DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 11928

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 19 de xaneiro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract, como anticipada de gasto (código de procedemento IN500B).

BDNS (Identif.): 743041.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal (exceptuando os produtos alimentarios) como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014, da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

2. Para a liña 3 establecida no artigo 4 tamén poderán ser beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Así mesmo, e exclusivamente no caso de investimentos vinculados á dixitalización da industria forestal e á rastrexabilidade dos produtos forestais, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

3. Para a liña 5 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En calquera caso, deberán desenvolver a súa actividade en Galicia.

4. Para a liña 6 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.

5. Para acadar a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:

1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe do mesmo ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento.

3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria-Modelo 390 ou Modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).

b) Deberán ter vixente na data de publicación da convocatoria un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract ou vinculadas á transformación de produtos de orixe forestal e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que dispoñen do seguro de responsabilidade civil vixente e, no suposto de ser exixible, do contrato de prevención de riscos laborais.

c) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben, deberán estar dados de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.

6. Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:

a) Aquelas persoas ou entidades solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme á normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito .

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán achegar na súa solicitude a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003.

Segundo. Obxecto

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade, a diversificación, ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou solucións, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Serán igualmente subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que teñan como obxectivo a dixitalización e a mellora da seguridade e saúde na contorna laboral das empresas da industria forestal e do contract.

2. Considéranse subvencionables as seguintes actuacións desagregadas por liñas estratéxicas:

Liña 1. Competitividade e valorización.

Investimentos dirixidos á mellora da competitividade das industrias forestais e á valoración dos seus produtos.

Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:

a) Compra de maquinaria nova vinculada aos procesos de transformación de produtos de orixe forestal non alimentarios, así como para os procesos de secado e doutros tratamentos e acabados da madeira.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

Liña 2. Mobiliario, contract e construción.

Investimentos vinculados á fabricación de mobiliario de madeira e de produtos de madeira para a construción.

Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:

a) Compra de maquinaria nova vinculada ao deseño e fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción.

b) Obras e instalacións necesarias para a correcta instalación e funcionamento dos investimentos obxecto de subvención.

Liña 3. Dixitalización.

Investimentos para a dixitalización da industria forestal vinculados aos procesos que utilicen madeira ou os seus derivados e que comprendan polo menos algunha das seguintes actuacións:

a) Implantación de sistemas de dixitalización, xa sexa dalgún proceso concreto (por exemplo, interacción coa Administración pública ou proceso de fabricación) ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), especificamente deseñados, desenvoltos ou adaptados a un proceso concreto vinculado a utilización ou transformación da madeira e os seus derivados.

b) Posta en marcha de sistemas para a xestión do ciclo de vida de produtos feitos en madeira. Solucións tales como PDM, PLM ou DMF que recollan a información do produto desde a concepción deste ata a súa eliminación ou posta á venda, incluíndo o deseño e fabricación.

c) Implantación de sistemas para o control e/ou mellora dos procesos produtivos, por exemplo, sistemas de captura de datos, automatización, supervisión remota, sensórica e/ou mantemento preventivo.

d) Dixitalización procesos que poidan levar asociada a impresión 3D ou fabricación aditiva de produtos feitos con madeira no proceso produtivo da empresa.

e) Despregue de sistemas de planificación, control dos recursos empresariais e/ou loxística, tanto interna como externa.

f) Automatización e/ou sensorización de produtos ou servizos para o seu control e rastrexabilidade.

g) Implementar sistemas de interconexión de elementos físicos e virtuais, procesamento de datos capturados (big data) e ciberseguridade.

h) Desenvolver e poñer en marcha sistemas de analítica avanzada, intelixencia artificial, aprendizaxe automática e/ou toma de decisións autónoma (intelixencia empresarial) en relación coa industria das empresas beneficiarias.

i) Desenvolver ou adoptar unha interface dixital para as interaccións comerciais cos clientes ou provedores da industria forestal-madeira.

j) Implantar e/ou desenvolver sistemas de integración da cadea de valor, tanto a nivel organizativo en sentido horizontal como a nivel de colaboración en sentido vertical.

Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:

a) Custos de colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto (diagnóstico, planificación ou definición e desenvolvemento dos servizos previstos). As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normal da empresa como son servizos rutineiros de asesoría fiscal, servizos xurídicos ou de publicidade.

b) Custos asociados ás actuacións de formación necesarias para a posta en marcha das ferramentas adquiridas. Será subvencionable como máximo ata o 10 % do orzamento total do proxecto.

c) Custos de adquisición de dispositivos tales como sensores, automatismos e equipos de comunicacións necesarios para o obxecto do proxecto. Soamente serán subvencionables os computadores persoais e servidores, impresoras, terminais, displays, tabletas, consolas e similares, que sexan de uso indispensable como interface para captura de datos ou configuración de dispositivos. Será subvencionable como máximo ata o 50 % do orzamento total do proxecto.

d) Gastos derivados do desenvolvemento, implantación e posta en funcionamento do software relacionado co proxecto. Considéranse nesta epígrafe:

• Custos de subscrición a software: admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante o período de execución do proxecto. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable pro rata.

• Licenzas de software para aplicacións de empresas do sector forestal-madeira que interoperen coas portelos administrativas da Xunta de Galicia e para o uso da solución obxecto das actuacións realizadas, excluíndo o software de propósito xeral, por exemplo, sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes, salvo nos casos en que este tipo de software forme parte inseparable doutros activos que sexan obxecto de subvención dentro do proxecto.

Liña 4. Certificacións, ensaios e informes.

Investimentos necesarios para a obtención de certificados ambientais, de calidade ou de sostibilidade ambiental, social e económica así como marcas de conformidade de produto ou ensaios de caracterización dos mesmos.

Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:

a) Implantación e certificación da cadea de custodia de produtos forestais, de normativas de calidade e de xestión ambiental.

b) Procesos de certificación da integración da variable ambiental no deseño conforme á norma ISO 14006 Xestión ambiental-Directrices para a incorporación do Ecodeseño ou á norma UNE-EN ISO 14020 Etiquetas ecolóxicas e declaracións ambientais.

c) Informes, servizos, bens, equipos, tecnoloxías e obras de acondicionamento necesarios para a obtención de certificados ou selos de calidade e medioambientais, marcas de garantía rexistradas, marcas colectivas rexistradas ou implantación do marcado CE de produtos de orixe forestal e condicionados á obtención dos mesmos dentro do prazo de xustificación da axuda.

d) Ensaios de caracterización de produto realizados conforme a normativa oficial por un laboratorio acreditado para a realización do ensaio.

Liña 5. Seguridade e saúde na contorna laboral.

Investimentos dirixidos á mellora da seguridade e saúde da industria forestal así como á mellora e adecuación das condicións de seguridade contra incendios dos activos.

Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:

a) Servizos para a implantación e certificación do estándar OHSAS 18001 (xestión da seguridade e saúde no traballo-SST).

b) Creación, mellora e expansión de servizos de prevención mancomunados (SPM).

c) Informes de estado de cada establecemento, no relativo a PCI, tanto desde un enfoque normativo como desde unha óptica de adecuación ao nivel de risco real, realizados por entidades (enxeñarías, consultorías) especializadas na materia.

d) Medidas orientadas á minimización do risco de orixe e propagación de incendios. Estas poden ser tanto executivas (sectorización, protección pasiva, etc) como operativas (protocolos de actuación, traballos en quente, etc.).

