DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10815

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento TU503G).

Galicia, como destino natural relevante polas súas paisaxes e especialmente polo atractivo do seu litoral, cun enorme valor paisaxístico e ambiental, actúa como factor de atracción para quen a visita, cunha costa única configurada a través das súas rías, cabos, praias, vilas e pobos mariñeiros, cidades atlánticas e portos. O litoral galego constitúese como un eixe de unión de todos estes elementos. No marco da Estratexia de sustentabilidade turística en destinos, aprobouse o Plan territorial de sustentabilidade turística de Galicia do ano 2021, que ten como prioridade o fomento e a execución de actuacións de turismo sustentable en destinos do litoral da propia comunidade autónoma. A rehabilitación de fachadas e recursos emblemáticos do litoral de Galicia é unha actuación de cohesión entre destinos (ACD) do dito plan, coa que se pretenden abordar accións concretas encamiñadas á conservación e mellora do patrimonio singular e de uso turístico que se localiza ao longo da costa galega. Trátase dun proxecto integral de posta en valor da fachada marítima encamiñada ao embelecemento, acondicionamento e revitalización dos destinos nos ámbitos de infraestruturas, patrimonio e cultura, intervención nos espazos públicos, sinalización e accesibilidade dos seus recursos a través da dixitalización. Esta actuación de cohesión entre destinos resulta especialmente relevante pola necesidade de recuperación da fachada do litoral galego, na que se localizan, por unha banda, numerosas vilas e cidades e, por outra, gran cantidade de infraestruturas en desuso, en estado de mala conservación ou con necesidade de rehabilitación debido á súa singularidade e localización e ao impacto que a súa imaxe representa ante a chegada do turismo. As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo mellorar e potenciar o litoral galego actuando sobre os recursos naturais, culturais e patrimoniais e sobre infraestruturas e equipamentos, sensibilizando sobre a súa conservación, apostando pola súa rehabilitación e destacando o seu valor como atractivo turístico, promovendo a xestión sostible desde os destinos e potenciando o territorio do litoral galego coma un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización alcanzan o ámbito nacional e internacional no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creándose o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e alcanzar os obxectivos establecidos e os presentarán formalmente, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o dito plan cumpren cos 6 piares establecidos polo antedito Regulamento da UE núm. 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran, á súa vez, 30 compoñentes para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do plan.

Esta resolución encádrase no marco do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, no contexto da liña de investimento 1: transformación do modelo turístico cara á sustentabilidade, directamente relacionado coa submedida 2: plans de sustentabilidade turística en destino do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos do referido plan.

Este investimento ten por obxecto implementar actuacións de impulso da sustentabilidade turística na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial; beneficiando aos destinos turísticos, aos axentes sociais e aos operadores privados do sector.

A Axencia de Turismo de Galicia, creada en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia; polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, coma unha axencia pública autonómica, coa finalidade de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade, realiza esta convocatoria de axudas, baixo o procedemento de concorrencia non competitiva, dirixidas aos concellos do litoral galego, que poden presentar proxectos no marco de tres eixes de actuación: transición verde e ecolóxica (rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral), transición dixital (dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral e rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral) e mellora da competitividade (rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral). As tres liñas de actuación encádranse na ACD Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego do Plan territorial de sustentabilidade turística litoral de Galicia de 2021, en particular, a liña 1 enmárcase no eixe 1 (transición verde e ecolóxica), a liña 2 no eixe 3 (transición dixital) e a liña 3 no eixe 4 (competitividade).

O Acordo do 21 de decembro de 2021 da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado por Resolución do 23 de decembro de 2021, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como o reparto resultante para as comunidades autónomas, do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento por parte de entidades locais no marco do compoñente 14 investimento 1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e destina 6.670.000,00 euros á rehabilitación de fachadas e recursos emblemáticos do litoral de Galicia, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Logo da publicación dunha primeira convocatoria de subvención por Resolución do 14 de marzo do 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503G) (DOG núm. 54, do 17 de marzo) e modificada por Resolución do 11 de abril de 2023 (DOG núm. 72, do 14 de abril), e dunha convocatoria de subvención por Resolución do 15 de marzo de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503F) (DOG núm. 60, do 27 de marzo), modificada por Resolución do 18 de abril de 2023 (DOG núm. 80, do 26 de abril), existe crédito sobrante:

ACD-Rehabilitación de recursos emblemáticos do litoral galego

Eixes de

actuación

Actuacións

Total

Axudas concellos

1

(Transición ecolóxica)

1

Rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

2.700.000,00 €

Liña 1

Transición verde e ecolóxica

1.562.955,64 €

Total eixe 1

2.700.000,00 €

2

(Eficiencia enerxética)

2

Mellora da fachada turística do litoral

1.125.000,00 €

Total eixe 2

1.125.000,00 €

3

(Transición dixital)

3

Dixitalización de recursos con potencial turístico no litoral

425.000,00 €

Liña 2

Transición dixital

377.024,37 €

1

Rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

250.000,00 €

Total eixe 3

675.000,00 €

4

(Competitividade)

2

Mellora da fachada turística do litoral

950.000,00 €

4

Xestión e asistencia técnica

110.000,00 €

1

Rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral

1.110.000,00 €

Liña 3

Transición accesible e inclusiva

792.108,94 €

Total eixe 4

2.170.000,00 €

Total

6.670.000,00 €

Total convocatoria

2.732.088,95 €

Consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503G).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 9 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos 4 meses contados desde a data de presentación da solicitude.

4. Información ás administracións interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions?langId=gl_ES

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 74 05 e 981 54 63 60.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

7. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria
para o ano 2024, tramitado como expediente anticipado de gasto
(código de procedemento TU503G)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TU503G), así como proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

2. A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En defecto do previsto nesta normativa aplicaranse as normas de dereito administrativo. As axudas obxecto desta convocatoria réxense ademais polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas, en particular polo Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información a proporcionar polas entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021; Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 2.732.088,95 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024. O orzamento divídese en tres liñas de actuación que se poden subvencionar: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 1.562.955,64 €, transición dixital, cun orzamento de 377.024,37 €, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 792.108,94 €.

2. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 67 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece que, no caso de que se inicie no exercicio corrente a tramitación dos procedementos administrativos de execución de gastos financiados con cargo aos citados fondos pero a súa execución orzamentaria teña lugar no exercicio seguinte, será posible a súa tramitación anticipada ao longo do dito exercicio e que se poderá chegar ata a fase de formalización do compromiso de gasto no exercicio corrente. Deste xeito, a eficacia desta tramitación anticipada queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

3. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) núm. 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para o apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) núm. 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, liña de investimento 1. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

4. A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase segundo o previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 17 do mesmo corpo legal.

5. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

6. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda da solicitude ou da documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

7. Tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias e o obxecto das axudas, estas non constitúen axudas de Estado ao abeiro do previsto no artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (versión consolidada DOUE C 202/47, do 7.6.2016) e, polo tanto, non lles é de aplicación o disposto nos artigos 108 e seguintes.

Artigo 3. Réxime de compatibilidade das subvencións

A percepción destas axudas non é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración, entes públicos ou privados.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos situados no territorio do litoral galego, definido coma terra xunto á costa marítima dos mares Atlántico e Cantábrico.

2. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade local solicitante.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario 2022 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse actuacións subvencionables aquelas que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable, definida coma a reforma e mellora da fachada turística do litoral galego, e se realicen no prazo establecido nestas bases.

2. Pódense diferenciar tres liñas de subvención:

a) Liña 1: transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral.

b) Liña 2: transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral.

c) Liña 3: transición accesible e inclusiva para un turismo máis competitivo.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a continuación:

a) Liña 1: transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral.

– Rehabilitación sostible de edificacións de interese turístico, tales como museos, monumentos, teatros, galerías de arte, etc., nas que o concello acredite a súa dispoñibilidade. Enténdese por rehabilitación sostible aquela que é respectuosa coa contorna e está adaptada ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables) e aumente a vida útil do edificio. Tamén actuacións que reduzan a pegada de carbono como a instalación de cubertas vexetais ou a optimización de sistemas de ciclo de auga.

– Investimento en zonas verdes como vías verdes, camiños e sendeiros, espazos naturais que fomenten a biodiversidade vexetal, que permitan conectar distintos puntos de interese turístico ou que contribúan á creación de novos produtos turísticos, tales como rutas polas zonas verdes.

– Restauración ambiental e integración paisaxística dos recursos que contribúan a un turismo sostible. Inclúe a recuperación das condicións ambientais (vexetación, fauna, auga, solo...) de ecosistemas perturbados ou danados, co obxectivo de poñer en valor a biodiversidade e a dinámica do ecosistema orixinal, así como a corrección das transformacións da paisaxe con motivo de edificacións, infraestruturas, para adecualas á paisaxe.

A contribución á sustentabilidade deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude á que fai referencia o artigo 10.

b) Liña 2: transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral.

– Gastos de desenvolvemento de aplicacións turísticas que inclúen os gastos de compra do sistema operativo da aplicación e os gastos da instalación e desenvolvemento da aplicación.

– Gastos relacionados co desenvolvemento de códigos QR para o ámbito turístico.

– Gastos de deseño e instalación do desenvolvemento de folletos dixitais turísticos.

– Gastos relacionados co desenvolvemento de guías interactivas turísticas: aplicación móbil que promociona os atractivos turísticos do país, que facilita aos/ás turistas nacionais e do estranxeiro información relacionada con eles (historia, horarios, precaucións, etc.) en diferentes idiomas. Iso inclúe visitas virtuais, vídeos e fotos de ríos, praias, covas, monumentos e lugares históricos utilizando o GPS.

– Gastos de desenvolvemento de aplicacións e instalación do Beacon turístico: dispositivos electrónicos baseados en tecnoloxía bluetooth que, polo seu reducido tamaño e o seu mínimo consumo enerxético, poden colocarse en calquera equipamento de sinalización turística (existente ou proxectado). Estes dispositivos serán colocados en puntos turísticos co obxectivo de compartir nos móbiles a información de interese turístico.

– Gastos de compra e instalación de placas turísticas: placas informativas dixitais.

– Gastos de compra e instalación da sinalización monumental intelixente: compra de monólitos descritivos de cada un dos monumentos de carácter dixital.

– Gastos de compra e instalación de pantallas interactivas: dispositivo montado que ofrece presentacións visuais vibrantes e a opción de controlar os datos en pantalla mediante interaccións con pantalla táctil dixital.

– Gastos de compra e instalación relacionados coa sensorización IoT: tecnoloxía que conecta zonas turísticas ou monumentos mediante sensores vinculados a internet e que son capaces de intercambiar datos entre si.

Os gastos da liña 2 irán acompañados dun plan de contidos que se achegue coa documentación complementaria que se indica no artigo 10.

c) Liña 3: transición accesible e inclusiva para un turismo máis competitivo.

– Gastos de obra e reforma que impliquen a modernización, a mellora, a remodelación ou adaptación de equipamentos existentes que favorezan a accesibilidade da cidadanía a recursos turísticos.

– A adquisición e mellora de bens de equipamento precisos para o desenvolvemento da actividade turística como as instalacións que faciliten a accesibilidade e mobilidade a recursos turísticos. O equipamento adquirido deberá cumprir as exixencias establecidas na normativa da aplicación, a Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e as normas técnicas da UE de accesibilidade universal.

2. Considerarase subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando non sexa recuperable pola entidade solicitante.

3. Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. O gasto subvencionable en concepto de honorarios técnicos non será superior ao 5 % do investimento neto admitido.

4. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de outubro de 2024.

5. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e, ademais, os seguintes:

a) Gastos de mantemento ordinarios.

b) Gastos de persoal propio do concello.

c) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

d) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, multas, taxas.

e) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, aínda que sexan necesarios para obter permisos ou licenzas.

f) Seguros subscritos pola entidade solicitante.

g) Custos financeiros.

h) Custos asociados a sancións penais, así como gastos de procedementos xudiciais.

6. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

7. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 24.

8. Así mesmo, de seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito, ben por non dispoñer delas ou por non ser preceptiva, acreditarase na fase de xustificación mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante.

Artigo 7. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «Do no significant harm-DNSH») e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos e de maneira individual para cada actuación.

2. As actuacións financiables da liña 1 cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, cumprindo co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

050 «Protección da natureza e a biodiversidade, patrimonio e recursos naturais, infraestruturas verdes e azuis», cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %.

3. En todo caso, as entidades beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «Do no significant harm-DNSH») para asegurar a súa implementación, do que deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

4. Segundo as regulacións do principio, nas actuacións de rehabilitación as entidades beneficiarias deberán ter en conta o seguinte:

a) Na rehabilitación de edificios teranse en consideración as directrices recollidas na Directiva (UE) 2018/844, relativa á eficacia enerxética dos edificios para que sexan edificios de consumo de enerxía case nulo, permitindo reducir de forma significativa o consumo de enerxía primaria non renovable.

b) As medidas de rehabilitación permitirán contribuír á adaptación dos edificios ao cambio climático, adoptando as solucións de adaptación que sexan posibles no marco das opcións que permita a edificación existente e a súa protección no caso de que sexan edificios protexidos, como a utilización de cubertas vexetais, toldos, zonas de sombreado…

c) Non se prevé que a medida sexa prexudicial para ou uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños. A medida está destinada a mellorar a adaptación dos destinos turísticos e as empresas que os conforman ás estratexias de economía circular, a redución do consumo de recursos hídricos e a protección dos recursos naturais, en especial os mariños.

d) Cando se instalen aparellos de auga, estes terán unha etiqueta de produto existente na Unión. Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención do estrés hídrico, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

e) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, de avaliación de impacto ambiental (AIA), e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (AIA) contemplados no artigo 7 da citada lei, as entidades beneficiarias deberán contar coa declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada respectivamente.

f) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE), xerados nas actuacións previstas neste investimento, será preparado para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación de outros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

g) Os operadores limitarán a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de sustancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición.

h) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade no referido á norma ISO 20887 para avaliar a capacidade de desmonte ou adaptabilidade dos edificios, como estes están deseñados para ser máis eficientes no uso dos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

i) Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción non conterán amianto nin sustancias moi preocupantes identificadas sobre a base da lista de sustancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006 do Parlamento e do Consello. Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción que poidan entrar en contacto coas persoas usuarias emitirán menos de 0,06 mg de formaldehído por m3 de material ou compoñente e menos de 0,001 mg de compostos orgánicos volátiles canceríxenos de categorías 1A e 1B por m3 de material ou compoñente, previa proba de acordo co CEN/TS 16516 e ISO16000-3 ou outras condicións de proba estandarizadas e métodos de determinación comparables.

5. As entidades beneficiarias deberán garantir que os equipos IT (Information Technology) cumpran cos requisitos relacionados coa enerxía, establecidos de acordo coa Directiva 2009/125 EC, para servidores e almacenamento de datos, ou computadoras e servidores de computadoras ou pantallas electrónicas.

Nestas adquisicións activaranse medidas para asegurar a compra daqueles equipos enerxeticamente eficientes, que sexan absolutamente respectuosos co Code of Conduct for ICT da Comisión Europea, e tomaranse medidas para que aumente a durabilidade, a posibilidade de reparación, de actualización e de reutilización dos produtos, dos aparellos eléctricos e electrónicos implantados.

Artigo 8. Contía da axuda

A intensidade máxima das axudas será dun 90 % do custo total do proxecto, co límite máximo seguinte para cada unha das liñas de axuda:

a) Transición verde e ecolóxica: contía máxima de 80.000,00 € por proxecto.

b) Transición dixital: contía máxima de 15.000,00 € por proxecto.

c) Transición accesible e inclusiva: contía máxima de 50.000,00 € por proxecto.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. Cada concello poderá presentar como máximo unha solicitude de axuda por cada liña de acción. Para este fin, utilizaranse os modelos previstos no anexo II.

2. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 14 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos, se algunha das entidades solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a entidade interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta resolución.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta resolución para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser entidade beneficiaria dela.

4. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

g) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

h) Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

i) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

j) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

k) Conservar toda a documentación relativa á subvención segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida durante o período indicado no artigo 23.

l) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

m) Que a actividade que se subvenciona non causa un prexuízo significativo (Do no significant harm) aos obxectivos ambientais nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, e restante normativa de aplicación.

n) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 23 das bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:

1.1. Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello solicitante, segundo o modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo da entidade local polo cal se solicita a subvención para a liña que se pretende executar ao abeiro desta resolución, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude. O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Que a entidade local cumpriu coa súa obriga de remisión da conta xeral do exercicio orzamentario 2022 ao Consello de Contas de Galicia.

c) Que as actuacións para as que se solicita subvención non estaban iniciadas antes do 1 de xaneiro de 2024.

d) Certificación emitida e asinada electronicamente polo/a secretario/a do concello ou entidade local sobre a plena dispoñibilidade sobre os terreos e inmobles nos que se van desenvolver as actuacións, durante un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 23 destas bases.

O incumprimento dos requisitos establecidos nas letras anteriores determinará a inadmisión da solicitude.

1.2. Memoria ou proxecto asinados por persoal técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar, que deberá incluír:

a) Memoria explicativa e xustificativa da actuación que se vai desenvolver (cunha extensión máxima de 10 páxinas) onde se indique a tipoloxía de actuación. Ademais, na dita memoria, os proxectos da liña 1 (transición verde e ecolóxica para a rehabilitación do patrimonio en espazos singulares do litoral) deberán acreditar a contribución á sustentabilidade.

b) Planos de localización do investimento.

c) Planos descritivos do proxecto que se vai levar a cabo.

d) Reportaxe fotográfica do ben sobre o que se vai actuar: exteriores, interiores e da contorna, así como fotografías desde as que se aprecie de maneira concreta o elemento ou elementos obxecto da actuación.

e) Relación detallada dos mobles e equipamentos (débense indicar calidades, localización e número) que, de ser o caso, se van instalar.

1.3. Orzamento detallado, agrupado por partidas, dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

1.4. Os proxectos da liña 2: transición dixital dos recursos con potencial turístico no litoral irán acompañados dun plan de contidos que pretendan desenvolver co investimento (indicarán contidos, actualizacións, periodicidade...).

1.5. Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.

1.6. Declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VIII).

1.7. Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha entidade presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

d) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

e) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención; corresponderalle ditar a resolución de concesión á persoa titular da Dirección da Axencia.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir ao concello solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, se é o caso, ben co crédito que quede libre debido á renuncia doutros solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola entidade interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola entidade que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade, reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Tendo en conta que os requisitos para ser entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola entidade beneficiaria se recollen na presente resolución, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, ao terse aceptado coa presentación da solicitude.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de 4 meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto fose expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do dito recurso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000,00 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser entidade beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculados, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, estas notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. Estas notificacións complementarias entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as entidades beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiras persoas. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as entidades beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lles dará audiencia ás entidades interesadas nos termos previstos no artigo 15.

6. Cando as entidades beneficiarias da subvención, nos casos nos que se omitise o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime á entidade beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme á citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da Axencia de Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas nos artigos 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as entidades beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia de Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedinte o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

d) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un prazo non inferior a cinco anos. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

f) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación en formato electrónico durante un prazo mínimo de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de tres anos se o financiamento non supera os 60.000,00 €, de acordo co establecido no artigo 22.2, alínea f) do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Axencia de Turismo de Galicia considere pertinentes ao longo do proceso de execución e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Fiscalía Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

Para tal fin, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, durante o período establecido na liña f). A Axencia de Turismo de Galicia informará da data de inicio a que se refire esta obriga, logo da oportuna comunicación da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

h) Recadar e asegurar, para os efectos de auditoría e control e para dispoñer de datos comparables sobre o uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, o acceso ás categorías harmonizadas de datos contempladas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

i) Ser responsable da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionables, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación.

j) Establecer mecanismos que aseguren que as actuacións para desenvolver por terceiros contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, no seu caso, fose necesaria para determinar o valor dos indicadores, fitos e obxectivos pertinentes do Plan de recuperación.

k) Asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de interese e o dobre financiamento, tendo en conta o previsto na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

l) Comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Cumprir coas obrigas de comunicación e publicidade segundo o establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) núm. 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro. Os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público. Polo tanto, as entidades beneficiarias deben dar a adecuada publicidade e información de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, de conformidade co establecido no artigo 9.3.b) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dándolle visibilidade, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.). Na ligazón https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/recuperacion-transformacion-resiliencia/comunicacion/ pode descargarse o manual de comunicación para persoas xestoras e beneficiarias dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto, e durante un período mínimo igual ao da obriga de conservación da documentación xustificativa da aplicación dos fondos establecida na liña f), a entidade beneficiaria deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público, segundo o modelo do anexo X. A Axencia de Turismo de Galicia facilitará modelos ás entidades beneficiarias a través da súa páxina web.

ñ) Subministrar toda a información necesaria para que a Axencia de Turismo de Galicia poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

p) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

q) No deseño e execución das actuacións subvencionadas, garantir o respecto ao principio de «non causar un prexuízo significativo» ou, segundo as súas siglas en inglés, DNSH (Do no significant harm) conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) núm. 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión, Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia (2021/C58/01), así como o requirido na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, e cumprir tamén coa normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VII).

r) De acordo co previsto nos números 2 e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) núm. 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, cumprir coas obrigas relacionadas coa cesión e o tratamento de datos sobre a execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e de compromiso en relación coa execución de actuacións do mesmo plan (PRTR), conforme se regula esta obriga no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro (anexo VIII).

s) Declarar o seu compromiso de cumprir os principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar ao ámbito obxecto da xestión, empregando para o efecto o modelo do anexo IX.

t) As entidades beneficiarias garantirán o cumprimento das obrigas de etiquetaxe ambiental e dixital.

u) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar como data límite o 31 de outubro de 2024, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a entidade beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 40 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 40 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa a beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o punto 1, mediante a presentación do anexo V, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntaráselle a documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de 10 días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI do/da solicitante (persoa física) e do/da representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso o solicitante deberá achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a entidade beneficiaria das sancións que conforme á lei correspondan.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento

Para cobrar a subvención concedida as entidades beneficiarias deberán presentar, mediante a modalidade de conta xustificativa, a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Declaración responsable segundo o modelo que figura no anexo VI.

c) Conta xustificativa conforme os artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, que incorporará:

c.1. En todo caso, a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

c.2. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

• Cumprimento da finalidade da subvención.

• Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables a actuacións subvencionadas coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

c.3. Certificado da persoa secretaria do concello de que a contratación das obras, equipamentos ou servizos se realizou consonte a normativa de contratación do sector público.

c.4. Os tres orzamentos a que se refire o punto 5 do artigo 6 ou a resolución da entidade que indique o procedemento de contratación utilizado.

c.5. Relación e copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes bancarios de pagamento, relativos ao investimento elixible realizado e que respondan ao orzamento presentado.

c.6. Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace da alcaldía, sobre que a actuación desenvolvida conta coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ou ben que estas non eran preceptivas.

c.7. Memoria sobre a actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención con indicación dos investimentos realizados, que deberá incluír fotografías do lugar ou lugares onde se efectuasen as actuacións, tomadas antes, durante e con posterioridade á súa realización.

c.8. Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

c.9. Certificado de fin de obra ou relación valorada con base no proxecto de execución, asinada por persoal técnico competente, en que se relacionen os materiais empregados, unidades, prezos unitarios e totais.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 26. Pagamento da axuda

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida, calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de mora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Artigo 28. Réxime de infraccións e sancións

1. As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. O non cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 28 de setembro, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

4. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

5. As cantidades que teñan que reintegrar as entidades beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a entidade beneficiaria poderá realizar devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de mora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da entidade beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a devolución voluntaria realizada.

Artigo 29. Seguimento, control e comprobación

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia de Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. Nos casos en que a contía da subvención concedida supere os 60.000,00 euros, no seu cómputo individual, e con independencia da presentación da documentación xustificativa, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedinte, da que quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto pola persoa representante da Administración como pola entidade beneficiaria. A dita comprobación poderase encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

4. Sen prexuízo do anterior, realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados na resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 30. Análise de riscos de conflito de intereses

O presente procedemento de subvención, na medida en que é un procedemento de execución do PRTR, está suxeito á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de interese previsto na disposición adicional centésima décima segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, de 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de interese nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

A análise sistemática e automatizada do risco de conflito de interese neste procedemento está baseado na ferramenta de data mining, con sede na Axencia Estatal de Administración Tributaria de España, Minerva ou a que a substitúa no futuro, de acordo co previsto no artigo 4 da Orde HFP/55/2023. A través da ferramenta informática analizaranse as posibles relacións familiares ou vinculacións societarias, directas ou indirectas, nas que se poda dar un interese persoal ou económico susceptible de provocar un conflito de interese entre as persoas ás que se refire o artigo 3.1.b) da Orde HFP/55/2023 e os participantes en cada procedemento. Para a identificación das relacións ou vinculacións a ferramenta conterá, entre outros, os datos de titularidade real das persoas xurídicas ás que se refire o artigo 22.2.d).iii) do Regulamento (UE) 241/2021, do 12 de febreiro, contidas nas bases de datos da Axencia Estatal de Administración Tributaria e os obtidos a través dos convenios subscritos cos colexios de notarios e rexistradores. En todo caso, os resultados da análise realizada quedarán rexistrados no sistema de información de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para os efectos das posibles auditorías específicas sobre conflito de interese que se leven a cabo ex post no ámbito da estratexia de auditoría que determine a Intervención Xeral da Administración do Estado como Autoridade Independente de Auditoría, acordada coa Comisión Europea.

No suposto de que o resultado da análise de risco de conflito de interese determinase a detección dunha ou varias bandeiras vermellas, seguirase o procedemento previsto na letra b) do artigo 5 e artigo 6 da Orde HFP/55/2023.

No suposto de que o resultado da análise de risco de conflito de interese determinase a detección dunha ou varias bandeiras negras pola inexistencia de información sobre risco de conflito de interese para un ou varios solicitantes, por tratarse dunha entidade ou entidades sobre as que a ferramenta non dispoña de datos, aplicarase o procedemento previsto na letra c) do artigo 5 e no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro. Simultaneamente, o órgano de concesión da subvención poderá solicitar ao/á solicitante ou solicitantes afectados/as pola bandeira negra a información da súa titularidade real. Esta información deberá achegarse no prazo de cinco días hábiles desde que se formule a solicitude de información. Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través do Minerva, o responsable da operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflito de interese, indicando, en lugar do solicitante, os titulares reais recuperados polo órgano de contratación.

A falta de entrega da información requirida no prazo indicado será motivo de exclusión do procedemento no que estea a participar, de acordo co establecido no punto 3 do artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro.

Artigo 31. Medidas antifraude

1. As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia de Turismo para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de control dos órganos competentes do PRTR e dos servizos financeiros da Comisión Europea, do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea e as verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) núm. 241/2021, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES). A ligazón á canle de denuncias é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

3. Na loita contra a fraude a Axencia de Turismo de Galicia actuará de conformidade co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se aplica a esta convocatoria. A ligazón ao citado plan no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1792070&name=DLFE-47458.pdf

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file