DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13041

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2024. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

BDNS (Identif.): 743269.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo estables e financiar as adaptacións dos postos de traballo que precisen os CEE no seu proceso de creación ou de mellora e diversificación produtiva.

Segundo. Tipos de axuda

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

1.1. Axuda para a creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

Finánciase a creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego ou a transformación en indefinidos dos contratos temporais.

Establécese unha contía base de 10.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. O importe anterior poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou estar en situación de risco ou exclusión social, ser maior de 45 anos, ser persoa emigrante retornada, se persoa trans ou ter o centro de traballo nun concello rural.

A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 25.000 euros. Cada un dos centros de traballo CEE poderá solicitar axuda por un máximo de sete (7) postos de traballo.

1.2. Axuda para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

Fináncianse a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE.

A contía máxima será de 2.000 euros por cada posto adaptado.

2. O gasto realizado polos CEE de iniciativa social (excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación) é subvencionable ata o 100 %. O gasto realizado polos demais CEE será subvencionable ata o 80 %.

1.3. Axuda para a asistencia técnica (procedemento TR341N).

1. Establécese unha subvención para asistencia técnica prestada por empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional. Poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

a) Contratación de persoal de dirección, sempre que o CEE teña, como mínimo, 10 persoas traballadoras. Esta axuda poderá concederse, como máximo, en dúas convocatorias.

b) Custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

c) Custes derivados da elaboración de plans de igualdade e plans LGTBI.

d) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada, poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en:

– Estudos de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

– Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

– Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o exixa.

– Auditorías sociais que lle permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

e) Poderase conceder unha axuda para a realización do informe dun auditor sobre a conta xustificativa das axudas recollidas nos programas I e III desta orde.

2. As axudas por asistencia técnica teñen os seguintes límites para cada CEE:

– 15.000 € para as modalidades das letras a), b) e c) e d) da epígrafe 1, no seu conxunto.

– 4.000 € para a modalidade da letra e) da epígrafe 1, segundo o número de persoas contratadas polo CEE:

• Ata 10 persoas: 1.000 €.

• Entre 11 e 20 persoas: 2.000 €.

• Entre 21 e 60 persoas: 3.000 €.

• Máis de 60: 4.000 €.

Terceira. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 5 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2024 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N, TR341M).

Cuarta. Financiamento

Para a concesión destas axudas destínase un millón cento cincuenta e oito mil setecentos cincuenta euros (1.158.750 euros).

Quinta. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado como se indica no artigo 8.5 da orde.

Sexta. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprende desde o 1 de decembro de 2023 ata o 30 de novembro de 2024.

A data máxima de xustificación será o 15 de decembro de 2024.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade