DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10950

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO do convenio coa Comunidade de Usuarios de Augas Fonte do Castro de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) para a encomenda da xestión recadatoria dos ingresos de dereito público.

Para xeral coñecemento, publícase o texto íntegro do seguinte convenio:

«Convenio entre a Deputación Provincial da Coruña e a Comunidade de Usuarios de Augas da Provincia da Coruña Fonte do Castro, Corcoesto (Cabana de Bergantiños), para a encomenda da xestión recadatoria dos ingresos de dereito público das comunidades de usuarios de augas da provincia na Deputación Provincial da Coruña.

A Coruña, 18 de decembro de 2020

REUNIDOS:

Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña.

José Luis Vázquez Varela, presidente da Comunidade de Usuarios de Augas da Provincia da Coruña Fonte do Castro, de Corcoesto.

EXPOÑEN:

As comunidades de usuarios de augas son entidades de dereito público de base corporativa, adscritas ao organismo de bacía, polo que deben adecuar as súas actuacións ao establecido nos seus estatutos ou ordenanzas, así como ao Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas (en diante, TRLA); ao Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (RDPH); á Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia (LAG); á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPAC), e á Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

O artigo 209.1 do RDPH, en relación co artigo 83.2 do TRLA, dispón que «as comunidades poderán executar por si mesmas e con cargo ao usuario os acordos incumpridos que impoñan unha obriga de facer. O custo da execución subsidiaria será exixible pola vía administrativa de constrinximento. Quedarán exceptuadas do réxime anterior aquelas obrigas que revistan un carácter persoalísimo».

Así mesmo, o artigo 212.1 do RDPH, en relación co artigo 83.4 do TRLA, establece que «as débedas da Comunidade de Usuarios para gastos de conservación, limpeza ou melloras, así como calquera outra motivada pola administración e distribución das augas, gravarán o predio ou industria en cuxo favor se realizaron, e poderá a Comunidade de Usuarios exixir o seu importe pola vía administrativa de constrinximento e prohibir o uso da auga mentres non se satisfagan, aínda cando o predio ou industria cambiase de dono. O mesmo criterio se seguirá cando a débeda proveña de multas ou indemnizacións impostas polos tribunais ou xurados».

Tendo en conta o anterior, ambas as dúas institucións consideran do maior interese asinar un convenio de cooperación coas seguintes

CLÁUSULAS:

Cláusula primeira. Obxecto do convenio

A Deputación Provincial da Coruña (en diante, a Deputación) asume, por encomenda de xestión, as competencias en materia recadatoria que se concretan máis adiante, en relación cos ingresos propios de dereito público dos cales son titulares as comunidades de usuarios de augas (en diante, a Comunidade), a que se refire o artigo 83 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, mediante a sinatura do correspondente convenio particular, sometido aos termos do convenio tipo aprobado polo Pleno da Deputación do 25 de setembro de 2020, entre a Deputación Provincial da Coruña e a Comunidade de Augas Fonte do Castro de Corcoesto (Cabana de Bergantiños).

Cláusula segunda. Réxime xurídico

O exercicio das competencias en materia recadatoria encomendadas pola Comunidade rexerase, en primeiro termo, polo disposto neste convenio e ademais:

a) Polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

b) Pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

c) Pola Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria.

d) Polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación.

e) Pola Ordenanza fiscal xeral da Deputación Provincial da Coruña.

f) Polas normas específicas de cada recurso, se as tivese.

g) Polas normas que desenvolvan, complementen ou modifiquen as anteriores.

h) Polas demais normas de obrigada aplicación á materia.

Cláusula terceira. Contido e alcance da encomenda

1. Contido.

A Comunidade encoméndalle á Deputación o exercicio das seguintes competencias en materia recadatoria respecto dos ingresos propios de dereito público de que é titular a Comunidade, aos cales se refire o artigo 83 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas:

a) Recadación en período voluntario e executivo dos que se liquiden e recaden mediante padrón anual.

b) Recadación en período executivo dos que non se inclúan en ningún padrón, cuxa recadación en período voluntario lle corresponderá á Comunidade.

2. Alcance.

A encomenda supón que a Deputación asume a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias de recadación en cada caso.

En particular, será competencia da Deputación o exercicio das seguintes funcións:

1) Tramitación, concesión e posterior seguimento de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento.

2) Declaración de insolvencias e de créditos incobrables.

3) Representación da Comunidade nos procedementos concursais en que resulte afectado algún expediente executivo.

3. Avocación.

A Comunidade poderá avocar para si mesma, mediante comunicación escrita e razoada dirixida á Deputación, a tramitación de determinados expedientes recadatorios en curso.

Neste suposto, a Deputación formulará data por baixa das débedas afectadas e quedará eximida de calquera responsabilidade que se puider producir no futuro con respecto a elas, que non poderán ser cargadas de novo á Deputación para a continuación do procedemento.

Cláusula cuarta. Colaboración da Comunidade

Co obxecto de facilitar o exercicio das competencias encomendadas á Deputación, a Comunidade asume as seguintes obrigas:

1. A elaboración e aprobación dos padróns anuais de recibos en voluntaria.

2. Respecto das liquidacións non incluídas nos padróns anuais e cuxa recadación en período voluntario realice a propia Comunidade, a emisión das providencias de constrinximento por parte do órgano competente da Comunidade, de acordo co que se estableza nas ordenanzas e regulamentos dela e, na súa falta, polo tesoureiro desta. Nelas deberán figurar os datos exixidos polos artigos 104 e 105 do Regulamento xeral de recadación.

3. A utilización das canles e formatos establecidos pola Deputación para o envío de información por parte da Comunidade.

4. A colaboración na identificación e localización dos obrigados ao pagamento ou debedores.

5. A posta á disposición do Servizo de Recadación da Deputación dos seus rexistros e bases de datos que conteñan información de interese recadatorio, respectando en todo caso o que establecen a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as normas que a desenvolven.

6. A exposición pública, nos lugares de costume, dos edictos e anuncios que emita a Deputación no exercicio das competencias delegadas.

Cláusula quinta. Subministración de información á comunidade

1. Estados demostrativos.

No primeiro semestre do exercicio seguinte, a Deputación enviaralle á Comunidade os estados demostrativos da xestión recadatoria do exercicio anterior, para a súa conformidade ou reparos. Dado o elevado volume da documentación, a facturación e os xustificantes que dan orixe aos estados demostrativos serán postos á disposición da Comunidade, para o seu exame, nas oficinas centrais do Servizo de Recadación. Non obstante, por petición da comunidade interesada, poderanse facilitar copias en casos concretos.

2. Información sobre o canon da auga e o coeficiente de vertedura.

Nos primeiros quince días de cada cuadrimestre, a Deputación enviaralle á Comunidade a información, referida á súa xestión no cuadrimestre anterior, necesaria para que a Comunidade presente a autoliquidación do canon da auga e do coeficiente de vertedura unha vez completada coa información referida á xestión da propia Comunidade no dito período.

3. Acceso ao sistema.

A Deputación establecerá un procedemento informático que lle permita á Comunidade facer un seguimento global da xestión que realice o Servizo de Recadación da Deputación, así como o acceso ás bases de datos do dito servizo para obter a información individualizada que a Comunidade precise para o exercicio das súas funcións, sempre dentro do marco definido pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, polas normas xerais que a desenvolvan e pola normativa específica que no seu cumprimento teña aprobada a propia Deputación.

Cláusula sexta. Taxas por prestación de servizos delegados

As taxas que aboará a Comunidade polos servizos encomendados serán recollidas na Ordenanza fiscal número 5 da Deputación.

O presente convenio non supón repercusión económica ningunha para a Deputación Provincial da Coruña e si o ingreso das citadas taxas.

Cláusula sétima. Liquidacións provisionais e definitiva

Da recadación en período voluntario mediante padrón efectuarase liquidación provisional no trimestre seguinte ao remate do correspondente período.

Da recadación en período executivo realizarase liquidacións provisionais de periodicidade trimestral.

No primeiro trimestre de cada exercicio practicarase a liquidación definitiva do exercicio anterior.

Ao efectuar as liquidacións, o importe líquido que se deberá entregar a cada comunidade delegante calcularase deducindo da recadación íntegra os seguintes importes:

1. Devolucións de ingresos indebidos.

2. Taxas por prestación dos servizos obxecto destas bases.

3. Outros importes que procedan, relacionados coas competencias delegadas, debidamente xustificados.

Cláusula oitava. Formalización e vixencia do convenio

A encomenda de xestión formalizarase nun convenio asinado polas dúas partes e que entrará en vigor o día seguinte ao da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da provincia. Tamén se publicará no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

O convenio terá un período inicial de vixencia de catro anos, contados desde a data de entrada en vigor.

Este período inicial de vixencia poderá prorrogarse tacitamente por un período igual, se ningunha das partes lle comunica á outra, cun mínimo dun ano de antelación ao seu vencemento, o seu desexo de deixalo sen efecto.

Cláusula novena. Normas de desenvolvemento

Facúltase o presidente da Deputación para aprobar, mediante resolucións, as normas que resulten necesarias para o cumprimento e desenvolvemento do convenio.

Cláusula décima. Protección de datos

A presente cláusula incorpórase en cumprimento da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Como queira que as competencias de recadación quedan encomendadas á Deputación, é esta quen posúe a condición de responsable dos ficheiros xerados en virtude da encomenda de xestión, e a Comunidade é a responsable do tratamento daqueles ficheiros precisos para o desenvolvemento da colaboración descrita neste convenio. Non se considera comunicación de datos a un terceiro o acceso a eles da asistencia técnica da Comunidade, ao tratarse dun acceso necesario para prestar un servizo ao responsable do tratamento, segundo dispón o artigo 13 da devandita lei.

Cláusula décimo primeira. Comisión de Seguimento

Para coordinar as actuacións e resolver as dúbidas que resulten do presente convenio, constitúese una comisión de seguimento formada por dous representantes designados por cada unha das institucións, do que resulta un total de catro membros.

Cláusula décimo segunda. Modificación do convenio

A modificación do presente convenio requirirá o informe da Comisión de Seguimento e a aprobación dos órganos competentes de ambas as dúas institucións; no caso da Deputación, o informe favorable da Secretaría Xeral e da Intervención.

Cláusula décimo terceira. Causas de resolución do convenio

Será causa de resolución do convenio o incumprimento por parte da Comunidade de Usuarios de Augas da provincia da Coruña da súa obriga de facilitar a información necesaria para desenvolver as funcións previstas no presente convenio, caso en que serán exixidas as correspondentes indemnizacións por danos e perdas.

Faise constar que o presente convenio segue o modelo aprobado por acordo plenario do 25 de setembro de 2020.

En proba de conformidade, ambas as partes asinan por cuadriplicado exemplar o presente convenio, no lugar e data sinalados ao inicio.

Valentín González Formoso, presidente da Deputación Provincial da Coruña. José Luis Vázquez Varela, representante da Comunidade de Augas Fonte do Castro. José Luis Almau Supervía, secretario xeral da Deputación Provincial da Coruña».

A Coruña, 9 de setembro de 2022

Valentín González Formoso
Presidente da Deputación
Provincial da Coruña

Amparo Taboada Gil
Secretaria xeral da Deputación
Provincial da Coruña