DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13047

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2024, conxunta da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a apoiar as misións de especialización intelixente de Galicia, no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN856C).

missing image file

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga oos poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Así mesmo, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencias exclusivas do Estado. Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, pola que se crea o Instituto Galego de Promoción Económica, establece que o Instituto Galego de Promoción Económica ten entre as súas finalidades o fomento da modernización e a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo polo que se aproba a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco das políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3 de Galicia 2021-2027 aborda a través da I+D+i tres grandes retos para a economía e a sociedade galega, definíndoos do seguinte xeito:

• O reto 1 está enfocado na xestión innovadora dos recursos naturais e culturais. O seu obxectivo é modernizar os sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, agrarias, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

• O reto 2 pretende aumentar a competitividade e o coñecemento do modelo industrial galego, incrementando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia mediante tecnoloxías esenciais facilitadoras e a evolución das cadeas de valor.

• O reto 3 céntrase na promoción dun estilo de vida saudable e o envellecemento activo da poboación, posicionando a Galicia como a rexión líder do sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun estilo de vida saudable e un modelo de envellecemento activo.

Para o despregamento dos retos, a RIS3 de Galicia 2021-2027 orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara tres prioridades temáticas transversais (sostibilidade, dixitalización e enfoque cara as persoas). Así mesmo, conta con cinco obxectivos estratéxicos e os seus correspondentes programas.

O obxectivo estratéxico 3 busca impulsar o desenvolvemento das cadeas de valor consolidando os segmentos en que existe masa crítica e completando progresivamente aqueles nos que hai un menor desenvolvemento desde a perspectiva da especialización intelixente de Galicia. Este obxectivo estratéxico busca dar resposta a catro desafíos: completar os segmentos menos desenvolvidos nas cadeas de valor, incorporar un maior compoñente de transformación (maior valor engadido) nas cadeas de valor, sistematizar a colaboración entre segmentos e axentes da cadea de valor e estender e aproveitar as solucións de sostibilidade e dixitalización ao longo das cadeas de valor.

As misións de especialización intelixente que responden aos 3 retos e ás 3 prioridades teñen como obxectivo estratéxico da RIS3 de Galicia 2021-2027 o número 3 mencionado anteriormente, integrándose no programa Completa e Transfire, que pretende impulsar a definición e posta en marcha de proxectos transformadores de impacto mediante a colaboración e transferencia entre os diferentes axentes público-privados de Galicia.

Para definir as misións en cada un dos retos da RIS3 de Galicia 2021-2027, no ano 2023 puxéronse en marcha 3 grupos de traballo, un por reto, con representación multidisciplinar dos diferentes axentes do ecosistema galego de innovación. Así mesmo, todo o ecosistema foi consultado mediante cuestionarios. Este proceso colaborativo rematou coa definición de tres grandes misións:

1. Misión 1, correspondente ao reto 1: contribuír á mitigación e adaptación ao cambio climático do sector primario de Galicia, a partir da redución da súa pegada nun 10% (carbono, hídrica, ecolóxica) en 2030 mediante a circularidade e a simbiose entre actuacións, así como a rexeneración dos ecosistemas.

Esta misión pretende acadar “unha Galicia resiliente que se adapte e contribúa a contrarrestar o cambio climático a partir do coñecemento, a tecnoloxía, a maximización e a eficiencia no aproveitamento dos recursos endóxenos, o incremento do valor engadido e a simbiose na cadea de valor, a restauración de ecosistemas mariños e terrestres, a redución da pegada do sector primario e as actividades socioeconómicas vinculadas ao medio ambiente e a mellora do compromiso social.”

2. Misión 2, correspondente ao reto 2: contribuír á redución do 57 % das emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia, con respecto a 1990, para o ano 2030, incrementando a reutilización de materias primas, produtos e materiais xa presentes no ciclo produtivo.

Esta misión pretende acadar “un modelo industrial galego resiliente baseado no coñecemento e a tecnoloxía e orientado á descarbonización das cadeas de valor e á diversificación, circularización e sostibilidade da matriz produtiva baseada no coñecemento e a tecnoloxía”.

3. Misión 3, correspondente ao reto 3: contribuír, de cara ao 2030, a incrementar os anos de vida saudable de 84 a 88, mediante a redución de enfermidades ou problemas de enfermidades non transmisibles e a mellora da calidade de vida (hábitos e contornas saudables e seguras).

Esta misión pretende acadar “unha Galicia recoñecida por contar cun ecosistema social e económico orientado a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, a través do desenvolvemento de produtos, solucións, tecnoloxías e medidas adaptadas ás características e necesidades da poboación (en relación coa alimentación, a vida autónoma, a actividade física ou a sanidade, entre outras)”.

Cada unha destas misións conta cun detalle de ámbitos de traballo que as describen, que aparecen sinaladas no anexo VIII desta convocatoria.

A estas bases reguladoras aplícaselles o principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH, polas súas siglas en inglés), isto é, que ningunha das actuacións promovidas nestas bases incide negativamente en ningún dos seis obxectivos ambientais recollidos no artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852: mitigación do cambio climático, adaptación ao cambio climático, uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños, transición cara a unha economía circular, prevención e control da contaminación, e protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e axustarase ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión.

Consecuentemente con todo o anterior, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación, e a persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 5 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, pola que se crea o Instituto Galego de Promoción Económica.

DISPOÑEN:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases que rexerán a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica ao abeiro da convocatoria de misións de especialización intelixente de Galicia. Esta iniciativa ten como obxectivo promover a realización de proxectos de I+D+i e investimento produtivo de carácter estratéxico para contribuír ás misións de especialización intelixente definidas no marco da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027.

2. Así mesmo, mediante esta resolución, convócanse as ditas axudas para o ano 2024 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, axustándose as axudas concedidas no marco desta resolución ao disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión, sendo os artigos 14 (axudas rexionais ao investimento), 25 (axudas para proxectos de investigación e desenvolvemento) e 29 (axudas á innovación en materia de procesos e organización) os que amparan os distintos conceptos subvencionables e beneficiarios desta convocatoria.

Artigo 2. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos en colaboración cun orzamento mínimo de 600.000 euros e máximo de 5.000.000 de euros (imposto sobre o valor engadido non incluído) cunha duración mínima de 2 anos e máxima de 3 anos e 6 meses.

2. Os proxectos financiables poderán incluír a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación organizativa, en materia de procesos e de produto, así como o investimento produtivo vinculado á parte científico-tecnolóxica do proxecto, segundo se define no anexo I destas bases. O orzamento total do proxecto deberá axustarse ás seguintes porcentaxes:

• I+D+I (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación organizativa, en materia de procesos e de produto), entre un 50 % e un 70 %, excepto os proxectos que polo seu sector ou actividade, segundo o indicado no parágrafo seguinte, non poidan contar con investimento produtivo, que poderán chegar ao 100 %.

• Investimento produtivo, un mínimo do 30 % e ata un máximo do 50 %, a excepción dos proxectos para os seguintes sectores e actividades, para as cales queda excluído o investimento produtivo:

– A produción agrícola primaria.

– Os produtos da pesca e da acuicultura.

– O sector do transporte.

– Os sectores do carbón, do lignito e do aceiro.

– A produción, o almacenamento, o transporte, a distribución de enerxía e as infraestruturas de enerxía.

– Os investimentos en medidas de eficiencia enerxética.

– Os investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

– Os investimentos en eliminación de residuos.

– Os investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de residuos, con excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de residuos con fins de economía circular.

3. A cualificación da actividade subvencionable para cada entidade beneficiaria participante no proxecto, a excepción da parte de investimento produtivo, será única e corresponderase coa que sexa predominante no caso da investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación organizativa, en materia de procesos e de produto. Neste sentido, considerarase predominante cando máis da metade dos custos subvencionables do proxecto sexan xerados mediante actividades clasificadas nese tipo de categoría, respectando sempre, á hora de fixar a axuda, as intensidades máximas recollidas no artigo 7 destas bases.

4. Os proxectos financiables deberán encadrarse nos retos, prioridades e ámbitos de priorización da RIS3 incluídas no anexo XII, así como contribuír a algunha das tres misións de especialización intelixente, encadrándose nun ou máis ámbitos de traballo de cada misión, de acordo co sinalado no anexo VIII. Se o proxecto presentado non lograse xustificar a súa contribución a algunha das 3 misións identificadas no dito anexo, a solicitude será desestimada.

5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) n.o 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras destes fondos e do Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados ( en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deberán respectar o principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, “Do no significant harm”)

6. Á vista do considerando 10 do RDC, o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sostibles, que fixan os obxectivos ambientais para protexer.

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

7. De conformidade co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considérase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda foi presentada antes do inicio do proxecto. Un efecto incentivador prodúcese cando unha axuda modifica o comportamento dunha empresa de tal xeito que emprenda actividades complementarias que non realizaría ou que, sen as axudas, realizaría de forma limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

Para estes efectos, considérase un inicio posterior dos traballos cando estes teñen lugar con posterioridade á presentación da solicitude de proxecto. No caso de detectarse que calquera actividade do proxecto foi iniciada antes da devandita data, a totalidade do proxecto será inadmisible, e non será suficiente a eliminación do custo subvencionable do gasto correspondente á actividade.

Considérase que as axudas ad hoc concedidas a grandes empresas teñen efecto incentivador se, ademais de garantir que as actividades do proxecto non comezaron antes da presentación da solicitude, a entidade solicitante acredita na memoria técnica que a axuda dará lugar a un aumento substancial do alcance do proxecto ou, grazas a estas, un incremento substancial do importe total investido polo/a beneficiario/a no proxecto ou unha aceleración substancial do ritmo de execución do proxecto.

8. Sen prexuízo do establecido nos parágrafos anteriores, os estudos de viabilidade previos, realizados polo/a beneficiario/a, non incluídos na solicitude de axuda, non serán considerados para a determinación da data de inicio da actividade.

A data de inicio do proxecto presentado non debe entenderse unicamente como a data a partir da cal poden imputarse gastos, senón realmente como a data de comezo das actividades do proxecto.

Artigo 3. Modalidades de participación

1. A modalidade de participación é en cooperación: as entidades participantes deberán formar un consorcio, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007). Este consorcio estará constituído por:

• En relación coas empresas, como mínimo, tres empresas, das cales unha empresa tractora e dúas empresas peme. Poderán ser tractoras as empresas independentemente do seu tamaño, sempre que xustifiquen na memoria do proxecto a súa capacidade de tracción, de acordo co anexo I.

• En relación con outras entidades, non sendo obrigatoria a súa participación, poden formar parte do consorcio as seguintes entidades:

– Organismos públicos de investigación.

– Universidades públicas, os seus departamentos e institutos universitarios.

– Outros centros públicos de I+D: organismos públicos e centros con personalidade xurídica propia dependentes ou vinculados á Administración xeral do Estado, e os dependentes ou vinculados ás administracións públicas territoriais e os seus organismos.

– Entidades e institucións sanitarias públicas e privadas que desenvolvan actividade investigadora.

– Centros Tecnolóxicos e Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica inscritos no Rexistro de Centros Tecnolóxicos e Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica regulados polo Real decreto 2093/2008.

– Entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que realicen e/ou xestionen actividades de I+D, xeren coñecemento científico ou tecnolóxico, faciliten a súa aplicación e transferencia ou proporcionen servizos de apoio á innovación ás empresas.

– Agrupacións ou asociacións empresariais que realicen entre as súas actividades proxectos e actuacións de I+D+i.

2. As porcentaxes de participación en cooperación de acordo coa tipoloxía das entidades socias do consorcio son as seguintes:

• O orzamento global que debe asumir o conxunto de pemes participantes non poderá ser inferior a un 30 % do total dos custos subvencionables.

• O orzamento global do organismo ou organismos de investigación e de difusión de coñecementos non poderá ser inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto e tampouco superior ao 40 %.

• Ningún membro do consorcio poderá contar cun orzamento individual inferior ao 10 % do custo total subvencionable do proxecto nin superior ao 70 %.

3. A relación entre os membros do consorcio e a súa creación formalizarase mediante un acordo de consorcio no cal se concretarán os compromisos e obrigas. O funcionamento interno do consorcio responderá a criterios de autonomía de xestión e deberá incluír expresamente quen é o líder do consorcio. O líder será o representante único do consorcio, único interlocutor coa Administración durante todo o procedemento, e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle correspondan ao consorcio. O líder deberá ser sempre unha empresa.

O acordo de consorcio deberá prever, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades, do orzamento total e o achegado por cada un dos membros do consorcio.

b) Acordo de representación do consorcio e elección do seu representante ante a Administración para efectos de interlocución con ela.

c) Xestión do consorcio, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

d) Termos nos que se poida dar a baixa na participación no consorcio ou a súa extinción.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades que desenvolvan actividades económicas, singularmente as pemes e grandes empresas que realicen proxectos de cooperación en consorcio, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Poderán participar tamén no consorcio as entidades definidas no artigo 3 e, no caso de resultar beneficiarias, deberán axustarse ás correspondentes aplicacións orzamentarias nos termos establecidos no artigo 6 destas bases. Todos os beneficiarios deberán contar cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.

2. As grandes empresas só poderán acceder ás axudas se colaboran de xeito efectivo (anexo 1 desta convocatoria) con dúas ou máis pemes e, en calquera caso, non poderán ser beneficiarias da parte de axudas ao investimento produtivo, que se restrinxe a pemes.

3. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para verificar que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

4. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias as empresas que incumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións. En particular, non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire no artigo 13.3bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Todas as entidades que forman parte do consorcio e que obteñan axudas terán a consideración de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán constar, de xeito expreso, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvencións que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e pagamento da axuda será efectuada a cada unha das entidades participantes na proporción aos gastos que lle corresponda realizar no proxecto.

Artigo 5. Prazo das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará en 60 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación.

Artigo 6. Financiamento

As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación e ao capítulo VII do orzamento do Instituto Galego de Promoción Económica, na forma que se especifica no seguinte cadro:

Aplicación orzamentaria

Importe 2024

Importe 2025

Importe 2026

Importe 2027

Total

09.A2.561A.770.0
(CP 2023.00006)

3.000.000

3.000.000

3.000.000

1.000.000

10.000.000

05.A1.741A.770.0 (
CP 2023.00011)

-

500.000

2.500.000

2.000.000

5.000.000

Total

3.000.000

3.500.000

5.500.000

3.000.000

15.000.000

A distribución dos fondos entre anualidades e entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sendo posible inclusive a incorporación de novos conceptos de gasto, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total.

Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria despois da declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do citado decreto, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

As axudas desta convocatoria serán susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027, obxectivo político OP1, Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectitividade rexional ás tecnoloxías da información e da comunicación, nas seguintes prioridades, obxectivos específicos e liñas de actuación:

• Prioridade 1.A Transición dixital e intelixente; obxectivo específico: RSO 1.1. Desenvolver e mellorar as capacidades de investigación e innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas; liña de actuación L.A.1.1.02. Apoio para impulsar a definición e implantación de proxectos transformadores e de impacto en cadeas de valor estratéxicas no marco da S3 (misións) mediante a colaboración e transferencia entre os diferentes axentes do Sistema rexional de innovación.

• Prioridade 1.A Transición dixital e intelixente; obxectivo específico: RSO 1.3. Reforzar o crecemento sostible e a competitividade das pemes e a creación de postos de traballo nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos; liña de actuación L.A.1.3.01. Apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial, para promover o crecemento sostible, a competitividade e a creación e mantemento de emprego.

Respecto aos tipos de intervención, nestas liñas prevense os seguintes, coa súa correspondente previsión da axuda Feder:

• 028 Transferencia de tecnoloxía e cooperación entre empresas, centros de investigación e o sector do ensino superior

• 021 Desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluído o investimento produtivo.

Respecto aos indicadores de realización e resultados asociados nas liñas de actuación, estes serían:

• Indicadores de realización (RCO) vinculados ás liñas L.A.1.1.02. e L.A.1.3.01.:

– RCO01 Empresas apoiadas (das cales: microempresas, pequenas, medianas e grandes)

– RCO02 Empresas apoiadas a través de subvencións

• Indicadores de resultados vinculados ás liñas L.A.1.1.02., L.A.1.3.01:

– RCR02 Investimentos privados que acompañan ao apoio público

A taxa de cofinanciamento do Feder é do 60 %, e compútase o 40 % restante como investimento privado ou público, segundo o caso, elixible dos beneficiarios.

O importe máximo de subvención será de 3.000.000 de euros por proxecto.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) financiará a parte de I+D+I dos proxectos mentres que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) financiará actividades de investimento produtivo coas excepcións especificadas no artigo 2, punto 2, no segundo punto referido a investimento produtivo.

Artigo 7. Intensidade das axudas e concorrencia

As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinaranse sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os limites de intensidade previstos nos artigos 14, 25 e 29 do Regulamento UE nº 651/2014 (RGEC) e de acordo coas seguintes táboas:

Categoría predominante do proxecto

Pequena

empresa

Mediana

empresa

Gran empresa

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresa/s ou cun ou varios organismos de investigación e difusión de coñecemento, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

60 %

60 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s ou cun ou varios organismos de investigación e difusión de coñecemento, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

60 %

50 %

40 %

Innovación organizativa, en materia de procesos ou de produto

50 %

50 %

15 %

Investimento produtivo para pemes

35 %

25 %

-

As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica, ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos e outros recursos, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Todos os solicitantes presentarán o anexo II (solicitude), xunto co resto de anexos dispoñibles, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Pola súa natureza de proxecto colaborativo, cada membro do consorcio, agás o líder, presentará a súa solicitude expresando claramente o título do proxecto e a información que figura no anexo II. Esta presentación dará lugar a un número de rexistro que deberá facilitar á empresa líder. Posteriormente, a empresa líder de cada consorcio presentará a súa solicitude. Para os efectos da presentación da solicitude de proxecto, só se terá en conta a data de presentación da solicitude da empresa líder, sendo esta a súa responsabilidade, polo que se considerarán inadmitidas as solicitudes que non teñan a presentación do líder.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

4. Os datos de contacto das solicitudes (enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono) consideraranse os únicos válidos para os efectos de notificacións.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

6. No formulario de solicitude (anexo II) inclúense as seguintes declaracións responsables relativas a todas as entidades participantes:

a) Declaración responsable do solicitante de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para a mesma finalidade ou proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que os datos contidos na solicitude e na documentación complementaria son certos, e que acepta as condicións e as obrigas recollidas nesta resolución.

c) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (en diante, Lei 38/2003).

d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na dita declaración no momento en que se produza.

e) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) Declaración responsable de non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

g) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades que ten asignadas no plan de traballo do proxecto para o cal solicita a axuda.

h) Declaración responsable de que a solicitude de axuda é anterior ao inicio do proxecto para o cal se solicita (efecto incentivador).

i) Declaración responsable de que o solicitante sabe que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

j) Declaración responsable de que, no caso de dispoñer dun plan de igualdade implantando no centro, deberá mantelo durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previstos nesta resolución.

k) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

l) Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

m) Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano no que se efectúe o último pagamento da axuda (artigo 82 RDC)

n) Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

o) Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación; en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

p) Declaración responsable do cumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» (DNSH) e compromiso do/da beneficiario/a de prever e realizar as accións oportunas para asegurar que os/as subcontratistas cumpran con este principio.

q) Compromiso por escrito de conceder os dereitos e accesos necesarios para garantir que a Comisión, a OLAF, o Tribunal de Contas Europeo, a Fiscalía Europea e as autoridades nacionais e autonómicas exerzan as súas competencias.

Artigo 9. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento de cada proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade 2024 só serán admitidos os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude da subvención e a data limite de execución do gasto establecida no artigo 35 desta resolución. Para estes efectos, considérase como data de presentación a que corresponde á solicitude do líder da agrupación.

3. Para o resto de anualidades, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de execución de gasto da anualidade anterior e a data límite de execución de gasto da anualidade corrente.

4. Conforme o artigo 25 do Regulamento UE nº 651/2014 (RXEC), son custos subvencionables os seguintes:

a) Custos directos: os custos directos son os que están directa e inequivocamente vinculados á actividade subvencionada e para os cales é posible demostrar a súa vinculación coa dita actividade. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1. Custos de persoal.

2. Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

3. Materiais, subministracións e produtos similares.

4. Adquisición de patentes.

5. Subcontratacións.

6. Outros custos, concretamente:

• O custo derivado do informe realizado polo/a auditor/a.

• O custo derivado do informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).

• O custo derivado da contratación externa do plan de comunicación e difusión do proxecto, previsto no artigo 16 desta convocatoria.

b) Custos indirectos: son aqueles que non están vinculados ou non se poden vincular directamente á actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos cales se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. En aplicación da opción prevista no artigo 54 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe do 15 % aos custos directos de persoal subvencionables.

c) Non se consideran subvencionables o imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional. Porén, este tipo de impostos si serán subvencionables cando pola natureza da entidade beneficiaria non poidan ser recuperados.

Artigo 10. Custos de persoal

1. Poderán subvencionarse:

a) Os custos de persoal propio (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividades de investigación) no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento de actividades de I+D+i do plan de traballo do proxecto.

b) Os de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización das actividades de I+D+i do proxecto e que se deberá dedicar de xeito exclusivo a este. É requisito do persoal de nova contratación que no momento desta non teña nin tivese vinculación laboral coa empresa nos seis meses anteriores á data de inicio do proxecto.

Tanto no suposto do persoal propio como no de persoal de nova contratación, só serán subvencionables os custos de persoal relativos aos salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (agás os custos de viaxes e as indemnizacións ou axudas de custo) e a parte proporcional do custo da Seguridade Social por conta da empresa.

No caso de persoal propio, deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto sobre a base dos fitos ou traballos concretos que se van desenvolver no proxecto. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

O custo de persoal propio poderá ser, como máximo, o 60 % do custo subvencionable do orzamento de cada entidade.

2. Só no caso de pemes poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice tarefas de I+D+i no proxecto cunha dedicación máxima mensual do 30 %. Para estes efectos, só terá a consideración de persoal directivo o persoal de alta dirección definido no artigo 1 do Real decreto 1382/1985.

Na memoria técnica que se achegue coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións ou tarefas concretas de investigación que desenvolverá este persoal nas diferentes fases e actividades recollidas no plan de traballo do proxecto. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

3. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles/as traballadores/as que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate de socios que traballen baixo o réxime de autónomos, cunha dedicación máxima mensual do 30 %.

c) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión e tramitación do financiamento solicitado.

d) As contratacións en formación, as de prácticas, as de bolseiros/as e as contratacións a tempo parcial.

e) As contratacións en grupos de cotización inferiores aos correspondentes ás titulacións/categorías profesionais que establece a Seguridade Social ao regular as bases de cotización por continxencias comúns e que se indican a continuación:

Titulación/categoría profesional

Grupo de cotización

Enxeñeiros, licenciados, persoal de alta dirección

1

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados, diplomados

2

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

3

Axudantes non titulados

4

Oficiais administrativos

5

Subalternos

6

Auxiliares administrativos

7

Oficiais de primeira e segunda

8

Resto de oficiais

9

Peóns

10

Traballadores menores de 18 anos

11

f) Os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D+i no caso de grandes empresas.

4. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser motivada e xustificada, e para a súa realización será necesario obter a autorización previa da Axencia Galega de Innovación. Só se admitirán cambios de persoal entre traballadores/as da mesma categoría profesional e cunha titulación ou traxectoria profesional que permita desempeñar as mesmas funcións.

Excepcionalmente, no caso de persoal de nova contratación, non será necesario obter a autorización previa da Axencia Galega de Innovación para contratar persoal adicional sempre que o novo perfil sexa idéntico ao inicialmente concedido.

Artigo 11. Custos de equipamento (non produtivo) e material instrumental de nova adquisición que teñan como obxecto o proxecto subvencionado

1. Se o equipamento e material se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberase xustificar na memoria técnica do proxecto a vida útil do equipamento ou material.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria técnica do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

2. A compra de novas licenzas e as renovacións de licenzas de software están dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

3. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao finalizar o contrato de leasing.

b) Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período que se dediquen ao proxecto.

c) As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar posteriormente á data de presentación da solicitude da subvención. Só se poderán imputar as cotas pagadas dentro do período de execución de cada anualidade.

d) Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.

Artigo 12. Materiais, subministracións e produtos similares

Poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados ás actividades de I+D+i. Para estes efectos, deberán recollerse de forma detallada e concisa na epígrafe correspondente do impreso da solicitude.

Os gastos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto, xa que se consideran incluídos dentro da porcentaxe de custos indirectos.

Artigo 13. Adquisición de patentes

As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas á entidade solicitante, coa condición de que a operación se realice en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.

Quedan excluídas as patentes propias dos membros do consorcio.

Artigo 14. Subcontratacións

1. Considéranse servizos científico-tecnolóxicos, de consultoría e asistencia técnica e outras subcontratacións no contexto desta convocatoria, as actuacións contratadas a terceiros que supoñan a execución dunha parte da actividade de investigación industrial, e/ou o desenvolvemento experimental, e/ou a innovación organizativa, en materia de procesos e de produto que constitúen o obxecto da subvención. Estas contratacións deberán estar debidamente xustificadas e motivadas na memoria técnica.

Quedan expresamente excluídos os custos correspondentes a calquera forma de consultaría asociada á xestión e tramitación do financiamento solicitado.

Poden entrar dentro desta categoría as actividades incluídas no primeiro parágrafo deste artigo desenvolvidas polos centros de investigación e coñecemento (incluídos os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica inscritos no rexistro regulado polo Real decreto 2093/2008).

2. Os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución poderán subcontratar, como máximo, ata o 65 % do importe da actividade subvencionada.

3. Cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se realice por escrito.

b) Que a súa realización sexa autorizada previamente pola Axencia Galega de Innovación ou, de ser o caso, polo Instituto Galego de Promoción Económica.

4. En ningún caso o/a beneficiario/a poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. A entidade beneficiaria da axuda deberá prever mecanismos para asegurar que os subcontratistas cumpran co principio DNSH «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852. Neste sentido, a entidade beneficiaria da axuda exixiralles aos subcontratistas unha declaración responsable de cumprir co principio de non ocasionar un prexuízo significativo ao ambiente.

Tamén lles deberá exixir un compromiso por escrito para conceder os dereitos e o acceso necesarios para que o ordenador competente, a Fiscalía Europea, a OLAF, o Tribunal de Contas e, cando proceda, as autoridades nacionais e autonómicas competentes exerzan plenamente as súas respectivas competencias.

Artigo 15. Custos de equipamento produtivo vinculado ao proxecto

Teñen a consideración de custos de equipamento produtivo os custos de maquinaria de proceso, ferramenta (incluídos os moldes, modelos e cuños) e outros bens de equipo e activos inmateriais relacionados co proceso produtivo e co proxecto de ampliación de capacidade ligados directamente ao proxecto.

Os activos inmateriais serán admisibles se cumpren as seguintes condicións:

a) Utilizarse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda.

b) Ser amortizables.

c) Adquirirse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador.

d) Formar parte dos activos da empresa beneficiaria e permanecer vinculados co proxecto para o que se concede a axuda durante ao menos tres anos.

En ningún caso terán a consideración de bens de equipo as obras necesarias para a súa instalación, nin serán subvencionables os investimentos inmobiliarios.

Artigo 16. Outros custos

1. O informe do auditor axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007 e deberá ser realizado por un mesmo auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas. A súa designación corresponderá ao representante do consorcio.

O informe do auditor axustarase ás instrucións que se detallan no anexo XI e comprobará a existencia da documentación e requisitos descritos no artigo 35 desta convocatoria.

Así mesmo, o auditor deberá comprobar que os beneficiarios cumpren cos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como as modificacións posteriores a dito artigo no Real decreto lei 5/2023 nos artigos 214 e 215.

A Axencia Galega de Innovación convocará, como mínimo, unha reunión cos auditores contratados polas entidades beneficiarias para facilitarlles as instrucións necesarias para cubrir correctamente o citado anexo XI. Esta reunión terá carácter obrigatorio e a ausencia poderá dar lugar á inadmisión dos gastos xustificados en concepto de auditoría.

Naqueles casos en que o/a beneficiario/a estea obrigado a auditar as súas contas anuais por un auditor sometido á Lei 22/2015, do 20 de xullo, de auditoría de contas, a revisión levaraa a cabo o mesmo auditor, ou outro, sempre que estea inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

O custo derivado do informe do auditor, inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, non poderá superar os 2.000 euros por beneficiario e por anualidade.

2. Será subvencionable o custo derivado da obtención dun informe de valoración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) mediante unha entidade acreditada pola ENAC. O informe debe estar referido a todo o proxecto, incluíndo tanto a parte executada directamente polos beneficiarios como a parte subcontratada. Este custo será elixible para o líder do consorcio cun límite de 2.000 euros por proxecto.

3. Tamén será subvencionable o custo derivado da contratación externa da execución do plan de comunicación e difusión do proxecto ata un 2 % do custo subvencionable que executa cada beneficiario. O límite máximo será de 30.000 euros por beneficiario no total do proxecto.

Artigo 17. Ofertas

Conforme o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o/a beneficiario/a deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Esta excepción deberá xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e achegarase unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Conforme o establecido na disposición adicional 54ª da Lei de contratos do sector público, terán a consideración de contratos menores os contratos de subministracións e de servizos dirixidos a proxectos de investigación de valor estimado inferior ou igual a 50.000 euros, sempre que non se destinen a servizos xerais ou de infraestrutura.

Non exime da obriga da solicitude de tres ofertas o feito de contar con provedores homologados, o feito de que se trate de provedores habituais ou a proximidade do provedor á entidade solicitante.

No caso de que algunha das entidades beneficiarias estea suxeita ao ámbito subxectivo de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberá respectar, no que proceda, a normativa de contratación pública na adquisición dos bens e servizos obxecto da axuda de subvención.

Artigo 18. Participación no consorcio de empresas vinculadas

Cando nun proxecto interveñan empresas vinculadas, consonte a definición que destas empresas se realiza no anexo I desta resolución e no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, só poderán facelo como membros do consorcio. Se empresas vinculadas participan como entidades subcontratadas, como provedores, como prestadores de servizos ou dalgunha outra maneira, a súa actividade non será subvencionable.

Artigo 19. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento administrativo

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación xurídico-administrativa.

1º. Anexo II bis: descrición do equipo investigador e orzamento do proxecto.

2°. Contrato/s de subcontratación subscrito con organismo/s e/ou empresa/s debidamente asinados por ambas as partes nos supostos en que o importe da subcontratación supere os 60.000 euros e que o dito importe exceda o 20 % da axuda concedida.

3°. Anexo de comprobación de datos das persoas representantes mancomunadas, no caso de representación mancomunada (anexo III).

4°. Anexo de declaración de información relativa a condición de peme (anexo VII). A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos pertinentes.

5°. Anexo de comprobación de datos do equipo investigador (anexo IV).

6°. A empresa líder do consorcio presentará o acordo de consorcio debidamente asinado por todos os membros, co contido mínimo sinalado no artigo 3.3 desta resolución.

7°. Memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH conforme o Regulamento (UE) 2020/852, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, segundo se detalla no anexo X desta convocatoria.

8°. Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións:

A. Para sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

B. Para aquelas sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, certificación emitida por auditor/a rexistrado/a no Rexistro Oficial de Auditores de Contas do cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

9°. Poder da persoa representante que presenta a solicitude, verificado por letrado/a da Xunta de Galicia no caso de non estar inscrito no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

b) Documentación técnica:

1°. Memoria técnica do proxecto, segundo o índice que se inclúe como anexo IX (en formato pdf) para presentar polo líder. Nesta memoria debe incluírse a información detallada sobre o persoal dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da empresa, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación ao proxecto e motivación desta porcentaxe. Respecto do persoal de nova contratación, indicaranse o seu perfil e a duración do seu contrato. No referido aos custos de equipamento, deberá xustificarse na memoria a vida útil do equipamento e material instrumental de nova adquisición e o procedemento seguido para calcular os custos de amortización.

2°. Currículos redactados en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da agrupación.

c) Plan de comunicación e difusión do proxecto.

Os beneficiarios deberán realizar un plan de comunicación e difusión dos resultados do proxecto para compartir os resultados non suxeitos a confidencialidade co ecosistema de I+D+i, coa sociedade e coas administracións, e maximizar así o seu impacto. Este plan deberá presentalo o líder do proxecto e incluirá as actividades que debe realizar cada beneficiario en cada unha das anualidades.

Este plan de comunicación debe describir os obxectivos previstos, as actividades de comunicación propostas, os indicadores para medir os resultados destas e o público a que van dirixidas (comunidade científica, usuarios finais, sociedade en xeral...).

As accións de comunicación deben estenderse ao longo de toda a vida do proxecto, estar estratexicamente planificadas, con obxectivos claros e medibles, e ser proporcionais á escala do proxecto. Cómpre xustificar por que cada medida elixida é a máis adecuada para o público obxectivo a que vai dirixida.

O plan de comunicación e difusión debe incluír, como contido mínimo, a realización de eventos de difusión do proxecto. Nos eventos porase de manifesto o apoio da Unión Europea, da Axencia Galega de Innovación, e, de ser o caso, do Instituto Galego de Promoción Económica nas actuacións do proxecto, mencionando expresamente estes apoios e amosando os logotipos destas entidades en todos os materiais empregados.

As actividades de comunicación e difusión poden consistir na realización ou participación en eventos, xornadas; publicación en plataformas, web e redes sociais; elaboración de folletos, carteis ou vídeos; boletíns periódicos/novas e comunicados de prensa, entre outras. Así mesmo, ao finalizar as actividades do proxecto deberá elaborarse un microvídeo, dun mínimo de dous minutos de duración, para difundir os resultados do proxecto a través das redes sociais.

As actividades de difusión e comunicación que impliquen formación non serán subvencionables, así como as axudas de custo e viaxes.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea, todas as actividades do plan deberán respectar o disposto no artigo 50 e no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e no documento «O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027».

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De xeito excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Os anexos desta convocatoria estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Se algunha das persoas interesadas presenta documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai a presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 20. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante. No caso de que a entidade solicitante estea representada por unha persoa xurídica, comprobarase o NIF desta.

d) DNI/NIE/NIF das persoas representantes mancomunadas.

e) DNI/NIE das persoas do equipo investigador.

f) Títulos oficiais universitarios e non universitarios do equipo investigador.

g) Consulta de vida laboral (TXSS) dos últimos doce (12) meses do equipo investigador.

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: certificado do grao de discapacidade do equipo investigador.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo II) e nos anexos III e IV, segundo corresponda, e achegar os ditos documentos.

Cando o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 21. Información e publicidade

A Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica informarán as entidades beneficiarias de que a aceptación da axuda implica que pasarán a formar parte da lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no apartado 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberán cumprirse as obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade a que se encontren vinculadas das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 24. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación e no Instituto Galego de Promoción Económica a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e o Instituto Galego de Promoción Económica (https://www.igape.gal/)

b) Nos teléfonos: 981 957 303 da Axencia; e 900 815 151 do Instituto Galego de Promoción Económica.

c) No correo electrónico axudas.gain@xunta.gal e informa@igape.es.

d) Na guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá usarse o teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

4. Por outra parte, conforme o previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia, e a resolución de concesión.

Artigo 25. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións prevista nesta resolución no referido a investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación organizativa, en materia de procesos e de produto.

2. A Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións prevista nesta resolución no referido a investimento produtivo.

3. Corresponderá ás persoas titulares da Dirección da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica dictar de forma conxunta a resolución de concesión da subvención.

4. A Axencia Galega de Innovación será a encargada de emitir un certificado en que acredite que as entidades do consorcio cumpren cos requisitos xerais da convocatoria vinculados ao punto 1 e ao punto 2 deste artigo.

5. De conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, ou non vai acompañada da documentación exixida, requiriráselle ao líder do proxecto para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos perceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Non se considerará emendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da seguinte documentación: a solicitude de axuda (anexo II), a descrición do equipo investigador e o orzamento do proxecto (anexo II bis), a memoria técnica do proxecto (anexo IX) e a memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH (anexo X).

No caso de discrepancias entre o contido da memoria técnica do proxecto (anexo IX) e a solicitude (anexo II) e a descrición do equipo investigador e o orzamento do proxecto (anexo II bis), atenderase sempre ao contido da solicitude.

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que presente cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten precisas para a tramitación e resolución do procedemento e para o seguimento e avaliación da RIS3 de Galicia 2021-2027 na que se enmarcan estas axudas.

7. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos/as e remitidos á Comisión de Selección.

8. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación precisa, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. A inadmisión de un dos membros do consorcio por non reunir algún dos requisitos establecidos na resolución de convocatoria suporá a inadmisión do proxecto.

9. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 27. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada conforme o procedemento e os criterios establecidos no artigo 28.

2. A composición da Comisión de Selección será a seguinte:

a) O/a director/a da Área de Xestión, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) O/a director/a da Área de Programas, ou persoa en quen delegue.

c) Dous xefes/as de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoas en quen deleguen.

d) Dous membros de entre o persoal da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica, ou persoa en quen delegue.

e) Un/unha xefe/a de departamento do Instituto Galego de Promoción Económica, ou persoa en quen delegue.

f) Un/unha funcionario/a da Axencia Galega de Innovación, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

3.A Comisión de Selección elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario/a, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

Artigo 28. Criterios de valoración

A valoración de cada proxecto presentado que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e que unicamente conte co I+D+I realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo a aspectos científico-técnicos, económico-financeiros e a potencialidade para contribuír a unha das misións e xerar valor económico coa explotación dos resultados, segundo os criterios de valoración que se indican a continuación coas súas puntuacións máximas:

1. Excelencia. Calidade científico-técnica do proxecto: 35 puntos.

a) Grao de innovación do proxecto en relación co estado da arte (15 puntos). A puntuación será asignada do seguinte xeito:

– Nos proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental:

i) De 0 a 5 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real. Para estes efectos, consideraranse contorna real aquelas actuacións que se desenvolvan en contornas representativas de condicións reais de funcionamento. Pode implicar a existencia dun primeiro sistema/prototipo comercial sempre que se trate do produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

ii) De 6 a 10 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi validada nunha contorna relevante, operacional ou de simulación, sexa o sistema completo, un prototipo deste ou a nivel de compoñentes.

iii) De 11 a 15 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi unicamente validada no nivel de sistema ou compoñente nun contorno de laboratorio ou existe unha proba de concepto experimental validada.

– Nos proxectos de innovación:

i) De 0 a 5 puntos nos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de produtos ou procesos que foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real e no mesmo sector de actividade do/da beneficiario/a.

ii) De 6 a 10 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de produtos ou procesos que foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real distinta ao sector da actividade do/da beneficiario/a.

iii) De 11 a 15 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de produtos ou procesos que non foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real.

b) Obxectivos científico-tecnolóxicos do proxecto: valorarase a adecuación dos obxectivos á finalidade do proxecto, incluído o encaixe das actividades que se van desenvolver nel para favorecer os obxectivos da misión en que se enmarca. Teranse en consideración o grao de concreción e claridade expositiva (ata un máximo de 5 puntos).

c) Credibilidade da formulación da proposta: valoraranse o estudo do estado da arte, a existencia de resultados previos que soportan a proposta e a análise dos puntos críticos e factores de risco (ata un máximo de 5 puntos).

d) Capacidade que ten a implementación do proxecto para facilitar a implantación das tecnoloxías seleccionadas, así como o seu desenvolvemento en relación coa misión en que se inclúe (ata un máximo de 10 puntos):

– Para a misión 1: contribución para contrarrestar o cambio climático a partir do coñecemento, a tecnoloxía, a maximización e a eficiencia no aproveitamento dos recursos endóxenos, aumento do valor engadido e a simbiose na cadea de valor, restauración de ecosistemas mariños e terrestres, redución da pegada do sector primario e actividades socioeconómicas vinculadas a contorna e mellora do compromiso social.

– Para a misión 2: contribución para alcanzar un modelo industrial galego resiliente orientado á descarbonización das cadeas de valor e a diversificación, circularización e sostibilidade da matriz produtiva baseada no coñecemento e tecnoloxía.

– Para a misión 3: contribución para alcanzar un ecosistema social e económico orientado a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, a través do desenvolvemento de produtos, solucións e medidas adaptadas ás características e necesidades da poboación (en relación coa alimentación, a vida autónoma, a actividade física ou a sanidade, entre outras).

2. Calidade e eficiencia da implementación do proxecto: 38 puntos.

a) Plan de traballo (8 puntos):

1. Coherencia: metodoloxía, plan de traballo, cronograma e entregables previstos. Valorarase a compatibilidade e coherencia cos obxectivos parciais e finais do proxecto (ata un máximo de 4 puntos).

2. Eficacia: a adecuada asignación dos recursos ás tarefas planificadas. Xustificación da necesidade das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto, tendo en consideración a súa distribución entre os diferentes socios (ata un máximo de 4 puntos).

b) Capacidade técnica e económica das entidades solicitantes (25 puntos):

1. Capacidade técnica das entidades solicitantes: valorarase a capacidade técnica e a experiencia das entidades participantes no proxecto na realización de proxectos de I+D+i (ata un máximo de 3 puntos).

2. Capacidade do equipo humano que participa no proxecto: valorarase a adecuación técnica dos perfís do persoal propio ou de nova contratación das entidades participantes no proxecto para desenvolver o plan de traballo incluído no mesmo (ata un máximo de 4 puntos).

3. Solvencia financeira: valorarase, para cada unha das entidades participantes no consorcio, a partir da suma das puntuacións obtidas nos seguintes subcriterios (ata un máximo de 5 puntos):

Subcriterio

Valor

Puntuación

1.1. Cociente entre a débeda total e os fondos propios

Maior ou igual a 5

0

Menor que 5 e maior

ou igual a 3

1

Menor que 3

2

1.2. Cociente entre o orzamento solicitado para a execución do proxecto e a débeda total

Maior ou igual a 0,7

0

Menor que 0,7 e maior

ou igual a 0,5

1

Menor que 0,5

2

1.3. Cociente entre o orzamento solicitado para a execución do proxecto e os fondos propios

Maior ou igual a 1

0

Menor que 1

1

No caso de que os fondos propios sexan negativos, a puntuación dos subcriterios 1.1 e 1.3 será 0.

En relación cos conceptos dos puntos anteriores, entenderanse os seguintes conceptos como se especifican a continuación:

1°. Débeda total: é a suma do pasivo corrente e o pasivo non corrente.

2°. Fondos propios: é a suma de capital, capital non exixido, prima de emisión, reservas, accións propias e o resultado do exercicio.

3°. Activo corrente: é a suma de existencias, clientes, outros debedores, outros activos correntes e o efectivo.

4°. Pasivo corrente: é a suma de débedas a curto prazo, acredores comerciais e outras contas para pagar.

5°. Orzamento solicitado para a execución do proxecto, de acordo co disposto no artigo 6 desta convocatoria.

O cálculo dos subcriterios indicados máis arriba realizarase para cada socio de acordo cos datos económicos achegados na solicitude de axudas para o peche do último exercicio económico para o cal estea vencida a obriga de aprobación das contas anuais.

Para o cálculo final da solvencia financeira, realizarase a media aritmética dos resultados obtidos para cada socio do consorcio segundo o procedemento indicado anteriormente.

4. Implicación de diferentes disciplinas tecnolóxicas para a execución do proxecto (ata un máximo de 4 puntos).

5. Viabilidade técnica e económica do proxecto (ata un máximo de 4 puntos).

6. Existencia de apoio externo articulado a través de subcontratación con centros de investigación e coñecemento, incluídos os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación regulados no Real decreto 2093/2008 (5 puntos).

c) Procedementos de xestión previstos (5 puntos):

1. Estrutura organizativa do proxecto e mecanismo de xestión e seguimento: valorarase a participación activa na estrutura organizativa de membros das entidades máis significativas participantes no proxecto (ata un máximo de 2 puntos).

2. Plan de continxencia: valorarase a existencia dun plan de análise das dificultades xurdidas na consecución dos fitos técnicos do proxecto e a existencia dun plan de continxencias (3 puntos).

3. Impacto socioeconómico do proxecto: 27 puntos.

3.1. Efecto de arrastre do proxecto: incorporación dos resultados tecnolóxicos do proxecto a cadeas de valor estratéxicas para Galicia, mellorando a competitividade a nivel internacional (ata un de máximo 3 puntos).

3.2. Implicacións ambientais do proxecto: melloras ambientais e de sostibilidade que se poden derivar da execución do proxecto e a súa consonancia co Pacto Verde Europeo (ata un máximo de 4 puntos).

3.3. Adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto coa investigación e innovación responsable (IIR).

Nesta liña, concederase ata un máximo de 2 puntos pola adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto a algún dos seguintes criterios:

(1) A I+D realizada axudará a mellorar a calidade de vida e a saúde dos cidadáns.

(2) A I+D realizada terá un impacto positivo na conservación medio ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

(3) A I+D realizada axudará a aumentar o coñecemento, a concienciación e a comprensión da ciencia, a enxeñaría e a tecnoloxía entre a sociedade en xeral.

(4) A I+D realizada axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

(5) A I+D realizada cumpre cos criterios éticos da investigación.

3.4. Igualdade de xénero. Participación equilibrada de mulleres no equipo humano do proxecto. Aplicaranse os seguintes baremos para a suma do número de mulleres participantes en todas as entidades do consorcio sobre o total do equipo investigador:

a) Se a porcentaxe de mulleres está entre o 40 e o 60 %: 1 punto.

b) Se a porcentaxe de mulleres é superior ao 60 %: 2 puntos.

3.5. Para a suma de todo o persoal investigador das entidades participantes no proxecto, valorarase a participación de persoas con diversidade funcional da seguinte forma:

a) Se a porcentaxe de persoas con diversidade funcional recoñecida é superior ao 5 % e inferior ou igual ao 10 %: 1 punto.

b) Se a porcentaxe de persoas con diversidade funcional recoñecida é superior ao 10 %: 2 puntos.

3.6. Concellos emprendedores: para cada socio do consorcio que desenvolva as súas actividades no proxecto nun concello emprendedor outorgarase 1,4 puntos ata un máximo de 7 puntos.

A relación de concellos emprendedores pode consultarse neste enderezo:

https://galiciaempresa.xunta.gal/concellos-emprendedores

3.7. Impacto do proxecto en termos de creación de emprego, en termos económicos de investimento paraa realizar en persoal de nova contratación e do número de contratos (ata un máximo 5 puntos).

3.8. Plan de comunicación e difusión do proxecto (2 puntos): valorarase especialmente a difusión dos resultados do proxecto en foros internacionais relevantes para o contido do proxecto ou vinculado con innovación, en liña coa RIS3 2021-2027, que ten entre os seus fins a consolidación da «Marca Galicia» a nivel internacional tamén no ámbito da I+D+i.

Concederase 1 punto se o plan de comunicación ten impacto no ecosistema galego de I+D+i e 2 puntos se ten impacto internacional.

A valoración de cada proxecto presentado que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria e que conte cunha parte de I+D+i e outra de investimento produtivo realizarase sobre un total de 100 puntos que se outorgarán atendendo a aspectos científico-técnicos, económico-financeiros e a potencialidade para xerar valor económico coa explotación de dos seus resultados, segundo os criterios de valoración que atenderán a dous aspectos fundamentais da convocatoria:

1. Excelencia. Calidade científico-técnica do proxecto de I+D+i: 24,5 puntos.

a) Grao de innovación do proxecto en relación co estado da arte (10,5 puntos). A puntuación asignarase da seguinte forma:

– Nos proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental:

i) De 0 a 3,5 puntos aos proxectos nos que a tecnoloxía empregada foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real. Para estes efectos, considerarase contorna real aquelas actuacións que se desenvolvan en contornas representativas de condicións reais de funcionamento. Pode implicar a existencia dun primeiro sistema/prototipo comercial sempre que se trate do produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

ii) De 4,2 a 7 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi validada nunha contorna relevante, operacional ou de simulación, sexa o sistema completo, un prototipo deste ou ao nivel de compoñentes.

iii) De 7,7 a 10,5 puntos aos proxectos en que a tecnoloxía empregada foi unicamente validada no nivel de sistema ou compoñente nunha contorna de laboratorio ou existe unha proba de concepto experimental validada.

– Nos proxectos de innovación:

i) De 0 a 3,5 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de produtos ou procesos que foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real no mesmo sector de actividade do/da beneficiario/a.

ii) De 4,2 a 7 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de produtos ou procesos que foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real distinta ao sector de actividade do/da beneficiario/a.

iii) De 7,7 a 10,5 puntos aos proxectos que inclúan a implantación dunha innovación organizativa ou en materia de produtos ou procesos que non foi probada, validada e certificada completamente nunha contorna real.

b) Obxectivos científico-tecnolóxicos do proxecto: valorarase a adecuación dos obxectivos a finalidade do proxecto, incluído o encaixe das actividades para desenvolver nel para favorecer os obxectivos da misión en que se enmarca. Teranse en consideración o grao de concreción e a claridade expositiva (ata un máximo de 3,5 puntos).

c) Credibilidade da formulación da proposta: valorarase o estudo do estado da arte, a existencia de resultados previos que soportan a proposta e a análise de puntos críticos e factores de risco (ata un máximo de 3,5 puntos).

d) Capacidade que ten a implementación do proxecto para facilitar a implantación das tecnoloxías seleccionadas, así como o seu desenvolvemento en relación coa misión en que se inclúe (ata un máximo de 7 puntos):

– Para a misión 1: contribución para contrarrestar o cambio climático a partir do coñecemento, a tecnoloxía, a maximización e a eficiencia no aproveitamento dos recursos endóxenos, aumento do valor engadido e a simbiose na cadea de valor, restauración de ecosistemas mariños e terrestres, redución da pegada do sector primario e actividades socioeconómicas vinculadas á contorna e mellora do compromiso social.

– Para a misión 2: contribución para alcanzar un modelo industrial galego resiliente orientado á descarbonización das cadeas de valor e a diversificación, circularización e sostibilidade da matriz produtiva baseada no coñecemento e tecnoloxía.

– Para a misión 3: contribución para alcanzar un ecosistema social e económico orientado a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns, a través do desenvolvemento de produtos, solucións e medidas adaptadas ás características e necesidades da poboación (en relación coa alimentación, a vida autónoma, a actividade física ou a sanidade, entre outras).

2. Calidade e eficiencia da implementación do proxecto de I+D+i: 26,6 puntos.

a) Plan de traballo (5,6 puntos):

1. Coherencia: metodoloxía, plan de traballo, cronograma e entregables previstos. Valorarase a compatibilidade e coherencia cos obxectivos parciais e finais do proxecto (ata un máximo de 2,8 puntos).

2. Eficacia: a adecuada asignación dos recursos ás tarefas planificadas. Xustificación da necesidade das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto, tendo en conta a súa distribución entre os diferentes socios (ata un máximo de 2,8 puntos).

b) Capacidade técnica e económica das entidades solicitantes (17,5 puntos):

1. Capacidade técnica das entidades solicitantes: valorarase a capacidade técnica e a experiencia das entidades participantes no proxecto na realización de proxectos de I+D+i (ata un máximo de 2,1 puntos).

2. Capacidade do equipo humano que participa no proxecto: valorarase a adecuación técnica dos perfís do persoal propio ou de nova contratación das entidades participantes no proxecto para desenvolver o plan de traballo incluído nel (ata un máximo de 2,8 puntos).

3. Solvencia financeira: valorarase para cada unha das entidades participantes no consorcio, a partir da suma das puntuacións obtidas nos seguintes subcriterios, ata un máximo de 3,5 puntos:

Subcriterio

Valor

Puntuación

1.1. Cociente entre a débeda total e os fondos propios

Maior ou igual a 5

0

Menor que 5 e maior

ou igual a 3

1

Menor que 3

2

1.2. Cociente entre o orzamento solicitado para a execución do proxecto e a débeda total

Maior ou igual a 0,7

0

Menor que 0,7 e maior ou

igual a 0,5

1

Menor que 0,5

2

1.3. Cociente entre o orzamento solicitado para a execución do proxecto e os fondos propios

Maior ou igual a 1

0

Menor que 1

1

No caso de que os fondos propios sexan negativos, a puntuación dos subcriterios 1.1 e 1.3 será 0.

En relación cos conceptos dos puntos anteriores, entenderanse os seguintes conceptos como se especifican a continuación:

1°. Débeda total: é a suma do pasivo corrente e o pasivo non corrente.

2°. Fondos propios: é a suma de capital, capital non exixido, prima de emisión, reservas, accións propias e o resultado do exercicio.

3°. Activo corrente: é a suma de existencias, clientes, outros debedores, outros activos correntes e o efectivo.

4°. Pasivo corrente: é a suma de débedas a curto prazo, acredores comerciais e outras contas para pagar.

5°. Orzamento solicitado para a execución do proxecto, de acordo co disposto no artigo 6 desta convocatoria.

O cálculo dos subcriterios indicados máis arriba realizarase para cada socio de acordo cos datos económicos achegados na solicitude de axudas para o peche do último exercicio económico para o cal estea vencida a obriga de aprobación das contas anuais.

Para o cálculo final da solvencia financeira, realizarase a media aritmética dos resultados obtidos para cada socio do consorcio segundo o procedemento indicado anteriormente.

Para acreditar a solvencia, entregarase unha declaración relativa aos datos incluídos nos subcriterios no momento de peche do último exercicio económico para o cal estea vencida a obriga de aprobación das contas anuais. A inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas das Administracións Públicas acreditará as condicións de solvencia económica e financeira, agás proba en contrario. Os organismos de investigación poderán acreditar esta solvencia a través de outras fórmulas similares que se adapten máis a súa xestión.

4. Implicación de diferentes disciplinas tecnolóxicas para a execución do proxecto (ata un máximo de 2,8 puntos).

5. Viabilidade técnica e económica do proxecto (ata un máximo de 2,8 puntos)

6. Existencia de apoio externo articulado a través de subcontratación con centros de investigación e coñecemento, incluídos os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación regulados no Real decreto 2093/2008 (3,5 puntos)

c) Procedementos de xestión previstos (3,5 puntos):

1. Estrutura organizativa do proxecto e mecanismo de xestión e seguimento: valorarase a participación activa na estrutura organizativa de membros das entidades máis significativas participantes no proxecto (ata un máximo de 1,4 puntos).

2. Plan de continxencia: valorarase a existencia dun plan de análise das dificultades xurdidas na consecución dos fitos técnicos do proxecto e a existencia dun plan de continxencias (2,1 puntos).

3. Impacto socioeconómico do proxecto de I+D+i: 18,9 puntos.

3.1. Efecto de arrastre do proxecto: incorporación dos resultados tecnolóxicos do proxecto a cadeas de valor estratéxicas para Galicia mellorando a competitividade a nivel internacional (ata un máximo de 2,1 puntos).

3.2. Implicacións ambientais do proxecto: melloras ambientais e de sostibilidade que se poidan derivar da execución do proxecto e a súa consonancia co Pacto Verde Europeo (ata un máximo de 2,8 puntos).

3.3. Adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto coa investigación e innovación responsable (IIR). Neste sentido, outorgarase ata un máximo de 1,4 puntos pola adecuación argumentada do aliñamento dos obxectivos do proxecto a algún dos seguintes criterios:

(1) A I+D realizada axudará a mellorar a calidade de vida e a saúde da cidadanía.

(2) A I+D realizada terá un impacto positivo na conservación ambiental e/ou dará lugar a unha relación máis sustentable entre a sociedade, a industria e o ambiente.

(3) A I+D realizada axudará a aumentar o coñecemento, a concienciación e a comprensión da ciencia, da enxeñaría e da tecnoloxía entre a sociedade en xeral.

(4) A I+D realizada axudará a mellorar a reputación internacional da rexión.

(5) A I+D realizada cumpre cos criterios éticos da investigación.

3.4. Igualdade de xénero. Participación equilibrada de mulleres no equipo humano do proxecto. Aplicaranse os seguintes baremos para a suma do número de mulleres participantes en todas as entidades do consorcio sobre o total do equipo investigador:

a) Se a porcentaxe de mulleres está entre o 40 e o 60 %: 0,7 puntos.

b) Se a porcentaxe de mulleres é superior ao 60 %: 1,4 puntos.

3.5. Para a suma de todo o persoal investigador das entidades participantes no proxecto, valorarase a participación de persoas con diversidade funcional da seguinte forma:

a) Se a porcentaxe de persoas con diversidade funcional recoñecida é superior ao 5 % e inferior ou igual ao 10 %: 0,7 puntos.

b) Se a porcentaxe de persoas con diversidade funcional recoñecida é superior ao 10 %: 1,4 puntos.

3.6. Concellos emprendedores: para cada socio do consorcio que desenvolva as súas actividades no proxecto nun concello emprendedor outorgarase 1 punto ata un máximo de 5 puntos.

A relación de concellos emprendedores pode consultarse neste enderezo:

https://galiciaempresa.xunta.gal/concellos-emprendedores

3.7. Impacto do proxecto en termos de creación de emprego, en termos económicos de investimento a realizar en persoal de nova contratación e do número de contratos (ata un máximo de 3,5 puntos).

3.8. Plan de comunicación e difusión do proxecto (1,3 puntos): valorarase especialmente a difusión dos resultados do proxecto en foros internacionais relevantes para o contido do proxecto ou vinculado coa innovación, en liña coa RIS3 2021-2027, que ten entre os seus fins a consolidación da «Marca Galicia» a nivel internacional tamén no ámbito da I+D+i.

Concederanse 0,7 puntos se o plan de comunicación ten impacto no ecosistema galego de I+D+i e 1,3 puntos se ten impacto internacional.

4. Investimento produtivo: 30 puntos.

a) Nivel de incorporación á/ás empresa/s, a través do investimento produtivo, dos resultados de I+D+i previstos no proxecto (ata un máximo de 10 puntos).

Para avaliar este punto tomarase en consideración o seguinte:

1. Definición dos obxectivos do proxecto.

2. Identificación dos resultados esperados.

3. Indicadores de desempeño.

4. Establecemento dun marco de avaliación económica.

5. Avaliación do impacto na produción.

b) Impacto do investimento na/nas empresa/s no nivel de innovación de produto, proceso ou servizo (ata un máximo de 15 puntos).

1. Establecemento de indicadores de innovación:

– Definición de indicadores clave de desempeño (KPI) específicos para medir o éxito das iniciativas de innovación.

– Exemplos de KPIs poderían incluír: o número de novos produtos lanzados, a participación no mercado, a eficiencia mellorada do proceso, etc.

2. Medición da rendibilidade:

– Cálculo do retorno do investimento (ROI) especificamente relacionado coas innovacións.

– Consideración dos custos de desenvolvemento, márketing e vendas fronte aos ingresos xerados.

3. Eficiencia dos procesos:

– Se o investimento está enfocado na mellora de procesos, expectativa da eficiencia operativa e a redución de custos.

– Poderán empregarse métricas como o tempo do ciclo, a produtividade e a utilización de recursos.

4. Proxección de desempeño competitivo:

– Análise do xeito en que as innovacións afectan na posición competitiva da empresa.

– Comparación dos produtos e servizos da empresa cos da competencia e destaque das diferenzas clave.

5. Análise da propiedade intelectual:

– Valoración da creación de propiedade intelectual, como patentes, como resultado dos investimentos en I+D+i.

– Valoración de como a propiedade intelectual pode proporcionar unha vantaxe competitiva no longo prazo.

6. Factores de sostibilidade:

– Avaliación do impacto das innovacións na sostibilidade e a responsabilidade social corporativa, incluíndo a eficiencia enerxética, a redución de residuos, etc.

c) Dimensión do investimento produtivo (ata un máximo de 5 puntos)

1. Outorgarase 1 punto por cada 200.000 € de investimento produtivo

Artigo 29. Procedemento de avaliación

1. O/a xestor/a técnico/a da Axencia Galega de Innovación ao cal se encomende o proxecto realizará a avaliación e emitirá un informe técnico de idoneidade no que se determinará, co apoio de expertos externos/as se for preciso, o custo subvencionable do proxecto e a intensidade de axuda que lle corresponde segundo o establecido no artigo 7. Corresponderá ao Instituto Galego de Promoción Económica a valoración da parte correspondente ao investimento produtivo do proxecto. Finalmente, no informe técnico de idoneidade deixarase constar expresamente que en cada un dos proxectos avaliados concorren os requisitos para entender que se cumpre o efecto incentivador.

Deberán absterse de avaliar un proxecto aquelas persoas que estean vinculadas a el por calquera circunstancia e seranlles de aplicación, ademais, as causas de abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015.

No caso de contar con asesores/as científicos/as externos/as, faranse dúas avaliacións realizadas por diferentes asesores/as que sexan especialistas na materia á que se refira o proxecto. No caso de que a diferenza entre as puntuacións, das avaliacións externas sexa inferior a 15 puntos, a puntuación final corresponderá a media aritmética das dúas avaliacións. De existir unha discrepancia de 15 puntos ou máis entre as dúas avaliacións externas, unha terceira avaliación deberá corrixir a dita puntuación e esta quedará sempre comprendida entre as notas inferior e superior outorgadas polos outros dous asesores/as científicos/as externos/as.

2. Será requisito necesario para que un proxecto poida ser subvencionado que obteña un mínimo de 60 puntos. Ademais, os proxectos que, superando esta puntuación, inclúan unha fase de investimento produtivo terán prioridade sobre os demais.

3. Os proxectos subvencionables serán clasificados por orde de prelación, tendo en conta que:

– En primeiro lugar, listaranse de maior a menor puntuación aqueles proxectos que inclúan unha fase de investimento produtivo. Iranse seleccionando alternativamente, pola orde de listaxe, un proxecto por cada misión, sempre que cumpran a puntuación mínima establecida no punto 2 deste artigo. No caso de que dalgunha das misións xa se escollesen todos os proxectos con investimento produtivo, continuaranse seleccionando, para esta misión ou misións, proxectos da listaxe do punto seguinte.

– A continuación, listaranse de maior a menor puntuación aqueles proxectos que non inclúan unha fase de investimento produtivo. Seguirase o mesmo procedemento que no punto anterior, sempre que non se esgotase o orzamento.

No caso de empate nas puntuacións, terán preferencia, como criterio de desempate, as empresas que presentasen un plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Artigo 30. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan presentar alegacións cos documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 31. Resolución e notificación

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación e á persoa titular da dirección do Instituto Galego de Promoción Económica.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección nestas bases á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación e á persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, para ditar a resolución de concesión, que deberá estar motivada.

A proposta de resolución incluirá de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención concedida para cada unha delas ou, se for o caso, a causa de denegación.

No expediente de concesión de subvencións tamén se incluirá o informe do órgano instrutor, en que se faga constar que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren cos requisitos necesarios para acceder ás axudas.

As axudas correspondentes a investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación organizativa, en materia de procesos e de produto financiaranse con cargo aos créditos da Axencia Galega de Innovación e as axudas correspondentes ao investimento produtivo con cargo aos créditos do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Á vista da proposta exposta, e segundo o disposto no artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, as persoas titulares da Dirección da Axencia Galega de Innovación e da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, ditarán a correspondente resolución definitiva de concesión ou denegación prevista nestas bases, que será motivada de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. A resolución prevista nestas bases expresará, como mínimo:

a) O título do proxecto e as entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada proxecto, indicando, ademais, o reparto da axuda entre os membros do consorcio.

c) En caso de solicitudes denegadas, a causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberase notificar a cada beneficiario un documento que estableza as condicións da axuda para cada operación (DECA), que deberá incluír, como mínimo, a identificación do/da beneficiario/a, a contía da subvención e as obrigas do/da beneficiario/a, os requisitos específicos relativos aos produtos e servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario da execución. No caso de que a convocatoria sexa cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, serán notificados aos interesados os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

6. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desta lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do/da beneficiario/a, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

7. As entidades que resulten beneficiarias deberán achegar no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión da axuda un informe positivo do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) realizado por unha entidade acreditada por ENAC. No caso de non presentar o dito informe no prazo indicado, revogarase a axuda concedida. De xeito excepcional, as entidades beneficiarias poderán solicitar unha prórroga, por causas debidamente xustificadas, de ata un mes.

Ao ser proxectos en cooperación só se requerirá un informe de cumprimento do principio de DNSH do proxecto e corresponde ao líder a súa presentación.

Artigo 32. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión. Para realizar cambios no proxecto debe obterse autorización previa da Axencia Galega de Innovación ou, no caso de que correspondan a actuacións relacionadas co investimento produtivo, do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda e, en calquera caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano que concede.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do/da beneficiario/a se cumpre os seguintes requisitos::

a) Que a modificación sexa autorizada polo órgano que concede.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen sido determinantes para a concesión da axuda, a determinación do/da beneficiario/a, nin dane dereitos de terceiros.

Con todo, en relación coa determinación do/a beneficiario/a, si se poderá autorizar o cambio dunha entidade integrante do consorcio por outra debido á súa situación de insolvencia ou doutras circunstancias económicas que lle impidan afrontar o proxecto, sempre que se motiven suficientemente estas circunstancias, que a nova entidade cumpra os requisitos establecidos para ser beneficiaria e os demais establecidos na convocatoria e se comprometa a manter a actividade obxecto da axuda. O líder do consorcio non poderá ser substituído en ningún caso, dada a súa función de dirección e coordinación do proxecto. A autorización requirirá un informe técnico dalgún dos avaliadores iniciais do proxecto, no que se constante a idoneidade do novo beneficiario para garantir a viabilidade do proxecto e que, polo menos, teña unhas condicións equivalentes ao membro do consorcio substituído. Para realizar este informe técnico deberán aplicarse os mesmos criterios que se tiveron en conta para avaliar inicialmente a solicitude.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non se puideron prever no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

Permitirase, sen necesidade de autorización previa do órgano que concede, reducir ata o 10 % das partidas de gasto que figuren na resolución de concesión para cada un dos beneficiarios, sempre que se compense con incrementos noutras partidas e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. Os cambios realizados deberán respectar as limitacións establecidas na convocatoria para persoal, subcontratación e outros custos. Así mesmo, o/a beneficiario/a deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. En relación coa solicitude de cambio nas partidas e/ou conceptos de gasto subvencionados, poderán solicitarse, como máximo, ata dous meses antes da finalización do prazo de execución da anualidade afectada.

5. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades concedidas a partir da anualidade 2025, cun límite do 20 % do custo concedido para cada anualidade minorada, variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada. O prazo para solicitar esta redistribución de anualidades remata o 30 de xuño da anualidade afectada.

5. Na solicitude de modificación o líder do consorcio expresará os motivos das modificacións que se propoñen, e xustificará a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

7. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, ou pola persoa titular do Instituto Galego de Promoción Económica, de ser o caso, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao/á interesado/a. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao/á interesado/a.

Artigo 33. Renuncia

A renuncia á subvención poderá facerse axustándose ao modelo (anexo VI) que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), e que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015.

Artigo 34. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo ante o órgano que concede, así como o cumprimento dos requisitos, dos prazos e das condicións establecidos nas normas reguladoras, nesta convocatoria, na resolución de concesión e no documento en que se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación e, no caso da fase de investimento produtivo, o Instituto Galego de Promoción Económica, de acordo co previsto nas bases desta convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables, e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Achegar ao proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

d) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos na Lei 9/2007.

e) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, que regula a transparencia e o bo goberno no ámbito da Administración pública de Galicia.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre o cofinanciamento pola Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao/á beneficiario/a (artigo 82 RDC).

g) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, de axudas, de ingresos ou de recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

h) Ter o seu domicilio social ou un centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia e realizar nesta comunidade autónoma as actividades subvencionadas.

i) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización previa para realizar modificacións no desenvolvemento dos proxectos aprobados. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a inadmisión das cantidades desviadas.

j) Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC.

k) Dar publicidade á axuda recibida nos contratos de subcontratación e no equipamento e material instrumental, mencionando expresamente a súa orixe o cofinanciamento pola Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027. Ademais deberán publicar a concesión da axuda na súa paxina web e mantela actualizada.

Na web deberán figurar, como mínimo, as entidades beneficiarias, os obxectivos e os principais avances do proxecto, que deberán divulgarse ano a ano. Concretamente, na documentación, nos carteis ou nas publicacións que se elaboren para a súa difusión pública, deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, respectando o Manual de identidade corporativa (https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/descarga-do-manual) e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia» e cofinanciado pola Unión Europea. No caso de que os proxectos leven subvencionado investimento produtivo incluír ademais «Subvencionado polo Instituto Galego de Promoción Económica».

l) Cumprir co plan de comunicación e difusión establecido no artigo 19 desta convocatoria.

m) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos da Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027, en relación coa publicidade do financiamento, segundo o previsto no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, o/a beneficiario/a deberá, durante a realización da operación:

1. Na súa páxina web oficial, cando exista a dita web, e nas súas contas de redes sociais fará unha breve descrición da operación, de forma proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacará a axuda económica da Unión Europea

2. Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación achegará unha declaración que destaque de forma visible as axudas da Unión Europea.

3. Expoñerá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño A3, como mínimo, ou unha pantalla electrónica equivalente con información da actuación, en que se destaque o cofinanciamento da Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027.

4. En relación co investimento produtivo, de ser o caso, e para as actuacións cuxo custo total sexa superior a 500.000 euros, nas instalacións en que se asenten os equipos adquiridos, no prazo de tres meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

5. Dado que se trata dunha operación de importancia estratéxica, os/as beneficiarios/as deberán organizar unha actividade ou acto de comunicación, segundo conveña, e farán participar á Comisión e á autoridade de xestión responsable no seu momento oportuno. A Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica coordinarán estas accións de comunicación e informarán ás entidades beneficiarias do momento e condicións en que debe realizarse a devandita actividade ou acto.

As entidades beneficiarias deberán conservar, en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elaboren no marco da actuación. Este material deberase poñer á disposición da Xunta de Galicia ou das institucións da Unión Europea se o solicitaren.

Respectaranse en todo caso as directrices contidas no documento sobre «O uso do emblema europeo no contexto dos programas da UE 2021-2027» e as características técnicas descritas no anexo IX do RDC.

No caso de persoal de nova contratación para o proxecto, farase mención expresa no contrato ao cofinanciamento pola Unión Europea, ao acrónimo do proxecto e a esta convocatoria. Para o resto de persoal dedicado ao proxecto, o/a beneficiario/a deberá comunicarlle por escrito que parte do seu salario está a ser cofinanciado pola Unión Europea nos mesmos termos.

n) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos cofinanciados pola Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027.

ñ) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens susceptibles de se inscribir nun rexistro público, nin a tres anos para o resto de bens. No caso de bens inscribibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estas cuestións deberán ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

o) Informar do nivel de logro dos indicadores asociados á actuación que lles sexan de aplicación, ao mesmo tempo que presentan a xustificación de gastos. Estes indicadores son:

– Indicadores de realización:

• RC001 Empresas apoiadas.

• RC002 Empresas apoiadas a través de subvencións.

– Indicador de resultado:

• RCR02 Investimentos privados que acompañan ao apoio público (euros).

p) Facilitar cantos datos resulten precisos para a avaliación daRIS3 Galicia e doutros instrumentos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar rexistrados na Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información sobre os resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e ao finalizar o proxecto (expost), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

q) Os organismos de investigación deberán contar cun sistema de contabilidade separada de actividades económicas e non económicas.

r) No caso de proxectos seleccionados, por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, este deberá manterse vixente durante o período de execución do proxecto e, posteriormente, durante o período de mantemento dos investimentos previstos nesta resolución.

s) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda, á cal serán convocados expresamente con antelación. A dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa por cada unha das entidades participantes no proxecto.

t) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 35. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal). Cada entidade presentará a súa documentación. A xustificación económica materializarase a través da presentación do correspondente informe realizado polo auditor, segundo o indicado nos artigos 16 e 36 desta resolución.

2. Prazos de execución e de xustificación:

a) Prazos de execución:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados

Primeira anualidade

Desde

A data de presentación da solicitude

Ata

O 30 de novembro de 2024

Segunda anualidade

Desde

O 1 de decembro de 2024

Ata

O 30 de setembro de 2025

Terceira anualidade

Desde

O 1 de outubro de 2025

Ata

O 30 de setembro de 2026

Cuarta anualidade

Desde

O 1 de outubro de 2026

Ata

O 30 de setembro de 2027

b) Prazos de xustificación (presentación da documentación):

Prazos de xustificación (presentación da documentación)

Primeira anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2024

Segunda anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2025

Terceira anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2026

CuartaTerceira anualidade

Ata

O 15 de decembro de 2027

En todo caso, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de execución. Exceptúanse desta regra xeral os gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de execución. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao/á beneficiario/a lle corresponde liquidar eses gastos.

3. Documentación xustificativa: debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e do Instituto Galego de Promoción Económica (.https://www.igape.gal). A documentación presentarase de xeito ordenado seguindo a orde establecida nas instrucións e nun formato que permita editar e tratar o texto.

Artigo 36. Documentación xustificativa económica

1. Conforme o artigo 16 desta convocatoria, a xustificación económica realizarase a través de informe de auditor. Este informe deberá axustarse ás instrucións incluídas no anexo XI, verificando a existencia da documentación correspondente e revisando, ademais, o cumprimento dos requisitos que se exixen en cada concepto de gasto

2. Deberá presentarse un resumo global de execución para a totalidade do proxecto, así como o resto de documentación que se sinala a continuación. Este resumo global será responsabilidade do líder do consorcio e o resto de documentación xustificativa deberá presentala cada un dos socios do proxecto:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas e concedidas, para a mesma finalidade do proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, empregando o modelo que aparece como anexo V a esta resolución e que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal). De ser o caso, deberá presentarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas.

b) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, conforme os beneficiarios están ao día nas súas obrigas tributarias, no caso de que se opoñan á súa consulta por parte do órgano xestor.

c) Un resumo da execución do proxecto, no cal consten o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por partida e por concepto de gasto.

d) Se for o caso, indicación por concepto subvencionable das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada, seguindo o modelo do informe técnico dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación e na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

e) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos, consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas ou documentos contables xustificativos do gasto deberán incluír, ademais de todos os requisitos exixidos pola normativa de facturación, unha descrición suficiente dos conceptos facturados que permita unha análise de coherencia coa documentación técnica.

f) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, que deberán ser o emisor da factura e o/a beneficiario/a da axuda, respectivamente, o número e o importe total da factura satisfeito. De non estar acreditado o pagamento íntegro mediante estes documentos, o gasto non será subvencionable.

En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas ao proxecto.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas ditas facturas. En caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario presentar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da entidade, selada polo banco, coa relación detallada das facturas.

No suposto de pagamentos realizados mediante confirming ou cesión de pagamentos a provedores, a entidade beneficiaria deberá presentar o xustificante de pagamento á entidade financeira mediante cargo na súa conta bancaria e o xustificante de pagamento da entidade financeira ao provedor. Ambos os xustificantes deberán estar efectivamente pagados dentro do período de execución do proxecto ou, en todo caso, dentro do prazo de xustificación da anualidade afectada.

Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados de acordo co establecido nos parágrafos anteriores.

Respecto da documentación xustificativa do investimento e do seu pagamento, cando non sexa posible a presentación de copia auténtica electrónica poderá presentar unha copia en formato pdf dos documentos indicados, realizada polo/pola beneficiario/a e acompañada dunha declaración responsable da autenticidade deses documentos presentados, así como o compromiso de presentar os orixinais cando a Axencia Galega de Innovación e/ou o Instituto Galego de Promoción Económica llos requira.

g) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto, deberá dispoñerse de:

1. Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace da Xerencia ou Dirección da entidade, que consistirá nunha relación detallada por traballador/a do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI/NIE, nome, apelidos, posto na entidade, salarios fixados nun contrato de traballo, nun acordo laboral ou na lei (agás os custos de viaxes e indemnizacións ou axudas de custo), data de pagamento das nóminas, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado, grupo de cotización polo que está contratado, titulación e dedicación ao proxecto. Declaración da dedicación do persoal ao proxecto, no cal deben figurar as actividades en que participa mensualmente o/a traballador/a coa súa sinatura e a sinatura do/da xefe/a técnico/a do proxecto, conforme o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

2. Xustificación da comunicación por escrito ao persoal traballador de que parte do seu salario está cofinanciado pola Unión Europea.

3. Informe de vida laboral referido á data de finalización do prazo de execución, e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referido á data de finalización do prazo de execución. Para o persoal de nova contratación, deberá achegarse a copia do contrato en que se poidan verificar que o/a traballador/a se dedica exclusivamente ao proxecto e o resto dos requisitos exixidos nesta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica e o curriculum vitae.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto e copia auténtica dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores e as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a orde de transferencia en que se detallen os traballadores incluídos.

5. Modelos 111 de retencións e ingresos de IRPF e os seus xustificantes bancarios de pagamento.

6. Relación nominal de traballadores (RNT) e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os xustificantes bancarios de pagamento.

No caso de traballadores autónomos socios da empresa, deberase achegar o certificado de retencións ou ingresos á conta do IRPF, as nóminas e, se for o caso, as correspondentes facturas e documentos de pagamento. Unicamente será subvencionable o custo de Seguridade Social deste persoal cando se acredite que o importe é aboado pola empresa.

7. Informe de datos para a cotización-traballadores por conta allea da Seguridade Social (IDC) relativo ao período de execución de cada anualidade.

8. Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas desta convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo que estará dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados por caixa ou en efectivo.

h) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o/a beneficiario/a, de acordo co establecido no artigo 17 das bases reguladoras, no caso de non as ter achegado coa solicitude de axuda.

i) Declaración asinada polo/a representante legal, na cal se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento, calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como un informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá ir acompañada dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e do pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

j) No caso de leasing, será necesario presentar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto

k) En caso de subcontratacións, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Factura emitida pola entidade subcontratada ao/á beneficiario/a, na cal se especifique claramente o título do proxecto financiado. No caso de que sexan varias facturas, todas elas deberán especificar o título do proxecto.

2. Xustificante bancario de pagamento da factura da subcontratación.

3. Memoria técnica realizada polo/a subcontratista, datada e asinada, en que se describan os servizos e as actividades realizadas no proxecto, coa desagregación dos custos e os medios persoais e materiais empregados na súa realización.

4. A documentación que deberán achegar os/as subcontratistas segundo o indicado nos artigos 14.3 e 14.5 desta convocatoria.

Artigo 37. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica para o proxecto constará de:

a) Informe técnico normalizado segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación. Este informe incluirá unha epígrafe relativa ás actividades do plan de comunicación e difusión do proxecto.

b) Memoria libre sobre a evolución do proxecto, en que deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 34.

Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade, conforme o Regulamento (UE) nº 2021/1060.

c) No momento da finalización do proxecto, xunto coa documentación xustificativa da última anualidade, deberá cubrirse a epígrafe relativa aos indicadores de seguimento do proxecto no informe técnico dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación e na web do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderáselle requirir á entidade beneficiaria que anexe cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Se, transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, os beneficiarios non presentan a documentación xustificativa segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación e/ou o Instituto Galego de Promoción Económica requiriraos para que a presenten no prazo improrrogable de dez días, advertíndoos de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 38. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, sen superar en ningún caso o importe correspondente a cada exercicio orzamentario. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 90 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

2. Pagamentos anticipados: as entidades beneficiarias poderán solicitar o pagamento anticipado segundo as seguintes porcentaxes:

– Primeira anualidade: ata o 100 % da subvención concedida desta anualidade.

– Anualidades sucesivas: ata o 50 % da subvención concedida en cada anualidade.

En ningún caso o importe da totalidade dos anticipos concedidos poderá superar o 80 % da subvención total concedida.

No caso de que a xustificación dunha anualidade sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe da seguinte anualidade.

A concesión destes anticipos realizarase mediante resolución motivada, de acordo co artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A entidade solicitante deberá facer constar se opta por esta modalidade de pagamento na solicitude da subvención.

3. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

A suma dos pagamentos anticipados e á conta non poderá superar o 90 % da subvención total concedida.

4. Antes do pagamento final da subvención, a Axencia Galega de Innovación, conxuntamente co Instituto Galego de Promoción Económica en aqueles proxectos en que existe investimento produtivo, comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. Ademais, é obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación (conxuntamente co Instituto Galego de Promoción Económica en aqueles proxectos nos que existe investimento produtivo) a cada un dos beneficiarios

Tras a inspección efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento coa seguinte cualificación:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo, se non se acadan as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou por unha deficiente organización. Neste caso, deberá cuantificarse a porcentaxe de incumprimento de cada beneficiario do consorcio.

5. A Axencia Galega de Innovación e, de ser o caso, o Instituto Galego de Promoción Económica, poderán solicitar un novo informe que acredite que se respecta o principio de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852, co fin de verificar que se respectou este principio durante a execución da actividade financiada.

Artigo 39. Perda do dereito ao cobro da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do/da beneficiario/a de estar ao día nas obrigas coa Facenda estatal e autonómica e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro, se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 40. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da dita axuda. De non ser así, perderá o dereito ao cobramento e/ou, se for o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o procedemento de reintegro previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

Porén, no caso de ter cumprido axeitadamente as actividades, comportamentos e compromisos previstos no proxecto correspondente a a I+D+i, non se tivesen xerado os resultados agardados na medida suficiente para poder levar a cabo, se é o caso, a correspondente fase de investimento produtivo, non se considerará incumprida a totalidade do proxecto. En consecuencia, non se perderá o dereito ao cobramento relacionado coas ditas actividades, e considerarase non realizada só a fase de investimento produtivo.

Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos proporcionados polo/a beneficiario/a que serviron de base para a concesión da axuda ou a ocultación dos datos que a impediran.

b) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

c) Incumprir a obriga de achegar ao proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

d) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, das tarefas, dos compromisos ou das condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal se concedeu a axuda.

e) O incumprimento da obriga de xustificación, a xustificación insuficiente ou fóra do prazo establecido, a falsidade, a terxiversación ou a ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

f) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 34 desta resolución.

g) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade, do emprego ou do investimento, así como do plan de igualdade do centro no caso da aplicación como criterio de desempate, de acordo co establecido no artigo 29 desta resolución.

i) Non acreditar o cumprimento da normativa en materia de prazos a provedores, para subvencións por importe superior a 30.000 €.

j) O incumprimento de «non causar un prexuízo significativo ao ambiente» no sentido do artigo 17 de Regulamento (UE) nº 2020/852 dará lugar ao reintegro total da axuda.

k) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 41. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento dos obxectivos da axuda, das actividades previstas no proxecto ou das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e comprobación da xustificación, será causa de reintegro total da subvención. En particular, serán causa de reintegro total da axuda e, de ser o caso, da perda do dereito ao cobramento, os seguintes supostos:

a) Se se incumprisen as tarefas, os compromisos, os obxectivos ou as condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e supoñerá a minoración da subvención segundo a porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico. Se esta porcentaxe é superior ao 60 %, considerarase como incumprimento total e dará lugar ao reintegro da totalidade da axuda.

b) O incumprimento do principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852 dará lugar ao reintegro total da axuda.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro, que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, as auditorías do organismo de auditoría do programa Galicia Feder 2021-2027 ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, aportando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Incumprir a obriga de achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de axuda pública de, polo menos, un 25 % dos custos subvencionables, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

e) Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido nestas bases.

f) Non comunicar á Axencia Galega de Innovación e ao Instituto de Promoción Económica de Galicia, de ser o caso, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable apropiado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

i) O incumprimento da normativa en materia de prazos a provedores.

j) O incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas, para a mesma finalidade ou proxecto, ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

k) A xustificación dun custo inferior ao orzamento mínimo subvencionable (600.000 euros).

l) O incumprimento das porcentaxes de participación establecidas no artigo 3 desta convocatoria.

m) No caso de que o proxecto conteña innovación en materia de procesos e organización e de que no consorcio haxa unha grande empresa, a non evidencia de colaboración efectiva desta con algunha das pemes do consorcio no proxecto obxecto da axuda, así como que as pemes coas que colabora non corresen cun mínimo do 30 % do total dos custes subvencionables.

2. O incumprimento parcial dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes.

Tratándose de condicións referentes á contía do proxecto, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao investimento deixado de xustificar ou xustificado indebidamente, minorándose a subvención proporcionalmente.

Por afectar as condicións que se tiveron en conta no momento de conceder a subvención, nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) Para os proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental, no caso de colaboración efectiva entre empresas (polo menos unha das cales debe ser unha peme), cando unha das empresas asuma máis do 70 % dos custos subvencionables descontarase unha porcentaxe do 15 % de axuda adicional.

b) Se o custo xustificado finalmente na partida de persoal de nova contratación for inferior á contía concedida nesta partida, reducirase a axuda aplicando unha porcentaxe do 10 % do custo deixado de xustificar.

c) O incumprimento da obriga de dar publicidade ao financiamento do proxecto consonte o establecido nesta resolución, e se non se adoptaron medidas correctoras, supoñerá a perda do 3 % da subvención concedida. Esta penalización aplicarase aos supostos de incumprimento das actividades previstas no plan de comunicación e difusión do proxecto.

No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a continuación:

a) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período no que se incumpra este requisito.

b) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido nestas bases, durante o período de mantemento posterior á execución suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

A aplicación destas penalizacións realizarase na última anualidade e o importe minorado detraerase desta. No caso de que o importe aprobado para a última anualidade resulte insuficiente para cubrir esta diferenza, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación dun expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

3. Excepcionalmente, se o incumprimento deriva de causas de forza maior, causas non imputables ao/á beneficiario/a ou non previsibles ao longo do desenvolvemento do proxecto, a Axencia Galega de Innovación e, se é o caso, o Instituto Galego de Promoción Económica, poderán revisar a aplicación das penalizacións en función do grao e da entidade da condición incumprida e sempre que se cumprisen as actividades e obxectivos do proxecto e se acade un informe final positivo.

4. O incumprimento da obriga de presentar tres ofertas segundo o disposto no artigo 17 desta convocatoria, sen que concorran as circunstancias eximentes previstas no artigo 29.3 da Lei 9/2007, dará lugar á minoración do 10 % do custo subvencionable do gasto respecto do cal non se achegan as tres ofertas.

5. Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida

Artigo 42. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada unha parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 40 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro que se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase, de oficio, por acordo do órgano concedente destas axudas e comunicaráselle ao/á beneficiario/a a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007 e no artigo 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución de procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 43. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro (4) anos, sen prexuízo do establecido na normativa de axudas de Estado

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do/da beneficiario/a.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no número 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No caso de que se establecesen condicións ou obrigas que deban ser cumpridas ou mantidas por parte do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora, que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do/da beneficiario/a ou da entidade colaboradora, conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 44. Control

1. A Axencia Galega de Innovación e, de ser o caso, o Instituto Galego de Promoción Económica poderán facer as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante a acta de conformidade asinada tanto polo/a representante da Administración como polo/a beneficiario/a. A comprobación material definida no parágrafo anterior poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

3. A Axencia Galega de Innovación e, de ser o caso, o Instituto Galego de Promoción Económica, poderán realizar en calquera momento as visitas aos beneficiarios, as comprobacións e as solicitudes de aclaracións que consideren necesarias para o correcto desenvolvemento do proxecto, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se na obrigatoria actividade de inspección previa ao pagamento final da subvención se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia Galega de Innovación e, se é o caso, o Instituto Galego de Promoción Económica, no marco dos seus plans de inspección, poderán realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

4. Así mesmo, a Axencia Galega de Innovación e, de ser o caso, o Instituto Galego de Promoción Económica, poderán convocar a entidade líder do consorcio, se o consideran necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

5. O Instituto Galego de Promoción Económica verificará que o beneficiario dispoña dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, para garantir a súa sostibilidade financeira.

6. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC e ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos. Para o exercicio destas actuacións, os beneficiarios deberán achegar canta información lles sexa requirida. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco (5) anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao/á beneficiario/a (artigo 82 RDC).

Artigo 45. Publicación

No prazo máximo de tres (3) meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, do/da beneficiario/a, do crédito orzamentario, da contía e da finalidade da subvención.

Artigo 46. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto: https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 47. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ante a persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación e/ou, de ser o caso, ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego de Promoción Económica, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer un recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se for expresa, ou en calquera momento contado desde o día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo, ante a persoa titular da Dirección Axencia Galega de Innovación e/ou, de ser o caso, ante a persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 48. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

Por outra banda, de acordo co disposto no artigo 2.1.1 da Comunicación da Comisión sobre o Marco de Axudas Estatais de Investigación e Desenvolvemento e Innovación (2014/C 198/01), non se aplicará o disposto no artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas que se concedan a organismos de investigación para actividades non económicas. As entidades beneficiarias, que ademais de actividades non económicas, realicen tamén actividades económicas, deberán consignar por separado o cofinanciamento, os custos e os ingresos respectivos.

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados.

c) Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e ao Fondo de Cohesión.

d) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

e) Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01)

f) Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, pola que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social e demáis normativa en materia de que sexa de aplicación.

g) Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088.

Seranlles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións que resulten de aplicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da dirección da Axencia Galega de Innovación e á persoa titular da Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

Patricia Argerey Vilar

Covadonga Toca Carús

Directora da Axencia Galega de
Innovación

Directora do Instituto Galego de
Promoción Económica

missing image file

ANEXO I

DEFINICIÓNS

1. Reto RIS3: cada un dos tres grandes retos estratéxicos de natureza económica e social da sociedade galega identificados a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádruple hélice, que a RIS3 aborda a través da I+D+i, co obxectivo de lograr un impacto transformador na a economía e a sociedade galegas.

2. Prioridade da RIS3: cada unha das tres grandes temáticas transversais identificadas a través dun amplo proceso participativo cos axentes da cuádrupla hélice cara ás que a RIS3 orienta as capacidades e os esforzos do ecosistema galego de innovación para responder aos tres grandes retos estratéxicos. As prioridades, polo seu carácter horizontal, teñen incidencia en todas as cadeas de valor e favorecen a colaboración entre sectores e as diferentes áreas de coñecemento e tecnolóxicas, constituíndo unha oportunidade de desenvolver novas cadeas de valor e novos mercados. Así mesmo, están plenamente aliñadas coas prioridades da Unión Europea e o Estado español.

3. Misión de Especialización Intelixente: é un novo enfoque centrado nos grandes retos da sociedade galega mediante accións concretas encamiñadas a acadar obxectivos medibles nun tempo determinado con impacto para a economía e a sociedade galega a través da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Son desafíos aos cales non sería posible responder con accións xerais, non orientadas e non sistémicas.

4. Investigación industrial: aquela que ten como finalidade a obtención de novos coñecementos vinculados ao desenvolvemento de novos produtos, procesos ou servizos ou á mellora substancial dos existentes. Tamén é coñecida como investigación aplicada.

5. Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego dos coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas ao desenvolvemento de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, incluídos os dixitais, en calquera campo, tecnoloxía ou sector. Tamén pode incluír, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos ou servizos.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornos representativos de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar melloras técnicas para produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que se poidan utilizar comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda que as ditas modificacións poidan representar melloras.

6. Innovación en materia de produto: é a introdución no mercado dun produto mellorado que difire de xeito significativo de produtos ou servizos previos tanto para a entidade que os desenvolve como para o mercado que os emprega.

7. Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos) no nivel de empresa, por exemplo mediante unha utilización nova ou innovadora de tecnoloxías ou solucións dixitais. Non se inclúen os cambios ou melloras menores, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada (customisation), a adaptación aos mercados locais, os cambios periódicos, estacionais ou cíclicos doutro tipo e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

8. Innovación organizativa: a aplicación dun novo método organizativo no nivel de empresa, a organización do lugar de traballo ou as relacións exteriores da empresa como, por exemplo, o uso de tecnoloxías dixitais, novas ou innovadoras. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada (customisation), a adaptación aos mercados locais, os cambios periódicos, estacionais ou cíclicos doutro tipo e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

9. Investimento produtivo: é aquela adquisición de bens ou activos fixos, materiais e inmateriais, de natureza moble que será empregada como factor de capital no desenvolvemento dunha actividade produtiva, neste caso para complementar e desenvolver con enfoque de mercado o compoñente de I+D+i incluído nos proxectos (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación en materia de procesos, organizativa e de produto).

10. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

11. Grande empresa: enténdese toda empresa que non cumpre cos requisitos para ser considerada peme nos termos establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

12. Pequena e mediana empresa: segundo o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considérase pequena empresa a que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros. Para o cálculo destes efectivos deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

Unha organización sen ánimo de lucro considerarase pequena e mediana empresa, sempre que exerza actividade económica e cumpra cos criterios sinalados sobre número de empregados e importes financeiros.

13. Empresa tractora: aquela empresa que pola súa importancia e impacto no tecido económico e/ou tecnolóxico de Galicia, actúa de dinamizadora da actividade económica, do emprego, da innovación, en definitiva, do desenvolvemento de Galicia.

14. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación), segundo a definición do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación) independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou da súa forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de forma independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental, ou difundir amplamente os resultados delas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas ou financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberanse contabilizar por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo en calidade de accionistas ou membros, non poderán desfrutar de acceso preferente aos resultados que xeren.

15. Colaboración efectiva: tal e como se recolle no artigo 2 punto 90 do Regulamento (UE) nº 651/2014, é a colaboración entre, polo menos, dúas partes independentes para o intercambio de coñecementos ou tecnoloxía, ou para lograr un obxectivo común sobre a base da división do traballo, en que as partes implicadas definen conxuntamente o ámbito do proxecto en colaboración, contribúen á súa aplicación e comparten os seus riscos e os seus resultados; unha ou varias das partes poden soportar a totalidade dos custos do proxecto e liberar así outras partes dos seus riscos de financiamento. A investigación baixo contrato e a prestación de servizos de investigación non se consideran formas de colaboración.

16. Entidade vinculada: son empresas vinculadas, segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presúmese que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñen implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións previstas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas a aquelas que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou dun grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior ao do mercado en cuestión.

17. Empresa en crise: tal e como se recolle no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014, trátase dunha empresa en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

A) Se se trata dunha sociedade de responsabilidade limitada (distinta dunha peme con menos de tres anos de antigüidade ou, para os efectos dos criterios para poder optar ás axudas ao financiamento de risco, unha peme no prazo de sete anos desde a súa primeira venda comercial, que cumpra as condicións para recibir investimentos de financiamento de risco tras as comprobacións de dilixencia debida por parte do intermediario financeiro seleccionado), cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas; é o que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un resultado negativo superior á metade do capital social subscrito; para os efectos desta disposición, «sociedade de responsabilidade limitada» refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo I da Directiva 2013/34/UE, e «capital social» inclúe, cando cumpra, toda prima de emisión.

B) De se tratar dunha sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade (distinta dunha peme con menos de tres anos de antigüidade ou, para os efectos dos criterios para poder optar ás axudas ao financiamento de risco, unha peme no prazo de sete anos desde a súa primeira venda comercial, que cumpra as condicións para recibir investimentos de financiamento de risco tras as comprobacións de dilixencia debida por parte do intermediario financeiro seleccionado), cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade; para efectos desta disposición, «sociedade en que polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade» refírese, en particular, aos tipos de sociedades mencionados no anexo II da Directiva 2013/34/UE.

C) Cando a empresa se encontre nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos no seu dereito nacional para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores.

D) Cando a empresa recibise axuda de salvamento e aínda non reembolsase o préstamo ou puxese fin á garantía, ou recibise axuda de reestruturación e estea aínda suxeita a un plan de reestruturación.

E) De se tratar dunha empresa distinta dunha peme, cando durante os dous exercicios anteriores:

1º. O cociente débeda/capital da empresa sexa superior a 7,5.

2º. O cociente de cobertura de xuros da empresa, calculado sobre a base do EBITDA, se sitúe por debaixo de 1,0.

18. Actividades económicas: aquelas actividades que consisten na oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado, mesmo cando non exista ánimo de lucro.

19. Actividades non económicas dos organismos de investigación: segundo o disposto no Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01), aquelas actividades que non consisten na oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado, incluíndo entre elas as actividades primarias dos organismos de investigación, en particular a formación para lograr máis e mellor persoal cualificado; a realización de I+D independente para mellorar os coñecementos e a comprensión cando o organismo de investigación emprenda unha colaboración efectiva; a ampla difusión de resultados das investigacións de forma non discriminatoria e non exclusiva. Tampouco se considerarían actividades económicas as actividades de transferencia de coñecemento cando son levadas a cabo polo organismo de investigación ou conxuntamente con outras entidades ou por conta das ditas entidades e cando todos os beneficios destas actividades se reinvistan nas actividades primarias do organismo de investigación.

O carácter non económico destas actividades de transferencia non se ve afectado polo feito de contratar con terceiros a prestación dos servizos correspondentes mediante licitación pública.

20. TRL ou Technology Readiness Levels: refírese aos niveis de madurez dunha tecnoloxía. Segundo o sistema TRL, considéranse nove niveis abranguen desde os principios básicos da nova tecnoloxía ata as súas probas con éxito nun contorno real:

• TRL1: principios básicos observados e reportados.

• TRL2: conceptos e/ou aplicación tecnolóxica formulada.

• TRL3: función crítica, analítica e experimental, e/ou proba de concepto característica.

• TRL4: validación de compoñentes e/ou disposición dos mesmos nun ambiente de laboratorio.

• TRL5: validación de compoñentes e/ou disposición dos mesmos nun contorno relevante.

• TRL6: modelo de sistema ou subsistema ou demostración de prototipo nun contorno relevante.

• TRL7: demostración de sistema ou prototipo nun contorno real.

• TRL8: sistema completo e certificado mediante probas e demostracións.

• TRL9: sistema probado con éxito nun contorno real.

21. Contorno de laboratorio: aquel contorno no que se realizan a análise e experimentación das funcións máis críticas da tecnoloxía. A validación das predicións analíticas sobre os diferentes elementos que compoñen a dita tecnoloxía, e que foron realizadas na investigación básica, efectúase mediante estudos analíticos e de laboratorio. Neste mesmo contorno controlado empezan a se integrar os ditos compoñentes e empézase a traballar de forma conxunta con eles. As probas son realizadas no nivel de sistema ou compoñente, así como mediante probas de concepto experimental validadas, pero sempre cunha baixa fidelidade.

22. Contorno relevante, operacional o de simulación: aquel contorno en que xa os compoñentes básicos da tecnoloxía están integrados dunha forma razoablemente realista e a maioría das funcións están dispoñibles para demostración e proba. O sistema está parcialmente integrado con outros sistemas auxiliares mediante o uso dunhas interfaces iniciais. Empézase a traballar cun modelo representativo ou prototipo que se encontra preto da configuración final desexada en termos de rendemento, peso e volume. No dito prototipo empézanse a implantar problemas reais a grande escala e con características similares ao contorno real (o contorno previsto), proporcionando alta fidelidade.

23. Contorno real: aquel contorno en que as probas e demostracións van dirixidas a obter, ao final do proceso, un sistema completo e cualificado, con todas as súas funcionalidades probadas (configuración final), totalmente integrado cos sistemas hardware y software cos cales van traballar e nunhas condicións de traballo realistas, así como outras inesperadas (condicións de estrés).

24. Efecto incentivador. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considérase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda foi presentada antes do inicio do proxecto. Un efecto incentivador prodúcese cando unha axuda modifica o comportamento dunha empresa de tal xeito que emprenda actividades complementarias que non realizaría ou que, sen as axudas, realizaría de forma limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

Para estes efectos, considérase un inicio posterior dos traballos cando estes teñen lugar con posterioridade á presentación da solicitude de proxecto. No caso de detectarse que calquera actividade do proxecto foi iniciada antes da devandita data, a totalidade do proxecto será inadmisible, non sendo suficiente a eliminación do custo subvencionable do gasto correspondente á actividade.

Considérase que as axudas ad hoc concedidas a grandes empresas teñen efecto incentivador se, ademais de garantir que as actividades do proxecto non comezaron antes da presentación da solicitude, a entidade solicitante acredita na memoria técnica que a axuda dará lugar a un aumento substancial do alcance do proxecto ou, grazas a esta, un incremento substancial do importe total investido polo/a beneficiario/a no proxecto ou unha aceleración substancial do ritmo de execución do proxecto.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file