DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10740

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

A Constitución española, no seu artigo 40, establece un mandato que obriga os poderes públicos a promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, a realizar unha política orientada ao pleno emprego.

Tamén, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto no artigo 149.1.13 da Constitución española, a competencia exclusiva para o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia, segundo o disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

De conformidade con esas determinacións, aprobouse a Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que inclúe entre os seus fins incentivar a creación e implantación de empresas e o seu posterior desenvolvemento, a través da xeración de cultura emprendedora, a formación, a flexibilización dos trámites administrativos, a ampliación dos prazos de validez dos permisos e a introdución de instrumentos financeiros, servizos específicos ás persoas emprendedoras e incentivos fiscais.

Son principios informadores a través dos cales se levarán a cabo as políticas públicas de promoción, protección, fomento e apoio da actividade emprendedora, tal e como se recolle no artigo 6 da Lei 9/2013, a mellora do tecido empresarial territorial endóxeno, así como un patrón de crecemento baseado na competitividade, a innovación, a tecnoloxía e o crecemento económico dentro dun marco de desenvolvemento sustentable e temperá da actividade emprendedora, mediante accións que favorezan o fortalecemento das empresas.

Así pois, o apoio ás iniciativas de emprendemento de autónomos/as e pequenas e medianas empresas continúa a ser necesario, nun contexto caracterizado pola permanencia de incertezas económicas, como a alza inflacionista nos prezos, a crise enerxética e mesmo as perturbacións derivadas dun contexto internacional inestable, tanto no continente europeo como noutros puntos do planeta, ás que non resulta allea a economía galega, motivo polo que cómpre fortalecer a actividade económica, mediante axudas que, por unha banda, tratan de pór remedio a esas ameazas para o crecemento da nosa economía e, por outra, fomentar o seu desenvolvemento sostido, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade.

De acordo co disposto no Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta, entre outras materias, o exercicio das competencias relativas ao apoio ao emprendemento durante todas as fases da actividade emprendedora, tanto as actuacións necesarias para o comezo da actividade como a súa realización efectiva posterior, incluíndo a implementación e o mantemento, con servizos de asesoramento, mentoring/mentorización, así como de apoio económico ou doutra índole, ao crecemento e o mantemento do emprego.

Por iso, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dá continuidade ao apoio ás iniciativas de emprendemento iniciado no ano 2022 mediante unha nova convocatoria de axudas, co obxectivo de contribuír ao seu mantemento e á súa mellora competitiva.

Ademais, e tendo en conta que os gastos notariais e/ou rexistrais e os gastos de alugueiro constitúen gastos habituais cando se decide pór en marcha unha iniciativa emprendedora, esta convocatoria prevé, como unha forma adicional de apoio para as persoas emprendedoras, a posibilidade de subvencionar os ditos gastos, nos termos e contías previstos na propia orde.

En canto ao procedemento de concesión, establécese a concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tendo en conta que a finalidade e obxecto da subvención é o apoio e impulso de iniciativas de emprendemento de autónomos/as e pequenas e medianas empresas, non se considera necesario facer unha prelación das solicitudes presentadas, pois todas as persoas que concorran aos requisitos establecidos na convocatoria acadan a dita finalidade por igual.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo aos correspondentes fondos dotados no orzamento de gastos da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade consignados na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Asesoría Xurídica, e da Intervención Delegada da Comunidade Autónoma, e no exercicio das facultades que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluíndo cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR880A).

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 30 de setembro de 2023 e a data da presentación da solicitude.

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2022, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos (UE) 2023/2831, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea relativos ás axudas de minimis, e nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamento

1. No exercicio económico de 2024, as subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria:

Aplicación

Proxecto

Crédito

13.31.322C.770.2

2024 00079

6.000.000,00 €

13.31.322C. 470.0

2024 00079

500.000,00 €

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. As axudas deben estar tramitadas no exercicio corrente xa que a convocatoria non é plurianual.

3. Se o orzamento asignado non é suficiente para pagar todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentou, de acordo co previsto no artigo 10.1 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

4. De conformidade co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 30 do seu regulamento, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Beneficiarias e requisitos

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego, previstos no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os dous requisitos seguintes: que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022, de conformidade co establecido no artigo 1.

2. As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

d) Terse constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e ter iniciado a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2022 e a data de presentación da solicitude.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

h) No caso das persoas mutualistas, especificamente deberán presentar, ademais da documentación a que se refire o artigo 11, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio de actividade; e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta na dita mutualidade, de ser o caso.

3. Non poderán ser beneficiarias desta subvención aquelas iniciativas de emprendemento que obtivesen resolución favorable ao abeiro da Orde do 29 de setembro de 2022 (DOG núm. 187, do 30.9.2022) e da Orde do 28 de xuño de 2023 (DOG núm. 127, do 5.7.2023).

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciase a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022. En concreto:

1) Equipamento informático.

2) Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira.

3) Investimentos en eficiencia enerxética.

4) Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.

5) Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.

6) Gastos notariais e/ou rexistrais.

7) Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade.

8) A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

– Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.

– Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares. Estes criterios acreditaranse mediante certificación dun taxador/a independente ou dunha empresa subministradora de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda man obxecto de transacción.

Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións, non será preciso achegar as tres ofertas a que se fai referencia no artigo 11.d).

Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.

A mera adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria; para estes efectos, admitiranse expresamente as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, debendo constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3. Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue dende o 30 de setembro de 2023 ata a data da presentación da solicitude.

4. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria, e o resto do investimento, durante 2 anos desde a devandita data.

5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

6. Non serán subvencionables o IVE e outros impostos.

7. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a persoas terceiras.

8. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.

9. En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 7. Intensidade de axuda

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:

a) Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 10.000 €, a contía da axuda será do 60 % do investimento.

b) Con investimentos de 10.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.

c) Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 50.000 €, a contía da axuda será do 40 % do investimento.

d) Con inversións de 50.001 € ou máis ata un límite de 100.000 €, a contía da axuda será do 30 % do investimento.

Artigo 8. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Equipamento informático: considéranse equipamento informático, para os efectos desta orde, os aparellos electrónicos e servizos anexos que posibiliten unha maior eficiencia no procesamento, almacenamento e visualización da información. Entre outros, considéranse as tabletas, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles ou similares, equipamentos de rede, servidores, conexión á internet, escáneres e similares, sempre que se destinen exclusivamente ao desenvolvemento da actividade económica da persoa solicitante.

En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

b) Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos á medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, e patentes, licenzas e coñecementos técnicos ou outros dereitos de propiedade intelectual.

c) Investimentos en eficiencia enerxética: toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, entre outras, o cambio de sistemas de iluminación ou cambios de maquinaria e instalacións.

d) Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: enténdese por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.

e) Adquisición de bens de equipamento e mobiliario: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as cales se mellore o proceso produtivo, así como equipamentos e medios de transporte interno, medios de protección do ambiente e outros bens de equipamento, incluído mobiliario, conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa, como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

En ningún caso se consideran subvencionables os vehículos, naves, aeronaves e similares, constitúan ou non a actividade empresarial propia da persoa solicitante.

f) Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio: obras que consisten normalmente en reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local. Respecto ás decoracións e ornatos, incluída a rotulación do local, deberán respectar o establecido no artigo 13 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, segundo o cal a Xunta de Galicia, non só a través dos medios de comunicación de titularidade autonómica, senón tamén a través daqueles nos cales participe ou aos cales subvencione, garantirá a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

En canto aos gastos notariais e/ou rexistrais subvencionables, estes deberán estar directamente relacionados coa actividade subvencionada e ser indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, segundo o establecido no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Respecto dos gastos de aluguer, corresponderanse co local ou centro de traballo en que se realice a actividade subvencionada.

No caso dos gastos notariais e/ou rexistrais, serán dun máximo de 300 € por persoa beneficiaria e, no caso do alugueiro, dun máximo de 600 € por persoa beneficiaria.

Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado no anexo I. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

Exclúese a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola cal a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.

Artigo 9. Axudas de Estado

1. As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

a) Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante calquera período de tres anos.

b) Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 20.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

c) Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro.

2. As persoas solicitantes das axudas están obrigadas a declarar as axudas percibidas baixo o réxime de minimis, segundo o recollido no anexo I da solicitude.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Ao ser válida unha única solicitude por persoa, no caso de que algunha persoa presente unha nova solicitude, entenderase que desiste da anterior, salvo que xa estea resolta.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

4. Xunto coa solicitude presentarase a xustificación, de acordo co disposto no artigo 27.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

b) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica, onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

c) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), en que deben figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.

d) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o investimento non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) no artigo 118 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público, as persoas interesadas deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos investimentos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente no anexo I da solicitude cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 6.1.6 in fine desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polas persoas interesadas ante calquera Administración. Neste caso, as persoas interesadas deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentaron os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa das persoas interesadas.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polas persoas interesadas, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da persoa solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, así como as comprobacións contidas no artigo 14.1 desta orde.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Consulta da vida laboral nos últimos 12 meses.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Atriga.

e) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta da alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).

j) NIF da entidade solicitante, se é o caso.

k) NIF da entidade representante, se é o caso.

l) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

m) Certificado do domicilio fiscal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno.

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, ata o esgotamento do crédito orzamentario.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Programas de Apoio ao Emprego, pertencente á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

Artigo 17. Competencia

A competencia para coñecer, resolver e propor os correspondentes pagamentos das axudas previstas no programa regulado nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

2. A competencia para resolver as axudas corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres (3) meses, que se computará desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase formular, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria.

6. A resolución deberá conter a referencia de que a axuda concedida está suxeita aos réximes de minimis regulado polos regulamentos (UE) núm. 2023/2831, 1408/2013 ou 717/2014 da Comisión Europea.

Artigo 20. Estimación parcial da solicitude

No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos ou investimentos para os cales non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Réxime de compatibilidades e concorrencia

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, de ser o caso, o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Aplicar a axuda a satisfacer os investimentos subvencionables realizados desde o 30 de setembro de 2023 ata a data da presentación da solicitude, con base nos conceptos do artigo 6 da presente orde que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que se constituíse ou dese de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que iniciase a súa actividade económica dende o 1 de xaneiro de 2022, nos termos recollidos nos artigos 1 e 5 da orde.

b) Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberase efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Salvo aquelas persoas ou entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as persoas ou entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. De acordo con esta obriga, as persoas deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están a ser subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público, de tamaño mínimo A3, que inclúa o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia e o do Ministerio de Traballo e Economía Social. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre a axuda financeira recibida da Xunta.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego que constan na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions, e na sede electrónica https://sede.xunta.gal/

h) Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.

i) Cumprir as obrigas de transparencia previstos no artigo 15, quedando suxeitas as persoas beneficiarias ás consecuencias do incumprimento das ditas obrigas, de conformidade co establecido no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 24. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impidan: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) Incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á persoa beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 23.c) desta orde, incumprimento das obrigas contables ou de conservación de documentos, previstas na letra f) do artigo 23, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) Incumprimento da obriga en materia de publicidade previsto no artigo 23.g): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a persoa beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a quince (15) días hábiles, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) Percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) Incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

g) Incumprimento da obriga de mantemento da forma xurídica e actividade prevista no artigo 23.h): reintegro da parte proporcional da axuda.

Artigo 25. Exclusións

1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ter sido condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, encontrarse declaradas en concurso, agás que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa de que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estaren incursas a persoa física, as persoas administradoras das sociedades mercantís ou aquelas que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, nos termos regulamentariamente establecidos.

g) Ter sido sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

2. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 26. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. En todo caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha memoria xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 27. Forma de pagamento e xustificación

A presentación da xustificación requirida neste precepto realizarase coa solicitude de axuda de acordo co establecido no artigo 10, e conforme o disposto neste precepto; así:

1. Comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda, procederase ao pagamento da axuda no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

2. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

3. Cando o importe da axuda sexa inferior a 30.000 €, a persoa beneficiaria deberá xustificar a aplicación dos fondos mediante a presentación da conta xustificativa simplificada, conforme o artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A conta xustificativa simplificada presentarase no anexo I que se xunta a esta orde, que incluirá:

a) Memoria do cumprimento das condicións da axuda, establecidas na letra a) do artigo 23 e na cal se inclúa detalle doutras axudas, de ser o caso, conforme o artigo 23, letra d), desta orde. Nesta memoria recollerase tamén sucintamente unha descrición do obxecto e actividade desenvolvida pola persoa solicitante, e para o cal se solicita a axuda.

b) Unha relación clasificada dos investimentos realizados dende o 30 de setembro de 2023 ata a data de solicitude, identificando o nome do provedor, o número de factura, o concepto subvencionable, a data de emisión, a data de pagamento e o seu importe sen IVE. O pagamento deberá estar efectuado mediante transferencia ou ingreso bancario.

Non obstante, a persoa beneficiaria está obrigada a conservar a referida documentación e achegala se for requirida para iso na fase de verificación da axuda ou en calquera control financeiro posterior.

4. A verificación desta relación poderase realizar a través de técnica de mostraxe sobre ao menos o 20 % dos expedientes concedidos, que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da axuda, para cuxo fin se lle poderá requirir á persoa beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto e documentación correspondentes.

5. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

6. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria. As facturas presentaranse en calquera das linguas oficiais de Galicia ou, na súa falta, acompañadas da tradución oficial.

O importe mínimo das facturas que poderán terse en conta nesta orde será de 300 € (IVE excluído).

7. Só se admitirán como documentación xustificativa do pagamento dos gastos documentos bancarios en que consten o número de conta e a titularidade das persoas receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet ou pagamentos con tarxeta. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberase presentar unha desagregación onde se poidan identificar os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

8. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

9. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía establecida en función do investimento.

10. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 28. Seguimento e control. Comunicación de fraudes e irregularidades

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións, poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

4. Con independencia do disposto nos puntos anteriores, calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente orde poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Convocatoria de subvencións para a anualidade 2024

Artigo 29. Convocatoria

Convócase para a anualidade 2024 a subvención para apoiar iniciativas de emprendemento de autónomos/as e pequenas e medianas empresas iniciadas desde o ano 2022, regulada polas bases contidas nesta orde.

Artigo 30. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 12 de febreiro de 2024 e estará aberto ata o 28 de xuño de 2024, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Artigo 31. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 30 de setembro de 2023 ata a data da presentación da solicitude

Os investimentos subvencionables deberán estar realizados no período de execución indicado e as facturas deberán estar emitidas e pagadas no dito período.

Tendo en conta o disposto no parágrafo anterior, os investimentos subvencionables deberán estar realizados e pagados con posterioridade á constitución ou alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e iniciada a súa actividade.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file