DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10871

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento TU503G).

BDNS (Identif.): 742111.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos situados no territorio do litoral galego, definido coma terra xunto á costa marítima dos mares Atlántico e Cantábrico.

2. Os requisitos para seren beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade local solicitante.

4. Os concellos solicitantes deberán ter remitida a conta xeral do exercicio orzamentario de 2021 ao Consello de Contas de Galicia. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e réxime

1. As subvencións reguladas por estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para actuacións de rehabilitación de espazos singulares, dixitalización de recursos con potencial turístico e mellora da fachada turística no ámbito territorial do litoral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para a anualidade de 2024.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 26 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a concellos para actuacións de embelecemento do litoral galego, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento TU503G).

Cuarto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 2.732.088,95 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.760.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024. O orzamento divídese en tres liñas de actuación que se poden subvencionar: transición verde e ecolóxica, cun orzamento de 1.562.955,64 €; transición dixital, cun orzamento de 377.024,37 €, e transición accesible e inclusiva, cun orzamento de 792.108,94 €.

2. Estas axudas financiaranse con cargo aos fondos asignados ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

3. A intensidade máxima das axudas será dun 90 % do custo total do proxecto, co límite máximo seguinte para cada unha das liñas de axuda:

a) Transición verde e ecolóxica: contía máxima de 80.000,00 € por proxecto.

b) Transición dixital: contía máxima de 15.000,00 € por proxecto.

c) Transición accesible e inclusiva: contía máxima de 50.000,00 € por proxecto.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 31 de outubro de 2024.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia