DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13180

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

EXTRACTO da Resolución do 18 de xaneiro de 2024, conxunta da Axencia Galega de Innovación e do Instituto Galego de Promoción Económica, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas a apoiar as misións de especialización Intelixente de Galicia, no marco da Estratexia de especialización iIntelixente de Galicia RIS3 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN856C).

BDNS (Identif.): 741789.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades que desenvolvan actividades económicas, singularmente as pemes e grandes empresas que realicen proxectos de cooperación en consorcio, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007. Poderán participar tamén no consorcio as seguintes entidades:

• Organismos públicos de investigación.

• Universidades públicas, os seus departamentos e institutos universitarios.

• Outros centros públicos de I+D: organismos públicos e centros con personalidade xurídica propia dependentes ou vinculados á Administración xeral do Estado, e os dependentes ou vinculados ás administracións públicas territoriais e os seus organismos.

• Entidades e institucións sanitarias públicas e privadas que desenvolvan actividade investigadora.

• Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica inscritos no Rexistro de Centros Tecnolóxicos e Centros de Apoio á Innovación Tecnolóxica regulados polo Real Decreto 2093/2008.

• Entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que realicen e/ou xestionen actividades de I+D, xeren coñecemento científico ou tecnolóxico, faciliten a súa aplicación e transferencia ou proporcionen servizos de apoio á innovación ás empresas.

• Agrupacións ou asociacións empresariais que realicen entre as súas actividades proxectos e actuacións de I+D+i.

Todos os beneficiarios deberán contar cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.

As grandes empresas só poderán acceder ás axudas se colaboran de xeito efectivo con dúas ou máis pemes e, en calquera caso, non poderán ser beneficiarias da parte de axudas ao investimento produtivo, que se restrinxe a pemes.

Segundo. Obxecto

Esta iniciativa ten como obxectivo promover a realización de proxectos de I+D+i e investimento produtivo de carácter estratéxico para contribuír ás misións de especialización intelixente definidas no marco da Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Importe

As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación e ao capítulo VII do orzamento do Instituto Galego de Promoción Económica, na forma que se especifica no seguinte cadro.

Aplicación
orzamentaria

Importe 2024

Importe 2025

Importe 2026

Importe 2027

Total

09.A2.561A.770.0 (CP 2023.00006)

3.000.000

3.000.000

3.000.000

1.000.000

10.000.000

05.A1.741A.770.0 (CP 2023.00011)

-

500.000

2.500.000

2.000.000

5.000.000

Total

3.000.000

3.500.000

5.500.000

3.000.000

15.000.000

A distribución dos fondos entre anualidades e entre as aplicacións orzamentarias sinaladas é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sendo posible inclusive a incorporación de novos conceptos de gasto, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sen incrementar o crédito total.

Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria despois da declaración de dispoñibilidade do crédito a consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do citado decreto, a concesión das subvencións tramitadas nesta resolución queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

As axudas desta convocatoria serán susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027, obxectivo político OP1, Unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectitividade rexional ás tecnoloxías da información e da comunicación.

A taxa de cofinanciamento do Feder é do 60 %, computándose o 40 % restante como investimento privado ou público, segundo o caso, elixible dos beneficiarios.

O importe máximo de subvención será de 3.000.000 de euros por proxecto.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) financiará a parte de I+D+I dos proxectos mentres que o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) financiará actividades de investimento produtivo coas determinadas excepcións.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará en 60 días naturais contados desde o día seguinte á publicación.

Sexto. Intensidade das axudas e concorrencia

As axudas concederanse en forma de subvencións en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinaranse sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario e será conforme os limites de intensidade previstos nos artigos 14, 25 e 29 do Regulamento UE nº 651/2014 (RGEC) e de acordo coas seguintes táboas:

Categoría predominante do proxecto

Pequena
empresa

Mediana
empresa

Gran
empresa

Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresa/s ou cun ou varios organismos de investigación e difusión de coñecemento, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

60 %

60 %

60 %

Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresa/s ou cun ou varios organismos de investigación e difusión de coñecemento, asumindo estes, como mínimo, o 10 % dos custos subvencionables e tendo o organismo dereito a publicar os resultados da súa propia investigación.

60 %

60 %

60 %

Innovación organizativa, en materia de procesos ou de produto

50 %

50 %

15 %

Investimento produtivo para pemes

35 %

25 %

-

As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica, ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, outros ingresos e outros recursos, para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

Sétimo. Actividades subvencionables

1. Serán subvencionables os proxectos en colaboración cun orzamento mínimo de 600.000 de euros e máximo de 5.000.000 de euros (imposto sobre o valor engadido non incluído) cunha duración mínima de 2 anos e máxima de 3 anos e 6 meses.

2. Os proxectos financiables poderán incluír a investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación organizativa, en materia de procesos e de produto, así como o investimento produtivo vinculado á parte científico-tecnolóxica do proxecto. O orzamento total do proxecto deberá axustarse ás seguintes porcentaxes:

• I+D+I (investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación organizativa, en materia de procesos e de produto), entre un 50 % e un 70 %, excepto os proxectos que polo seu sector ou actividade, segundo o indicado no parágrafo seguinte, non poidan contar con investimento produtivo, que poderán chegar ao 100 %.

• Investimento produtivo, un mínimo do 30 % e ata un máximo do 50 %, a excepción dos proxectos para os seguintes sectores e actividades, para as que queda excluído o investimento produtivo:

– A produción agrícola primaria.

– Os produtos da pesca e da acuicultura.

– O sector do transporte.

– Os sectores do carbón, do lignito e do aceiro.

– A produción, o almacenamento, o transporte, a distribución de enerxía e as infraestruturas de enerxía.

– Os investimentos en medidas de eficiencia enerxética.

– Os investimentos destinados a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro.

– Os investimentos en eliminación de residuos.

– Os investimentos en aumentar a capacidade das instalacións para o tratamento de residuos, con excepción de investimentos en tecnoloxías para recuperar materiais de residuos con fins de economía circular.

3. A cualificación da actividade subvencionable para cada entidade beneficiaria participante no proxecto, a excepción da parte de investimento produtivo, será única e corresponderase coa que sexa predominante no caso da investigación industrial, o desenvolvemento experimental e a innovación organizativa, en materia de procesos e de produto. Neste sentido, considerarase predominante cando máis da metade dos custos subvencionables do proxecto sexan xerados mediante actividades clasificadas nese tipo de categoría, respectando sempre, á hora de fixar a axuda, as intensidades máximas recollidas no artigo 7 das bases.

4. Os proxectos financiables deberán encadrarse nos retos, prioridades e ámbitos de priorización da RIS3, así como contribuír a algunha das tres misións de especialización intelixente, encadrándose nun ou máis ámbitos de traballo de cada misión. Se o proxecto presentado non lograse xustificar a súa contribución a algunha das 3 misións definidas nas bases, a solicitude será desestimada.

5. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) n.o 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, así como as normas financeiras destes fondos e do Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deberán respectar o principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

6. De conformidade co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considérase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda foi presentada antes do inicio do proxecto. Un efecto incentivador prodúcese cando unha axuda modifica o comportamento dunha empresa de tal xeito que emprenda actividades complementarias que non realizaría ou que, sen as axudas, realizaría de forma limitada ou diferente. Con todo, as axudas non deben subvencionar os custos dunha actividade nos que a empresa incorrería de todos os xeitos, nin deben compensar o risco empresarial normal dunha actividade económica.

Oitavo. Outros datos

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, sen superar en ningún caso o importe correspondente a cada exercicio orzamentario. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 90 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

2. Pagamentos anticipados: as entidades beneficiarias poderán solicitar o pagamento anticipado segundo as seguintes porcentaxes:

– Primeira anualidade: ata o 100 % da subvención concedida desta anualidade.

– Anualidades sucesivas: ata o 50 % da subvención concedida en cada anualidade.

En ningún caso o importe da totalidade dos anticipos concedidos poderá superar o 80 % da subvención total concedida.

3. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

A suma dos pagamentos anticipados e á conta non poderá superar o 90 % da subvención total concedida.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024

Patricia Argerey Vilar

Covadonga Toca Carús

Directora da Axencia Galega de
Innovación

Directora do Instituto Galego de
Promoción Económica