DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13187

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2024 pola que se convoca o Curso monográfico sobre custos simplificados nos fondos europeos do Marco 2021-2027.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo) e aos obxectivos do Instituto de Economía Pública de Galicia, recollidos no Protocolo entre a Consellería de Facenda e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública polo que se establecen os principios reitores e de funcionamento do devandito instituto, e aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2024 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, o Curso monográfico sobre custos simplificados nos fondos europeos do Marco 2021-2027, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos

O obxectivo deste curso é formar o persoal dos organismos xestores dos programas de fondos europeos no ámbito das opcións de custos simplificados recollidas na normativa de aplicación aos fondos europeos do Marco financeiro plurianual 2021-2027, así como o persoal de todas aquelas unidades administrativas que participan no proceso de elaboración e aprobación de bases reguladoras e convocatorias de axudas cofinanciadas con fondos europeos.

Segunda. Contidos

Abordaranse neste curso os seguintes contidos:

• A importancia das opcións de custos simplificados (OCS).

• Os actos delegados da Comisión Europea.

• Os custos simplificados: nocións básicas e elementos crave.

• A subvencionalidade do gasto nos custos simplificados. Especial referencia a FSE+.

• Cuestións prácticas e experiencias de xestión e control en OCS no ámbito do Fondo Social Europeo.

• Conceptos xerais de OCS orientados ao Feder, tipos de OCS e combinacións.

• Leccións aprendidas do período 1420 e novidades no 2127. Exemplos de irregularidades detectadas en verificacións ou auditorías.

• Os custos simplificados no programa Galicia Feder 2021-2027: situación actual e expectativas.

Terceira. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional. Terá preferencia na selección, en caso de completar a capacidade do local, o persoal que realice tarefas de xestión en proxectos financiados con fondos europeos do Marco financeiro plurianual 2021-2027.

Cuarta. Desenvolvemento

Datas: 21 e 22 de febreiro de 2024.

Modalidade: presencial.

Horario: de mañá e tarde o día 21 e de mañá o día 22.

Horas lectivas: 13.

Lugar: EGAP; rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Quinta. Número de prazas

Número de prazas limitado á capacidade do local.

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base terceira desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Unión Europea: políticas públicas e procedementos comunitarios) e despois seleccionar en nome do curso: Curso monográfico sobre custos simplificados nos fondos europeos do Marco 2021-2027.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 18 de febreiro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de selección

A orde de admisión virá inicialmente determinada pola data e hora de presentación das solicitudes. De acordo co indicado na base terceira, en caso de completar a capacidade do local, terá preferencia na selección o persoal que realice tarefas de xestión en proxectos financiados con fondos europeos do Marco financeiro plurianual 2021-2027.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as relacións de persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada á EGAP o máis axiña posible mediante correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal e, en todo caso e como máximo, o día 20 de febreiro de 2024, ata as 12.00 horas, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia a todas as sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, as datas e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública