DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10774

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

BDNS (identif.): 741999.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas, entidades beneficiarias e requisitos

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, previstos no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2022, de conformidade co establecido no artigo 1.

As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

d) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2022 e a data de presentación da solicitude.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

h) No caso das persoas mutualistas, especificamente deberán presentar, ademais da documentación a que se refire o artigo 11, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio de actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta na dita mutualidade, de ser o caso.

3. Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtivesen resolución favorable ao abeiro da Orde do 29 de setembro de 2022 (DOG núm. 187, do 30.9.2022) e da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG núm. 127, do 5.7.2023).

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e da súa competitividade e, en definitiva, manter empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 30 de setembro de 2023 e a data da presentación da solicitude.

Terceiro. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse seis millóns cincocentos mil euros (6.500.000 €).

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a contar o 12 de febreiro de 2024 e estará aberto ata o 28 de xuño de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade