DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2024 Páx. 11050

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 16 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa Investigo, de contratación de persoas mozas demandantes de emprego na realización de iniciativas de investigación e innovación, e se realiza a súa convocatoria para o exercicio 2024 (código de procedemento TR349V).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, e a través do Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; do Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Correspóndelle, pois, á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o exercicio orzamentario 2024, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as cales están as medidas dirixidas, por unha banda, a fomentar a creación de emprego de calidade e, por outra, a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia europea para o emprego, do Programa nacional de reformas, do respectivo plan anual de política de emprego (PAPE).

Así mesmo, a disposición adicional do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, que regula os programas comúns das políticas activas de emprego, as comunidades autónomas poderán desenvolver programas propios adaptados á realidade do seu ámbito territorial, que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolve neste caso para incentivar e favorecer a contratación de persoas desempregadas por parte de persoas traballadoras autónomas ou profesionais, para promover a consolidación do emprego autónomo creando novos empregos estables.

En Galicia, en sintonía coa situación xeral en Europa, o desemprego xuvenil representa un perigo para o equilibrio xeracional e o risco de exclusión sociolaboral dos colectivos máis vulnerables, con especial énfase no desemprego de longa duración, e o mesmo cabe dicir da persistencia da desigualdade de xénero. É importante sinalar que as persoas mozas traballadoras é un dos colectivos máis prexudicados coas sucesivas crises económicas. No mercado de traballo español téñense, que enfrontar ademais á precariedade da súa contratación e ao requisito da experiencia laboral previa para poder acceder ao mercado laboral.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e da sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a 3 prioridades temáticas transversais, e pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de 5 obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articulan os instrumentos e actuacións que se deberán desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 4 busca asegurar as capacidades das persoas.

En consecuencia, estas bases reguladoras enmárcanse na RIS3, e responden polo seu carácter transversal aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico asegurar as capacidades das persoas (obxectivo estratéxico 4) e intégrase polo tanto no programa Persoas e talento.

O obxecto desta norma ten como finalidade a contratación de persoas mozas maiores de 16 e menores de 30 anos, investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i en empresas que invistan en investigación e innovación. As actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde desenvolveranas as persoas mozas sinaladas, entre outras, en iniciativas relacionadas coa sanidade, a transición ecolóxica e a economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e residuos e industria agroalimentaria), a dixitalización de servizos e enxeñaría de datos ou data science, así como proxectos de investigación destinados ás áreas sociais, culturais, artísticas ou calquera outro ámbito de estudo. Con este programa revértese na sociedade a alta formación de tecnólogos e tecnólogas.

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); ao Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e ao Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro).

En canto ao procedemento de concesión, establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que, de acordo coa finalidade e obxecto do programa, non resulta necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión da axuda se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Esta orde tramítase de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2024; no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A presente orde cumpre cos principios de boa regulación, de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento concreto, no relativo aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas.

En consecuencia, e logo de informado o Consello Galego de Relacións Laborais e dos informes favorables da Secretaría Xeral de Igualdade, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, en virtude das atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas cales se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións do Programa Investigo, para o exercicio 2024 (código de procedemento TR349V).

Será obxecto das subvencións reguladas na presente norma a contratación de persoas mozas, de 16 ou máis anos e que non fixesen os 30 anos no momento de comezar a relación contractual, por parte de empresas que estean a investir en investigación e innovación na realización das iniciativas de investigación e innovación recollidas nesta norma.

2. O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. As entidades beneficiarias deberán ter o seu domicilio social e/ou centro de traballo en Galicia.

Artigo 2. Actividades e ocupacións de cobertura preferente

1. As actividades obxecto das axudas enmarcadas nesta orde serán desenvolvidas polas persoas capacitadas para levar a cabo proxectos de investigación en calidade de investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i, facilitarase a súa inserción laboral para contribuír a incrementar a competitividade da investigación e a innovación.

2. As iniciativas de innovación e investigación e as dos departamentos de I+D+i desenvolveranse preferentemente en ocupacións referidas a transición ecolóxica, a economía verde (enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria), dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science, así como outras tarefas encadradas no marco da Estratexia de especialización intelixente RIS3 2021-2027. Con este programa revértese na sociedade a alta formación deste persoal. Ademais, as iniciativas poderán desenvolverse en ocupacións referidas a sanidade e investigación.

Artigo 3. Financiamento

1. O financiamento efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, a través dos créditos consignados na aplicación orzamentaria 13.30.322C.470.0, código de proxecto 2024 00077, cun importe de 4.817.400 €.

2. O crédito recollido no número anterior poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo da aprobación, se é o caso, da modificación orzamentaria que proceda. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. A contía máxima deste crédito para esta convocatoria poderá incrementarse, e o dito incremento condicionarase á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 4. Entidades beneficiarias da subvención

1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias da subvención as empresas pertencentes ao sector privado radicadas en Galicia que estean a investir na realización de iniciativas de investigación e innovación, incluídas as empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, atendendo ao previsto no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

2. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades e centros que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Destino das subvencións públicas, contías e financiamento

1. As subvencións para a contratación destinaranse ao financiamento dos custos laborais e salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social, das persoas mozas que sexan contratadas para o desenvolvemento e execución das iniciativas de investigación e innovación do Programa Investigo.

Non se poderán contratar persoas mozas que desempeñasen nos 6 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude desta axuda calquera tipo de posto na mesma empresa ou grupo de empresas.

Tampouco se poderán contratar ao abeiro desta convocatoria de axudas as persoas mozas cuxos contratos foron subvencionados ao abeiro do Programa Investigo nas convocatorias dos anos 2022 e 2023.

A modalidade contractual que se utilizará será, preferentemente, o contrato indefinido. Quedan excluídos os contratos fixos descontinuos e os contratos formativos.

O período subvencionado será de 12 meses, sen prexuízo do establecido no punto 3.a) deste artigo. A xornada de traballo será a tempo completo.

2. Os custos laborais incluirán os custos salariais, incluíndo os gastos de cotización por todos os conceptos á Seguridade Social.

3. A concesión das subvencións, así como a súa xustificación, realizarase a través do réxime de módulos, de acordo co establecido nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia. Para implementar o devandito réxime de módulos, establécense os seguintes módulos, configurados considerando o custo unitario validado pola Intervención Xeral do Estado para este programa, por persoa contratada participante no Programa Investigo:

a) Para compensar os custos laborais recollidos no punto 2 deste artigo:

Modulo A: o módulo ascenderá a 22.405,92 euros por persoa contratada e ano de contratación (1.867,16 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 9 a 5, ambos incluídos.

Módulo B: o módulo ascenderá a 33.108,84 euros por persoa contratada e ano de contratación (2.759,07 euros por mes), no caso de contratos nos grupos de cotización da Seguridade Social 4 a 1, ambos incluídos.

De acordo con iso, o importe desta subvención calcularase en función das previsións recollidas no proxecto: número de persoas que se van contratar e meses de contratación de cada unha delas, e o módulo segundo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda, de acordo co sinalado anteriormente.

4. As subvencións reguladas na presente orde serán incompatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entidade, pública ou privada.

5. O número máximo de contratos que se van subvencionar e, polo tanto, solicitar establécese en 5.

Artigo 6. Actividade subvencionada

1. A actividade subvencionada consistirá na contratación de persoas mozas na modalidade de contrato que mellor se axuste ás circunstancias concretas de cada iniciativa acorde coa lexislación vixente, para o desenvolvemento e execución das funcións, tarefas e iniciativas de investigación e innovación que sexan competencia das entidades beneficiarias dentro do Programa Investigo.

As actividades de investigación e innovación que realice o persoal contratado deberán desenvolverse en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cubriranse postos en tarefas relacionadas coas actividades sinaladas no artigo 2.2.

Artigo 7. Réxime e inicio do procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión das axudas será o de concorrencia non competitiva.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

3. As resolucións de concesión ditaranse por orde de presentación de solicitudes, unha vez realizadas as comprobacións de concorrencia da actuación subvencionable e o cumprimento do resto de requisitos exixidos, ata o esgotamento do crédito orzamentario asignado na convocatoria.

Artigo 8. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes de concesión de subvencións dirixiranse á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Presentarase unha única solicitude por entidade para todas as contratacións que se van realizar.

As solicitudes presentadas fóra do prazo previsto na convocatoria darán lugar á súa inadmisión.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras, así como a aceptación da axuda.

4. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, só no caso de que non estea inscrito no Rexistro Xeral de Apoderamentos de Galicia. Os poderes inscritos no dito rexistro poderán ser comprobados de oficio polo órgano xestor.

b) Documento constitutivo da entidade, onde conste a I+D+i como a súa actividade principal e/ou memoria descritiva en que conste o proxecto de I+D+i en que está a investir a empresa, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na cal fan constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, especificamente, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

c) Os datos do proxecto ou actividade de investigación ou innovación que se vai realizar, en que se recollerá, así mesmo, a descrición das actividades que se van desenvolver por cada unha das categorías profesionais que se pretenden contratar, e a duración e número de contratos, así como as previsións dos custos do programa.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa presentase anteriormente a persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante ou representante.

c) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de código conta de cotización da entidade solicitante.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

k) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia da persoa traballadora contratada.

l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

m) Contrato laboral da persoa traballadora pola cal se solicitou a subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Instrución e tramitación

1. O órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos, de concorrencia da actuación subvencionable e do cumprimento do resto de requisitos exixidos, en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentou a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral de Emprego requirirá a entidade interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se considerará por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante en calquera fase do procedemento que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

5. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, que non se presenten nos modelos normalizados quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. En todo caso, non se admitirán a trámite e arquivaranse sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria.

7. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

9. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Resolución

1. O órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, quen resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Na resolución de concesión serán informadas as persoas beneficiarias de que estas axudas se someten ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo a aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, e aos regulamentos (UE) núm. 717/2014, do 27 de xuño, (sector pesca e acuicultura) e núm. 1408/2013, do 18 de decembro (sector agrícola).

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. O prazo de resolución e notificación será, como máximo, de dous meses, contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A resolución administrativa conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Contía da subvención que se vai outorgar, con indicación o número de persoas que contratarán.

b) Categoría profesional, grupo ou nivel profesional e actividade que desenvolverán as persoas que se van contratar.

c) Localización xeográfica provincial das contratacións que se realizarán.

5. Dada a natureza da subvención, os rendementos financeiros que se xeren polos anticipos de fondos librados non incrementarán o importe da subvención concedida.

6. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

7. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado, para estes efectos, na aplicación orzamentaria fixada no artigo 3 desta orde.

8. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa. Contra estas resolucións poderá interporse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de acordo coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, a teor do disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

9. Os incrementos de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención.

10. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, a entidade beneficiaria poderá solicitar a súa modificación. Esta modificación deberá cumprir os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e deberá fundamentarse en circunstancias sobrevidas tras a resolución e durante o prazo de execución da actividade subvencionada para cada entidade beneficiaria, así como formalizarse con carácter inmediato ao seu acaecemento e, en todo caso, antes da finalización do citado prazo de execución.

2. O órgano competente ditará a resolución en que acepte ou denegue a modificación proposta no prazo de dous meses desde a data en que a solicitude entrase no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Unha vez transcorrido este prazo sen notificarse resolución expresa, a solicitude poderá entenderse desestimada.

As resolucións poderán retrotraer os seus efectos, como máximo, ao momento da presentación da solicitude de modificación. En todo caso, a modificación só se autorizará se non dana dereitos de terceiras persoas.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras

Na selección das persoas para contratar teranse en conta os criterios establecidos para este fin na Orde TES/1267/2021, do 17 de novembro, e especificamente:

1. As persoas que se contratarán deberán ser persoas mozas de 16 ou máis anos e que non tivesen feitos os 30 anos e que estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento de comezar a relación contractual. Ademais, deberán cumprir os requisitos exixidos para a modalidade de contrato que se formalice, axustándose ás circunstancias concretas de cada iniciativa, acorde coa lexislación vixente. Estes requisitos deberanse cumprir ao comezo da súa participación no programa.

Considérase persoa inscrita aquela que figure como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia con anterioridade ou no mesmo día da contratación que se subvenciona.

Considérase persoa que carece de ocupación aquela que non estea en situación de alta no día anterior á contratación que se subvenciona, segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional.

Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que estean nalgún dos casos recollidos no artigo 4.1a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.

2. As persoas traballadoras obxecto de contratación seleccionaranse tendo en conta os seguintes criterios:

a) Maior adecuación entre a formación académica da persoa moza en relación co programa de investigación que se desexa levar a cabo.

b) Dispor de estudos específicos relacionados coa materia que se vai desenvolver, tales como másteres, graos ou/e calquera que, estando homologados polo ministerio competente en materia de educación ou/e universidades, lles outorgue maiores capacidades e competencias para levar a cabo o programa de investigación.

c) A valoración curricular e das persoas candidatas deberá realizarse mediante o uso de currículo cego, garantindo o principio de non-discriminación por ningunha razón.

Artigo 18. Selección e contratación das persoas traballadoras

1. Para a cobertura dos contratos, as entidades beneficiarias poderán utilizar o portal Emprego Galicia ou o Servizo Público de Emprego de Galicia, e solicitaranlle á oficina de emprego correspondente as persoas desempregadas para contratar.

Na oferta farase referencia aos requisitos e características que deben reunir as persoas traballadoras que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ao contrato.

2. Unha vez efectuada a selección dos traballadores e das traballadoras, as entidades beneficiarias contratarán as persoas traballadoras seleccionadas utilizando, preferentemente, a modalidade de contratación indefinida.

3. Os contratos deberán ser comunicados no prazo de 10 días desde a súa realización, a través da aplicación Contrat@, á oficina de emprego que corresponda.

4. Os contratos deberán dar comezo antes do 15 de maio de 2024, salvo en casos de forza maior ou por causas debidamente xustificadas, en que se poderá autorizar o aprazamento do inicio por parte da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

5. A persoa moza contratada terá os mesmos dereitos que o resto de persoas traballadoras da entidade ou empresa, segundo o establecido no Estatuto dos traballadores, convenio colectivo de aplicación e contrato individual pactado. As entidades beneficiarias deberán facilitarlles ás persoas destinatarias a aplicación das medidas que teña xa implementadas para favorecer a conciliación da vida laboral, familiar, persoal e a igualdade de xénero.

6. A entidade beneficiaria comunicaralle a través da sede electrónica á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o inicio dos contratos no prazo de cinco días hábiles desde o dito inicio, e indicará o número de persoas traballadoras desempregadas contratadas.

No momento de presentación desta documentación, a persoa beneficiaria deberá dispor dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, no cal autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo II. No caso de que se opoñan á consulta, deberán comunicalo e presentar a correspondente documentación.

Así mesmo, deberá presentar debidamente cuberta a folla de cálculo denominada anexo A Datos ao inicio das contratacións, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 19. Forma de pagamento e xustificación da subvención

1. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos establecidos na presente orde e resolta a concesión da axuda, realizarase o pagamento, con carácter anticipado, do 100 % da axuda, no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude, mediante o correspondente documento contable de pagamento.

2. O cumprimento dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable da persoa beneficiaria, emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión.

3. As entidades beneficiarias estarán exentas de constituír garantías, de conformidade co establecido nos artigos 65.4 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As entidades beneficiarias, no prazo de dous meses, computados, desde a finalización das contratacións, presentarán ante a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social a xustificación do cumprimento das actuacións subvencionadas e dos gastos realizados, mediante o réxime de módulos, de acordo co previsto nos artigos 52 a 55 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Esta xustificación incluirá a seguinte documentación, que deberá presentar a entidade beneficiaria:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que inclúa expresamente as establecidas no artigo 17.2 desta orde, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como do cumprimento segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia. A memoria incluirá as actuacións realizadas polas persoas participantes contratadas.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas en función dos resultados obtidos, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia, que conterá, como mínimo, os seguintes aspectos:

1º. Acreditación ou declaración da entidade beneficiaria sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo, de conformidade co previsto no artigo 5, especificarase para este fin:

Persoas contratadas, distinguindo o grupo de cotización da Seguridade Social que corresponda e tempo de contratación de cada unha delas, segundo o especificado no punto 3 do artigo 5.

2º. Contía global da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos recollidos no artigo 5, segundo o sistema de cálculo e cuantificación mediante custos unitarios establecido no dito artigo.

A liquidación da subvención realizarase en función das persoas contratadas no proxecto, por ano (ou mes) de permanencia. En ningún caso a liquidación poderá superar a contía da subvención inicialmente concedida. O cálculo realizarase considerando o número de persoas contratadas, por ano (ou mes) de permanencia e polo módulo económico correspondente, en función do grupo de cotización da Seguridade Social.

3º. Detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e da súa procedencia, así como a acreditación de ingresar, de ser o caso, o importe correspondente á diferenza entre a cantidade xustificada e a recibida en concepto de anticipo.

c) Xunto coa anterior documentación deberá presentar debidamente cuberta a folla de cálculo denominada anexo B Datos ao remate das contratacións, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Con todo, segundo o disposto no artigo 55 do mencionado regulamento, as entidades beneficiarias estarán dispensadas da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil ou calquera outra documentación xustificativa dos gastos realizados, sen prexuízo da obriga da entidade beneficiaria de conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das correspondentes actuacións de comprobación e control, segundo dispón o artigo 11.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como de calquera outra obriga derivada da normativa estatal ou da Unión Europea que así o exixa.

Artigo 20. Seguimento, control e avaliación

1. As entidades beneficiarias deberán someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora obxecto de subvención durante un período mínimo de trinta e seis meses, contados desde a data de realización da contratación.

No suposto de extinción da relación laboral dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, ou no caso de excedencias, a entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación pola que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que cause baixa. Para cumprir esta obriga, a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación deberá serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención.

No caso de que se produzan substitucións, a persoa beneficiaria deberá dispor dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo II. No caso de que se opoñan á consulta, deberá comunicalo e presentar a correspondente documentación.

b) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

c) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa cualificación profesional e titulación.

d) Se é o caso, proporcionarlles ás persoas contratadas a roupa de traballo e os equipamentos necesarios e asegurar que se realizará o seu mantemento.

e) Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

f) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, nun prazo de 5 días hábiles desde que se produzan, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

g) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

h) Notificar a totalidade das axudas obtidas, dentro do réxime de minimis en que se encadra esta orde, e deberase sinalar, ademais, cales destas foron obtidas para a mesma finalidade.

i) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos.

j) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade do financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel nun lugar visible do lugar do traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento, reintegros, réxime sancionador e devolución voluntaria da subvención

1. No caso de que a entidade beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións ou, de ser o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: perda do dereito ao cobramento, de ser o caso, ou reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

c) Incumprimento das condicións establecidas nos artigos 17 e 18 desta orde de convocatoria para a selección e contratación das persoas traballadoras: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado e a exixencia de xuros de demora.

d) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicarlle ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

e) Procederá o reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

f) O atraso no cumprimento da obriga de satisfacer ao seu vencemento, con independencia do cobramento da axuda, as obrigas económicas de carácter salarial: reintegro do 10 % do incentivo. Para o caso de reincidencia, entendendo como esta a segunda comisión deste incumprimento cunha mesma persoa traballadora: reintegro total do incentivo que corresponda á dita persoa.

g) No caso de incumprimento de mantemento do emprego polo período mínimo de 36 meses: reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria ou falecemento da persoa traballadora, que realizará a devolución parcial da axuda concedida de non optar a entidade beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía que se vai reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.

Igual criterio de reintegro parcial procederá no caso de que se realice a substitución nun prazo superior ao establecido na letra a) do artigo 21.

O cálculo do importe para devolver realizarase do seguinte xeito:

Primeiro. Divídese o incentivo entre o número de días obrigatorios de mantemento de emprego (1.080 días).

Segundo. Calcúlanse os días desde que se produciu a baixa laboral ata a data en que se cumprirían 36 meses de contrato.

Terceiro. Multiplícase o resultado do punto primeiro polo resultado do punto segundo.

En ningún caso terá carácter subvencionable a indemnización por despedimento, de ser o caso.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, será de aplicación o réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, de ser o caso, o disposto no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado por Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de maio.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á algunha entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Comunicación de feitos constitutivos de fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

Artigo 25. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis

Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro); no Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L190, do 28 de xuño) e no Regulamento (UE) núm. 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L352, do 24 de decembro). Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, no caso de axudas a empresas, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros durante o período dos tres anos previos. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 40.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola, o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas, terase en conta o concepto de «única empresa» establecida no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.

Disposición adicional primeira. Dispoñibilidade orzamentaria

A concesión das subvencións queda condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio económico.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional terceira. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) e 17.3.b) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiráselle á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición final primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións, instrucións, aclaracións ou interpretacións necesarias para a aplicación, desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Disposición final segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file