DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 12082

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 29 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).

BDNS (Identif.): 742489.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e normativa de aplicación

O obxecto destas bases é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos para subministración en vivendas ou inmobles de carácter residencial.

2. Estas subvencións destinadas a proxectos de enerxía fotovoltaica en ámbitos non urbanos convócanse en réxime de concorrencia competitiva

3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades colaboradoras estarán dadas de alta na Consellería de Economía, Industria e innovación para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías fotovoltaica como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 29 de xaneiro de 2024, da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (Inega), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).

Cuarto. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 1.500.000 € e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.780.5 e 09.A3.733A.781.7.

Este crédito está confinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (subintervención 68720_4-renovables. Eficiencia enerxética), nun 28 % por fondos propios da Comunidade Autónoma e nun 12 % por fondos finalistas do Estado.

Quinto. Contía da axuda

A intensidade da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, tendo en conta o seu orzamento e os custos elixibles recollidos nestas bases reguladoras.

Na procura de instalacións de potencia racionais, establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 €. No caso de que o proxecto solicitado inclúa baterías de potencia igual ou superior a 4 kWh, incrementarase en 2.000 €.

A contía máxima por proxecto multivivenda será de 25.000 €.

Sexto. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 29 de febreiro de 2024 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de febreiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 21 de marzo de 2024 ou cando se esgoten os fondos. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia