DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13574

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 13 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024. Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (código de procedemento TR356C).

BDNS (Identif.): 743482.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As entidades promotoras de empresas de inserción e as empresas de inserción inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción, previamente cualificadas no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A través deste programa establécense os seguintes tipos de axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social:

a) Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EI.

b) Inicio e posta en marcha da actividade.

c) Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

d) Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EI.

e) Contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.

f) Formación para as persoas en proceso de inserción.

g) Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.

Terceiro. Importe

Para a concesión das axudas deste programa destínanse 145.000,00 euros con cargo ás aplicacións orzamentarias 13.30.324C.470.5 (105.000,00 euros) e 13.30.324C.481.5 (40.000,00 euros), código de proxecto 2015 00561.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 13 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2024.

Sexto. Procedemento de concesión, período subvencionable e xustificación das axudas

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024.

A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 6 de novembro de 2024.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade