DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10591

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR924C).

BDNS (Identif.): 742135.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades, deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.

2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas nesta convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fins de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas (código de procedemento PR924C):

– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.

– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR924C).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase un crédito total de 635.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0 –axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións–, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración