DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 7 de febreiro de 2024 Páx. 11446

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se amplía o prazo de reclamación contra as puntuacións provisionais na convocatoria excepcional do proceso de estabilización, polo sistema de concurso na categoría de celador/a.

A Resolución do 17 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 18, do 25 de xaneiro), pola que se declaran con carácter definitivo as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario, establece no seu punto cuarto que os/as aspirantes admitidos/as poderán presentar reclamación, ante o propio tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional. O prazo de reclamación finaliza o día 8 de febreiro de 2024.

Detectada unha incidencia na baremación provisional na categoría de celador/a que obrigou a publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), os listados corrixidos o día 31 de xaneiro, esta dirección xeral como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Ampliar o prazo de reclamación contra as puntuacións provisionais publicadas na páxina web (www.sergas.es) na convocatoria excepcional do proceso de estabilización, polo sistema de concurso na categoría de celador/a, dada a incidencia producida.

Os/as aspirantes admitidos/as na categoría de celador poderán presentar reclamación, ante o propio tribunal, ata o 15 de febreiro de 2024. Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará esta dirección xeral e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, logo da análise das reclamacións polo tribunal, que efectuará, de ser o caso, as oportunas correccións, aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso e elevaraas á autoridade convocante.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos