en 1955, unha exposición de medio centenar de cadros co título xenérico de Flores de España. O bodegón Crisantemos brancos estivo presente na mencionada mostra.

6. Réxime de protección.

O nivel de protección dos bens mobles inscritos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia debe garantir a súa integridade e a salvagarda dos seus valores culturais, mantendo o seu estado orixinal para que o ben perdure e poida transmitirse ás xeracións futuras.

Os cadros, como elemento singular do patrimonio artístico protexido, rexeranse polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:

• Autorización: a protección do ben implica que as intervencións que se pretendan terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora, nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios. O acceso a estes por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición das persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e titulares de dereitos reais sobre o ben, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens catalogados están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural. Este deber corresponderalles tamén aos concellos en cuxo territorio se encontren os bens no momento en que teñan constancia de tal estado.

• Proxectos de intervención e habilitación técnica: as intervencións que se realicen sobre bens integrantes do patrimonio artístico catalogados, autorizadas pola consellería competente, deberán ser dirixidas e, de ser o caso, executadas por persoas coa oportuna capacitación ou habilitación técnica ou profesional, segundo proxectos de intervención.

• Traslados: respecto do réxime de traslado de bens mobles catalogados, a lei prevé que quen promova o traslado de bens mobles catalogados deberá realizar unha comunicación previa á consellería competente en materia de patrimonio cultural. A dita comunicación conterá a información relativa á orixe e ao destino dos bens mobles catalogados e ao motivo e tempo de desprazamento, así como ás condicións de conservación, seguridade, transporte e aseguramento.