Liña 6. Ecoinnovación.

a) Investimentos vinculados ao ecodeseño de produtos ou materias que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ou longo do ciclo de vida, respecto a outras alternativas ou modelos anteriores mediante:

i. O deseño máis eficiente do produto reducindo o uso de materiais.

ii. A incorporación de materiais con menor impacto ambiental.

iii. O Aumento da vida útil do produto desde o punto de vista técnico.

iv. Aplicación de novos tratamentos industriais da madeira libres de substancias contaminantes (como por exemplo, a utilización de vernices con baixo contido de COV ou a utilización de colas alternativas a PVAc).

v. Optimización do deseño para facilitar o desmonte ao final da vida útil do produto, facilitando a identificación e separación dos distintos materiais que o compoñen.

b) Investimentos para a implantación de solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais nos procesos propios das persoas beneficiarias mediante:

i. Creación de novos modelos de negocio orientados á servitización dos produtos feitos en madeira ou produtos derivados.

ii. Optimización do consumo de recursos, a través da aplicación de mellores técnicas de produción ou a redución das etapas do proceso de fabricación dos produtos feitos en madeira.

iii. Desenvolvemento e implementación de procesos de postvenda, orientados a ofrecer servizos de mantemento, reparación e repostos por un período de tempo prolongado.

iv. Incorporación de procesos de recuperación e revalorización de produtos e subprodutos de madeira (produción de biomasa, compostaxe, novos produtos, etc.).

v. Mellora da eficiencia nos procesos de distribución, a través da redución do volume e peso das embalaxes, uso de transportes máis eficientes ou o uso de envases e embalaxes reutilizables. Quedan excluídas as actuacións referidas a eficiencia enerxética.

c) Investimentos para a introdución de ferramentas para a análise dos aspectos ambientais que permitan á empresa identificar e, nalgúns casos, cuantificar os impactos ambientais asociados ás distintas fases do ciclo de vida en procesos produtivos vinculados coa madeira. As ferramentas previstas poderán incluír as seguintes:

i. Lista de comprobación (checklist).

ii. Valoración estratéxica ambiental (VEA).

iii. Input material por unidade de servizo (MIPS).

iv. Matriz de materiais, enerxía e emisións tóxicas (MET).

v. Ecoindicadores.

vi. Análise do ciclo de vida (ACV).

Terán a consideración de conceptos de gasto subvencionables os seguintes:

a) Custos de colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, consultoría, ensaios e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto (diagnóstico, planificación ou definición e desenvolvemento dos servizos previstos). As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normal da empresa como son servizos rutineiros de asesoría fiscal, servizos xurídicos ou de publicidade.

b) Custos asociados ás actuacións de formación necesarias para a posta en marcha das solucións adoptadas. Será subvencionable como máximo ata o 10 % do orzamento total do proxecto.

c) Custos de materiais e subministracións, coa condición de que deriven directamente do desenvolvemento do proxecto. Será subvencionable como máximo ata o 50 % do orzamento total do proxecto.

d) Custos de subscrición a software. Admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante a vixencia da axuda. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable pro rata.

e) Custos de adquisición de licenzas de software e/ou propiedade intelectual ou industrial, sempre que sexan de uso específico para o desenvolvemento das tarefas incluídas no proxecto e non de uso xeral.

Terceiro. Contía

1. As axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Código proxecto

Aplicacións

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

2021 00002

14.A4.741A.770.0

625.000,00 €

2.925.000,00 €

3.550.000,00 €

14.A4.741A.771.0

60.000,00 €

0,00 €

60.000,00 €

14.A4.741A.780.2

70.000,00 €

320.000,00 €

390.000,00 €

Total

755.000,00 €

3.245.000,00 €

4.000.000,00 €

2. Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50 % dos gastos elixibles.

No caso de investimentos da liña 3, esta porcentaxe verase incrementada ata o 70 % cando a actuación obxecto de solicitude consuma un ou varios servizos web publicados pola Consellería do Medio Rural (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/servizos-web-forestais) e naqueles proxectos de rastrexabilidade en que se graven as transaccións na plataforma Blockchain da Xunta de Galicia denominada Fortra (https://fortra.xunta.gal/). Nos dous casos, a persoa beneficiaria deberá comprometerse á utilización dos ditos servizos durante un tempo mínimo de 3 (tres) anos computados desde que se produza o derradeiro pagamento da axuda.

3. A axuda máxima por solicitante limitarase a 60.000 euros de modo xeral e a 200.000 euros no caso de que se subvencionen actuacións encadradas nas liñas estratéxicas 1 ou 2, definidas no artigo 4.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2024

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal